Textos que introducen unha mirada ecosocial na ESO
Resumo
Neste exercicio de análise queremos identificar as estratexias que utiliza a institución FUHEM no seu material interdisciplinar, dirixido aos diferentes cursos da ESO, para introducir unha perspectiva ecosocial no curriculum. Conscientes de que aínda é un camiño por percorrer, sinalamos algúns dos erros de comunicación frecuentes cando se fala de cambio climático, que tamén se repiten, e atopamos interesantes liñas de acción que abren novas perspectivas.
En este ejercicio de análisis, queremos identificar las estrategias que utiliza la institución FUHEM en su material interdisciplinar, dirigido a la ESO, para introducir una perspectiva ecosocial en el curriculum. Consciente de que aún es un camino por recorrer, señalamos algunos errores de comunicación frecuentes cuando se habla de cambio climático, que también se repiten, y encontramos interesantes líneas de acción que abren nuevas perspectivas.
In this analysis exercise, we want to identify the strategies that FUHEM uses in its interdisciplinary material, aimed at ESO, to introduce an ecosocial perspective in the curriculum. Aware that there is still a long way to go, we point out some frequent communication errors when talking about climate change, which are also repeated, and we find interesting lines of action that open up new perspectives.
Palabras Clave
Texto
O discurso educativo está inzado de termos ben intencionados pero baleiros de práctica. Termos como innovación, transdisciplinaria e interdisciplinaria, metodoloxías activas e outras similares son recorrentes á hora de caracterizar unha práctica axeitada coa sociedade actual. Todas as persoas coincidimos en que son necesarios cambios metodolóxicos, incluso paradigmáticos, á hora de deseñar estratexias educativas máis innovadoras e acordes cos desafíos sociais actuais no sistema escolar obrigatorio. Neste sentido, crear referentes parece un dos posibles camiños.
FUHEM é unha Fundación de carácter educativo e independente baseada en valores como a xustiza social, a democracia profunda e a sostibilidade ambiental desde unha perspectiva ecosocial. Desde hai uns anos están a deseñar unidades didácticas e materiais curriculares concibidos para a transformación social e ambiental. Non é novo (e polo tanto xa hai unha dilatada argumentación a favor e en contra) poñer o foco da educación na sociedade (pedagoxías liberadoras, críticas, socialistas etc.) en vez de nos individuos (pedagoxías libertarias, neoliberais, ‘escolas novas’…). Neste sentido, as propostas emanadas dende FUHEM baséanse nos dereitos que ten o alumnado de coñecer o modelo social actual (en crise sistemática) para actuar de forma crítica e consciente como axentes de cambio.
Neste contexto, a educación tería que ser un elemento chave á hora de comprender e actuar fronte á emerxencia climática. FUHEM ten abordado este tema como eixo condutor de todas as materias do ensino obrigatorio. Neste artigo presentamos a análise de dous libros de texto da colección “Una mirada ecosocial e interdisciplinar”, para (re)coñecer as súas proposta e valorar o seu potencial para transformar a educación e, por tanto, a sociedade de cara á xustiza climática.
Unha mirada ecosocial e interdisciplinar
FUHEM ten elaborada unha proposta de currículo (baseada na LOMCE) con perspectiva ecosocial desde o nivel de Educación Infantil ate o Bacharelato e a FP Básica, para as áreas de naturais, sociais e valores, propoñendo contidos, aprendizaxes e metodoloxías baseadas na construción colectiva do coñecemento e na capacidade de actuar conxuntamente.
Eliximos 2 libros de texto da ESO (2º e 4º) para analizar como incorporan a crise climática: o primeiro ten como eixo condutor a ecodependencia das cidades e o segundo, as desigualdades no mundo actual. En ambos os dous casos a estrutura da proposta segue un mesmo esquema: o detonante (unha mañá dedicada a introducir o tema), o traballo por materias na que cada especialista secuencia a aprendizaxe dende a súa disciplina (de 3 a 4 semanas en total) e o proxecto final (unha semana íntegra para desenvolvelo) para engadir unha práctica de síntese ás aprendizaxes de cada materia.
No libro dirixido a 2º da ESO (Bajo Erice et al., 2019) proponse abordar o cambio climático desde a Física e Química. Para entrar no tema móstrase unha serie de imaxes, antigas e actuais, de paisaxes de alta montaña, glaciares e selvas que corresponden a países e lugares afastados da realidade do alumnado que mostran diferentes impactos da actividade humana e invítase o alumnado a reflexionar sobre que poderían facer para evitaren o que ven. Este tipo de propostas –nas que o alumnado non pode intervir realmente– poden chegar a producir desapego e certa “ecoangustia”.
Cabe resaltar aspectos importantes como as múltiples fontes que facilitan ao alumnado (Nacións Unidas, Protocolo de Kioto, Acordo de París etc.), así como as formulacións de xustiza climática que abordan as asimetrías por cuestión de nación, xénero, idade ou nivel económico, así como a relevancia da distinción entre o efecto invernadoiro natural e o forzado pola acción humana. O experimento proposto axuda a comprender como o aumento de CO2 implica un aumento de temperatura, xa que doutra forma esta relación é unha abstracción dificilmente asimilable para gran parte do alumnado. A proposta de proxecto final é investigar sobre o barrio (debería incluír outras posibilidades como vila, aldea etc.) utilizando estratexias de cartografía social que permiten ao alumnado achegarse á súa realidade, coñecer experiencias e actores chave e facer propostas realistas de transformación, a curto e longo prazo. Por último, debemos destacar a proposta final de compartir o aprendido de forma rigorosa e leda.
Mais hai aspectos mellorables. Respecto aos efectos, cando se fala de extinción de especies, vólvese a recorrer a estereotipos como os osos polares, obviando as especies locais que están a ser desprazadas dos seus nichos ecolóxicos pola degradación ambiental ou a escaseza de alimentos; ou as referencias aos efectos de fenómenos meteorolóxicos extremos noutros países (inundacións en EE.UU. e Filipinas) en vez de recorrer a exemplos similares no propio. O contexto principal de referencia son as cidades, esquecendo o alumnado do rural e a necesaria mirada sobre este medio, que está a sufrir un despoboamento feroz. Non aparecen imaxes de persoas afectadas polo cambio climático, nin de persoas novas coas que o alumnado poida experimentar certa empatía, salvo na proposta final, onde as imaxes mostran alumnado activo e positivo, que actúa con alegría. O texto diferencia dous planos á hora de enfrontar o cambio climático: o institucional (onde se expoñen os fracasos e ningún logro) e o persoal (reducido en boa medida aos cidadáns como consumidores responsables).
No libro dirixido ao alumnado de 4º da ESO (Alonso Salguero et al. 2019) os contidos sobre cambio climático están incluídos nun apartado de “cambios globais” e están vinculados á materia de Inglés. Neste capítulo relaciónanse contidos asociados coas linguas, o xénero, a dignidade, os dereitos humanos, as migracións etc. Móstranse homes e mulleres cuxas loitas mudaron problemas globais, xerando referentes en positivo. Como tese de fondo introdúcese a asociación causal entre cambio climático e capitalismo, afastándose de posturas simplistas.
Respecto ao cambio climático, presentan a Greta Thunberg e o seu discurso na COP24 como detonante. Pídenlle ao alumnado que propoña solucións en vez de só analizar o contido, que fagan explícitos os sentimentos que lles xera e que valoren as reaccións internacionais que provocou. Aínda que sexa unha boa práctica, sería necesario incluír unha mirada de⎯colonial, tal e como piden desde o Sur: critican o enxalzamento da figura desta adolescente ao tempo que se ignoran as loitas continuadas de moitas e moitos indíxenas, agricultores, traballadores⎯sen⎯terra etc.; cuestionan as miradas eurocéntricas e ‘coloniais’ dos referentes que propoñemos ante o cambio climático. De feito, no texto non hai referencias a movementos xuvenís polo clima ou a líderes do Sur Global. Tampouco se cuestiona o ton acusador, cando numerosos estudos demostran que non é a mellor estratexia para producir cambios. Cando se insire o tópico inmigrantes e refuxiados, non se fai mención aos refuxiados climáticos. As imaxes referidas ao cambio climático volven a ser estereotipadas, outorgando máis peso á iconografía das consecuencias (inundacións, deforestación, seca, desxeo, contaminación, furacáns, enfermidades etc.) que á das accións e alternativas proclimáticas.
No proxecto final, o texto propón unha serie de tópicos interesantes para abordar a crise climática, como a interdependencia (facendo fincapé nos compromisos individuais e compartidos e na solidariedade interxeracional) e a ecodependencia (aludindo aos servizos ecosistémicos), mais pídese investigar sobre os problemas, o que está demostrado que non capacita para ser cidadáns proambientais e con capacidade para implicarse nas melloras; remata o proxecto invitando a poñer “a vida no centro” propoñendo elaborar vídeos sobre posibles alternativas de cambio, en xeral. De feito, o tema do cambio climático desaparece nas orientacións das propostas para o proxecto final e o “gran xogo”, polo que é difícil que o alumnado lle dea a importancia e relevancia que require.
O sistema escolar, un aliado imprescindible fronte á emerxencia climática
A escola é un lugar privilexiado para construír sociedades xustas, equitativas e comprometidas coa vida. A crise multidimensional global na que se está a socializar a xente máis nova, esixe respostas máis comprometidas por parte da institución escolar, do profesorado e da comunidade educativa. A emerxencia climática é o escenario inequívoco que esixe da escola mostrar, aprender, deseñar e desenvolver modelos de redistribución, consumo e produción desde o diálogo, o empoderamento, a participación, o consenso ⎯e tamén o disenso⎯ e a cooperación. A transición ecosocial esixe recoñecer o alumnado como interlocutor válido e corresponsable nas decisións e accións no nivel que lle corresponda, de cara a conformar unha cidadanía empoderada para responder á crise climática.
Os enfoques transcurriculares, como o da FUHEM, mostran un camiño aínda por percorrer, quizás máis interesante que a creación dunha materia específica sobre cambio climático. Establecen novas formas de enfrontarnos desde a complexidade, o compromiso crítico e a necesaria implicación social. É imprescindible construír co profesorado métodos e recursos e facilitarlle fontes de información solventes, sen simplificacións que infantilicen as propostas do sistema educativo. Para iso é imprescindible formar e apoiar equipos docentes competentes na materia e comprometidos coa transición socio-ecolóxica necesaria. É necesario facilitar e compartir boas prácticas e iniciativas de éxito, propias e alleas, desde os principios de equidade, ecodependencia e precaución; desde o local ao global e desde o global ao local, sen miradas paternalistas e coloniais. É preciso establecer alianzas interxeracionais coas persoas que teñen capacidade de decisión, e interculturais con outros saberes e culturas. Por último, é importante educar nas redes sociais: capacitar para influír ante problemas como o cambio climático, para identificar informacións falsas e para desmontar o discurso distópico e do medo, que desmobiliza e deprime.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:
Referencias
- Bajo Erice et al. (2019). La ciudad. Una propuesta ecosocial e interdisciplinar. 2º ESO. Madrid: FUHEM
- Alonso Salguero, T. et al. (2019). El mundo actual. Una propuesta ecosocial e interdisciplinar. 4º ESO. Madrid: FUHEM