Un proxecto de país

Texto

Cómpre falar da Confederación ANPAS GALEGAS, que celebra agora o seu X aniversario, e cómpre comezar dicindo que non foi nin unha arroutada de catro iluminadas, nin un proceso casual que xurdise como unha lumieira ocasional, non houbo nada como: “oe, e por que non facemos unha confederación?”. E se tal digo é porque ás veces pénsase que o que corresponde ao voluntariado tamén se caracteriza pola súa fraxilidade. Non tal, no mundo do asociacionismo só é voluntario o interese inicial, o traballo posterior é tan serio e profesional coma calquera outro labor humano.

Por iso está ben testemuñar que a Confederación xurdiu logo dun proceso de varios anos, onde as diferentes Federacións de Anpas que a iniciamos fomos desenvolvendo o ideario, a intención, os obxectivos e o esquema xeral do que queriamos facer. E certamente o que nós queriamos non estaba feito, nin había sinal de que ninguén fose por ese camiño: unha confederación de ANPAS que defendera que Galiza tiña que ter un xeito de seu no Ensino público. Nun ensino que, non só pero si fundamentalmente, ten que ser:

  • Público, porque rexeitamos que exista ensino concertado.
  • Gratuíto, dun xeito absoluto, e con todas as consecuencias.
  • Laico, a relixión, calquera relixión, debe estar fóra das escolas.
  • Inclusivo, nel debe haber un lugar para todas as crianzas, e un apoio para calquera circunstancia.
  • Profesional, porque o Ensino ten que abrirse a outras profesionais que sumen nun proxecto educativo máis amplo que a soa docencia.

Pero, sobre todo, por riba de calquera outra cousa, e complementándoas todas, o que nós defendemos é que o Ensino público que queremos ten que ser GALEGO, galego na lingua, no pensamento, na cultura, na xeografía, na identificación coa contorna, no aproveitamento da nosa realidade, na definición dos obxectivos e na valoración dos alicerces sobre os que se monte algo tan significativo como acompañar as novas persoas que se están incorporando ao noso mundo, explicarlles cal é o lugar onde están, e como poden entendelo, aproveitalo e gozalo para o resto da súa vida.

Por iso nacemos como ANPAS GALEGAS, non só por termos un nome –para nós polo menos- bonito e reivindicativo, senón para definirnos no noso obxectivo e na nosa dedicación: somos as asociacións de nais e pais que pensamos que o esforzo educativo, que xa se goberna aquí, ou debera, ten que ser responsabilidade compartida de todas as galegas e galegos; debe ser noso, como nosas inevitabelmente serán as consecuencias dese traballo.

E con ese ideario, con esa ilusión, coa seguranza que trae facer as cousas de xeito e sen présas, decidimos saír á luz un 30 de novembro de 2013, hai algo máis de dez anos, e comezamos a traballar cun traxe novo e colectivo nos mesmos esforzos nos que xa viñamos cadaquén de nós facendo dende había anos.

Agora quizais tocaría neste artigo enumerar o que fixemos, contar como nacemos con pouco máis de 200 ANPAS ata chegarmos ás preto de 420 da actualidade, como o noso discurso foi callando nun mundo –o das anpas– no que facía e segue a facer falta un cambio transcendental que rache cun modelo de traballo que, afundido pola incuria das diferentes administracións educativas, acabou caendo na organización de festas e servizos, limitando, e en moitos casos eliminando, a súa función fundamental: a de formar parte activa dunha comunidade educativa, onde a presenza das familias ten que ser un piar imprescindíbel, se queremos que o proceso educativo sexa o da formación de persoas, non só de alumnado.

Poderiamos falar das múltiples campañas feitas, sobre a atención educativa domiciliaria, a gratuidade dos libros de texto, a accesibilidade dos centros educativos, a defensa das enfermeiras escolares, que logo ampliamos á necesidade doutros colectivos como as educadoras ou traballadoras sociais, a constante interpelación e relación cos partidos políticos para que completasen os seus programas educativos con outros valores, a participación nos foros autonómicos sobre drogas, xogo ou alcohol…

Pero eu quixera falar hoxe de tres fitos fundamentais en ANPAS GALEGAS; o primeiro foi a loita constante contra a LOMCE, esa lei ominosa que nos tivo oito anos ocupados tentando evitar a súa aplicación e minimizar os seus efectos. Foron centos de horas as que dedicamos a dar charlas informativas, a impedir as reválidas, a reclamar a volta á democracia nos consellos escolares, a rexeitar os seus efectos discriminadores para as menos favorecidas. Non sabería dicir que parte temos na súa derrogación, pero si que podo dicir que cando aconteceu sentimos que o noso traballo tiña unha razón e unha recompensa. Non foi tempo malgastado, máis é certo que foi un tempo que –noutro mundo mellor– podiamos ter utilizado para avanzar e non só para loitar contra o retroceso.

O segundo fito foi, e segue a ser, a constante defensa do rural galego, como sinal de identidade, máis tamén como a realidade na que viven unha morea de persoas galegas novas, que teñen dereito cheo a ter as mesmas oportunidades de se formar que calquera outra do ámbito urbano. E que tamén teñen dereito a continuar no rural a súa vida futura como traballadoras, veciñas e partícipes dunha contorna moderna e renovada.

E o terceiro fito é o peso que foi collendo no noso pensamento o moi amplo e valioso concepto da atención á diversidade. Se ANPAS GALEGAS é unha realidade para este mundo no que vivimos, se somos a referencia grande para a meirande parte das asociacións de nais e pais deste País, é porque o noso traballo está sempre peneirado pola necesidade de incorporar todas as nenas e nenos, con todas as características e todas as realidades, no mundo educativo.

Educar sen contar coas demais non é educar. Cando utilizamos aquilo que nos foi dado pola natureza para desnivelar o resultado que podemos obter como colectivo fronte a aquelas que non tiveron a mesma sorte, demostramos ser mala xente. Para nós, a actuación do sistema educativo só pode ter como obxectivo dotar de oportunidades a quen quizais non as tería se non houbese quen lle dese o que precisa, e compensar a errónea distribución de opcións que a humanidade, e a sociedade que montamos, outorga a cada crianza. É obriga de todas asegurar para elas o mellor futuro que calquera de nós poida conseguir. A iso se dirixe o que facemos todos os días.

E así levamos dez anos traballando, somos máis cada día que pasa, e temos un enorme futuro por diante, o que ten a xente que traballa polo ben común e por unha sociedade onde a solidariedade, o coidado e a colaboración sexan a razón pola que nos levantamos cada día.

E todo isto, por suposto e sempre, en galego.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir