Quedamos ás escuras
Texto
Somos todos escravos do que precisamos
Jorge Palma
Que a dependência é uma besta
Que dá cabo do desejo
E a liberdade é uma maluca
Que sabe quanto vale um beijo
Compositor e cantante
(Lisboa, 1950)
Para un número centrado en todo o dixital e nas arestas que a educación neste ámbito evidencia, falar da serie Adolescence, estreada no mes de marzo e que narra a historia dun neno de 13 anos que é acusado dun asasinato, parece un asunto especialmente acaído. En efecto, a serie pon sobre a mesa moitas das cuestións que, non só nos ocupan como educadores, como educadoras, nestes tempos de vertixe, senón que mesmo nos aterran por sermos cada vez máis conscientes da escasa —por veces, nula— capacidade de reacción que, como responsables da integración no mundo —nun mundo cambiante e máis descoñecido do tolerable— das camadas máis novas da poboación temos. O poder das redes, a necesidade de adaptación ao grupo, o clarificador capítulo ambientado nun centro educativo ingobernable, a inquietante sesión entre o protagonista e a súa psicóloga xudicial, e a evidencia de que nunha familia corrente —e non só naquelas que denominamos desestruturadas, disfuncionais ou en situación de vulnerabilidade— a situación se pode descontrolar, parecían elementos máis que suficientes sobre os que reflexionar e sobre os que sacar conclusións. Mesmo a subcultura incel, claro.
Pero, non. De súpeto o 28 de abril de 2025 volvemos vivir un feito histórico: o apagamento que afectou todo o territorio peninsular. Algo insospeitado co que —sobra dicilo— non contabamos. Fomos quen, como grupo social, de sobrevivir nos primeiros momentos, sobre todo porque a apagada sucedeu con moito día por diante, pero todo aquilo que sustenta a nosa vida ordinaria, o certo é que foi caendo aos poucos. Acordámonos do demo por non termos conservado sequera un fornelo de gas e unha candea, por non saber como abrir á man a porta do garaxe ou por non darnos conta de que a caldeira da auga quente, por moito que vaia a gas, precisa dunha chispa eléctrica para botar a andar.
Pero no fondo volvemos sentir —na memoria segue a pandemia— que o mundo se podía volver paralizar, sumíndonos nun estado de calma tensa no que non puidemos esquecer as persoas que precisan de máquinas para manter a súa vida —a respiración asistida, por exemplo—, as persoas maiores que estiveron soas nas súas casas cunha incomunicación angustiosa e ás escuras e, por suposto, aquelas que como consecuencia do apagamento perderon a vida.
De novo, a educación tamén parou. Nesta ocasión, soamente por un día. Suficiente para que as persoas adultas de referencia das nosas crianzas sentisen incerteza e confusión, especialmente aquelas familias que viron afectadas as súas dinámicas de conciliación polo peche das actividades lectivas. Como xa chove sobre mollado, tamén hai que dicir que foron de novo as direccións as que deberon tomar a iniciativa sobre a necesidade de presenza ou non de profesorado nos centros educativos galegos, ante unha mensaxe un tanto confusa e ambigua da nosa Consellería.
A serie Adolescence sitúanos nunha reflexión necesaria sobre o alleos que somos ás características e necesidades da nosa rapazada nun mundo cada vez máis conectado, e o apagamento fíxonos conscientes da dependencia que, dende hai anos —pois isto non é de agora—, temos da electricidade e das tecnoloxías en xeral.
Probablemente as cousas non son nin brancas nin negras. As novas tecnoloxías ofrecen oportunidades interesantes e valiosas no ámbito educativo, pero tamén noutros ámbitos como o sanitario, por exemplo. Non parece adecuado demonizalas, pero tampouco eloxialas en exceso. Probablemente sexa preciso valorar que a través dun aparello ao alcance de todas as persoas, como é o móbil, poidamos ver e falar con outra persoa na outra punta do planeta; pero tamén ser conscientes de que as miradas, os abrazos e o contacto físico son algo que seguimos precisando para vivir.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats: