Panoraula Dixital
Texto
EXPERIENCIAS
EMPATÍA 360º
EMPATÍA 360º foi un festival de curtas organizado polo alumnado de 4º da ESO do IES As Barxas (Moaña, Pontevedra) centrado en traballar a empatía na adolescencia, dado o retroceso que tivo esta capacidade despois da pandemia. Por tanto, o obxectivo do proxecto consistía en recuperar e promover as relacións saudables entre estudantes, mellorar o clima escolar, resolver conflitos de forma positiva etc. Desta forma, a través da creación audiovisual o alumnado traballa e aplica os contidos citados. Esta experiencia recibiu o premio Boas Prácticas SIMO Educación 2023 na categoría de “Mellor experiencia docente de Educación Emocional” (https://tinyurl.com/yrvk86s9).

Proxecto R.E.D.E.S (Recoñecemento E Descubrimento de Espazos Seguros)
Esta experiencia de innovación educativa no contexto universitario desenvolveuse durante o curso 2022/23 na materia de “Formación en Rede” impartida no 4º curso do Grao de Pedagoxía da Universidade de Santiago de Compostela. Neste contexto, un grupo de alumnado creou unha canle de Youtube con vídeos interactivos no que o espectador é quen elixe as decisións que a protagonista vai tomando en cada un dos vídeos, creando historias diferentes para cada escolla. O obxectivo é amosar os perigos e riscos que a mocidade pode correr ao facer un mal uso de Internet e as redes sociais, dun xeito próximo e sinxelo. (https://www.youtube.com/@proxectoredes)

Cantigas de Peto (https://tinyurl.com/yurz8do9)

Cancioneiro elaborado pola comunidade educativa do CEIP As Covas – Meaño que recolle un repertorio centrado na música tradicional e popular de Galicia. O obxectivo desta publicación é revivir e manter o legado cultural musical entre as novas xeracións. Cada venres, antes do remate da xornada laboral, todo o alumnado do centro se xunta no patio e cantan colectivamente a cantiga proposta para esa semana e que previamente se ensaiou nas aulas.
FERRAMENTAS
TTS Proxecto Nós (https://tts.nos.gal/)
Nós é un proxecto innovador posto en marcha pola Xunta de Galicia cuxo obxectivo está en crear recursos dixitais e lingüísticos que impulsen o desenvolvemento de aplicativos de Intelixencia Artificial (AI) e tamén as Tecnoloxías da linguaxe (TL). Deste xeito, téntase promover a presenza do dixital en lingua galega, proporcionando ferramentas de alta calidade entre a que destaca, entre outras, o TTS Demo. Esta ferramenta é un sistema de conversión de texto a voz en lingua galega baseado en redes neuronais artificiais. Está dispoñible de forma ilimitada e gratuíta na rede e pode resultar de especial utilidade para o apoio nas aulas.
Dando a nota (https://tinyurl.com/ymzwl56p)
Canle de Youtube de Nerea Seijoso, mestra de Educación Musical na escola pública, que conta con case un centenar de recursos audiovisuais para traballar coa música na Educación Infantil e Primaria. Destacan as adaptacións de cancións tradicionais galegas así como diferentes materiais relacionados coas festas e celebracións (samaín, magosto, nadal etc.).
Guía para o desenvolvemento do plan de benestar emocional (https://tinyurl.com/ymlxrn22).

Publicación da Consellería de Educación que pretende dotar a comunidade educativa (alumnado, profesorado e familias) de estratexias e recursos que contribúan ao coidado do equilibrio e do benestar emocional dentro dunha contorna participativa, de comunicación e apoio. Neste documento descríbense diferentes situacións comúns e cotiás nos centros educativos no ámbito da convivencia e achéganse ferramentas variadas para poder afrontalas do mellor xeito posible.
NON DEIXES DE CONSULTAR…
Igaxes. (https://www.igaxes.org/es/)

Igaxes é unha ONG creada no contexto galego para intentar combater e minimizar o número de cativada e mocidade adulta que se atopa en situación de exclusión social por causa da pobreza. Nesta organización intentan velar polo seu crecemento, coidado e desenvolvemento no ámbito educativo e profesional. Por tanto, ofrecer unha educación de calidade vólvese unha das súas prioridades. Esta páxina pode resultar de interese para aqueles docentes que teñan alumnado en situación de vulnerabilidade ou incluso para a mocidade que queira continuar os seus estudos e precise de apoios ou axudas económicas. Ademais, existe a posibilidade de colaboración directa coa organización facéndose socio da mesma.
Web MUVi (Museo do Videoxogo) (https://muvi.gal/)
O MUVi é o museo do videoxogo, localizado na vila de Cangas do Morrazo. O seu obxectivo é amosar a evolución histórica do videoxogo dun xeito completamente interactivo, permitindo aos visitantes do museo explorar as diferentes consolas da súa colección. Conta cunha páxina web moi interesante na que informan sobre charlas e cursos que se imparten nas instalacións do museo de xeito gratuíto, sendo moitos deles centrados na situación do videoxogo no contexto galego: a súa evolución, principais limitacións, xogos máis coñecidos do mercado etc.

Escola de Vilarello (https://linktr.ee/escoladevilarello)
Ligazón que permite o acceso a diferentes contidos web da Escola de Vilarello que forma parte do Colexio Rural Agrupado de Valga e na que se imparte o 2º ciclo de Educación Infantil (de 3 a 6 anos). Este espazo está organizado en cinco apartados: coñécenos un pouco máis, recursos imprimibles, localización da escola de Vilarello, páxina web e blog do CRA de Valga. Dende estas ligazóns pódese acceder a unha gran cantidade de materiais didácticos para descargar, así como coñecer todas as actividades que se organizan no día a día tanto na escola de Vilarello como nas demais escolas que conforman o CRA de Valga.

Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:
