Panoraula Dixital

Texto

Experiencias

Fitofaladorio ONS (https://sites.google.com/view/fitofaladoiro-ons-bueu/inicio?authuser=0). Durante o curso 2021-2022 o IES Illa de Ons participou, a través do Plan Proxecta, no proxecto Fitofaladoiro Ons, cuxo obxectivo principal consistiu en facer un labor de investigación sobre o tipo de vexetación da súa contorna máis próxima. O alumnado, en colaboración coa comunidade educativa, levou a cabo entrevistas, saídas para recoller diferentes especies vexetais e proceder á súa catalogación, á realización de herbarios e cadernos de campo, así como á posta a punto dunha web onde se recollen as actividades do proxecto e información de interese relacionada coa temática.

CLaB. Laboratorio STEMCAM. Ceip Mestre Martinez Alonso (https://colemestremartinez.wixsite.com/c-lab). O CEIP Mestre Martínez Alonso (Mos-Pontevedra) desenvolve este proxecto enmarcado dentro da iniciativa de “Polos Creativos”. Neste espazo web creado ex profeso durante este curso académico, presentan diferentes ferramentas tecnolóxicas a través dunha serie de retos. Podemos atopar, por exemplo, o “minirreto en código morse”, un desafío empregando unha placa microbit para descifrar unha mensaxe co gallo da festividade de Rosalía de Castro. Deste xeito este espazo web non é só unha bitácora onde compartir o camiño do centro no proxecto CLab, senón que tamén se concibe como un repositorio de recursos aberto a toda a comunidade educativa.

Caranvexo TV. (https://caranvexo.gal/) Concello de Moaña (https://concellodemoana.org/). O concello de Moaña puxo en marcha unha proposta de innovación educativa que se materializa a través dunha canle de noticias chamada Caranvexo TV. Esta iniciativa naceu como un proxecto colectivo entre os diferentes centros da contorna, co fin de contribuír á construción dunha actividade común que conecte ós/aos cativos/as de distintos colexios. Baixo esta premisa, os cativos/as crean contidos, aprenden ferramentas de produción, coñecen a contorna e as súas novidades, traballan a expresión oral e escrita, e contribúen nas dinámicas cotiás da vila de Moaña, empregando a lingua galega co fin de dinamizar o seu uso.

Ferrramentas

Proxecto DIXIT (https://cutt.ly/K82XKRn). Iniciativa promovida pola pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que pretende impulsar a creación de contidos educativos dixitais por parte do profesorado galego e os sectores TIC e audiovisuais. Os contidos creados de xeito colaborativo polo profesorado están dispoñibles tanto no repositorio de contidos do portal espazoAbalar como na Contorna Virtual de Aprendizaxe (CVA) de Edixgal. No período 2019-2023 creáronse 69 recursos das materias Matemáticas, Física e Química, Xeografía e Historia, Ciencias Sociais, Bioloxía e Xeoloxía e Francés e da ensinanza transversal de Intelixencia Artificial e do Benestar Emocional na Aula. Entre eles podemos atopar actividades específicas, vídeos interactivos, laboratorios virtuais ou escenarios de aprendizaxe.

Calendario Científico escolar 2023 (http://www.edu.xunta.gal/portal/es/node/38938). Este calendario, dirixido principalmente a alumnado de educación primaria e secundaria obrigatoria, é unha iniciativa do CSIC e está financiado polo FECYT. Co obxectivo de fomentar a cultura científica nos centros educativos e que o alumnado poida ter referentes do ámbito STEM, presenta cada día un aniversario científico ou tecnolóxico. Conta cunha guía didáctica complementaria para o seu aproveitamento na aula que se acompaña de pautas xerais de accesibilidade nas que se poden atopar tarefas que implican diferentes habilidades e niveis de dificultade. Ademais, inclúese un anexo para traballar con alumnado de menor idade e un formato accesible mediante TTS, lectores de pantalla, liñas Braille etc.

bUSCatermos (https://www.usc.gal/gl/servizos/snl/terminoloxia/buscatermos.html)Dende o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, crearon unha base de datos terminolóxica que permite consultar a información recollida en máis de 165.000 rexistros. Aínda que está centrada en termos galegos, tamén se pode atopar información doutras linguas. É especialmente útil para elaborar textos que requiren un vocabulario dun ámbito concreto, por exemplo, recentemente engadiron “Vocabulario panlatino do dixital: ataques e devasas”, no que se poden atopar alternativas a termos informáticos como “sniffer” ou “skimming”.

NON DEIXES DE CONSULTAR…

Asociación Arelas. (https://asociacionarelas.org/gl/) É unha asociación de familias de cativos/as e adolescentes trans na que participan tamén persoas adultas transexuais co fin de crear unha rede de apoio de cativos/as trans e familiares no que se comparten vivencias, situacións de exclusión, apoio psicolóxico, boas prácticas, entre outras. Pero os obxectivos que ten esta asociación van máis alá, dende promover a despatoloxización da transexualidade, dar visibilidade, natureza e difusión, desenvolver actividades formativas que poidan chegar a todo o contexto social, elaborar protocolos informativos e procedimentais de utilidade e redactados dende a perspectiva en primeira persoa e, por último, promover lexislación acorde a eles.

Axencia Española de Protección de datos (AEPD) (https://www.aepd.es/es/mas-que-un-movil ). Na web da AEPD pódese atopar información e recursos útiles para as familias e o profesorado sobre o uso adecuado dos dispositivos dixitais. Destacan, entre outros recursos, a guía “Un móvil es más que un móvil” (creada xunto con UNICEF), diferentes infografías sobre as actuacións do coordinador/a de benestar e protección do alumnado, fichas didácticas sobre aspectos relacionados coa protección de datos como suplantación de identidade, ciberbullying, Identidade dixital ou emprego do correo electrónico e as redes sociais. Ademais, na súa canle en Instagram ofrecen pílulas de información sobre diferentes temáticas de interese para a comunidade educativa relacionadas con este ámbito.

Antrasviñas Nai de Día (https://instagram.com/antrasvinas?igshid=YmMyMTA2M2Y=). Trátase dun proxecto de recuperación e revalorización das nais de día, unha alternativa respectuosa e individualizada de coidado dos máis pequenos nuns tempos de conciliación realmente complexos. Nesta conta non só se comparten as actividades realizadas cos cativos/as , senón que tamén se divulga información relativa ao coidado respectuoso, desenvolvemento psicomotor, artístico, conexión coa natureza, recoñecemento e valoración da contorna, ofrecendo propostas e información realmente interesante para mestres/as de escolas infantís e familias cos cativos/as do primeiro ciclo de Educación Infantil.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir