Preparar os currículos de Galicia: unha tarefa compartida e de deliberación á luz do día

Texto

A LOMLOE, que en aspectos importantes retoma adecuadamente a LOE de 2006, recoñece ás CCAA con lingua propia a posibilidade de fixar os currículos das distintas ensinanzas, co requisito de integrar as “ensinanzas mínimas”. A este respecto, sinala a LOMLOE no art. 6.3 que o Goberno central, previa consulta ás CCAA, fixará os aspectos básicos ou ensinanzas mínimas, que se cuantifican nun 50 % do tempo horario académico. As CCAA, con lingua propia recoñecida, poderán prescribir indicacións curriculares para un 40% do tempo, quedando un 10% a disposición dos centros docentes, que desenvolverán e completarán os currículos, con adecuación ás etapas e contextos socioculturais onde se sitúen, como terceiro momento de concreción curricular.

Indícase, ademais, que as administracións revisarán periodicamente os seus Decretos curriculares para a súa revisión e actualización, motivo polo que o Ministerio de Educación e FP creará no seu seo unha unidade especializada e técnica pertinente á cuestión (consultiva, ou mesmo prescritiva) con algunha participación das CCAA.

Noutra orde de consideración, promoverase a articulación dos currículos a partir das oito competencias clave sinaladas pola Unión Europea en 2006, facendo valer o enfoque competencial, que supón vincular contidos con competencias. E a LOMLOE preconiza que se distinga entre aprendizaxes esenciais (as que ninguén pode ignorar) e as desexábeis.

Veu sendo práctica repetida en Galicia que, logo de coñecidas as “ensinanzas mínimas” fixadas polo MEC, a Consellería de Educación da Xunta encargase a elaboración curricular a ensinantes fidelizados a través dos CEFORE e dos Servizos centrais de formación permanente, chegando esa documentación no last minute, antes de entrar en aplicación xeral, ao Consello Escolar de Galicia como órgano consultivo, onde se establecía un calendario para a presentación de propostas e emendas, todo a ‘resolver’ nun mes, con deliberacións a miúdo precipitadas e aprobación de partes do currículo polo sistema de grupos de opinión con bafo partidario, logo do que a Consellería podía converter isto en Decretos fixos e sen revisar (manda o DOG).

Un modo completamente inconsciente e administrativista, meramente ‘político’ e conservador, de posicionarse desde a Administración galega ante cuestión tan relevante. Repetiremos agora, entre 2021 e 2022 este torpe modo de funcionar? É para a Xunta o máis cómodo, pero non é intelixente para Galicia e os galegos/as.

Mentres non queden fixadas as ensinanzas mínimas estatais (proceso agora aberto) ‘non hai tarefa’ desde a Consellería. Pero hai moito que facer. A Consellería debe crear, canto antes, un amplo grupo de traballo docente de entre 30-40 docentes pertencentes a EI, Primaria, ESO, Bacharelato (do conxunto de grandes áreas, con presenza de formadores nos CFR e a través do CAFI, outros recoñecidos por publicacións específicas e con contido teórico-práctico e non só descritivo, e cunha representación específica de membros de MRP e/ou de organización sindicais docentes con programa e actividades de formación), eximíndoos por un tempo da actividade docente ordinaria, para -en colaboración cun núcleo de docentes universitarios con formación especializada no campo curricular- xerar un programa de formación didáctico-curricular, previo ao desenvolvemento de tarefas de elaboración curricular en Galicia. De camiño virán outros desempeños técnicos non menos necesarios.

Ou isto, ou un novo ‘toma e daca’ administrativo, feito con algunha nocturnidade.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir