Panoraula

Texto

Actualidade da política educativa

O Tribunal Constitucional (TC) avala a LOMLOE. Os cambios que se produciron na composición do Tribunal Constitucional terán unha repercusión moi importante sobre esta Lei educativa. Era coñecido que a persoa encargada de redactar o fallo sobre os recursos interpostos neste Tribunal, sobre todo polos partidos PP e Vox, tiña decidido admitir o recurso para evitar que se eliminasen os concertos aos centros que discriminan por sexo (os do Opus Dei fundamentalmente) e tamén un pronunciamento que se facía no fallo sobre a necesidade de que o castelán tiña que ter presenza como lingua vehicular, aínda que non entraba nas porcentaxes (mínimo dun 25%) que marcou o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña. Agárdase o texto final da sentenza pero xa é definitiva a posición do pleno.

A eliminación dos concertos aos centros privados que segregaban por sexo empezou a darse nalgunha autonomía, tamén en Galicia ao final do Goberno PSOE-BNG, alegando que non podían financiarse con diñeiro público centros que non respectaban o principio constitucional de igualdade. Para evitar esta eliminación o Goberno Español presidido polo PP incluíu na LOMCE un artigo que declaraba o “ensino diferenciado” –segregado na nosa conceptualización– como unha opción pedagóxica e non discriminatoria, querendo evitar así a interpretación que se estaba utilizando para eliminar os concertos (o texto da LOMCE dicía no artigo 61.3: Non constitúe discriminación a admisión de alumnos e alumnas ou a organización das ensinanzas diferenciadas por sexos). A LOMLOE retira ese parágrafo do artigo e engade unha adicional que impide que os centros subvencionados con fondos públicos separen o alumnado por xénero. O que deberá obrigar a retirar os concertos por parte dos Gobernos autónomos a eses centros por non respectar o principio de igualdade. Diante desta situación, este tipo de centros empezou a admitir a alumnos e alumnas, pero aínda se dá o caso de centros que, por iniciativa ou inercia familiar, non reciben apenas matriculas mixtas. Os dereitos sociais e a xustiza social non son, como sabemos, consecucións definitivas e poden dar reviravoltas; isto que hoxe ensínanos que deberemos manter a atención, pois o conseguido pode mañá cuestionarse e reverterse.

No caso do castelán nas Comunidades con lingua propia, tampouco se reflectía nada na lexislación anterior e era de novo a LOMCE (Lei Wert) a que introducía con moita insistencia, nunha disposición adicional, a obriga da utilización do castelán como lingua vehicular (anulando así a opción pedagóxica da inmersión lingüística como método eficaz de aprendizaxe dunha lingua minorada). Chegaba a obrigar na propia lei orgánica a que a Administración autonómica garantise, a todo alumnado que o solicitara, ter o castelán como lingua vehicular e de non ser así poñeríaa o Estado co diñeiro da propia Comunidade. Isto desaparece da LOMLOE e os recursos ao TC que pretendían reintroducila non terán o aval deste Tribunal.

Primeiro curso cos novos criterios de promoción. A repetición resistirase? A LOMLOE pretende eliminar ou desactivar a repetición como un recurso de atención á diversidade. No seu articulado promove a promoción de curso sempre que o profesorado estime que esta promoción é beneficiosa para o devir académico do alumnado. As Comunidades gobernadas pola dereita poñen atrancos a esta medida, esixindo maiorías reforzadas da xunta de avaliación (en Madrid, os dous terzos) ou esixindo superar medias aritméticas (Galicia), ou primando a superación dunhas materias sobre outras segundo o horario (tamén en Galicia); en definitiva, reafirmando a repetición como unha medida para reencauzar a vida académica do alumnado. Esta confianza na repetición está mais que demostrado no noso sistema que non é efectiva, e somos dos poucos países que confían nela. Así, un 29% do alumnado español de 15 años repetiu algunha vez (datos prepandemia de 2018), case o triplo que a media da OCDE. En concreto na primeira etapa da ESO a repetición en España está no 8,7%, polo 1,9% na media dos países da OCDE e no 7,9%, polo 3% na segunda etapa. Rebaixar estas porcentaxes é un reto para a cultura da avaliación que temos, no ensino secundario sobre todo, obrigando a outras estratexias de intervención docente, e os primeiros datos que teremos este curso serán significativos do cumprimento desta norma. Estaremos atentos, pero non será doado. Así o pensa tamén José Saturnino Martínez, director da Axencia Canaria de Calidade Universitaria e Avaliación Educativa, que menciona dúas razóns que axudan a entendelo: Unha, é a visión da repetición como castigo. Unha ameaza que serve para disciplinar o alumnado e abordar os problemas de actitude que algúns mostran na aula. E outra é a idea de que todos os problemas veñen de que o alumno ou é torpe ou non fai un esforzo, que non hai lugar para moitas máis intervencións, e que o mellor é deixalo aí, a ver se co pouco que fixo un ano e o pouco que fará o seguinte vai adiante. O problema desta concepción, que poderiamos denominar brutalismo educativo, é que é compartida non só por parte do profesorado, senón tamén polas familias e por toda a comunidade educativa”.

A escola rural sobresaínte na dificultade. Non é unha novidade que na escola rural se fan esforzos e teñen lugar iniciativas que merecen a nosa atención e o noso entusiasmo. Neste caso fainos reflexionar unha reportaxe do periódico El País que vén de poñer de exemplo de escolas sobresaíntes ⎯con boas prácticas e bos resultados⎯ ao Centro Rural Agrupado (CRA) de A Tarandeira de Coristanco (http://www.edu.xunta.gal/centros/craatarandeira/). Este CRA, formado por sete pequenas escolas dos concellos de Coristanco, Santa Comba e A Baña, leva adiante un proxecto de traballo no que participa toda a comunidade. O profesorado, coordinándose e compartindo esforzos, formándose de forma conxunta, valorando iniciativas que non sempre teñen por que saír ben, e contrastando visións. As familias, apoiando mesmo co seu esforzo físico para algúns traballos de reforma, e por suposto co seu tempo para organizar saídas e convivencias. Os concellos, co apoio económico que, cando hai pouco orzamento e vai destinado a comunidades pequenas, ten máis mérito. E o alumnado, que se fai solidario e participativo nun sistema non necesariamente compartimentado por idades. Esta concorrencia tradúcese en bos resultados, superando agora algunha escola os problemas para a súa supervivencia. Tradúcese tamén en boas experiencias de aprendizaxe, sen libros de texto, con currículos máis adaptados á realidade e cun alumnado que se incorpora con adecuación aos centros superiores, con aplauso xeral do profesorado que os recibe. Unha experiencia atractiva tamén para profesorado en fase de formación inicial.

Premios á inclusión. Entre os diversos premios establecidos pola Xunta imos referirnos desta volta ao Premio Boas Prácticas de Educación Inclusiva que se instaurou co obxectivo de impulsar, difundir e compartir accións de atención á diversidade nas aulas

No seu anuncio de resolución di: A Xunta de Galicia recoñece o traballo de oito centros educativos galegos co Premio Boas Prácticas de Educación Inclusiva 2022, convocados pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades co obxectivo de impulsar a atención á diversidade e a inclusión educativa, difundir as boas prácticas así como recoñecer o labor que, neste sentido, está a desenvolverse actualmente nos centros educativos. Trátase, deste xeito, de promover unha escola que garanta o estímulo das capacidades de todo o alumnado e contribúa á creación de contornas e culturas inclusivas. Na categoría A, destinada a Educación Infantil e Educación Primaria, o primeiro premio é para o CEIP do Foxo (A Estrada), o segundo para o CEIP Plurilingüe Domaio (Moaña) e o terceiro para o CEIP Plurilingüe de Monforte de Lemos. O CEE A Barcia (Santiago de Compostela) obtivo o accésit. No caso da categoría B, destinada a ESO, Bacharelato, Formación Profesional, formación de persoas adultas e ensinanzas de réxime especial, o IES Fernando Blanco (Cee) recibe o primeiro premio, o IES Sanxillao (Lugo) o segundo e o CIFP Paseo das Pontes (A Coruña) o terceiro. O accésit é para o IES Valadares (Vigo). Os centros atesouran moitas iniciativas valiosas, e cando son quen de contalas e presentalas publicamente é por que teñen un soporte de persoas e resultados moi apreciable. Vaia, pois, o noso recoñecemento a estes centros e a este profesorado.

En pro da galeguización

  • Falando para un mundo mellor. A iniciativa de 21 días co galego, que iniciara hai anos a profesora Pilar Ponte, converteuse actualmente nun programa anual, que conta co apoio da Consellería de Educación, e sobre todo co entusiasmo dos 12 centros participantes nesta quinta xeira con máis de 4500 membros das comunidades educativas de centros de educación secundaria implicadas. 21 días para mudar actitudes e comportamentos a prol do uso oral da lingua galega, co apoio dun blog e a presenza en redes sociais. Esta necesaria iniciativa foi vivida con particular intensidade nesta primavera por parte dos centros do concello de Ames, que contaron co respaldo da RAG para levar adiante unha dinámica de maior intensidade.
  • Pola súa parte, A Mesa pola Normalización está a promover unha rede de “familias polo galego”, como medio de potenciar accións a través da coordinación, para seguir promovendo o seu uso e presenza social, ao tempo que, ademais, dá publicidade a unha base de datos e información sobre audiovisuais en galego, para maiores e para nenos/as, sexa por produción orixinal ou por dobraxe. Unha iniciativa ben interesante: http://pipocas.amesa.gal

Publicacións

  • Miguel Vázquez Freire (2022): O moucho voa. Filosofía en 28 conversas. Xerais.

    O moucho voa, que naceu como un programa radiofónico emitido durante varios meses pola emisora municipal Radio Neria de Corcubión, foi concibido como un texto para iniciar na filosofía, non só a adolescentes, senón para calquera outra persoa. Por iso nas conversas participan unha estudante de secundaria e un xubilado, que debaten cun profesor de filosofía sobre os principais temas filosóficos organizados nas catro categorías clásicas: Ser, que constitúe o campo da ontoloxía; Verdade, obxecto da epistemoloxía; Ben, que estuda a ética; e Xustiza, da que se ocupa a filosofía política. Nas conversas insístese en que non se trata dun curso de filosofía ao xeito académico senón de facilitar que calquera persoa se achegue ao pensar filosófico, partindo do suposto de que ese pensar é o máis conveniente para calquera ser humano.

  • Narciso de Gabriel (2023): Os mestres mortos daquel verán. Vigo: Galaxia.

    Os principais protagonistas deste libro, baixo a escrita limpa de Narciso de Gabriel, son dez homes e dúas mulleres mortos pola represión franquista e as súas posteriores consecuencias. Ábrese con María Vázquez Suárez, mestra compostelá destinada en Miño, asasinada alí polos fascistas, e remata con Francisco Ponzán Vidal, mestre aragonés destinado en Camelle (Camariñas), asasinado polos nazis en 1944. Entre unha e outro figuran as vidas dos seguintes mestres: Rafael Fernández Casas, Jesús Álvaro López Brenlla, Mercedes Romero Abella, Rafael Pardo Carmona e Fernando Barcia Veiras, Manuel Rodríguez Castelao e Xosé Losada Castelao, Arximiro Rico Trabada, Víctor Fraiz Villanueva e Ramón Amadeo Figueroa Vilachá. Unha reivindicación da memoria necesaria e xusta.

  • Laura López Atrio (2023): Ciudades educativas y creadoras. La misión de las Administraciones locales en la difusión de la educación y la cultura. Vigo: Consello Social.

    Logo da súa experiencia como concelleira de educación na cidade de Vigo, na primeira década do século XXI, a profesora Laura López entréganos unha oportuna reflexión sobre o papel, as dinámicas e as potencialidades das administracións locais urbanas con relación á expansión dunha educación de calidade para todas, poñendo diante a construción da cidadanía democrática e participativa.

Iniciativas, exposicións e recoñecementos

  • Día do naturalismo galego. O inquedo mestre Rafael López Loureiro e a SGHN están conseguindo fixar unha fermosa data no noso calendario: a do 9 de Marzo. En tal día de 1695 naceu o Padre Sarmiento, extraordinario estudoso tamén da nosa natureza. Acollerse a el é un pleno acerto. https://costaartabra.blogspot.com/
  • La Voz de Galicia vén de facerse eco do programa de traballo que levan a cabo no CPI Fingoi de Lugo, baixo a coordinación do profesor Alberto López, co fin de rebaixar a pegada ecolóxica. Están a conseguilo no centro e nas familias dos rapaces.
  • Ben lograda a exposición Unha árbore de historias. Cen anos de literatura infantil e xuvenil galega, que entre os meses de novembro de 2022 e maio de 2023, se puido visitar na Biblioteca de Galicia, en Santiago de Compostela, baixo o comisariado da profesora Montse Pena Presas, da Facultade de Ciencias da Educación.

    Desde “a semente” (As Roladas, de 1922), pasando polo período da “escuridade” (1936-1960), até chegar “ao agromar” (1985) e ao momento dos “froitos” dunha fermosa árbore.

    Hai profesores e profesoras que deixan moita pegada. Pola súa magnífica docencia, pola súa calidade ética e humana; pola súa bonhomía; pola súa xenerosidade; pola súa sabedoría de vida. Xoán Andrade Vidal é un deles. Ademais, ten na súa man e no seu ollar, como Tonucci, a intelixencia e a destreza do apunte gráfico. Deixouno con abundancia nas páxinas do suplemento de prensa Na Escola, no fermoso libro Garabulliño, nos que viñeron logo, e sempre que se lle pide un apunte desde esta Revista. Hai pouco unha exposición betanceira deu mínima conta diso. Obrigados. https://xoan-andrade.blogspot.com/2017/03/
  • O Club de lectura interxeracional do CEIP Laredo-Chapela (Redondela) mereceu o segundo premio español dentro da convocatoria dos Premios Nacionais de Lectura de Educación Primaria.

Unha nova que non queríamos

O 25 de abril pasado, que tantas resonancias ten entre nós, a prensa informou que finaba a actividade da Granxa-Escola de Barreiros (Sarria), a granxa que fundou o empresario Antonio Fernández, como punto de partida para a fermosa e valiosa escola rural que alí houbo desde 1948 até a fronteira dos setenta, baixo a man mestra de Avelino Pousa e de Valentín Arias, que ensinaron rutas a fillas do empresario, como Asunción Fernández Puentes, quen veu até o presente conectando o Colexio Fingoi de Lugo, que dirixe, coa fonte primeira de Barreiros, un espazo acolledor para a conexión coa natureza e para pensar outro futuro para Galicia. Mágoa deste peche.

Máis recente

  • Facémonos eco da recente Exposición “O Ronsel do Xelmírez: 178 anos na educación e cultura galegas”, promovida polo Instituto de Bacharelato Arcebispo Xelmírez, en Compostela. Unha magnífica mostra do extraordinario e delongado labor realizado neste centro ao longo do tempo.
  • A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza concedeulle o Premio Osíxeno Individual 2022 á profesora Alicia López Pardo, en representación das persoas tan implicadas nas loitas actuais contra a enchente de muíños eólicos e a prol de plans de desenvolvemento eólicos racionais.
  • 40 anos da aprobación unánime da Lei de Normalización Lingüística. Un texto fundamental, mais que precisa unha posta ao día para mellor promover a plena recuperación/normalización da lingua galega,

Foise

No nº 85 da RGE dabamos conta, con mágoa, da desaparición entre nós de Maruxa Barrio Val, didacta e galeguizadora. Tamén, con mágoa, dicimos adeus ao profesor da Facultade de Ciencias da Educación e catedrático nela Agustín Requejo Osorio, que o 23 de xaneiro deste ano nos deixou. Era magnífico coñecedor da obra de Paulo Freire, que axudou a difundir, e defensor dun reflexivo laicismo; era tamén membro de Nova Escola Galega.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir