Panoraula
Texto
ACTUALIDADE DA POLÍTICA EDUCATIVA
Os ricos teñen vantaxe.
En numerosas ocasións, no Panoraula, falamos de que o sistema educativo reproduce as desigualdades sociais, denuncia que non quita que sigamos empeñados en mellorar a educación para facela un espazo de oportunidades. Un dos últimos traballos, baseado na análise das probas diagnósticas realizadas na Comunidade de Madrid na década pasada, reflicte que aos oito ou nove anos, en terceiro de primaria, de media un neno de clase socioeconómica alta lévalle case dous cursos de vantaxe a outro de clase baixa. A investigación, realizada polo profesor da Universidade de Estocolmo José Montalbán e a profesora da Universidade de Barcelona Jenifer Ruiz-Valenzuela, mostra que o alumnado de maior nivel socioeconómico obtén mellores resultados en todas as materias e nos tres niveis educativos analizados, terceiro e sexto de primaria, e cuarto da ESO: “A diferenza entre un estudante de nivel socioeconómico baixo e alto en terceiro de primaria é de 58% da desviación estándar (DE) en matemáticas, e de 55% en lingua. Estas diferenzas son o equivalente a case dous anos de escolarización” (adoita aceptarse que unha desviación do 33% equivale a un curso completo).
Na mesma liña vén a conto sinalar unhas conclusións dun libro do Fórum 360 do Observatorio Social de “la Caixa” titulado Desigualdad y pacto social, coordinado por Luis Ayala Cañó. No capítulo que o libro destina ás desigualdades educativas, en coautoría con Miguel Requena, presenta datos como os seguintes:
- Xa na primeira etapa de educación infantil 0-3 maniféstanse desigualdades, os fillos de fogares de máis elevado nivel educativo están ata un 28% máis escolarizados que os de nivel máis baixo.
- Os fillos de nais con poucos estudos teñen case 11 veces máis probabilidades de abandonar a escola cedo que os de nais con título universitario. Así mesmo, os nenos de fogares situados no terzo inferior da distribución da renda abandonan precozmente a escola cunha probabilidade 6 veces maior.
- En 2019, unha persoa dun fogar de ingresos altos tiña o dobre de probabilidades de cursar educación terciaria que unha persoa dun fogar de baixos ingresos.
- Aínda que en España predominou o ascenso social nas últimas décadas (hai máis mozos que acadan un nivel de estudos superior ao dos seus pais que ao contrario), o terreo que afrontan actualmente os nenos de familias con menos recursos segue sendo bastante duro. Os mozos cuxos pais teñen baixos niveis de educación ascenden socialmente en menor medida que os seus pares con pais con estudos universitarios.
- Conclúen neste estudo que unha das claves para a igualdade consiste en que as políticas públicas ofrezan segundas oportunidades cando un problema adverso (saúde, inserción laboral, mal momento económico…) impide desenvolver os proxectos persoais aos que non teñen recursos para superalo.
O anterior debe facernos reflexionar sobre o “mantra” da meritocracia, a cultura do esforzo e da presunta obxectividade das avaliacións. Unha discusión que está de actualidade coa forma de avaliar e de promocionar/titular coa nova Lei orgánica (LOMLOE), como sinalamos no Panoraula anterior. Cada vez máis estudos advirten, porén, que o alumnado non compite en igualdade, e que a escola pública debe de intentar compensar esta diferenza e non reforzala.
Acordos para a futura Lei de Educación no País Vasco.
É necesario poñer en valor o acordo, de hai case un ano, do parlamento vasco para poñer as bases do que será unha futura Lei de Educación en Euskadi. Antes de iniciar a redacción e de achegar os primeiros borradores establécese cales serán os eixos da Lei co acordo da inmensa maioría do Parlamento (68 dos 75 escanos), quedando fóra soamente os partidos da dereita española. O plurilingüismo co eixo no euskera, a potenciación do ensino público e a inclusión son os aspectos mais relevantes que concitan este acordo, que sen dúbida axudará na elaboración da Lei. Establecer marcos de consenso que favorezan o desenvolvemento lexislativo é unha iniciativa que debería ser considerada polo resto dos parlamentos para abordar unha Lei de tanto alcance no futuro dun país como é a regulación do sistema educativo.
Dúas novidades normativas en Galicia relacionadas coa innovación
Estas debendo ilusionar, arrancan coa nosa desconfianza:
Creación do Centro de Innovación Educativa e Dixital.
Esta iniciativa, publicada no DOG do 5 de decembro do 2022, debería servir para singularizar o esforzo do sistema a prol da innovación, e sería unha boa nova que así fose. Pero non podemos deixar de advertir certas eivas, xa de entrada, só con ler mesmo o Decreto de creación:
- O título enfatiza a dixitalización, que pasa de ser un medio a ser obxecto da propia innovación ao mesmo nivel que a educativa. Isto indica por onde vai a vontade política na creación desta institución: fornecer de materiais e experiencias para a dixitalización do ensino, co risco máis que probable de converter o medio (a plataforma) no fin, sabendo que con medios dixitais se pode tamén facer un ensino tradicional.
- Refórzase a confusión anterior cando das seis funcións que se lle asignan no artigo 2, en cinco delas explicítase esta vinculación entre innovación e dixitalización.
- Tamén se observa unha vontade de dependencia total da Administración ao dispoñer que a dirección sexa nomeada por libre designación da Administración.
- Por fin, tamén consideramos decepcionante que non se cree ningún órgano de goberno no que puidesen ter representación institucións e/ou persoas relacionadas coa innovación e/ou a investigación educativa.
Veremos como se desenvolve nos próximos anos, pero o escenario que se crea non é o mais acaído.
Creación dos polos creativos
- Por outra banda, a Orde do 21 de abril de 2022 crea o programa de innovación educativa Polos creativos e establece o procedemento para a participación dos centros docentes públicos dependentes desta Consellería. Esta é unha iniciativa interesante, da que xa falamos no Panoraula anterior, en tanto que promove, entre outras cousas, a creación dos chamados “espazos maker” ou espazos de creación onde o alumnado vai poder desenvolver proxectos de forma autónoma. A contextualización e uso que se lle dea en cada centro converterá esta experiencia en valiosa ou simplemente nunha captación de recursos dixitais, nos que a Administración pon mais énfase na convocatoria.
ARREDOR DA GALEGUIZACIÓN
- Non debe pasar desapercibido para a Xunta de Galicia como os dados oficiais volven poñer de manifesto como aumenta a desgaleguización lingüística da nosa sociedade, en relación inversa aos grupos ou intervalos de idade. Desgaleguización que é perda de uso, dificultades ou incapacidade de comprensión, alleamento da memoria e da tradición cultural, perda de identidade democrática, falta de aprecio… Xunta de Galicia, Parlamento, institucións, forzas políticas, organizacións sociais e mundo empresarial, nas súas máis diversas formas de agrupación, deberán tomar conciencia, deixar de ollar para outra parte e afrontar esta grave problemática, con programas de actuacións, recursos e avaliación periódica de resultados.
- Entre tanto, sempre queremos dar os parabéns a diversas iniciativas galeguizadoras. Por exemplo, a que promove a Cooperativa Rexenerando, que organiza laboratorios de apoderamento lingüístico, con estudantes de educación secundaria, mediante a hibridación da lingua co resto da identidade xuvenil, incorporando ferramentas de xestión e facilitación de grupos e dando espazo ás emocións e ás propias experiencias. Un equipo animoso de educadoras, coas que hai que contar: https://rexenerando.com/quen-somos/
- Ou, por exemplo, Apego (http://apego.gal/), un programa colectivo creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial. Un proxecto dos servizos de normalización lingüística de numerosos concellos galegos.
- Unha loa tamén á deputada Mercedes Queixas e ao deputado X. L. Rivas Cruz, que propuxeron no Parlamento no pasado mes de decembro a creación dun fondo de panxoliñas galegas para o seu uso e divulgación. Falta que se converta en feito.

RECURSOS E MATERIAIS
- O arquivo musical galego ao dispor: Viso Editorial da cidade da Coruña, por man de Margarita Viso Soto, vén nutrindo desde hai 25 anos a necesidade de dispor de partituras da música galega. Cumpren 25 anos. Longa vida e grazas.
- Pedro Feijoo, Xosé Tomas (2022). Pequena historia de Vigo. Ferrol: Edicións Embora. Unha magnífica presentación gráfica, accesible para nenos e adolescentes, narrando a historia e construción da cidade de Vigo.
HISTORIA DA EDUCACIÓN
Paz Cabo, M. e Santidrián Arias, V. M. (2022). Os cadernos escolares da IIª República elaborados polo mestre de Teo Bernardo Mato e realizados polo seu alumno Antonio Rial (1933-1936). Santiago de Compostela: Editora Alvarellos.

O mestre Bernardo Mato Castro (1887 – 1936), que exercía na proximidade da cidade de Santiago de Compostela, forma parte do centenar de mestres mortos e asasinados, Como no caso doutras vidas, a néboa imposta sobre a memoria case borrara o seu rastro só sentido (case) en silencio polos seus familiares próximos, algúns ex -alumnos renuentes á memoria ‘oficial’ e algúns achegados. A Lei de Memoria Histórica permitiu recuperar algunhas vidas e esta foi unha delas. Un acto público celebrado en 2006 foi a ocasión para que un ex-alumno, Antonio Rial, falase con algunha emoción daquel mestre, o que non pasou desapercibido a un novo estudante da Facultade de Historia compostelá que pola súa banda comezou a tirar do fío: falamos duns dos autores da presente monografía, Miguel Paz. Co paso dos días veu sumarse á indagación o traballo académico desenvolvido en 2013 por unha sobriña-neta do mestre, buscando á fin a madurez investigadora do profesor Victor Santidrián, co obxecto de levar a cabo esta atenta monografía. O coidado editor de Henrique Alvarellos permítenos agora ter nas nosas mans o testemuño dunha vida de mestre e tamén o do día a día da acción escolar, grazas á observación analítica de case 300 páxinas de cadernos escolares conservados polo ex-alumno Antonio Rial, co que podemos ademais percibir os cambios que na vida escolar introducía o novo mestre imposto desde setembro de 1936. A edición reproduce 100 destas páxinas escolares, cun admirable coidado na edición.

Plan pedagóxico para as galeguización das escolas (Vicente Risco, 1921, 1934).
Por iniciativa da Fundación Vicente Risco, con sede en Allariz, co apoio da Xunta de Galicia, vén de reeditarse tanto o Plan orixinal, publicado na revista Nós en 1921, como o seu complemento e reactualización, publicado en A Nosa Terra en 1934, nunha coidada carpeta. A edición vén acompañada dun adecuado texto introdutorio do profesor e inspector Xosé Fernández Fernández, que xa lle prestara atención con ocasión da súa Tese de Doutoramento sobre Vicente Risco.
RECOÑECEMENTOS
Ponte… nas Ondas!
A UNESCO vén de declarar a iniciativa Ponte…nas Ondas! como un modelo mundial, coa súa inscrición no Rexistro de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial, o que foi motivo de grande satisfacción en Galicia e no norte de Portugal. A Asociación, cunha longa e frutífera traxectoria pedagóxica e socio-cultural, acadou este grande recoñecemento para a cultura tradicional galego-portuguesa, que é coidada con atención a través de máis de dúas décadas longas de acción escolar, mediante a radio escolar e outras múltiples iniciativas.
Foi no transcurso do 17º Comité da organización cultural da ONU, que se desenvolveu en Rabat (Marrocos) e, como se escribiu en Praza Pública, é o maior recoñecemento internacional acadado por unha iniciativa pioneira en moitos sentidos, tanto no relativo ao coñecemento mutuo entre Galicia e o mundo lusófono como no que respecta ao uso das novas teconoloxías, cun uso moi destacado dos medios de comunicación, especialmente da radio. Polo camiño recibira xa algúns galardóns académicos internacionais e, de forma moi destacada, o Premio Ondas. Ademais, impulsou e presentou ante a UNESCO a candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués para ser recoñecida como Obra mestra do patrimonio inmaterial.
O presidente da Asociación, Santi Veloso, comunicaba a satisfacción de todo o grupo de docentes galegos e portugueses directamente implicados: “trátase dun soño cumprido e dun obxectivo que levabamos perseguindo moitos anos. Estamos satisfeitos, sobre todo, porque o que se recoñece é un modelo de achegamento entre culturas, entre linguas e comunidades. E un modelo de éxito, que funciona e así o vén demostrando durante máis de 25 anos. É, ademais, un empurrón ao noso traballo e implica que a partir de agora se vai amosar a nosa actividade como un exemplo a seguir noutros lugares do mundo nos que se queiran levar a cabo espazos de unión entre persoas que viven separadas por fronteiras ou en culturas próximas”.
Hai que indicar que, no proceso que levou a este recoñecemento, Ponte…nas ondas! foi recibindo numerosos apoios de distintas organizacións pedagóxicas, instancias académicas e institucionais, non faltando nin os da Xunta de Galicia, nin os do Goberno portugués.

Profesorado de Galicia e de Portugal membros de Ponte …nas ondas! en Rabat
Premios Educacompostela
O auditorio do Museo das Peregrinacións de Santiago acolleu en decembro a entrega de galardóns do XIV Premio Educacompostela, convocado polo Concello de Santiago e Nova Escola Galega para recoñecer, promover, premiar e difundir aqueles materiais educativos que polo seu valor e interese poidan contribuír á innovación e a renovación pedagóxica do sistema educativo de Galicia.
O primeiro premio recaeu no traballo titulado “BOIHAUS: un proxecto de bioarquitectura para ensino secundario” presentado polo IES A Cachada de Boiro. O xurado destacou o “carácter innovador e interdisciplinariedade” do proxecto, que quere dar resposta a preocupacións medioambientais e á nova arquitectura urbana sustentable. O segundo premio foi para o traballo titulado “Mulleres de Compostela: tras os pasos das nosas pioneiras” presentado por Coordinación de Igualdade do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. O xurado salientou o interese da proposta en “visibilizar a figura feminina nos diferentes ámbitos do contexto xeográfico local, creando un recurso que pode resultar beneficioso alén da comunidade educativa”. En terceiro lugar quedou o proxecto “Xogamos? Unha porta á imaxinación”, presentado por María Isabel González Piñeiro do IES Afonso O Sabio da Coruña. Este proxecto traballa os contidos de Xeografía e Historia (2º ESO) dunha maneira lúdica, personalizando unha colección de xogos de mesa
Premios da Crítica
Os premios da Crítica 2022 recoñeceron como finalista o extraordinario e continuado traballo de cultura e de educación popular e comunitaria desenvolvido na parroquia de Cabreiros, no concello lucense de Xermade, que conta habitualmente co apoio e participación de Nova Escola Galega.
CON NOME PROPIO
Esta RGE non quere deixar pasar a ocasión de sinalar que o pasado 30 de novembro faleceu un destacadísimo mestre valenciano, Ferran Zurriaga i Agustí, con 84 anos de idade. Ferrán Zurriaga fora o reiniciador en España, entre o profesorado novo, da Pedagoxía Freinet. Nela dera os seus primeiros pasos á altura de 1962, que intensificou a partir de 1966 ao tomar contactos máis sólidos con mestres franceses. Con el reiniciábase o movemento de Pedagoxía Freinet entre nós, coa compaña de seguida de Josep Alcobé, destacado mestre do tempo republicano e xa daquela ligado a esta orientación. Os primeiros encontros de formación, realizados sen publicidade, deron paso á creación da Asociación para a Correspondencia e a Imprenta Escolar (ACIES) na pimavera de 1974 en Barcelona, con presenza galega e como primeiro chanzo para logo estender esta orientación pedagóxica en Galicia. Ferrán facía o papel de conector de xentes en España para ir soldando unha rede. Coa nosa lembranza.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:


