Panoraula Dixital
Texto
EXPERIENCIAS

Muller tiñas que ser (https://www.edu.xunta.gal/centros/ceipcaminhoingles/node/1172). É un proxecto desenvolto no CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés (Oroso) a través da web EDLG do centro educativo. O obxecto da proposta é poñer en valor, a través dunha serie de podcast, a vida, o traballo e a obra de mulleres acaladas ou apenas coñecidas ao longo da historia no ámbito das ciencias e das artes. Ademais, tamén é un espazo para dar voz a todas aquelas que loitan actualmente a prol da igualdade de xénero. Os podcasts versan sobre a traxectoria de referentes femininas como María Barbeito, María Curie, outras menos coñecidas como pode ser Sofía Novoa e tamén actuais, como Carmen Alba, no ámbito da tecnoloxía educativa.
Concurso TikTok: Día Internacional contra o Acoso Escolar (http://www.edu.xunta.gal/centros/ieseduardopondal/node/494) Con motivo da celebración do “Día Internacional contra o Acoso escolar” o día 2 de maio de 2023 o IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela organizou un concurso dirixido a toda a comunidade educativa. A experiencia foi promovida polo departamento de Educación Física e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro. O obxecto do concurso foi a creación de vídeos orixinais mediante a plataforma de TikTok empregando a base musical do tema “Figa” das Tanxugueiras, coa finalidade de transmitir unha mensaxe de rexeitamento ao acoso escolar en todas as súas manifestacións. A participación foi individual e grupal, colaborando toda a comunidade educativa, coa única limitación dun vídeo por persoa ou grupo. Ademais algúns dos requisitos foron: etiquetar o vídeo co hashtag #figaeduardopondal; unha duración mínima de 60 segundos e subir o produto final á plataforma. Posteriormente, o día 2 de maio publicáronse na web do IES os gañadores/as, que recibiron premios individuais e grupais.


#SenVandalismo (https://acortar.link/UuOVAs). É un proxecto impulsado pola Asociación para a Prevención e a Educación Social (APES) en colaboración coa Fundación Barrié que se está a desenvolver con alumnado de 5º e 6º de Primaria de 10 centros educativos distribuídos polas catro provincias galegas ao longo do curso académico 2022-2023. O obxectivo que persegue o proxecto é concienciar os preadolescentes acerca de condutas de risco para a súa prevención e o desenvolvemento do compromiso social en idades temperás. A proposta desenvólvese a través da metodoloxía de aprendizaxe-servizo (ApS) coa idea de favorecer unha aprendizaxe activa e significativa sobre o vandalismo, as súas causas, consecuencias e posibles solucións xunto coas familias e o equipo docente.
FERRAMENTAS

Guía de actividades para a volta ás aulas do alumnado hospitalizado (http://www.edu.xunta.gal/portal/es/node/34091). O portal educativo da Xunta de Galicia pon a disposición a comunidade unha “Guía de actividades para a volta ás aulas do alumnado hospitalizado”. A finalidade desta guía é servir de axuda para a contorna deste alumnado no seu proceso educativo durante o período de recuperación, en base ás necesidades detectadas por outras persoas que experimentaron a mesma situación en experiencias pasadas. Deste xeito, búscase involucrar toda a comunidade, co obxectivo de minimizar as consecuencias emocionais, psicolóxicas e educativas derivadas desta complexa situación. A guía contén diversas propostas de intervención e nove actividades multi-operativas, adaptadas ás diferentes idades dos destinatarios. Con temáticas asociadas ao auto-coñecemento do alumnado, a concentración, relaxación e proactividade. Ademais inclúe diversos recursos para o seu desenvolvemento.
Redeir@s (https://redeiros.org/sobre-nos-redeirs/). É un xornal dixital dirixido e elaborado por nenos, nenas e adolescentes de entre 12 e 17 anos. Nace como iniciativa da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, e confórmase como un espazo no que dar voz aos máis novos/as naqueles temas que lles interesan. Neste espazo pódense atopar obradoiros, lecturas, documentos e recursos sobre as realidades que máis preocupan e emocionan os mozos e mozas galegos.
Hábitos saudables e robótica (http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipmanuelacunha/node/439). O Centro de Educación Primaria e Infantil Manuel Luís Acuña impulsa o deseño de novos recursos educativos de natureza lúdica e que involucran o uso das novas tecnoloxías co alumnado. Neste senso, no presente curso, o alumnado de Educación Infantil traballou os hábitos saudables a través da robótica, mediante o emprego dun robot NEXT co que contan nas súas aulas. Co obxectivo de potenciar a creatividade, a aprendizaxe por competencias e o traballo con materiais manipulábeis, dende actividades que integran o uso da robótica.
NON DEIXES DE CONSULTAR…
Orientación en Galicia (http://orientaciongal.blogspot.com/). É un blog sobre Orientación Educativa, contextualizado na realidade galega, con información e recursos de interese en relación coa Audición e Linguaxe, Pedagoxía Terapéutica e Atención á Diversidade. Está dirixido a profesorado, familias e persoas interesada nestes eidos. Ademais, conta cun espazo de biblioteca onde se recompilan materiais publicados en blogs anteriores para a súa rápida consulta e utilización.

Proxecto Polos Creativos (https://www.edu.xunta.gal/portal/poloscreativos#img-small5). A Xunta de Galicia pon en marcha no ano 2022 o programa de innovación educativa Polos creativos, no que participarán todos os centros públicos dependentes da consellería. O programa ten un deseño modular e innovador que busca dotar os centros de equipamento tecnolóxico especializado e espazos físicos definidos a partir dos que fomentar a creatividade do alumnado por medio da superación de retos, realización de proxectos, entre outros. A perspectiva que propón é a asunción dun enfoque de aprendizaxe conxunta, colaborativa e comunitaria, dende prácticas de investigación e experimentación do alumnado, traballo coa intelixencia artificial, as tecnoloxías intensivas etc. A súa vez, concrétanse como espazos abertos ás comunidades locais e ás familias, favorecendo o desenvolvemento de competencias dixitais e científico-tecnolóxicas da cidadanía.
Recursos Formativos do Camiño de Santiago (https://acortar.link/t2QUHU). É un espazo dirixido á educación patrimonial para a conservación do Camiño de Santiago. Para iso, dispón de recursos dixitais interactivos que posibilitan o acceso patrimonial deste ben cultural a alumnado de Educación Primaria de todo o país.

Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:
