Panoraula Dixital

Texto

EXPERIENCIAS

Caldo de Gloria (https://rosalia.gal/que-facemos/proxectos/caldo-de-gloria/). Caldo de Gloria é unha iniciativa da Fundación Rosalía de Castro para lembrar o poema “Miña casiña, meu lar” de Follas Novas como parte da programación do Día de Rosalía. Este poema achéganos á cotidianidade da supervivencia en situacións de pobreza (unha muller que chega mollada á casa despois de moito camiñar, esfameada, sen diñeiro para mercar comida, con veciños que non lle axudan…) e remata coa lección de que con pouca cousa é posible sobrevivir e ser feliz. A iniciativa fomentaba a participación de particulares, centros educativos, hostalería… facendo a súa propia receita de Caldo de Gloria e compartíndoo nas redes sociais xunto á lectura de poemas rosalianos. En 2022, 70 centros educativos participaron desta experiencia.

CompetenciaDixital (https://competenciadixital.org/). Competencia Dixital é un proxecto para educar sobre e coa tecnoloxía educativa e, especialmente, sobre e coa robótica. Está dirixido fundamentalmente ás etapas de educación infantil e educación primaria. Na súa páxina web podes atopar información detallada sobre o proxecto e o seu manifesto de intencións, ademais dunha sección de(https://cutt.ly/rK8FwKl) contidos con propostas didácticas, experiencias e recursos contados en detalle para que as poidas integrar ou adaptar ás túas prácticas. No relato de cada experiencia cóntase a finalidade; onde, quen e cando se desenvolveu; como se fixo; o contexto no que tivo lugar; o relato da experiencia; e os valores aos que se contribuíu. O proxecto ten un sentir colaborativo e anímase a compartir e contribuír entre toda a comunidade educativa.

Olladas: Culturas e Pedagoxía (https://cutt.ly/FK8D1zt). Plataforma na que se difunde e reflexiona sobre temas relacionados coa diversidade cultural. Forma parte do proxecto de aprendizaxe-servizo PEINAS, levado a cabo na materia Pedagoxía Intercultural (2º curso do Grao en Pedagoxía da USC).

Pódese atopar máis información sobre Olladas nas súas redes sociais, as seguintes: Instagram; Facebook; Twitter

FERRAMENTAS

Glosario dixital de Carpintaría con lingua de signos (http://iesmelide-madera.com/). Catálogo de 200 termos vinculados coa carpintaría en galego, castelán e lingua de signos española elaborado polo ciclo de Formación Profesional de Carpintaría e Moble do IES de Melide. Está previsto que o catálogo evolucione, ampliando o número de termos e actualizando os existentes. Esta ferramenta pioneira foi elaborada polo alumnado do ciclo, en colaboración con Javier Iglesias, docente do ciclo, e Lola Corzo, intérprete de lingua de signos. A iniciativa comezou a desenvolverse no curso 2019-2020 cos obxectivos de crear material didáctico en galego e facilitar a inclusión de persoas con diversidade funcional. No ano 2021 recibiron o 1º Premio Boas Prácticas de Educación Inclusiva da Xunta de Galicia.

Wordle (https://wordlegalego.appspot.com/). Wordle é un xogo en liña de adiviñar palabras de cinco letras en seis intentos. O xogo non facilita pistas iniciais nin descricións da palabra, senón que a través da primeira e sucesivas palabras introducidas imos obtendo información sobre se esas letras están ou non na palabra buscada: se a letra ten fondo gris representa que esa letra non está na palabra buscada, se ten fondo amarelo a letra está na palabra mais nunha posición diferente, e se ten fondo verde a letra está no lugar correcto na palabra a atopar. O xogo deseñouse cunha perspectiva lúdica, pero ten potencialidade para uso na aula ou como reforzo. A programación orixinal é en inglés e foi elaborado por Josh Wardle en 2021; a versión en galego apareceu en 2022 adaptada por Abraham Martínez Gracia.

Proxector: audiovisuais en galego para a docencia (http://consellodacultura.gal/especiais/proxector/acerca-de.php). Proxector é un repositorio de recursos audiovisuais para o apoio á docencia en lingua galega de materias de bacharelato e do ensino universitario. O proxecto orixinal, creado no 2015, é autoría do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela; mais na actualidade o proxecto é coordinado e mantido polo Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega. O repositorio conta cun buscador que permite filtrar por temática (hai 31 temáticas e 101 subtemáticas de todas as áreas de coñecemento: educación, políticas, artes, arquitectura, enxeñarías, bioloxía, socioloxía, economía, comunicación, dereito, farmacia, filosofía, historia…), nivel de ensino (secundario ou universitario) e idioma (galego ou portugués).

NON DEIXES DE CONSULTAR

Camiños de Ciencia (https://cutt.ly/YK8PpW7). Camiños de Ciencia é unha guía de viaxe que existe tanto en formato dixital como impreso elaborada pola compañía Observer para a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. A particularidade desta guía turística é a súa abordaxe de divulgación científica, explicando as etapas do Camiño Francés e do Camiño de Inverno con interpretacións da xeoloxía, a botánica, a zooloxía, a astronomía, a medicina, a química, a historia e a arqueoloxía. A guía non se deseña cunha intencionalidade escolar, pero é unha ferramenta moi interesante para traballar o patrimonio material e inmaterial de diferentes poboacións de Galicia cunha perspectiva científica.

Galicia no mundo (https://cutt.ly/lK8Pxfc). Galicia no mundo é unha serie documental de catro capítulos elaborada pola produtora Seispés Producións Creativas para a Xunta de Galicia ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022. A serie documental está dirixida ao alumnado de educación primaria para traballar os sinais da identidade galega: a xeografía, a simboloxía, a lingua e a cultura. O primeiro capítulo chámase “Galicia no mapa” e aborda cuestións da nacionalidade histórica, a bandeira, o himno ou a distribución territorial. O segundo capítulo chámase “A paisaxe galega” e fala do clima, dos montes, do litoral, dos ríos e do consumo responsable para un desenvolvemento sostible. O terceiro capítulo de Galicia no mundo chámase “A lingua galega” e ocúpase da orixe, das variantes dialectais, da evolución do número de falantes, etc. Finalmente, o cuarto e último capítulo, chámase “Música tradicional galega” e conta cales son os instrumentos e ritmos tradicionais, así como os referentes da música tradicional.

Loitar Saben (https://www.mazarelos.gal/videos/documentais/). Serie documental que trata sobre a vida de mulleres galegas producida por Mazarelos (Sociedade Cooperativa Xuvenil sen ánimo de lucro). Na web do proxecto preséntanse dous capítulos: Fisterra (adéntranos nas casas e experiencias de veciñas de Fisterra vinculadas ao sector marítimo) e Loiba Feminino (céntrase nas vivencias das mulleres que fixeron posible a Unión Deportiva Loiba Feminino, Ortigueira, ano 1989).

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir