Sinfonía Romaría: o proxecto didáctico, a música sinfónica e o contexto social
Resumo
Sinfonía Romaría é un proxecto de pretensións pedagóxicas, materializado nun concerto didáctico que se enfoca a adolescentes. Neste artigo con carácter reflexivo, que parte da presentación do Proxecto, preténdese realizar unha aproximación á situación actual da música sinfónica e á súa integración no contexto social, procurando estimular a procura de novos recursos de conexión coa sociedade, con contidos culturais transversais, e poñendo en valor o patrimonio artístico e a música tradicional galega.
Sinfonía Romaría es un proyecto con fines pedagógicos, materializado en un concierto didáctico que se enfoca en los adolescentes. En este artículo con carácter reflexivo, se pretende analizar la situación actual de la música sinfónica y su integración en el contexto social, tratando de estimular la búsqueda de nuevos recursos de conexión con la sociedad, con contenido cultural transversal, y poniendo en valor el patrimonio artístico y la música tradicional gallega.
Sinfonía Romaría is a project with pedagogical aims, materialized in a didactic concert that focuses on teenagers. In this reflective article, it is intended to analyze the current situation of symphonic music and its integration in the social context, trying to stimulate the search for new resources of connection with society, with transversal cultural content, and putting value on the Galician artistic heritage and traditional music.
Palabras Clave
Texto
Introducción
A música, máis alá das súas características técnicas e físicas, é unha linguaxe de índole artística. Ao igual que no caso de calquera idioma lingüístico, a base da conexión e do interese reside na súa comprensión; mais tamén cómpre sinalar que, debido ao seu compoñente artístico, desprende recursos de atracción pola súa beleza, á marxe dunha posible incomprensión da súa narrativa.
Desde a perspectiva da cultura, e moi concretamente desde o sector da música sinfónica, véñense percibindo nas últimas décadas sinais de certo desinterese e distanciamento coa sociedade. Trátase dunha situación que preocupa ao sector, no que saltan alarmas de decadencia, e que nos impulsa a reflexionar profundamente sobre o contexto social e as causas que inducen a esta situación, así como a procurar un plan estratéxico e eficiente que conecte con naturalidade á sociedade contemporánea coas artes.

Por unha banda, cómpre sermos conscientes dos currículos no ensino obrigatorio, os cales teñen limitada (escasa) presenza das materias artísticas e de humanidades, poñendo claramente o foco nos ámbitos científicos e técnicos. Por outra parte, se analizamos as músicas “de consumo” da sociedade, podemos chegar á conclusión de que en cada década se produce música máis sinxela e baleira de contido artesanal, con menos recursos creativos para ser máis funcional, e cada vez máis escasa na súa elaboración, en consonancia coa (retro)evolución da sociedade en termos culturais.
Así, resulta unha necesidade imperativa realizar as accións pertinentes que permitan paliar a situación. A pedagoxía nos concertos é unha ferramenta clave para tal fin, a través de locucións que orienten a unha escoita activa e satisfactoria do repertorio, dando cabida á achega de información e contido cultural. Neste sentido, os concertos didácticos constitúen unha fórmula que se vén empregando durante moitas décadas, e que en certas etapas de xeracións anteriores tiveron moito éxito, por estar ben enfocados e contextualizados na sociedade coetánea. Actualmente continúanse programando este tipo de actividades, pero en moitos casos nun molde anacrónico, sen conseguir os obxectivos agardados; tamén se programan concertos didácticos nos cales se busca un impacto de conexión co espectador recorrendo á inclusión do teatro e de elementos escénicos, ou elaborando un “atrezzo” de contidos non musicais, de maneira que a música pasa totalmente inadvertida converténdose nun elemento secundario ou de acompañamento.
O concerto didáctico
Froito das reflexións expostas anteriormente, concibiuse o proxecto Sinfonía Romaría: unha proposta de concerto pedagóxico que pretende traballar en prol dos obxectivos previamente expostos, concentrándose expresamente na música, e abordando contidos culturais e patrimoniais de maneira transversal.
A música empregada é a obra homónima Sinfonía Romaría, unha composición sinfónica de pretensións didácticas, na estrutura dunha sinfonía clásica cos seus 4 andamentos, e na que os temas son melodías populares da música tradicional ou folclórica de Galicia. A través da obra tamén se pretende poñer en valor a música tradicional e popular galega, potenciando a súa práctica e coñecemento, ademais de inducir a reflexionar sobre o seu contido e construción. Nun contexto de globalización inténtase amosar á a música como unha elemento de fusión entre o mundo tradicional e o sinfónico, a conexión coa danza e coa expresión, a modernización da linguaxe musical e a integración entre a tradición e a vangarda.

Intrinsecamente cohabitan obxectivos transversais da cultura galega que axudan a contextualizar e enriquecer os contidos musicais, abordando a historia, a literatura (especialmente o Rexurdimento, por ser unha fonte de luz e inspiración para fortalecer o patrimonio artístico galego), a xeografía, a danza, os oficios tradicionais, ou a perspectiva da igualdade de xénero, tratando de establecer relacións multidisciplinares que favorecen a comprensión e a aprendizaxe.
A instrumentación desenvólvese coa organoloxía da banda de música, por ser un modelo de agrupación inherente á cultura galega dende os inicios do século XIX; un vehículo sonoro que durante máis de dous séculos acompañou o desenvolvemento da sociedade galega, participando nas romarías e celebracións festivas e protocolarias, pero tamén divulgando e achegando a cada pobo, sen exclusión de clases sociais, a música sinfónica máis erudita que se programou nos auditorios das grandes cidades para os públicos das clases acomodadas. É, pois, de xustiza reivindicar as bandas de música populares como unha ferramenta punteira de pedagoxía e divulgación cultural presente na sociedade galega dos últimos 200 anos, creando un nutrido tecido cultural e unha rede de escolas de música en case a totalidade dos concellos do territorio.
A obra
O título Sinfonía Romaría reflicte as pretensións principais da obra, en primeiro lugar por emparellar unha dicotomía de palabras aparentemente incompatibles, aínda que neste contexto resultan absolutamente vencelladas. En segundo lugar, porque a obra recolle unha escolma de melodías ou músicas intrínsecas á cultura galega, que calquera persoa pode coñecer con alta probabilidade, co fin de crear un contexto de familiaridade que permita conectar co discurso sinfónico e, paralelamente, contribuír a manter viva a memoria do noso legado musical. Esta clase de material sonoro resulta idóneo para construír unha obra sinfónica clásica, e poder acometer o obxectivo pedagóxico de seguir a narrativa musical dende a comprensión, que é a base de conexión para o deleite da música sinfónica.
Conclusións
Resulta importante sermos conscientes do valor engadido que ten a música na sociedade actual, por ser un ámbito artístico arraigado na vida cotiá, que nos nutre de sensibilidade, coñecementos e desenvolvemento intelectual. Por isto é conveniente aproveitar os recursos pedagóxicos que caracterizan os concertos didácticos, para dotar de ferramentas de comprensión público máis novo dende unha escoita activa e participativa no discurso musical, conseguindo que resulte satisfactoria a comprensión da linguaxe sonora, tamén conseguindo espertar un interese que revirte no consumo directo desta disciplina artística.

Outra reflexión importante que debemos ter en conta é a de dar prioridade con confianza aos contidos musicais puros, espidos de connotacións innecesarias que poidan obstaculizar a conexión coa música. O resultado experimentado neste proxecto foi sorprendentemente satisfactorio en canto á consecución dos obxectivos programados previamente, así como en canto ao grao de conexión e participación activa do milleiro de adolescentes que asistiron á actividade. Esta conclusión convídanos a peregrinar por un escenario de optimismo en canto ás posibilidades de crear conexións da sociedade coa música sinfónica a longo prazo.
No contexto actual, a asistencia a un concerto de música sinfónica en directo é unha das escasas actividades que o ser humano realiza desconectándose do mundo virtual e tecnolóxico, ofrecéndose a si mesmo a oportunidade de atoparse, de dialogar e de reflexionar co seu mundo íntimo e espiritual, así como de experimentar conexións emocionais cos outros seres humanos e coa música directamente en bruto, sen ningún edulcorante artificial.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:


