Sobre artes e benestar

Resumo

O artigo contén unhas breves reflexións sobre os beneficios que as artes aportan ao equilibrio emocional das persoas e defende a presenza de actividades artísticas desde a infancia. As artes, tanto visuais coma musicais, favorecen a canalización das expresións, reforzan a autoestima, xeran estabilidade emocional e, polo tanto, saúde.

Este artículo contiene unas breves reflexiones sobre los beneficios que las artes aportan al equilibrio emocional de las personas y defiende la presencia de actividades artísticas desde la infancia. Las artes, tanto visuales como musicales, favorecen la canalización de las expresiones, refuerzan la autoestima, generan estabilidad emocional y, por lo tanto, salud.

This article offers some brief reflections related to the benefits the Arts have on the emotional balance and mental health as well as it defends the presence of artistic activities since early childhood. The Arts, both visual and musical, promote expressiveness, enhance self-esteem, contribute to emotional bslance, well-being and health.

Texto

Segundo declara a OMS (2014) no preámbulo da súa Constitución: “a saúde é un estado de completo benestar físico, mental e social, e non soamente a ausencia de afeccións ou enfermidades”. Na mesma liña, a Convención sobre os Dereitos do Neno (1989) declara que na súa educación deberá terse en conta o máximo desenvolvemento das súas capacidades, así como o seu dereito “a participar plenamente na vida cultural e artística e a ter as oportunidades apropiadas, en condicións de igualdade, de participar na vida cultural, artística recreativa e de entretemento” (art. 31).

Estas ideas baséanse nas vantaxes que para as persoas e, en especial, para os nenos e nenas teñen as actividades artísticas, actividades que achegan beneficios tales como o reforzo da autoestima e a autoconfianza, a identidade, a redución da ansiedade, a cohesión social entre outros.

Á vista destas afirmacións programáticas, a pregunta que debemos facernos é esta: en que medida, desde as artes, se pode contribuír ao benestar que é imprescindible para a saúde? Trataremos de contestar a esta pregunta nas liñas que seguen.

Os expertos en antropoloxía, tras analizar as obras plasmadas nas covas en que moraban as xentes prehistóricas, subliñan a probabilidade de que unha parte das súas obras artísticas obedecesen á necesidade de conxurar a angustia da súa propia existencia. Co acontecer dos séculos, grazas ao avance da tecnoloxía e das condicións de vida, a esta finalidade foron sumándose outras, entre as que cabe mencionar o pracer estético que produce a contemplación de calquera obra artística, sexa pictórica, arquitectónica ou doutra índole. Así pois, non custa traballo ningún admitir que a arte, en calquera das súas manifestacións pasadas, presentes e aínda futuras, está ligada indisolublemente á idea de benestar e saúde. Así o destacaron expertos: “Nas clases de arte, os estudantes poden realizar as súas propias actividades nun contexto que ofrece á iniciativa persoal moito máis espazo do que adoita darse na maioría dos contextos académicos” (Eisner, 2004: 102). Favorécese así o desenvolvemento de actitudes persoais nas que a expresión persoal, a creatividade e o traballo colaborativo están moi presentes.

Doutra banda, é de todos e todas sabido que os sentidos son a nosa primeira vía cara ao coñecemento, e que, polo tanto, o noso sistema sensorial fainos conscientes da contorna. As persoas en idade infantil senten pracer ao explorar os materiais que lles ofrecemos nas aulas; e por iso estes deben ter gran potencial sensorial. Deste xeito, “as artes invítannos a prestar atención ás calidades do que oímos, vemos, saboreamos e apalpamos para podelo experimentar” (Eisner, 2004, p. 22). Por exemplo, son moitos os sentidos que están implicados na manipulación dun anaco de arxila: a crianza está explorando a textura dun material brando, sensible á presión e contempla a pegada que os seus dedos imprimen no barro; pero tamén sente a humidade, percibe a frialdade e chéganlle os olores da terra húmida. Neste proceso de elaboración, o artista ten que tomar decisións de deseño, elixir unha composición e seleccionar as formas que mellor expresen as súas ideas a medida que a creación vai avanzando. Esta estimulación sensorial, realizada nunha contorna amable e na compaña doutros é indiscutible que produce efectos positivos na saúde e no benestar.

Agora ben, nunha sociedade tan chea de estímulos visuais é imprescindible que desde a escola se eduque o alumnado para que saiba discriminar e comprender esas imaxes. Isto lógrase a través da expresión plástica: as artes axudan a expresar e canalizar sentimentos, a desenvolver a imaxinación, a experimentar o erro como fonte de aprendizaxe e a tolerar a frustración; en definitiva, contribúen ao seu crecemento como persoas.

Non podemos esquecer nestas breves reflexións o recoñecemento do poder da música sobre as nosas emocións ou sobre o noso estado de ánimo, unha influencia benéfica que tamén se remonta á antigüidade. Numerosos/as pensadores/as ao longo dos tempos admitiron a incidencia positiva da educación musical no desenvolvemento de “características sociais desexables” (Mark, 2002, p. 1046); e desde hai tempo constitúe un campo de investigación moi prolífico. Así, de acordo con Darrow e Adamek (2018), desde principios do século XIX hai evidencias da integración da música nalgúns programas de educación especial. Esta “foi utilizada no diagnóstico e tratamento dos problemas de fala e auditivos” (p. 81). Tamén destacan as investigacións sobre os efectos psicolóxicos e sociais positivos da participación en actividades musicais, e existen diversos informes sobre o impacto das artes (incluída a música) na vida das persoas, como poden ser os traballos de Deasy (2002), Ewing (2010) ou Fiske (1999).

Finalmente, e para concluír estes apuntamentos, outro dos aspectos importantes a ter en conta como beneficiosos para a saúde consiste no coidado dos ambientes e dos espazos que habitamos. En efecto, un deseño caótico, unha gama de cores estridentes ou excesivamente apagadas poden afectar ao noso benestar. Aínda que son moitas as iniciativas en hospitais, nestas breves liñas queremos destacar simplemente os proxectos de intervención artística realizados por Begoña Paz e mais Cristina Varela en espazos pediátricos do Hospital Universitario de Ferrol. O deseño empregado partiu das ideas recollidas entre as impresións e debuxos dos nenos hospitalizados. O resultado final conseguiu un hábitat que, grazas á nova estética, resulta máis humano e sensible e que, polo tanto, contribúe ao benestar dos pacientes infantís, dos seus familiares e do persoal que alí traballa.

Referencias bibliográficas

  • Darrow, A.A. e Adamek, M.S. (2018). Preparing for the future: Music students with Special Education Needs in school and community life. En G. McPherson e G.F. Woch (Eds.), Special Needs, Community Music, and Adult Learning (pp. 80-95). Oxford University Press.
  • Deasy, R. J. (Ed.) (2002). Critical Links; Learning in the Arts and Student Academic and Social Devoopment. Arts Education Partnership.
  • Eisner, E. W. (2004). El arte y la creación de a mente. Paidós
  • Ewing, R. (2010). The arts and Australian education: Realistic potential. Australian Council for Educational Research.
  • Fiske, E. (Ed.) (1999). Champions of change: The impact of the arts on learning. Arts Education Partnership.
  • Mark, M.L. (2002). Nonmusical Outcomes of Music Education: Historical Considerations. En R. Colwol e C. Richardson (Eds.), The New Handbook of Research on Music Teaching and Learning (pp. 1045-1052). Oxford University Press.
  • Organización Mundial de la Salud (2014). Documentos básicos (48ª ed.). OMS.
  • UNICEF Comité Español (2006). Convención sobre los Derechos del Niño. UNICEF.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir