Unha aproximación á atención á diversidade nas ensinanzas musicais
Texto
Introdución
A diversidade é unha realidade social que, como tal, resulta inherente a todas as comunidades educativas. En Galicia é o Decreto 229/2011, do 7 de decembro, o que regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes en que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei Orgánica 3/2020, do 29 de decembro, comprendida como o conxunto de medidas e de accións encamiñadas a adecuar a resposta educativa ás diferentes características e necesidades, ritmos e estilos de aprendizaxe, motivacións, intereses e situacións sociais e culturais de todo o alumnado.
A finalidade educativa dirixida á consecución do máximo desenvolvemento persoal e social posible de cadaquén contemplada na normativa vixente, require dunha educación adaptada ás singularidades, que garanta unha igualdade efectiva de oportunidades e que poña ao alcance todos os recursos necesarios. E sendo isto preciso para a totalidade do alumnado, resulta fundamental nos casos das persoas que, de forma temporal ou permanente, presentan necesidades específicas de apoio educativo por presentar, á súa vez, necesidades educativas especiais, por atraso madurativo, por trastornos do desenvolvemento da linguaxe e da comunicación, por trastornos de atención ou de aprendizaxe, por descoñecemento grave da lingua de aprendizaxe, por se atopar en situación de vulnerabilidade socioeducativa, por altas capacidades intelectuais, por incorporación tardía ao sistema educativo, ou por condicións persoais ou de historia escolar.
As ensinanzas artísticas de música, en tanto que reguladas pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei Orgánica 3/2020, do 29 de decembro, non quedan á marxe do citado Decreto 229/2011, do 7 de decembro, nin da Orde do 8 de setembro do 2021 pola que este se desenvolve, se ben non se concretan nestas disposicións legais nin nos diversos Protocolos publicados desde o ano 2016 por parte do Servizo de Inclusión, Orientación e Convivencia da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, medidas específicas que permitan adaptar as respostas educativas a esta realidade.

Unha panorámica da atención á diversidade nas ensinanzas artísticas musicais
Segundo se recolle no Informe do Consello da Cultura Galega sobre as Ensinanzas do ámbito cultural (setembro de 2022) no que se analiza a evolución das ensinanzas culturais en Galicia nos últimos dez anos, os estudos de música manteñen a tendencia habitual no ámbito das ensinanzas artísticas, presentando o maior número de alumnado matriculado nas ensinanzas culturais regradas: 7.914 en Galicia e máis de 97.000 no conxunto do Estado, o que representa un 85,3% e 88,3% respectivamente en centros públicos. Nun balance da evolución da serie temporal, aínda que se observa un descenso no curso 2021/2022, mantense unha tendencia crecente nas cifras de matriculación. Aínda, no ámbito das ensinanzas non regradas de música apréciase tamén un elevado volume de inscricións, que o sitúan nun lugar moi significativo no eido das ensinanzas artísticas: 14.409 estudantes en Galicia e 202.311 no conxunto do Estado. Acoutando xa a información exclusivamente ao ámbito das ensinanzas musicais regradas, constátase que no curso 2021/2022 se matricularon en Galicia 3.405 alumnos e alumnas nas ensinanzas elementais de música, 3.896 nos estudos profesionais e 613 nos estudos superiores de música.
Existen actualmente no contexto galego 55 centros nos que se imparten Ensinanzas de Réxime Especial de Música, dos cales o 63,6% son públicos, o que evidencia un índice porcentual moi semellante ao da totalidade do Estado -no que de 458 centros, tamén é de titularidade pública o 64%-. En particular, para abordar este estado da cuestión relativo á situación da atención á diversidade nas ensinanzas musicais en Galicia, centramos os contidos deste texto no caso dos Conservatorios de Música dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia. Os conservatorios profesionais (nos que se desenvolven ensinanzas elementais e profesionais de música) repártense pola xeografía galega localizados nas sete grandes cidades do territorio e xunto cos centros de ensinanza musical superior, situados nas cidades da Coruña e de Vigo.
No actual curso académico 2022-23, e atendendo á información que visibilizan estes conservatorios a través das súas respectivas páxinas web, pode apreciarse que, destes nove centros, son tres os que presentan accesible dixitalmente un Plan de Atención á Diversidade (en adiante PAD): Conservatorio Profesional de Música de Ourense, Conservatorio Profesional de Música de Santiago e Conservatorio Superior de Música de Vigo. En particular, atendendo ás concrecións destes documentos, cómpre sinalar que na epígrafe 6.2. do PAD do Conservatorio Profesional de Música de Ourense indícase que “nos conservatorios de música non existe, polo momento, a figura do/a orientador/a, polo que o papel do titor/a resulta relevante na detección”. No caso do PAD do Conservatorio Profesional de Música de Santiago pode atoparse no seu apartado 10, dedicado aos mecanismos de coordinación e colaboración internos, a referencia a un “Equipo de atención á diversidade” que estará formado pola xefatura de estudos, a coordinación de grao elemental e cada un dos titores/as de cada alumo/a. Neste mesmo apartado alúdese ás posibilidades de cooperación co Departamento de Orientación “do IES ao que o CMUS se atopa adscrito”.
Especial mención ao aludir á atención á diversidade nos conservatorios galegos require a proposta que se desenvolve a partir da Orde do 16 de decembro de 2011, pola que se autoriza a posta en marcha, con carácter experimental, dun proxecto para a incorporación de alumnado con necesidades educativas especiais ás ensinanzas elementais de música no Conservatorio Profesional de Música da Coruña. Nesta Orde recóllense medidas sobre a reserva de prazas, probas de acceso, organización académica, adaptación curricular, avaliación e permanencia. A encargada de velar polo desenvolvemento do proxecto é a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que realiza o seguimento, a detección de necesidades e de recursos educativos, responsabilizándose da difusión do material elaborado, para a súa posible utilización noutros conservatorios. Para esta función articulouse unha comisión de carácter interdisciplinar que é convocada dúas veces ao ano e que está formada por:
- A persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue, que actúa como presidente/a.
- Un/unha representante da Inspección Educativa.
- Un/unha técnico do equipo de orientación específica da Coruña.
- O/a director/a do Conservatorio Profesional de Música da Coruña.
- O/a profesor/a coordinador/a do proxecto.
- Un/unha asesor/a técnico docente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actúa como secretario/a.
No artigo 12 da Orde do 16 de decembro de 2011 establécese unha duración de dous anos, prorrogables en períodos de dous anos logo do correspondente informe favorable da citada comisión de seguimento, e que produciu a continuidade deste proxecto ata a actualidade. O proxecto contou cunha leve modificación mediante a Orde do 13 de xuño de 2013 ao constatarse, tras o primeiro ano de desenvolvemento do mesmo, que era necesario ampliar a franxa de idade do alumnado destinatario –xa que o alumnado na franxa de idade entre 8 e 12 anos non podía acceder coa anterior norma– e a necesidade de orientar unha adecuada asignación das distintas especialidade instrumentais tendo en conta “as capacidades e discapacidades do/a aspirante, o informe psicopedagóxico presentado, así como a valoración do tribunal avaliador das probas de acceso”. Transcorridos dez anos desde a aplicación da citada normativa, evidenciouse a necesidade de actualizala mediante a Orde do 25 de outubro de 2022, na que tamén se establecen medidas para facilitar o intercambio de información entre a xefatura do departamento de orientación do centro educativo do centro onde o alumnado estea a cursar as ensinanzas de réxime xeral e a coordinación do proxecto no conservatorio.
Conclusións

Se ben a normativa vixente non contempla especificamente a atención á diversidade nos centros de réxime especial de ensinanzas artísticas de música, a realidade é que as ratios e a necesaria atención individualizada nestas ensinanzas permiten adecuar a resposta educativa ás diferentes características, potencialidades, ritmos e estilos de aprendizaxe, motivacións e intereses, e situacións sociais e culturais de cada alumna/o, ao tempo que se procura garantir unha formación artística de calidade necesaria para a cualificación das/os futuros profesionais da música. Con todo, ponse de manifesto a necesidade de concreción neste ámbito a nivel normativo, acompañado de medidas ligadas á formación do profesorado, á redefinición dalgúns aspectos do currículo, á necesaria presenza de especialistas no ámbito da orientación educativa nos centros e á dotación de recursos.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:


