Un debate a non agochar nas aulas
Texto
Cada vez máis, as tirapuxas do binomio ambiente-economía empapan a sociedade local-nacional nun debate de fondo calado, ao ser máis conscientes da emerxencia climática e doutras variables. Algunhas destas tirapuxas, as menos (moitos docentes non queren ser tachados de “facer política” nas aulas, ignorantes de que a vida é política), chegan aos centros de ensino e aprovéitanse a nivel educativo, con metodoloxías didácticas que poden ser propicias para sacar todo o zume posíbel á situación (ABP, IAP…). Moitas das veces ese debate xorde despois dun desastre medioambiental que ten unha escala local (vertedoiro de Bens) ou global (desastre do Prestige), mais nestas circunstancias, e fóra de debater cal será a mellor das solucións para arranxar a desfeita, só nos queda pensar en como facer para que non volvan ocorrer no futuro (que non é pouco!).
Porén, existen outros tipos de controversias que xorden diante da instalación de actividades humanas (fabrís, mineiras, enerxéticas…), cuxo debate necesariamente ten que empapar a escola por seren os nenos e nenas de hoxe os que sufran directamente as consecuencias (boas e malas) das devanditas infraestrutura. A implantación sen límites da enerxía eólica (por terra e mar) ou a instalación dunha fábrica de celulosa en Palas de Rei (Altri) son claros exemplos diso, e afectan, pola súa magnitude, todo o país.
No caso de Altri todas as posturas existentes enriba da mesa teñen aspectos razoables, por iso o debate é intenso e rico, e ten que ser abordado, tamén, nos centros de ensino de Galiza. A fábrica, situada na comarca da Ulloa, terá, cando menos, catro tipos de impactos: o da contaminación atmosférica, que ten como centro Palas pero que acadará un raio de moitos quilómetros ao redor; o do impacto á auga (polas elevadas cifras de consumo e vertido) que afectará o río Ulla e tamén a ría de Arousa; o impacto visual e ao patrimonio natural (Serra do Careón) e cultural (Camiño de Santiago incluído); e o do modelo forestal galego, fortemente eucaliptizado na actualidade e que camiñará cara a unha redución da biodiversidade e afondará no perigo dos grandes incendios (como pasou recentemente en Portugal).
Os defensores da instalación aducen que a tecnoloxía a instalar é moi avanzada e os impactos ao ambiente son mínimos, que as barreiras visuais proxectadas crearán unha illa en plena Ulloa e que non precisan máis madeira de eucalipto que a que Galiza está producindo na actualidade. Ademais, salientan a creación de postos de traballo directos e indirectos (varios miles) e riqueza en forma de impostos.
Os detractores, apoiados por múltiples informes académico-científicos (Centros e Departamentos universitarios, Consello da Cultura Galega…), desconfían dos impactos, que se supoñerían positivos, e rebaixan as cifras de emprego e beneficios económicos dunha macroinstalación que, sen achegas económicas (programa económico de fondos Next Generation), semella insostíbel pero que mudará por completo a economía agraria, pesqueira e cultural local, e o modelo forestal a nivel galego. O debate está servido e a escola non debe ignoralo. Animamos o profesorado a que, con oportunidade, o considere. A Consellería non pode oporse.
(Editorial elaborado sobre un texto base escrito polo profesor Mario Outeiro e aprobado o 25.9. 2024)
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats: