Tempo de nada ou como caen as follas e non caen os froitos. Pensares dende a experiencia…
Texto
Esta experiencia de traballo neste eido (Campamento Interxeracional de Convivencia e Actividades) levámola a cabo na residencia de persoas maiores Nosa Señora das Dores de Lalín no ano 2003 e continuamos, mantendo o mesmo grupo de nenas e nenos, durante os seguintes dous anos, coa idea de que saísen convertidos en embaixadores dunha maneira de viviren as persoas maiores en sociedade aberta o feito residencial. Vexamos algunhas das cuestións que inspiraron o desenvolvemento desta experiencia:

Unha delas ten que ver cunha noticia que lera hai tempo nunha revista de arquitectura que presentaba e explicaba a filosofía dun proxecto construtivo que deseñaba un edificio en dous corpos anexos: un deles sería residencia para persoas maiores e o outro, gardería de infancia, e explicábanse os beneficios de contar con espazos comúns nos que se poidan dar actividades conxuntas e renovar a convivencia entre xeracións que se atopan no máximo de distancia temporal, poñéndoas no mínimo de separación espacial nun máximo de presente.
Quixen refrescar o recordo desta noticia e busquei en internet polo epígrafe “Residencias de persoas maiores con xardín de infancia no mesmo edificio” e abrín o primeiro resultado que me saíu: un artigo de Olga Pereda publicado no diario El Periódico, o 6 de outubro de 2018, cunha actualización dous días despois, e alegreime porque nel recolle palabras de Mariano Sánchez, profesor de Socioloxía da Universidade de Granada, que tan ben explica esta necesidade de implementar convivencia interxeracional nas sociedades actuais, cando di que a filosofía interxeracional «es mucho más que una simple idea simpática. Es un valor social» e despois fala, entre outras cousas, de que é necesario formarse para poder levar a cabo experiencias deste tipo; e que «No se pueden hacer experimentos» (e isto destácase na revista en letra negriña).
Ata aquí todo ben, ilusionantes as experiencias que conta a xornalista e emocionantes polos bos resultados acadados e o sinxelo e saudable que parece dar chegado a eles, e tristes por escasas e porque aínda son a excepción e non o integrado labor.

Por outra parte, unha preocupación que teño en relación á interxeracionalidade, sería a infantilización no trato ás persoas maiores abocadas a vivir e convivir en residencias, e que se resumiría na máxima popular que di que “unha vez vello, dúas veces neno”, que tanto convida ao uso de fórmulas comunicativas puerís por parte dalgún persoal encargado dos coidados, como tamén a obviar a gran fonte de memoria oral e de experiencia que son as persoas máis lonxevas, e buscarlles canles de presenza, ou sexa, voz e palabra, na sociedade de agora
Entre os exemplos desta esencial confusión que leva a anenar a vellez das persoas dentro do ámbito residencial, tantas veces pechado e non aberto á sociedade da que forma parte, tan ausente esta apertura no propio organigrama de funcionamento, atopo un que, por singular e de amargo humorismo, non me esquecerá: Antes de comezar estes campamentos interxeracionais dos que falaba, chamémolos de inmersión, coma se fósemos aprender un novo idioma da mellor maneira, facían, en datas puntuais do ano, encontros de grupos de nenas e nenos coas persoas maiores, e era sabido que moitas veces o resultado era exactamente o contrario do pretendido, porque moitas nenas e nenos non querían volver… Visto isto e querendo seguir encontrándonos, había que organizar doutra maneira, con outros parámetros. Un era o do tempo, había que esquecer os encontros puntuais e promover a convivencia a longo prazo. Outro era a ausencia dunha didáctica da comunicación interxeracional e o respecto aos ritmos que poden levar á confianza… nada de apuros, temos tempo… Así foi que nunca máis se repetiu o caso que se dera había unha tempada, e soubemos despois, e este é o exemplo que nunca esquecerei: unha muller viñera preguntar a onde levaran o seu fillo aquela tarde de verán os monitores, porque chegara dicindo á casa que o levaran a ver os marcianos.
Outro exemplo, quizais o máis visible para calquera que entre nunha residencia de persoas maiores, é o da decoración con flores (preferentemente margaridas) recortadas en cartolina e pegadas nas paredes, tamén outras figuras do devocionario infantil que adornan as entradas, os recibidores, os salóns, e ditan un abuso cultural e un afastamento das persoas que verdadeiramente teñen diante todos os días.

Hai outro caso significativo que me acorda moitas veces, que me contaron, dunha muller maior que participaba no taller de animación e memoria dunha residencia, á que lle pediron que colorease o interior dun debuxo insinuado en liñas e que representaba unhas follas de acibo cos seus froitos. Era polo Nadal; e o motivo parecía dado pola data, mais procedía de fóra do ámbito cultural da señora, pois a cultura do adorno con acibo natural, que era unha das escusas do taller, chegou a nós desde outras latitudes a través de estampas e películas, mais nas aldeas non se usaba o acibo de adorno; e esta residente era dunha aldea. Cabería, en todo caso, terlle feito unha enquisa en conversa sobre como vivira ela o Nadal, e que importancia e parecer lle tiña, ou sexa, non presupoñer. A muller pintaba os bagos do acibo de cor verde, e a animadora quería que llos pintase de cor vermella, como son nese momento do ano, e díxolle que así como ela facía non estaba ben feito, que as boliñas eran vermellas e non verdes, e a muller retrucoulle que, na súa terra, os bagos dos acios eran desa cor, verdes, e non encarnados… Evidentemente a señora non recoñecera o acibo senón, pola semellanza na silueta da lámina, un acio de uvas que ela coñecía ou gustaba verdes
O labor de animación trata esencialmente de escoitar, preguntar, conversar, entender, proxectar, propoñer, facilitar, incluír, participar, avaliar e convivir.
Pero hai aínda outro motivo a maiores para non deixar de pensar no necesario que é e vai ser o traballo interxeracional. Unha profesora contoume, en maio de hai dous anos, que cando vai á casa dos avós coa filla e mais os sobriños, pídenlle a seu pai, que foi mariñeiro e coñece o monte, que leve os netos con el, que lles ensine o que el sabe, e el contesta desesperanzado: Si… pero quen os arranca desas cousas… (“esas cousas” son os teléfonos móbiles onde se mergullan os netos), e conclúe amargamente: Parece que non estamos aquí para nada.
A xeito de conclusión
Queda moito por facer desde todos os ámbitos da sociedade consciente (polo tanto máis alá da pasiva e hipertrofiada sociedade de consumo e as redes sociais) para estañar a ferida interxeracional pola que corre o tempo sen xuntar a carne, que é carne do mesmo corpo social. Ao campo da educación e das políticas sociais corresponde en primeiro termo pensar e facer para que unha parte da poboación (a das persoas maiores coidadas en ámbitos residenciais) non sinta que vive de prestado.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:
