QUEN SON? Experiencia interxeracional para achegar o alzhéimer aos nenos/as
Resumo
Encontro interxeracional no Colexio de Friol, cun grupo de rapaces de 3º e 4º de Primaria, para achegar a enfermidade de alzhéimer aos nenos e nenas, como forma de sensibilización e como medida para fomentar que se involucren no coidado e atención das persoas maiores, e de persoas con alzhéimer
Encuentro intergeneracional en el Colegio de Friol, con un grupo de niños/as de 3º y 4º de Primaria, para acercar la enfermedad de alzhéimer a los niños/as, como forma de sensibilización y como medida para fomentar que se involucren en el cuidado y atención de las persoas mayores, y de persoas con alzhéimer
Intergenerational meeting at the Friol School, with a group of children from 3rd and 4th grade, to bring alzhéimer's disease closer to children, as a way of raising awareness and as a measure to encourage them to get involved in care and care of the elderly, and people with alzhéimer's
Texto
A experiencia que se relata a continuación desenvólvese en Friol (Lugo), unha localidade rural, que dista preto de 20 Km da cidade de Lugo e que conta cun número aproximado de 3700 habitantes. O principal motivo de propoñer esta localidade para realizar a actividade é polo forte arraigo cultural que existe cara ás persoas maiores, xa que hai un elevado número de nenos/as que conviven diariamente cos seus avós/as ou con persoas maiores, interacción que está máis ausente nas cidades.

Baixo o título “Quen son?” levouse a cabo unha actividade interxeracional no centro “CPI Dr. López Suárez” de Friol, cun grupo de aproximadamente 40 rapaces e rapazas que estudan 3º e 4º de primaria no devandito colexio, e que foi organizada de xeito conxunto por AFALU (Asociación de familiares de enfermos de alzhéimer e outras demencias de Lugo) e o equipo directivo do colexio.
O obxectivo desta actividade é achegar a realidade do alzhéimer aos nenos e nenas para que comprendan o que ocorre ás persoas que o padecen e, deste xeito, que lles perdan o medo, saiban como coidalas e atendelas e involúcrense no coidado dando resposta ás necesidades que poidan presentar, de xeito adecuado.

No desenvolvemento da actividade, diferéncianse tres partes, unha primeira parte, a modo de introdución, toma de contacto e para “romper o xeo” na que se realizou unha sesión de contacontos, cunha duración aproximada de 20 minutos, co recurso didáctico “ A miña avoa non se lembra do meu nome”, un conto que explica a doenza de alzhéimer, cunha linguaxe adaptada a nenos e nenas. Logo da lectura iniciouse un coloquio no que o alumnado tivo ocasión de dar a súa visión sobre o conto, os sentimentos que lles espertou, as dúbidas que lles apareceron (tanto da lectura como de experiencias propias), etc.
No desenvolvemento do coloquio incidiuse na importancia do apoio e atención ás persoas maiores que o precisan, nas dificultades ou problemas que poidan ter, igual que eles nos coidaron e atenderon cando eramos nenos e precisabamos do seu coidado e axuda.
A segunda parte, cunha duración aproximada de 30 minutos, estaba integrada por unha actividade enfocada a que os nenos e nenas experimentasen o que sente un enfermo de alzhéimer no seu día a día: na caixa sensorial (os nenos/as debían identificar un obxecto, sen velo, só polo tacto e as sensacións percibidas), experimentando así a nivel sensorial, motriz e cognoscitivo, as afectacións das persoas que sofren alzhéimer.
Para finalizar a experiencia, os nenos e nenas tiveron ocasión de interactuar cunha usuaria do obradoiro “ActivaMente” impartido por AFALU no Concello de Friol. Dita usuaria estaba familiarizada coa escola, xa que fora docente e directora da mesma, e tivo a ocasión de contarlles como era a súa vida cando ela era nena, como era a escola, o que estudaban, con que materiais, pero tamén como evolucionou e como era o ámbito escolar cando ela traballaba de mestra. Tamén lles falou da importancia de continuar facendo exercicios e de traballar coa memoria cando te vas facendo maior.

Esta experiencia foi valorada moi positivamente, tanto polos responsables da súa realización, como pola usuaria que participou interactuando en todo momento cos nenos e nenas e os propios cativos, creándose un ambiente excepcional e propicio para o desenvolvemento da actividade. A experiencia supuxo unha oportunidade de crecemento e intercambio de coñecementos, vivencias e emocións para os diferentes participantes na mesma, podendo constituírse nun bo exemplo para que outros colectivos que traballan sobre a temática do alzhéimer poidan encontrar neste tipo de iniciativas interxeracionais unha oportunidade xa non só para a estimulación cognitiva das persoas con alzhéimer, senón para a mellora da comprensión do problema por parte das persoas e familiares que teñen que convivir e axudar nos coidados das persoas que o padecen. Ao mesmo tempo, a perspectiva interxeracional, focalizada no diálogo entre a usuaria do obradoiro “ActivaMente” e o alumnado, supuxo unha forma de subliñar a importancia do avellentamento activo e sinalar a heteroxeneidade que define ao colectivo das persoas maiores.
Referencias bibliográficas
- Concello de Friol (xaneiro, 2023). https://www.concellodefriol.es
- CPI Dr. López Suárez de Friol (xaneiro, 2023). https://www.edu.xunta.gal/centros/cpidrlopezfriol
- Esteban, R. (2012). Mi abuela no se acuerda de mi nombre. Dib-buks.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:
