Quen ten dereito a estar aquí

Texto

Os grandes enunciados traen moitas veces pequenas miudanzas no seu desenvolvemento. Sobre todo nestes tempos de relatos que fican moitas veces na palabra, na lenda, no lema que se repite, coma se polo feito de dicirmos unha frase de calendario xa estivésemos traballando a prol da resposta dos problemas coñecidos, ou dos inventados noutras ocasións.

Por iso, porque as grandes palabras moitas veces tapan as realidades sinxelas, cómpre facer un chamado á normalización dun concepto tan sobado como illado, a inclusión de todas no mundo de todas. A conciencia de que debemos garantir a participación de calquera persoa no común, no mundo real no que estamos sempre, lévanos a pensar quen ten dereito a estar aquí, onde vivimos todas, e de que maneira lle facemos un oco confortábel a todas as demais que van chegando.

E aquí as grandes palabras topan coa realidade teimuda: todo o mundo sabe que calquera ten todos os dereitos, pero cortamos outra tea cando poñemos sobre a mesa que eses dereitos implican tamén o esforzo das que convivimos con esa persoa, cando haxa que facer real a obriga que temos todas de facerllos efectivos. Do mesmo xeito que podemos esixir que nos fagan efectivos os nosos propios dereitos. Pensar no traballo real que a inclusión precisa, sen grandes verbas nin cartelería ridícula, é o que necesitamos facer, e facemos pouco.

Sen hipocrisías, o tratamento da diferenza tivo tradicionalmente dous elementos condicionantes fundamentais: a definición da diferenza por oposición á “normalidade”, e a consideración benevolente, e caritativa, da aceptación de quen non encaixaba nesa normalidade construída.

Así, primeiro definimos o que entendiamos como normativo: homes, brancos, heterosexuais, adultos e autónomos, ese e non outro era o nivel da normalidade; e nesa primeira condición botamos fóra de golpe as mulleres, as persoas doutras razas, quen non aceptase a sexualidade reprodutiva consagrada, a infancia, a ancianidade, e quen tivese calquera eiva de calquera caste –sexa o que sexa o que historicamente se consideraron eivas, que esa é outra cuestión-. Os nosos devanceiros limitaron ao máximo o concepto. Non hai que criticalos de máis, eran mundos duros, a competición era moitos veces pola simple supervivencia, daquela ninguén pensaba en relatos.

Co paso do tempo, pero moito máis recentemente do que nos gustaría aceptar como especie, fomos abrindo a nosa perspectiva. Fomos incluíndo dentro da normalidade as mulleres –mesmo dá arrepío pensar que algún día se pensou en serio en telas fóra-, as razas todas, as identidades e orientacións sexuais diversas, temos aínda moi pendente o trato correcto da infancia e da ancianidade, e avanzamos timidamente no que se refire ao que antes chamabamos eivados, e que hoxe, e aquí o relato si que fixo un papel cumprido, moito máis intelixentemente denominamos como “diversidade”, unha diversidade que xa non se confronta contra ningún outro concepto senón que se converteu na denominación común: a normalidade é a diversidade. Calquera, coa súa condición, forma parte do plural e pertence ao grupo. Agora toca incorporalo.

Bonito, non?, xa aprendemos, xa temos tanto feito, xa escoitamos políticos e comerciais do social falar de tantas cousas que ás veces semella que está todo resolto e só queda gozar do conseguido neste paraíso feliz no que din que vivimos. Pero aquí o relato xa non serve, de feito o relato está construído para ocultar o lixo e a vergoña que ben podiamos ver se mirásemos sen prexuízo a nosa propia contorna.

Aquí estamos moi lonxe de ter superado aquel concepto de normalidade que definín uns parágrafos máis arriba, en calquera das acepcións que poidamos pensar, pois nin temos as mulleres tan incorporadas como queremos pensar, nin miramos igual calquera raza, nin aceptamos toda a sexualidade por igual; pero quizais é na diversidade, nesas “eivadas” que antes se chamaban, onde teñamos o camiño menos iniciado, e onde hai máis que fozar para comezar os cimentos dunha sociedade inclusiva.

Mais, que vén sendo unha sociedade inclusiva?, entenderemos a inclusión como fai a Consellaría de Educación, “mirade que inclusivos somos que temos todo o mundo nas aulas”?, ou entenderémola como debese ser, fornecendo as aulas de medios para atender a diversidade?, máis aínda, estamos dispostas á inclusión fóra das aulas?, cando a responsabilidade xa non sexa das profesionais do ensino, da sanidade, dos servizos sociais, senón que sexa nosa?, cando non teñamos que reclamar que se adapte un manual dunha escola, senón que teñamos que traballar para que se adapte, por exemplo, un aviso que poñemos no taboleiro de anuncios da nosa comunidade?

A inclusión non é abrir as portas e deixar que todo o mundo entre; ese é o primeiro paso imprescindíbel no que aínda estamos pelexando, porque hai moita mala xente que pretende pechalas, pero non abonda. A inclusión é admitir que cando abramos as portas, quen entre vai evidenciar que non cabe nese corpiño que temos feito para as que agora habitamos o espazo dun xeito exclusivo. A inclusión é admitir que hai que cambiar a sociedade as veces que faga falta para que quen ata o de agora estaba apartada poida incorporarse coa súa diversidade a un mundo que tamén está pensado para ela.

Incluír é aceptar que non todas as persoas aprenden da mesma maneira, que non todas as nenas e nenos van responder homoxeneamente aos mesmos estímulos, que o nivel de importancia na aprendizaxe e no desenvolvemento é tan diverso como a persoa que o recibe. Incluír tamén é validar que esas persoas ás que agora “atendemos”, vanse converter en referentes proximamente, e van desenvolver un labor de formación para outras, porque mentres pensemos que as “eivadas” están sempre no lado das atendidas, non estaremos completando a inclusión.

E incluír, sobre todo é incorporar á nosa vida a realidade de que a normalidade non existe, ou existe dun xeito tan amplo que non paga a pena nin utilizar o concepto, por xenérico.

Incluír ten que ser sumar calquera á nosa experiencia vital, segundo a súa realidade, segundo a súa circunstancia, segundo a súa diferenza e singularidade, pero sumándoa; para ir construíndo ese mundo difícil e incómodo no que nada é totalmente estábel e todo pode ser variado en función das necesidades dun grupo social que ampliaremos constantemente.

Porque será incómodo e difícil, pero daranos o que sempre quixo calquera tribo: estar apoiadas polas demais para poder medrar e vivir con seguranza e felicidade.

E por certo, volvendo ao título, quen ten dereito a estar aquí?, pois calquera, ti e mais eu, todas e sempre. Porque non temos dereito a botar ninguén fóra, e ninguén pode invocar o dereito a facelo.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir