Saúde mental e educación

Texto

Primeiro, unha pandemia mundial causada polo virus da COVID-19; despois, unha guerra en Ucraína e, entre medias, varias catástrofes naturais e a emerxencia climática. Esta é a sociedade que construímos, pero é a que desexamos manter?, é así como queremos vivir? Hai un sentimento estendido de que isto non pode seguir así. É necesario un novo Pacto social polo benestar común. É urxente rexenerar toda a sociedade, protexer o planeta, frear as condicións que conducen á extinción da nosa especie na Terra e avanzar no proceso de humanización. Non máis acumulación, senón máis benestar e coidados, situar a vida e o benestar das persoas no centro de todo.

A educación non pode converter a persoa nun ser perfecto, pero podemos intentar desenvolver o mellor dela, fomentar o auxe das relacións de convivencia e de amor nunha civilización propicia á poesía da vida, onde o Eu se realiza nun Nós. A reforma da sociedade e do individuo son inseparables. Pero non esquezamos que a educación é moito máis ca a escola, que se aprende en todos os sitios: na casa, na rúa, nos medios, nas redes sociais. A educación é responsabilidade de toda a sociedade, non só da escola.

Por iso, o sufrimento do alumnado débenos interrogar a todas as persoas vencelladas á educación, profesionalmente ou non. Os tempos demandan máis que nunca que a escola actúe como protectora da saúde mental e que, a partir da elaboración do sufrimento psíquico, coloque como eixe transversal do currículo e da práctica educativa o benestar da comunidade educativa, humanizando a educación.

É urxente unha revolución paradigmática: substituír os pensamentos simplificadores, parciais, excluíntes, por principios que permitan distinguir e reunir antagonismos complementarios. A escola debe interpretar o sufrimento psíquico de forma complexa, cunha mirada sistémica, multidisciplinar e global. Unha mirada recreadora, que sexa en si mesma terapéutica, tanto para o alumnado, como para o profesorado e familias. O trato tamén é o tratamento.

Hai que evitar a patoloxización xeneralizada da vida cotiá que conduce á mercantilización do sufrimento, facendo pasar os problemas sociais, laborais, escolares, económicos, como problemas mentais e psicolóxicos, de resposta técnico-sanitaria, sen abordar as actuacións educativas e sociocomunitarias que favorecen a inclusión, superando a estigmatización e a exclusión (Menéndez, 2022).

Unha escola do benestar só pode ser unha escola do ben común, onde se eduque para desencadear a conciencia crítica, a preocupación polo outro, pola outra, e a responsabilidade compartida. Non abonda con concibir a educación como a exaltación do principio de rendemento, que engorda o mercado e transforma a vida nunha competición perpetua. Que cada suxeito se desenvolva dun xeito óptimo faranos progresar a todas as persoas. 

Esta visión complexa e integral da saúde mental e a educación tentamos reflectila nos artigos que compoñen este monográfico, onde se recollen varios puntos de vista para a abordaxe da saúde mental dende os ámbitos psiquiátrico, psicolóxico e da orientación educativa. Nas páxinas que seguen poderemos achegarnos tamén a experiencias concretas sobre a saúde mental de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (espectro do autismo), así como as vivencias en primeira persoa sobre o malestar e benestar na escolarización dunha alumna con diversidade funcional dende Educación Infantil ata a Universidade. Achegámonos tamén a diversas propostas curriculares para traballar o benestar dende distintas áreas de coñecemento, á relación entre inclusión e benestar da comunidade educativa, e a interacción das redes sociais e a saúde mental. Recollemos experiencias en centros educativos sobre lecturas para a saúde, biblioterapia, libros que curan; e rematamos coa entrevista con Nélida Zaitegi, na que nos recorda que é importante a prevención, pero tamén a provención: prover o alumnado dos recursos para poder afrontar a incerteza no seu porvir, educando no coidado mutuo, na compaixón, no benestar persoal e colectivo.

Desde a coordinación do monográfico, queremos mostrar o noso agradecemento a todas as persoas que participaron coas súas achegas tanto na realización do propio monográfico como no conxunto deste número 87 da RGE.

Espertemos! Entramos na era das incertezas. Estamos condenados a reflexionar sobre as nosas vidas, sobre a nosa relación co mundo e sobre o mundo mesmo. Oxalá este proceso se traduza nunha rexeneración da política, nunha protección do planeta e nunha humanización da sociedade, da sanidade e a educación .

(Morin, 2020, 2022)

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir