Panoraula Dixital

Texto

EXPERIENCIAS

Activistas polo mundo que queremos(https://www.omundoquequeremos.org/) é un proxecto de Educación para o Desenvolvemento, integrado na plataforma Plan Proxecta da Consellería de Educación e financiado por Cooperación Galega, que traballa a corresponsabilidade e a participación crítica para a transformación social nos institutos galegos. O proxecto explora os diferentes activismos, a actuación local, a repercusión global e a comunicación para a transformación; afondando na radio e os guións radiofónicos como ferramentas para a aprendizaxe, a denuncia e a mobilización cidadá. Nel, combínanse as modalidades en liña e presencial, e promóvese o traballo das competencias social e cívica, a conciencia e expresións culturais, a comunicación lingüística e a competencia dixital.

Aquí medra a lingua (https://tinyurl.com/2hm8arec). Aquí medra a lingua é un proxecto documental que relata como seis centros educativos de Galicia desenvolven iniciativas para poñer en valor e promover o uso da lingua galega. Faise un percorrido por centros de diferentes contextos lingüísticos para coñecer os proxectos dos seus Equipos de Dinamización Lingüística tratando de ofrecer unha ferramenta de inspiración e réplica ao resto de axentes educativos do país. Esta viaxe audiovisual comeza na Mariña, no IES Perdouro de Burela, e fai as seguintes paradas no CPI Virxe da Saleta de Cea, o CEIP Barouta de Ames, no IES Félix Muriel de Rianxo, no CRA Nosa Señora de Ponteceso e no CEIP Quintela de Moaña. Coa testemuña directa de máis de cincuenta persoas, entre alumnado, profesorado, familias e comunidade, o resultado son seis curtas documentais onde se amosa a acción de cada centro en prol da lingua, coas dificultades e vantaxes de cada caso.

Pegadas ocultas na biblioteca da E.E.I. Barrionovo – Pastoriza (https://tinyurl.com/2lgbaaaw). O proxecto #pegadasocultas nace dende a Biblioteca da Escola de Educación Infantil Barrionovo, de Arteixo, e ten como finalidade afondar na historia da evolución, a partir do Big Bang e no coñecemento das diferentes especies que foron poboando a terra, así como a importancia das distintas pegadas (moitas delas ocultas) que foron deixando ao longo da historia, a súa evolución, o respecto ao planeta, a contaminación, a deforestación etc. A partir deste punto, traballan de xeito transversal os ODS2030 e a necesidade de coidar o planeta. No blogue da biblioteca pódense coñecer as actividades que desenvolven e as diferentes etapas dun proxecto que acaba de arrincar, ademais doutros desenvoltos anteriormente, bótalle unha ollada!

FERRAMENTAS

Biblioteca Fantástica Dixital. Sacaúntos SCG (https://tinyurl.com/2ka6o9qf) O portal da lingua galega pon a disposición dos usuarios a posibilidade de acceder a catorce obras de Robert E. Howard e de Jack London traducidas ao galego que avanzan no proxecto de dixitalización global dos clásicos da literatura fantástica editados por Urco, iniciado durante a primeira edición do Fondo Xacobeo. O proxecto inclúe a reedición completa; a creación de materiais complementarios orientados á docencia, que están integrados en cada volume; e a conversión en formato ePub con licenza de uso libre para a cidadanía. Así poderemos ler Relatos de terror sobrenatural ou A praga escarlata en galego e facer algunhas das propostas vencelladas aos libros.

Galegas na ciencia (https://tinyurl.com/2qyzkcp8)

O libro Galegas na Cienci, de Isabel Blanco, busca visibilizar o traballo das mulleres de Galicia con ilustracións e recreacións de fotografías antigas. Así, preséntase o labor de 20 mulleres pioneiras no seu campo (arquitectas, farmacéuticas, médicas etc.), que foron as primeiras en abrir camiño no seu ámbito e no contexto galego. Este recurso compleméntase co labor de Carmen Cela, bioquímica galega que, como divulgadora científica, achega a creación de vídeos didácticos sobre as científicas do libro, dedicando uns minutos a complementar e difundir as achegas destas mulleres ilustres da ciencia. Animádevos a coñecer máis sobre estas pioneiras, ben no propio libro ou a través dos pequenos vídeos!

Guía de recursos educativos para alumnado con TEA (https://cutt.ly/wJ8cIeH). Guía elaborada por Pablo Gayo Pérez, no marco dun Traballo Fin de Grao, na que recolle diferentes recursos, tales como ferramentas, aplicacións, páxinas web, blogues, lecturas e filmes, centrados no alumnado con Trastorno do Espectro Autista. Está destinada principalmente a desenvolver aquelas áreas nas que hai unha maior afección, tales como a comunicación, as habilidades sociais e emocionais ou a Teoría da mente.

NON DEIXES DE CONSULTAR…

Mapa Cénit de experiencias de educación para a cidadanía global (https://emapic.es/custom/cenitmapa). O Mapa Cénit é unha ferramenta na cal se recollen as diversas experiencias que se están a realizar en Galicia relacionadas coa educación para a cidadanía global. Nel, pódese consultar, segundo a contorna xeográfica e centro de ensino, a presentación, finalidade, obxectivos, descrición do proceso e reflexións sobre o desenvolvemento dos diferentes proxectos recollidos. Trátase dun mapa dinámico, en constante construción e actualización, que busca xerar un espazo para dar a coñecer o traballo desenvolto nos centros e favorecer a reflexión crítica compartida para avanzar conxuntamente. O mapa, ademais de ser unha ferramenta dixital de utilidade, recolle diversos proxectos que teñen por cometido o traballo transversal de competencias dixitais e mediáticas.

Mitoloxía.gal (https://mitoloxia.gal/). Este proxecto pretende divulgar e dar a coñecer unha parte fundamental do patrimonio inmaterial da provincia da Coruña, pondo en relación a riqueza mitolóxica galega coa memoria do territorio e a súa poboación, a través de diferentes elementos mitolóxicos. Búscase promover o coñecemento xeral sobre a importancia e significación da mitoloxía na nosa sociedade actual e posibilitar a creación doutros proxectos, facilitando, ao mesmo tempo, recursos e ferramentas para o aproveitamento no ensino. Trátase dunha iniciativa de MAOS Innovación Social que conta coa colaboración da Deputación da Coruña. Anímate a conversar coa dama Xelda, subir ao Pico Sacro ou camiñar pola cidade asolagada de Duio!

MUPEGA, benvidos a un espazo virtual (https://tinyurl.com/2naycumc) O Museo Pedagóxico de Galicia ofrece na súa páxina web a posibilidade de facer un percorrido virtual pola súa exposición permanente. Navegar polas súas aulas e a historia da Galicia, indagando no legado pedagóxico da nosa terra, é posible dende as nosas casas ou os nosos centros educativos. A recuperación, conservación, estudo e mostra daquelas producións e bens patrimoniais de interese para a historia da educación e a memoria colectiva de Galiza está dispoñible en 3D, e permiten ao usuario indagar na historia. Ademais, cabe destacar “A Gabeta do Mupega” (https://tinyurl.com/2ku7wuf8), unha iniciativa que comeza na pandemia, e que segue agora dispoñible, na que se facilitan diferentes recursos para escolares. Neste espazo pódese solicitar un compendio de materiais didácticos en distintos formatos (interactivos, vídeos, presentacións…) cos que traballar na aula contidos relacionados coa historia da educación e do mundo da infancia en Galicia.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir