Premio IES-G, unha experiencia normalizadora no ámbito comercial
Resumo
O Premio IES-G é unha iniciativa normalizadora aberta á contorna educativa do IES Nº 1 da Estrada que se desenvolve dende o ano 2013. O seu obxectivo é recoñecer boas prácticas no uso do galego no sector socioeconómico local para promover a reflexión sociolinguística, rachar actitudes diglósicas e reforzar as interaccións comerciais no noso idioma no conxunto da comunidade educativa, a veciñanza e o empresariado.
El Premio IES-G es una iniciativa normalizadora abierta al entorno educativo del IES Nº 1 de A Estrada que se desarrolla desde el año 2013. Su objetivo es reconocer buenas prácticas en el uso del gallego en el sector socioeconómico local para promover la reflexión sociolinguística, romper actitudes diglósicas y reforzar las interacciones comerciales en nuestro idioma en el conjunto de la comunidad educativa, la población local y el empresariado.
The IES-G Award is a linguistic standardisation initiative focused on the community of IES Nº 1 in A Estrada since 2013. The aim is to identify good practices by using Galician language in local socioeconomic sector in order to promote socio-linguistic reflection, prevent diglossic attitudes and reinforce commercial interactions in our own language among local entrepreneurship and students, as well as, local people.
Texto
O punto de partida
A planificación lingüística dos centros educativos non pode considerarse completa se non contempla a función normalizadora da escola na realidade social en que se insire. No entanto, a aprobación do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, veu constrinxir esta concepción ao priorizar no seu articulado a distribución horaria das linguas vehiculares (introducindo a lingua estranxeira -maiormente o inglés- como cabalo de Troia para reducir a presenza do galego) na procura da consecución dunha competencia lingüística (xenérica) nas dúas linguas oficiais.
Ademais de prescribir a limitación do galego como lingua de adquisición de coñecementos e obxecto de aprendizaxe en si mesma, circunscribe, de facto, o seu fomento ao programa de actividades extraescolares e complementarias (artigo 11) e desvaloriza os axentes máis directamente implicados nesa promoción, os “equipos de dinamización da lingua galega”, xa non de “normalización” (artigo 15). Ao mesmo tempo, a administración educativa detraeu recursos e formación para os plans de fomento do galego no ensino e desentendeuse da función planificadora, avaliadora e reorientadora da súa promoción, que se activara ao abeiro do Decreto 124/2007, do 28 de xuño: encontros e seminarios específicos, manuais (A planificación lingüística nos centros educativos e a súa Guía práctica), maior dotación orzamentaria, repertorio de boas prácticas, inclusión nas liñas de innovación educativa, etc.

Unha iniciativa como o Premio IES-G de apoio e promoción da lingua galega no comercio estradense nace daquel impulso de 2007, en definitiva, do PXNLG de 2004 (Sector 2. Educación, familia e sociedade), asumindo que a escola debe mellorar a competencia lingüística, normalizar o corpus e mellorar o estatus social do galego como unha peza máis -importante, mais non a única- dun contexto cultural onde se aprende a lingua vinculándoa cos usos sociais que se fan dela. En definitiva, saír do centro ao encontro doutros axentes para reforzar o noso labor noutros sectores sociais.
O contexto
O IES Nº 1 da Estrada é un centro que comparte localización cos outros dous institutos do Concello, que imparte a ESO (liña 2) e que ten adscritos os CEIP do Foxo, Codeseda, Oca e Vea. Polo tanto, acolle alumnado procedente do medio rural, así como, excepcionalmente, da propia vila. A matrícula actual é de, aproximadamente, 140 alumnos/as, o que supón un descenso dun 35% respecto ao ano 2013, data do lanzamento do Premio IES-G.
Do Proxecto Lingüístico de Centro vixente, que recolle datos da enquisa sociolingüística realizada en outubro de 2020, podemos extraer as seguintes conclusións en relación ao alumnado:
- Que a lingua habitual de comunicación entre iguais é o galego (57% só galego e un 11% máis galego ca castelán);
- Que o 55% dos discentes declara ter como lingua materna o galego e un 35% ambas, mais esta porcentaxe diminúe progresivamente respecto aos estudos anteriores;
- Que nas interaccións bilingües mudan antes de idioma os galegofalantes ca os castelanfalantes;
- E que os galegofalantes aínda senten, en xeral, inseguridade, falta de prestixio e complexos no relativo ao uso do idioma.
Entre as liñas de actuación do fomento da lingua galega entre o alumnado, o Premio IES-G encaixaría especialmente nestas:
- Dar a coñecer, dende unha perspectiva crítica, a realidade sociolingüística da nosa comunidade educativa.
- Recoñecer o galego como lingua válida para a comunicación en calquera outro ámbito social, animando a empregalo tamén nas súas vidas cotiás.
- Tentar que o alumnado se sinta protagonista do proceso de dinamización do galego, achegando iniciativas propias e contribuíndo a desenvolvelas.
A actividade
Dende o curso 2012-2013, e de maneira ininterrompida ata 2019, o Premio IES-G recoñeceu o labor normalizador de establecementos comerciais e hostaleiros: Marxe (libraría), Treixa (xastrería e moda), Copiestrada (imprenta), Calzados A Esquina, Taberna Navegación, Nobelo a Nobelo (tenda de tecidos e costura creativa) e Tapería O Camiño.
A existencia dun galardón que distingue publicamente a oferta positiva en galego neste campo non é orixinal, vénse facendo dende diferentes ámbitos, nomeadamente o municipal (Premio Manuel Beiras do Concello de Santiago), o asociativo (proxecto Abertos ao Galego da Mesa pola Normalización Lingüística) e o institucional (Foro Enrique Peinador e SXPL). Tamén dende o ensino, habitualmente en colaboración cos concellos e as asociacións locais, a través de accións diversas, dende o asesoramento e tradución das cartas dos restaurantes e da etiquetaxe de produtos ata a promoción do uso do galego nas campañas comerciais (rebaixas, nadal, etc.) pasando pola galeguización da publicidade no sector servizos en xeral.
“Abrindo portas en galego” e “Vendendo ou mercando, galego imos falando” (IES Félix Muriel de Rianxo), “Galiméntate” (IES A Paralaia de Moaña), “Ribadeo, con moito gusto na túa lingua” (IES Porta da Auga) ou “Valentín Paz Andrade. Empresa en galego” (CGENDL), son algunhas das iniciativas referenciais ás que se seguen sumando outras como a recente “Aquí tamén se fala galego” (IES Rafael Dieste da Coruña).
A nosa experiencia vincúlase máis directamente co I Premio á Normalización Lingüística no Sector Comercial do Concello de Silleda, que se convocou en 2014 e que impulsou o EDLG do IES Pintor Colmeiro. Ademais de galeguizar cartas de restaurantes, contou cun estudo realizado polo alumnado sobre o contexto lingüístico de Silleda que indicaba que a utilización do galego nas empresas se reducía a un 20% no tocante á sinaléctica e outros usos.
Un ano antes, o EDLG do noso centro non partía dunha enquisa, mais si da percepción de que A Estrada presentaba unha paisaxe lingüística semellante, tamén no eido comercial e empresarial. Polo tanto, dende ese coñecemento das realidades e sensibilidades presentes entre a poboación local, resultaba pertinente orientar un proxecto de normalización lingüística cara ao exterior pois considerábase -e considérase- a lingua como parte dunha armazón cultural na que se adquiren as destrezas e as actitudes lingüísticas. Os obxectivos concretos do Premio IES-G son:
- Realizar unha análise sociolingüística do sector para coñecer os seus usos e reflexionar sobre a realidade da contorna.
- Estimular a reflexión na comunidade educativa, a veciñanza e o empresariado local sobre os usos diglósicos centrándose nun sector concreto de alto prestixio social.
- Reforzar o uso oral do galego nas interaccións comerciais ampliándoo aos usos escritos formais.
- Favorecer, a través do recoñecemento das boas prácticas, unha actitude positiva e desprexuizada do galego como lingua de interacción coa clientela e evidenciar que engade un valor positivo nas relacións comerciais, que facilita a comunicación e achega confianza ao público.
O recoñecemento é de tipo simbólico: o comercio premiado recibe -publicamente e de mans do alumnado- a acta, o diploma acreditativo, unha flor natural e mais un libro que se compromete a expoñer no establecemento.

Tras o parón provocado pola pandemia, no curso 2022-23 o EDLG recuperou a iniciativa e inseriuse nunha secuencia didáctica da materia de Lingua e literatura galega de 4º ESO con estes obxectivos:
- coñecer e aplicar o concepto “normalización lingüística” a través dunha actividade normalizadora real,
- introducir o alumnado no traballo de campo e realizar un informe final,
- e favorecer o traballo cooperativo.
Na actividade participou todo o grupo (17 alumnos/as), desenvolveuse con maior intensidade no 3º trimestre e, partindo do currículo da materia, constou das seguintes fases:
- Desenvolvemento de contidos e actividades de aprendizaxe: estereotipos e prexuízos lingüísticos; conflito lingüístico, bilingüismo social e diglosia; normalización lingüística; historia social do galego dende comezos do século XX á actualidade.
- Aplicación dun descritor de campañas normalizadoras para identificar os seus elementos: axente(s) e ámbito(s) de actuación; persoas destinatarias; obxectivos; medidas e accións; repercusión en usos, competencias e/ou actitudes. Analizáronse experiencias educativas, como o propio Premio IES-G, e outras externas como Orgullo Galego, que visitou o centro no marco do Programa Letras Galegas 2023.
- Traballo de campo para cubrir a enquisa de observación de usos lingüísticos no comercio e a hostalaría. Cada grupo debía achegar, cando menos, tres propostas.
- Reunión do xurado para resolver o premio na súa 8ª edición.
- Comunicación do galardón, difusión en prensa e redes e entrega na gala “Revista Viva. Nós de Nós”, organizada pola biblioteca escolar e o EDLG no Teatro Principal da Estrada.

Valoración dos resultados
Nesta última edición, recoñeceuse o uso normalizado da lingua que fai a Pastelería Mimela, un negocio familiar aberto dende 1984 e rexentado por Antonio Sanmartín Chao. En concreto, valorouse o uso do idioma na atención oral, na cartelería interna e externa, así como, especialmente, nas campañas de publicidade que realiza periodicamente e nos contidos publicados nas redes sociais, onde se percibe un uso coidado, rigoroso e de calidade do idioma.
Ademais, o EDLG considerou moi positivo que a Pastelería Mimela destaque por ofrecer un produto de calidade, artesán, innovador e responsable socialmente cos ingredientes e produtos que elabora, e que non só conta cunha clientela local fiel senón que tamén atrae numerosos compradores de fóra do Concello. Sen dúbida ningunha, ao tempo que o galego é un ingrediente que achega valor engadido a este comercio de referencia o idioma tamén se asocia a este conxunto de índices de calidade.
A acollida por parte do establecemento foi moi boa e así se manifestou tanto no acto de entrega como en diferentes ocasións nas redes. Igualmente, a difusión en prensa e nas redes sociais tivo un impacto notable.
Como proposta de mellora, estúdase a posibilidade de abrir a iniciativa IES-G a colaboración con outros axentes e considerar novas medidas na liña das experiencias educativas referidas anteriormente coa finalidade de avanzar na galeguización do tecido comercial e empresarial local.
Fontes electrónicas
- Coordinadora Galega de ENDL (2012). Valentín Paz-Andrade. Empresa en galego. http://consellodacultura.gal/fondos_documentais/web/coordinadoraendl/empresaengalego/accions.php [Data de consulta: 30/06/2023]
- EDLG do IES Nº 1 da Estrada (2023). Proxecto Lingüístico de Centro 2020-2024. http://ir.gl/70fa8e. Descritor de campañas normalizadoras. http://ir.gl/c9ac5d. Enquisa de observación de usos lingüísticos Premio IES-G. http://ir.gl/2b2cd8. A Revista dunha comunidade educativa viva. http://ir.gl/9c86b7. [Data de consulta: 30/06/2023]
- EDLG do IES Pintor Colmeiro (2013). A paisaxe lingüística de Silleda. Bases para a normalización do entorno. https://silledaasferreiras.blogspot.com/2013/06/a-paisaxe-linguistica-bases-para.html [Data de consulta: 30/06/2023]
- EDLG do IES Rafael Dieste da Coruña (2023). Aquí tamén se fala galego.
- https://iesrafaeldieste.blogspot.com/2023/05/actividade-aqui-tamen-se-fala-galego.html [Data de consulta: 30/06/2023]
Referencias bibliográficas
- DECRETO 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. DOG núm. 97, do 25 de maio de 2010.
- Fernández Paz, Agustín et alii (2007, a).A planificación lingüística nos centros educativos. Santiago de Compostela: Secretaría Xeral de Política Lingüística, Xunta de Galicia.
- Fernández Paz, Agustín et alii (2007, b). Guía práctica para a planificación lingüística nos centros educativos. Santiago de Compostela: Secretaría Xeral de Política Lingüística, Xunta de Galicia.
- Silva Valdivia, Bieito, Rodríguez Rodríguez, Xesús, Vaquero Quintela, Isabel (coords.) (2011). A planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios: actas das II Xornadas “Educación e linguas en Galicia”. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:
