Unha mirada á educación musical na formación inicial do profesorado galego
Resumo
O profesorado da área de Didáctica da Expresión Musical (DEM) das tres universidades públicas galegas entende que debe promoverse na formación inicial do profesorado unha aprendizaxe experimental e conectada co mundo no que vivimos. Neste artigo preséntanse algúns proxectos que se levaron a cabo nos últimos anos e que exemplifican o rumbo destas prácticas docentes.
El profesorado del área de Didáctica de la Expresión Musical (DEM) de las tres universidades públicas gallegas entiende que debe promoverse en la formación inicial del profesorado un aprendizaje experiencial y conectado con el mundo en el que vivimos. En este artículo se presentan algunos proyectos que se llevaron a cabo en los últimos años y que ejemplifican el rumbo de estas prácticas docentes.
The teachers of the field of Music Education Didactics (MED) of the three Galician public universities understand that experiential learning connected with the world we live in must be promoted in initial teacher education. In this article some projects that were undertaken during the last years and that illustrate these teaching practices are shown.
Palabras Clave
Texto
O século XXI é, sen dúbida, unha época de transformación e de cambio. No ámbito educativo existe a procura de métodos que fomentan a participación e a motivación do alumnado, como pode ser a aprendizaxe baseada en proxectos, a ensinanza-aprendizaxe cooperativa, a integración de TIC nas aulas ou a gamificación (Corchuelo-Rodríguez, 2018). Esta tendencia tamén se observa nas aulas de educación musical. Por exemplo, Botella e Ramos (2020) sinalan que “existe un interese crecente polo ABP na aula de música” (p. 10).
No caso da educación musical levada a cabo na formación inicial do profesorado en Galicia tamén estamos a vivir un momento de renovación e de readaptación ocasionado pola incorporación de estudantes de doutoramento con interese en facer carreira académica no ámbito universitario, así como de novas doutoras que accederon a prazas vacantes na Área de Didáctica da Expresión Musical (DEM) das tres universidades públicas galegas. Esta nova conformación do panorama permite ofrecer un novo diagnóstico nos diferentes campus do territorio galego que expoñeremos brevemente a continuación1.
A integración dos proxectos artísticos na aula de música no Campus de Coruña
A área de DEM da Facultade de Ciencias da Educación na Universidade da Coruña participa na docencia nas titulacións do Grao en Educación Infantil, Grao en Educación Primaria, Mestrado Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Idiomas e Mestrado Universitario en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria (Máster DIDES). En canto aos proxectos artísticos que se levaron a cabo nos últimos cursos destacan os programas de concertos didácticos que se desenvolven na Aula de Música, como os presentados polo coro de cámara Ludus Tonalis ou Late Night Jazz co fin de estimular no alumnado o seu interese por xéneros que teñen pouca presenza entre os gustos musicais do futuro profesorado. Por outra banda, no Máster de Secundaria, desde o curso 2019-2020, desenvolvéronse diferentes proxectos artísticos como O son da nosa aula, que consistiu na realización dunha produción audiovisual desde a situación de confinamento que trouxo consigo a pandemia da COVID 19. No curso 2021-2022 levouse a cabo o Proxecto Soka. Música e teatro para a toma de conciencia sobre a violencia escolar no marco do mesmo máster. A elección da temática estivo avalada pola necesidade de alertar sobre as manifestacións de bullying (Nocito-Muñoz, 2017) que se producen no ámbito escolar. Neste caso, púxose en práctica unha adaptación dunha peza teatral enfocada a esa problemática e que foi articulada por interpretacións musicais realizadas en directo. En consecuencia, e continuando coa mesma temática, no curso 2022-2023 incluíuse oficialmente nas materias do itinerario de música do devandito máster un programa de Aprendizaxe e Servizo, o cal serviu de plataforma para a posta en práctica de dous proxectos en dous centros de Educación Secundaria da cidade. Neste caso toda a información que serviu de base para o deseño argumentativo dos proxectos obtívose a través das experiencias do propio alumnado dos centros, en relación coas súas percepcións sobre o acoso escolar. As actividades deseñadas —concibidas baixo un enfoque interdisciplinario— incluíron o teatro, o xogo, ao mesmo tempo que, desde a parte musical, se incorporou a improvisación, a creación, a práctica instrumental e a percusión corporal.

A integración dos proxectos musicais na aula de música no Campus de Ourense
Actualmente, na Facultade de Educación e Traballo Social (FETS) do Campus da Auga da Universidade de Vigo, a área de DEM imparte clase no Grao en Educación Infantil e no Grao en Educación Primaria, con mencións en educación especial, linguas estranxeiras e afondamento curricular. Posto que este campus non ofrece a mención en educación musical, os actuais plans de estudo só contemplan unha materia relacionada coa música en cada un dos anteditos graos: Expresión musical e a súa didáctica en 3º. de infantil e Expresión e linguaxe musical en 2º. de primaria. No contexto dos graos cómpre partir da premisa de que unha única materia cuadrimestral, nunha titulación de catro anos de duración, non prende como debera desde o punto de vista da formación musical no profesorado xeneralista que non conta con experiencia ou formación musical previa. A competencia musical de profesorado non especialista en música pode incrementarse a condición de que participe en formacións de longa duración e reciba o apoio necesario (Holden e Button, 2006). Por iso, dende a FETS enfocamos as dúas materias ao uso e á integración da música nas actividades educativas e ao desenvolvemento da sensibilidade necesaria relativa á expresión musical e á creación artística, sempre tentando que cando menos algunhas actividades formativas se realicen arredor de efemérides e en colaboración con centros da contorna.
No primeiro cuadrimestre do curso 2022-2023 puxéronse en marcha sesións musicais dirixidas a bebés en colaboración coa escola infantil do campus. O alumnado do Grao en Educación Infantil debeu preparar unhas sesións fundamentadas na teoría da aprendizaxe musical, co fin de sementar a aculturación, a primeira fase pola que pasamos para aprender a relacionarnos coa música de xeito vivencial (Santos e Sánchez, 2019). Durante o segundo cuadrimestre deste mesmo curso, o alumnado do Grao en Educación Primaria elaborou por equipos videopoemas para a celebración do Día de Rosalía de Castro, que en 2023 leva por lema #cumpriuseAxustiza. Para tal cometido, na clase de Lingua Galega crearon micropoemas inspirados en tal lema, aos cales puxeron son na clase de música. Con este mesmo alumnado estase a traballar en propostas de lecer musicais como alternativa aos recorrentes xogos que adoitan darse nos recreos, co obxecto de poñelos en práctica en centros da contorna.

A integración dos proxectos artísticos na aula de música en Santiago
Na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela impártense as seguintes titulacións nas que participa a área de DEM: o Grao en Educación Infantil, o Grao en Educación Primaria, coa mención específica en educación musical, o Máster Universitario en Formación de Profesorado de Secundaria e o Máster DIDES. Neste contexto, unha das características que definen este Campus é o perfil heteroxéneo dos estudantes dos graos, de modo que a inmensa maioría non posúe unha formación musical máis aló do ensino obrigatorio. E neste sentido, diversos estudos alértannos da insuficiente preparación que achegan as etapas educativas preuniversitarias (Rosa Napal, 2015) así como en relación coa percepción dos estudantes de mestre que manifestan preocupacións sobre como integrar a música na práctica docente ao finalizar a materia relacionada coa educación musical (Baustista, 2017). No noso caso, buscamos que as actividades que ofrecemos promovan os procesos de musicalización, é dicir, “volver o individuo sensible e receptivo ao fenómeno sonoro, promovendo nel ao mesmo tempo respostas de índole musical” (Hemsy de Gainza, 2002, p. 133). Neste contexto, propoñemos unha diversidade de proxectos que tratan de poñer en contacto o traballo feito nas aulas universitarias coas necesidades dos centros e as comunidades rurais da contorna. Nos últimos anos traballamos proxectos artísticos relacionados coa sostibilidade e a concienciación ambiental, a creación dunha obra teatral, sonorizacións de contos infantís, e obradoiros de iniciación musical. Máis recentemente comezamos un novo proxecto de titorías entre iguais no que estudantes-músicos de cuarto curso da mención de musical prepararon un repertorio para traballar cos estudantes de segundo curso, creando sinerxías entre o alumnado de diferentes cursos e abrindo as aulas universitarias ao intercambio de coñecementos e experiencias musicais. En definitiva, todos estes proxectos buscan dar visibilidade á musica como medio de expresión, creación e socialización, poñendo no centro a linguaxe artística como recurso educativo para empregar nas aulas de todos os niveis educativos, dende infantil até a universidade.
Camiñando cara ao futuro
A diversidade de experiencias descritas quere axudar a por de manifesto a importancia da música como eixo vertebrador de proxectos educativos interdisciplinarios e chamar a atención sobre as múltiples posibilidades que ofrece para conectar co alumnado todas as idades e en contextos educativos variados. Así e todo, algunhas das dificultades ás que se expón o profesorado universitario á hora de coordinar este tipo de proxectos son as escasas horas de docencia e práctica musical presentes nos plans de formación, a necesidade de creación de equipos de traballo sólidos e estables, así como a limitación nos recursos para a creación e organización de proxectos fóra do horario das aulas universitarias.
Con todo, neste texto queda patente o que se está a facer dende cada campus, reforzándose a idea do potencial que a área de DEM ten, aínda sendo minoritaria. Como próximos pasos, cómpre aproveitar a pegada destas experiencias e tentar dar un paso cara á realización de proxectos en común e, se cabe, de maior envergadura.
Notas ao pé
1 Por causas alleas, a inclusión do estado da cuestión nos Campus de Lugo e Pontevedra non foi posible.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:


