Panoraula

Texto

Actualidade da política educativa

No que levamos de curso e de ano temos unha chea de novas, de propostas e de polémicas. Vexamos.

  • Aparece o primeiro informe PISA pospandemia. Sempre marcamos dende esta sección unha sa distancia: polo que avalía (competencias en lingua, matemáticas e ciencias) e polo que non (outras materias e ámbitos, valores, actitudes…); pola característica do organismo promotor (OCDE), polo relativo e o enganoso que implica establecer clasificacións etc. Pero o escenario é similar a outras avaliacións. Uns (goberno central e/ou autonómicos) sacando peito se van mellor que outros, resaltando por exemplo que, coa pandemia, España en conxunto baixou menos que outros países. Outros (oposicións varias) resaltando que os resultados son algo peores, e xa non eran bos… todo xa visto e esperable.
  • Pero esta vez o Goberno central, para amosar dinamismo e preocupación, sae ao paso dos resultados do informe PISA cun plan e con diñeiro. 500 millóns de euros para reforzos en matemáticas e lingua, para formación do profesorado e para diminución da ratio nestas materias. Benvida sexa a preocupación e o dinamismo. E agora veñen os ‘peros’:

    A cantidade de diñeiro non se corresponde co obxectivo pretendido. CCOO analiza que se necesitaría o triplo só para baixar ratios; ANPE di que a cantidade só chega para atender o 5% do alumnado… En todo caso, habería que detallar partidas e agardar que a este esforzo de investimento se sumasen tamén os gobernos autonómicos incrementando eles este diñeiro inicial, pois son os directamente responsables e os que teñen as competencias. Pola contra, xa veremos como se distribúen nalgunha comunidade autónoma os cartos e onde van parar.

    Outro ‘pero’ son as clases de reforzo fóra do horario. Non é a primeira vez que se establecen reforzos (recordemos o PROA) e non sempre o feito de incrementar o tempo dedicado a unha materia concorda con mellorar o rendemento na mesma. Seguramente baixar as ratio é moito mais eficaz para conseguir a atención á diversidade sen períodos de tempo extra que cargan en exceso e estigmatizan. Tamén o cambio de metodoloxía e do currículo é fundamental a fin de presentar esta formación básica para a cidadanía como algo accesible e necesario para desenvolvernos na sociedade e non como algo complexo e cheo de algoritmos e fórmulas (caso das Matemáticas) cunha finalidade esencialmente propedéutica. Claro que iso necesita tamén un serio cambio curricular nas etapas obrigatorias e del non se fala, parece tabú. Quedámonos co que consideramos positivo: mellorar as ratio e a formación do profesorado para saudar esta medida e atenderemos a como se pon en marcha e como se priorizan os investimentos.
  • Outra iniciativa gobernamental sacode a actualidade despois de que voces alarmadas (e algunhas alarmistas) creen un estado de opinión desfavorable co uso dos móbiles nos centros. Esta vez as voces proceden de todos os sectores educativos (agás, comprensiblemente, do alumnado) e teñen pouca réplica pública. Ten tamén esta medida o acordo nada menos que do Consello Escolar do Estado e doutros como o de Cataluña. A presenza invasiva e incontrolable das redes sociais, a dependencia moitas veces obsesiva dos aparellos, a súa utilización perigosa (acoso, acceso dos menores á pornografía, enganos de todo tipo tamén delitivo etc.) forman unha rede de argumentos moi sólidos e convincentes para mesmo facer que o goberno anuncie a prohibición dos móbiles nas etapas de Infantil e Primaria e a regulación restritiva nas outras. É un debate case sen réplica. Parece difícil razoar contra argumentos tan poderosos. Non é doado facer preguntas como as seguintes: Como prohibir na escola algo que está omnipresente na sociedade, como tamén no profesorado e no ámbito familiar?; os centros xa non permiten usar o móbil se están nunha actividade que non o necesita e polo tanto molesta, é necesaria esta prohibición xeral?, non o faremos coa súa prohibición un obxecto aínda mais desexado?, por que non se fala de incluír no currículo de xeito relevante a educación nos medios e na convivencia dixital?, como vamos prescindir por decreto dun instrumento tan poderoso que reúne practicamente todas as pantallas: televisión, cine, ordenador, tableta, navegador, lectores dixitais… e moitos instrumentos útiles: calculadora, gps, gravadora, enciclopedia, reloxo, axenda, correo, e infinitas máis?, é incómodo que o alumnado teña a un clip unha información que pode contradicir a que está recibindo na aula…? Contrastemos, fagámonos as preguntas aínda co risco de ser molestos e ir contra corrente, pois parece ser esta a única medida gobernamental non controvertida nin vilipendiada pola durísima oposición política.
  • Outra volta co globo do ensino bilingüe, consistente en impartir materias nun segundo idioma (terceiro en Galicia). No seu día fixémonos eco nesta sección do estudo feito en Madrid por varias Universidades (Carlos III, Autónoma e University College de Londres), ao que se suma un outro estudo do Movemento de Renovación Pedagóxica Acción Educativa, agora entre o profesorado; todos eles indican poucos ou ningún avance na aprendizaxe do inglés, e claros retrocesos nas materias que se impartían nese idioma. Agora, para remachar, na revista Language and education publícase un estudo feito en colexios andaluces no que se afirma, ademais, que estes programas bilingües son discriminantes. Son máis atractivos para perfís sociais con máis expectativas académicas e desalentadoras para o resto. As familias con perfís socioeconómicos baixos temen (con razón) que necesiten facer un desembolso económico para procurar con clases adicionais que os seus fillos e as súas fillas non queden atrás nas materias que se imparten en inglés. Polo tanto, ademais de peores resultados, a medida produce tamén segregación escolar, que aparentemente era o que se pretendía evitar. As razóns para implantar estes programas eran mellorar o nivel de inglés nos centros públicos, onde acode o alumnado que non pode pagar clases extra ou non pode viaxar e/ou facer estudos noutros países. En Galicia, xa no cume da contradición, utilízase tamén para minorar o uso académico do galego alegando con razóns similares un presuntamente benéfico trilingüismo.
  • A Consellería, mediante unha RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 2023, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, convoca á participación no programa de formación “Observa_Acción: desenvolvemento competencial desde a observación e o intercambio entre iguais”, durante os cursos escolares 2023/24 e 2024/25, que se levará a cabo a nivel autonómico, estatal e internacional. Faino coa finalidade de fomentar o desenvolvemento profesional nas Competencias Profesionais Docentes para a cooperación e colaboración, a construción conxunta de coñecemento e o liderado e xestión de centros a través do intercambio de boas prácticas e a observación entre iguais. Saudamos esta iniciativa aproveitando a oportunidade que propician a Unión Europea e o Goberno Español para aprender boas prácticas mediante intercambio entre os centros, propiciando ao tempo unha formación práctica, crible e en ocasións próxima, que pode resultar moi potente.

Arredor da galeguización

A Escola Aberta de Formación Permanente da Universidade de Vigo vén de publicar a guía Materiais didácticos para a promoción do galego nas aulas, destinada ao alumnado que cursa a materia de Didáctica da lingua e da literatura infantil dentro do grao de Educación Infantil, que contén o deseño de sete prácticas dirixidas (1: A voz, instrumento para lermos o mundo; 2: Que é ler? Do texto ao paratexto: todo conta; 3: Clásicos universais de tradición popular e as súas (re) visitacións: con que obxectivos son reescritos na actualidade?; 4: Clásicos contemporáneos; 5: Poesía e música para a inclusión; 6: Álbums sen palabras: a esencia da alfabetización visual; 7: Lecturas para a diversidade, e remata cun apartado de referencias bibliográficas). O documento, elaborado polas profesoras Isabel Mociño-González e Eulalia Agrelo-Costas, ten como obxectivo achegarse en profundidade á lectura e ao libro, con particular atención ao álbum ilustrado e ás súas múltiples dimensións (linguaxes, temáticas, formato…). Como se indica na Introdución, trátase dun traballo máis reflexivo e experiencial ao redor dos libros para as crianzas, que tenta incidir na concepción da lectura como un acto social que promove no espazo da aula un clima de confianza e afectividade entre docente e discentes, pero tamén no valor do libro como elemento transmisor de cultura e como medio capaz de fortalecer vínculos afectivos e lúdicos, a través de modelos lectores de referencia.

Experiencias

Seis centros educativos públicos (entre Tui, A Limia e Verín) participan no programa Escolas de fronteira, que ten por obxecto promover as competencias bilingües e interculturais entre centros, docentes e alumnos de Galicia e Portugal en espazos fronteirizos. Este proxecto piloto tenta promover actividades culturais e pedagóxicas, así como a promoción da identidade común dos pobos galego e portugués dentro dunha perspectiva xeral de integración europea e do mundo lusófono. Para iso, faranse actividades interdisciplinarias que engloben as realidades de ambos os países e, en particular, o territorio fronteirizo no que se atopan as escolas. Cada centro participante realizará un proxecto en conxunto co seu centro espello portugués, e promoverase a creación e intercambio de recursos pedagóxicos.

— A biblioteca é un recurso fundamental do centro educativo, mais tamén pode ser un núcleo importante de dinamización comunitaria. Oito colexios de Vigo na área de Coia participan nun programa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, “Lectura e Familia” que alenta as familias a implicarse no fomento da lectura con actividades en horario de tarde e tamén nas fins de semana, co obxecto de ofrecer as bibliotecas escolares dos centros ao conxunto da comunidade educativa. Esta iniciativa, que xa vai na segunda edición, transcende o uso tradicional da instalación como espazo de lectura para ser un núcleo dinámico de encontro e convivencia para toda a veciñanza do barrio de Coia. Mediante esta experiencia non só se reforza a competencia lectora no sentido máis académico senón outros formatos como o uso de tecnoloxía audiovisual e dixital. “Involucrar as familias e toda a veciñanza é moi enriquecedor. Ver que hai colas para recoller os libros é indescritible; a biblioteca escolar está viva, sempre en movemento e con ela todo o barrio”, aclara a profesora Isabel Nuevo, directora dun dos colexios participantes, o CEIP “Illas Cíes”.

Encontros e xornadas

Baixo o lema “Bebendo do pasado marcamos o rumbo do presente”, a Casa de Cultura do Concello da Pontenova acolleu os días 10 e 11 de novembro as IV Xornadas da Terra de Miranda, organizadas por NOVA ESCOLA GALEGA. Os obxectivos que centraron estas Xornadas foron os de analizar e explicar, situándoa no seu contexto, a realidade educativa no medio rural galego, en xeral, e na Terra de Miranda en particular; identificar, a carón desa realidade educativa analizada, as características -naturais, económicas, sociais, asociativas…- que determinan o estado actual da comarca; situar estes elementos analizados e identificados, no contexto de Galicia e na procura da concepción dunha estratexia global de desenvolvemento do medio rural e, particularmente, poñer en común experiencias educativas, asociativas e económicas que contribúan á planificación dunha estratexia galega de desenvolvemento concibida desde e para o medio rural.

O 2 de novembro de 2023 celebráronse as XVI Xornadas: “Os Recursos Educativos en Galego”: Materiais e Recursos Didácticos en Galego para unha perspectiva interxeracional. Relevancia para a normalización, organizadas pola Comisión de Cultura e Política Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da USC. Os seus obxectivos: “Coñecer os recursos educativos existentes en lingua galega para a educación das persoas adultas e maiores, e para o desenvolvemento dunha acción docente en perspectiva xeracional; definir estratexias e criterios para buscalos e escolmalos. Avaliar a súa relevancia para a normalización lingüística; promover a creación de recursos educativos e materiais didácticos propios adaptados ás necesidades contextuais e lingüísticas de Galicia, e impulsar a difusión de experiencias centradas na utilización e elaboración de recursos didácticos en lingua galega”.

Libros e ensaios

  • Educa desde el corazón. En el aula… contagia tu pasión (Editores Varios, 2023). Un compendio de textos dirixidos a profesores, mestres, familias, alumnado… “e a calquera educador que viva o ensino e sinta os seus problemas”, sinala o autor, José Antonio Labandeira Prieto, moitos anos docente comprometido no colexio dos Maristas de Vigo. Salienta, ademais, que hai que avanzar, camiñar, nunca deterse. Na análise dos temas que aborda ao longo dos textos “vou presentando a posibilidade dun ensino activo, máis humano, libre, democrático e personalizado, onde o alumno se sinta protagonista da súa formación, responsable do seu traballo, partícipe da cultura e da historia, e coñecedor da sociedade que o rodea”.
  • Pedro, o piloto de gaivotas (Editorial Belagua, 2023) é o personaxe protagonista dun conto infantil, pero tamén é o fillo do escritor Manuel Darriba, quen ideou este material para sensibilizar e dar visibilidade á discapacidade infantil a través da historia do seu pequeno de tres anos, un neno que padece unha doenza das denominadas raras, a chamada síndrome de inversión duplicación do cromosoma 15. Pedro, o piloto de gaivotas conta con ilustracións de Aida Alonso.
  • O Premio Arume de poesía para a infancia que cada ano outorga a Fundación Xosé Neira Vilas recaeu na edición 2022 no texto Os versos da mariola, de Antón Cortizas, no que o autor reivindica a través dun xogo de palabras o xogo tradicional mediante a poesía e a ilustración. Un xogo literario sobre os vellos xogos da infancia e tamén un libro pensado para xogar coa súa lectura a través das propias ilustracións, “unha sorte de brincadeira coa palabra poética como vehículo para achegarse a un encontro entre a rapazada, máis alá da tecnoloxía ou as pantallas que predominan hoxe en día”. Antón Cortizas conta cunha traxectoria ampla e sólida no mundo da literatura infantil e xuvenil: Premio Barco de Vapor en 1988 por Memorias dun río, e en 1995 por Os gritos das illas Lobeiras. Premio Merlín 2001 por A merla de trapo. Premio da Mostra de Teatro Xeración Nós en 1994 por Incrible invento de Solfis, a pianista. Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil en 2014 por Xogando con gatos. Ten destacado ademais, no eido da investigación no campo dos xogos tradicionais como autor de Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza, que mereceu os premios Premio Rosalía de Castro á Iniciativa Editorial en 2013, e Premio Losada Diéguez de Investigación en 2014.

Recursos e materiais

Unha historia máis da represión franquista sobre o maxisterio. El maestro que prometió el mar é un filme estreado en 2023, dirixido por Patricia Font con guión de Francesc Escribano e Albert Val. Está baseado en Desenterrando el silencio. Antoni Benaiges el maestro que prometió el mar (Desenterrant el silenci. Antoni Benaiges. el mestre que va prometre el mar, título en catalán), novela de 2013 do propio Escribano na editorial Blume. Narra a conmovedora historia baseada en feitos reais do mestre de orixe catalá Antoni Benaiges, destinado á Escola Nacional Mixta de Bañuelos de Bureba (Burgos) e do seu método, achegado á pedagoxía de Freinet mediante a participación activa dos rapaces e o uso da imprenta escolar, que transformou a vida dos seus alumnos e tamén a de todo Bañuelos. Antoni Benaiges prometera aos seus alumnos e alumnas levalos ver o mar desde as terras burgalesas, pero a finais de xullo de 1936, o mestre desaparece. Durante máis de 75 años, a memoria do seu traballo e da súa figura permaneceu entre familiares e antigos alumnos, ata que en 2010 un veciño de Bañuelos fixo emerxer o mestre asasinado, e traelo á realidade da foxa onde estaba sepultado.

Exposicións

“As mulleres do Seminario de Estudos Galegos”, foi unha exposición bibliográfica, documental e gráfica situada na Biblioteca de Galicia, organizada no marco da celebración do centenario do SEG, sobre aquelas mulleres que tiveron algún tipo de relación co SEG. A exposición pretendeu mostrar o labor de mulleres como Pura Lorenzana, Sara Leirós, Luisa Cuesta ou Carmen Pardo Losada, que conformaban parte dunha elite intelectual con grandes inquedanzas sobre Galicia; mulleres que entraron en espazos que ata ese momento estaban reservados só a homes, o que significou abrir camiños novos polos que transitaron posteriores xeracións de mulleres.

Recoñecementos

Moaña, cidade amiga da infancia. O Ministerio de Mocidade e Infancia, a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), o Instituto Universitario de Necesidades e Dereitos da Infancia e a Adolescencia (Iundia) e Unicef, que conforman a Secretaría Permanente de Cidades Amigas da Infancia, recoñeceron na edición de 2023 o concello de Moaña como Cidade Amiga da Infancia polo seu labor continuado a este respecto. Un recoñecemento, que implica compartir a visión e realizar accións encamiñadas a que crianzas e adolescentes poidan gozar plenamente dos seus dereitos, contar con espazos reais de participación e desenvolverse plenamente na súa contorna máis próxima.

Xogar en galego, vivir en galego. Os nosos parabéns á Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT) que vén de celebrar o seu XX aniversario. A AGXPT leva dúas décadas realizando un valioso labor a prol da recuperación do patrimonio lúdico mediante a promoción e a práctica dos xogos e deportes tradicionais e populares galegos, dirixido a centros de ensino, asociacións de base, concellos ou comisións de festas… Ao longo destes vinte anos, a AGXPT vén desenvolvendo varias liñas de actuación, entre as que se atopan a creación dunha rede de información e de divulgación sobre as actividades lúdicas populares e tradicionais, a promoción e axuda á posta en marcha doutras asociacións ou entidades de ámbito local ou comarcal con finalidades semellantes ás da AGXPT, a organización de encontros, conferencias, congresos e, en xeral, calquera tipo de actividades sobre o tema, a edición de boletíns, revistas e libros, utilizando os medios audiovisuais para a información e a formación, ou a promoción e apoio de traballos de investigación orientados ao inventario ou aplicación educativa, deportiva ou recreativa dos xogos e deportes tradicionais. A AGXPT forma parte —xunto cun bo número de colectivos e investigadores/as— do Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, e está integrada na Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais, entidade constituída por todo tipo de colectivos do continente.

Facémonos eco tamén aquí da celebración do XX aniversario do Grupo Cavila, de Nova Escola Galega, que presta a súa atención ás necesidades socioeducativas ao redor dos materiais e recursos curriculares e didácticos. Unha cuestión viva e decisiva dentro da educación actual, pois evolucionan á par dunha sociedade influída polo rápido avance das tecnoloxías. Paralelamente, as necesidades educativas varían tanto condicionadas polas demandas e intereses do propio alumnado e dos do profesorado, co que interactúan, como polas necesidades que presenta cada realidade contextual e polas das derivadas da propia evolución social, como o amplo abano de posibilidades que a dixitalización achega.

A dor de Palestina

Sumámonos desde aquí ás múltiples voces que denuncian ao tempo que se solidarizan coas vítimas do conflito en Oriente medio, mediante un Chamamento á acción educativa en prol a paz e da xustiza en Palestina elaborado polo Grupo de Traballo de Educadoras e Educadores pola Paz de Nova Escola Galega. Un chamamento que poña fin á incesante ofensiva israelí, que se remonta a máis de cinco décadas atrás, cunha crecente e desapiadada campaña de “limpeza étnica” executada mediante a expulsión de decenas de miles de palestinos das súas terras históricas no que se coñece como al-nakbacatástrofe en árabe– acompañada da destrución de aldeas, vilas e cidades palestinas e de duros e numerosos ataques con bombas, mísiles e artillería, e con diversas formas de ocupación, privación, contención, exclusión, apartheid e debilitación en xeral do pobo civil palestino. Como di o Chamamento, “trátase dunha opresiva política de persecución xenófoba continuada que ten todos os trazos para ser cualificada como un xenocidio gradual e que tornou a Franxa de Gaza nunha auténtica prisión sen teito”. Esta devastadora agresión contra as 2,4 millóns de persoas palestinas de Gaza non só crea unha catástrofe humanitaria; implica crimes de guerra que atentan contra os Convenios de Xenebra, e incluso é cualificada como crime contra a humanidade, especialmente contra a poboación infantil.

Un recordo

A profesora da Facultade de Ciencias da Educación da USC María Lucía Iglesias da Cunha (Sao Paulo, 1965 – Santiago de Compostela, 2023) desenvolveu desde o comezo dos anos 90 do século XX unha moi importante actividade docente e investigadora, en particular no ámbito da educación ambiental, tendo sido presidenta da Sociedade Galega de Educación Ambiental. Desenvolveu a súa profesionalidade comprometida nos ámbitos da Educación Social. Mantivo interrelación singular fóra de fronteiras cara a Portugal, Brasil e Mozambique, e en todo poñía precisión analítica, corazón, diálogo e paz. Coa súa coidadosa coordinación editouse a obra colectiva Metodologías de investigación cualitativa en Pedagogía Social y Educación Ambiental e en 2023 asumiu a coordinación da Exposición A Escola Nova… tamén entre nós (1921-2021)”, en colaboración con Antón Costa, presentada xunto co seu coidado catálogo no Pazo de Fonseca en Santiago.

Engracia Vidal Estévez – por Lois Ferradás-

Engracia Vidal Estévez (Cambados 1930 – Pontevedra 2024), relixiosa do Sagrado Corazón, profesora de Educación Secundaria, escritora, teóloga, activista, galeguista, feminista, faleceu o pasado 23 de xaneiro.

Engracia desempeñou na súa xuventude tarefas de profesora, de directora de diversos colexios relixiosos como o de Praceres, na ría de Pontevedra, e o de Chamartín e de responsable de residencia de mozas estudantes, destacando polos impulsos de renovación pedagóxica, educación activa e participación na xestión dos colexios. As ansias de identificación coas clases populares levárona a promover o uso da lingua galega e a poñer en marcha en Compostela unha residencia para mozas estudantes con poucos recursos económicos procedentes do medio rural, primeiro na rúa San Roque e despois na rúa Xazmíns, a residencia A Lareira, que foi tamén espazo de forxa de ideais de transformación social.

Colaborou co Secretariado de Catequese na formación de persoal e na elaboración de materiais en galego (“Boa Nova”) con perspectiva popular e liberadora na estela do Concilio Vaticano II. A súa formación e exercicio da teoloxía non se detivo nunca. Iniciada nos grupos de estudo con Andrés T. Queiruga, seguiu despois coa Asociación de Mulleres Cristiás Galegas “Exeria” e fructificou nos seus escritos, entre os que destaca Por unha Igrexa, tamén feminina.

Nun plano menos destacado participou en iniciativas que se activaron nos primeiros anos da democracia (Ateneo, sindicato SGTE), especialmente arredor da promoción do galego, da defensa do medio ambiente e do empoderamento das mulleres. Tamén a súa figura está ligada á difusión e sostemento da revista infantil Vagalume.

O gran servizo que Engracia fixo a Galicia chámase Encrucillada, a revista galega de pensamento cristián que desde 1977 sae puntualmente, sen fallar un só número, e xa van 232. Ela, como secretaria da mesa de redacción durante máis de tres décadas, fíxo de todo: tramitación do permiso de publicación, xestión de suscricións e finanzas, planificación de contidos, petición, seguimento e recepción de orixinais, … Ela foi decisiva.

De corpo miúdo e ósos fráxiles, de ónde tiraba ela as forzas para unha actividade constante, tantas veces contra corrente? Non se sabe, pero semellaba unha desas persoas que se senten chamadas a cumprir unha misión e a deixar pegada.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir