Patrimonio e educación

Texto

Os estudos sobre o patrimonio experimentaron un crecemento exponencial nas últimas décadas ao abeiro das iniciativas de institucións internacionais, nacionais, rexionais e locais que interveñen na súa definición, catalogación e protección, así como froito da investigación académica nos ámbitos da xestión e da educación patrimonial.

A concepción do patrimonio evolucionou desde unha perspectiva tradicional, centrada nos monumentos de maior antigüidade, a outra máis holística que inclúe todo tipo de patrimonios antigos e actuais. Desde a mirada posta nos obxectos, a outra dirixida ás persoas e aos vínculos que establecen con diferentes elementos patrimoniais. Desde un patrimonio “exclusivo” definido e xestionado polos organismos nacionais e internacionais, a outro “inclusivo” que dá acollida á diversidade de comunidades que producen patrimonio.

As relacións entre a educación e o patrimonio tamén pasaron por diferentes enfoques dos que son bo testemuño as expresións educación co patrimonio, educación do patrimonio, educación para o patrimonio, educación desde e cara ao patrimonio. Actualmente estas relacións adquiriron a condición de disciplina –a educación patrimonial– que experimentou un crecemento extraordinario en España nas dúas últimas décadas, como pon de manifesto o traballo de Olaia Fontal que encabeza este monográfico.

Estudantes do Grao de Mestre/a no Castro da Cidá (Ribeira)

Os outros cinco traballos do monográfico teñen a súa orixe na investigación e a innovación educativa desenvolvidas en Galicia, no seo do Grupo de Investigación RODA da Universidade de Santiago. Analizan aspectos da educación patrimonial nos diferentes niveis educativos e abordan temas como o patrimonio e a recuperación da memoria, os usos educativos do patrimonio natural, o aproveitamento educativo dos parques arqueolóxicos, a presenza do patrimonio local nas aulas de infantil ou as relacións do alumnado de primaria co patrimonio.

Na sección Experiencias recóllense varias mostras de traballos co, desde e para o patrimonio nas aulas de infantil, primaria e secundaria. E na Entrevista conversamos con Miguel Ángel Cajigal (“O Barroquista”) sobre museos e educación.

Este monográfico pretende contribuír á comprensión do patrimonio desde unha perspectiva holística e interdisciplinar. A través dos traballos e experiencias que se ofrecen agardamos favorecer o desenvolvemento de prácticas innovadoras en educación patrimonial que permitan apreciar e difundir mellor o noso patrimonio, así como formar cidadás e cidadáns críticos e activos fronte aos retos da sociedade actual.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir