Presentación

Texto

A situación xerada pola COVID-19 creou condicións sen precedentes en todas as áreas da vida e afectou o conxunto do sistema social en termos difíciles de imaxinar. Ao igual ca dende o punto de vista sanitario, a situación está tendo e terá consecuencias moi importantes en clave social e educativa. Dende esta perspectiva, poucas veces un problema espertou a necesidade de pensar e repensar en tan breve tempo a diversidade de compoñentes que entran en xogo no complexo sistema educativo: cuestións derivadas do estado de alarma tales como a presencialidade ou non, os modelos de escola, a atención á diversidade en contextos e realidades moi diferentes, as situacións persoais do alumnado, as implicacións esixidas, o porvir da educación despois da pandemia…. A fenda social e dixital foi, probabelmente, un dos aspectos que se puxeron máis de relevo no medio deste panorama, abrindo máis unha vez o debate sobre os diferentes xeitos de avaliación, un tema que, en realidade, resulta de permanente reflexión.

A Revista Galega de Educación sente a necesidade de ofrecer algunhas reflexións que contribúan a abordar esta problemática e as súas implicacións no ámbito educativo galego. Con este fin organizamos unha separata en formato dixital que, aínda tendo como principal destinatario o profesorado en Galicia, non deixa de ter presente o acontecido noutras comunidades e países.

Partindo destas preocupacións coidamos oportuno organizar a separata en base aos seguintes bloques:

a) Contextualizando o problema

  • A escola que virá (Philippe Meirieu). Ofrece ao lector magníficas reflexións acerca do significado da escola que precisamos.
  • O mundo da escola distanciada end) Banco de Recursos tempos da COVID-19 (Equipo de Traballo de Nova Escola Galega). Un texto elaborado no marco do contexto galego a modo de crónica e de fotografía; nel téntase ofrecer unha visión sobre os efectos do Coronavirus e do confinamento no marco de diferentes contextos, a influencia no alumnado, nos centros educativos e nas familias ou sobre o papel da Consellería de Educación.
  • A discriminación da mocidade en situación de vulnerabilidade en tempos de teledocencia (Deibe Fernández-Simo). O documento analiza con detalle aspectos relacionados coa fenda social no ámbito da mocidade e pon de relevo o papel da educación social no labor de crear situacións que favorezan a atención á diversidade.
  • Retrato da teledocencia forzada: elevada desconexión, valor da educación presencial e suspenso xeral á Consellería (Suso Bermello). A CIG-Ensino amósanos un texto derivado dunha ampla enquisa enviada a docentes.

b) Experiencias

  • Aulas Galegas. Profesorado solidario en tempos de pandemia (Pilar Ponte). Unha magnífica achega froi to da iniciativa dun grupo de docentes a través dun traballo intenso e colaborativo.
  • Vedrea: Laboratorio social en tempos de confinamento (Iván García García). A experiencia supuxo un exercicio destacable para poñer en conexión as escolas, o alumnado e a comunidade en xeral, empregado a memoria patrimonial.
  • Nósxogamosnacasa. Recursos Lúdico-Educativos para un confinamento en familia (Javier Rico-Díaz e outr@s). Un exemplo claro de Aprendizaxe-Servizo onde profesorado e alumnado da Facultade de CC. da Educación de Santiago deseñaron diferentes propostas de actividades lúdico-educativas para este tempo.
  • Bibliotecas escolares abertas. Tamén cando os tempos son virados (María Pousa e Cristina Novoa). O texto amosa as posibilidades e a capacidade de reinvención ofrecido polas Bibliotecas Escolares neste período.

c) Para pensar

  • Para que serve a Economía? (Gonzalo Rodríguez). Ofrécenos unha valiosa reflexión sobre as relacións economía vs. mercado, de gran utilidade para podermos comprender igualmente a influencia da economía na consideración da educación.
  • Coronavirus, Territorio e Hábitat en Galicia (Paco Veiga García). O texto ofrece unha interesante reflexión acerca do exercicio de toma de decisión sen ter en conta os determinantes propios dos diferentes contextos.
  • Políticas educativas en tempos de Covid em Portugal (Ana Rita Ferreira e Daniela Gonçalves). O documento ofrece un panorama dalgunhas das iniciativas que viñeron desenvolvéndose durante este meses no contexto portugués.
  • Unha reflexión desde os estudos de Historia da Educación (Agustín Escolano Benito). Unha interesante achega sobre o valor da escola e da presencialidade, mais tamén sobre a conveniencia de repensala, dende os estudos e traballos feitos no marco da Historia da Educación.

d) Banco de Recursos

  • Materiais producidos en Galicia en tempos de confinamiento (Grupo de traballo Cavila – Nova Escola Galega). Un novidoso banco de recursos sobre materiais e experiencias que se están realizando como mostra da creatividade didáctica, complementario a outras achegas anteriores e que se irá ampliando e complementando en vindeiras seccións da revista.

En definitiva, un servizo que desde Nova Escola Galega e a Revista Galega de Educación queremos ofrecer ao conxunto da comunidade e das institucións educativas.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir