Panoraula

Texto

ACTUALIDADE DA POLÍTICA EDUCATIVA

* Iniciamos novo curso académico 2023-24 cuns 312.000 alumnos/as en todo o sistema educativo de Galicia, nos niveis de infantil, primaria, secundaria e bacharelato, o que significa unha moi alta perda de alumnos/as con respecto ao curso pasado e 59 unidades escolares menos. Aínda dando por boa a información da Consellería de que ao remate da matriculación de FP se superan os 61.000 do curso pasado, con seguridade que non cambiará en gran medida a perda de matrícula do conxunto do sistema.

  • Un recente estudo da Consellería de Educación feito público no pasado mes de setembro pon de manifesto o profundo desequilibrio territorial existente actualmente en canto á escolarización básica. Así, por exemplo, só 12 concellos de toda Galicia (os maiores urbanos) reúnen a metade da matricula de educación infantil.
  • Isto é, penuria grave na demografía escolar e desequilibrio territorial na súa presenza, que coexisten con rateos escolares en aulas urbanas que son didacticamente por completo inadecuadas, máis cando existen problemáticas sociais e de necesidades especiais que demandan tempos de atención específicos ao alumnado, tal como veñen reclamando as organizacións sindicais do profesorado e as organizacións de ANPAS.
  • En particular nos espazos urbanos, á beira de circunstancias e demandas sociais e familiares de diversa índole, hai que anotar o crecemento das poboacións escolares de procedencia migrante e con diversidade cultural, que é preciso acoller con atención, con equilibrio na repartición de alumnado vulnerable entre os centros públicos e os privados. Galicia ten actualmente unha notable porcentaxe de alumnado con n.e.e. integrado nos centros escolares, pero é necesario avanzar nas políticas de inclusión efectiva, que son máis esixentes.

* Preguntado o Conselleiro no Consello Escolar de Galicia (CEG) se a diminución da natalidade e da matrícula nos primeiros niveis repercutiría na mellora do rateo ou no incremento de medios profesionais para a atención á diversidade, non respondeu…

  • Convén aclarar que por terceiro ano o Conselleiro acude ao CEG para comparecer e explicar como está sendo o inicio de curso. É de valorar esta presenza se serve para aclarar, contrastar e escoitar, pois trátase da representación da Comunidade Educativa. Porén, moito nos tememos que pode ser soamente un acto de propaganda política, neste caso especialmente por tratarse do inicio dun curso no que terán lugar as eleccións ao Parlamento galego. 
  • Posiblemente a principal novidade da lexislación para este curso é o establecemento da figura dunha persoa responsable de benestar e protección nos centros de ensino. Este responsable non foi regulado pola Administración educativa galega ata o pasado día 31 de agosto. Unha novidade que podía supoñer unha gran axuda ao profesorado, para o labor titorial e de orientación para a formación integral do alumnado (abordando aspectos da educación sexual, emocional, para a convivencia, para a igualdade, para a prevención da violencia de xénero etc.) así como unha fórmula para conectar as familias cos centros educativos, pasa a ser responsabilidade dun profesor ou profesora do claustro con dúas horas de dedicación semanais a descontar das lectivas. Non se aproveitou para incorporar persoal con perfil non docente –como os educadores e educadoras sociais⎯ como se ten feito noutras CC. AA. dende hai anos para funcións similares. Non se reparou, ademais, en que en moitos centros esta función se lle vai atribuír ás persoas orientadoras, que xa se ocupan de case todas estas funcións, quedando totalmente diluída esta nova figura.
  • Hai un malestar, máis ou menos clamoroso, entre o profesorado polo incremento do volume de burocracia que hai que abordar cada curso escolar. Non só se incrementa senón que se cambian con frecuencia contidos e formatos. Ás veces mesmo non é uniforme o xeito de facerse, cambiando dun centro a outro, dependendo do organismo de control (Inspección educativa). Preguntado o Conselleiro se é consciente desta situación e se se deu ou vai darse algún paso para mellorar, axudar e facer coherentes estes traballos, toda a resposta foi mostrar o ser sensible e que se creará un grupo de traballo de directoras e directores para abordar o problema, o que suscita interrogantes..
  • Neste mesmo pleno expúxose a preocupación polo mundo rural e moi concretamente pola educación neste ámbito, que foi ademais  o tema dos XXXIII Encontros de MRP do Estado celebrados en Compostela no 2020. Constatamos con pesar que dende o CEG non se lle ten prestado a atención que merece este problema, a pesar da existencia Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural, que vén traballando arreo para analizar, formular alternativas e incidir na sociedade e nas Administracións. Propúxose que o próximo informe do CEG sexa sobre a Educación no Rural. Estes informes supoñen non só unha aproximación seria e fundamentada aos obxectos de estudo, senón tamén unha toma en consideración de situacións e propostas, así como unha chamada de atención, unha “posta en foco”, que tanto se necesita neste ámbito.
  • E segue o incremento de partidas económicas aplicadas pola Consellería de Educación para o apoio aos centros escolares privados concertados. Unha nova e distinta acción de goberno, tanto a escala estatal como autonómica, deberá revisar esta política, xa que alén de atender determinadas e obxectivas necesidades sociais, está a contribuír á dualización das poboacións escolares desde criterios de clase social, como porta de acceso a unha crecente dualización social discriminativa e antidemocrática.
  • Sobre comedores e alimentación infantil: dúas iniciativas a loar. A da Consellería de Medio rural que destina un millón de euros en axudas aos centros escolares para a compra de produtos de alimentación de proximidade, e o favorecemento de hábitos alimenticios saudables nos colexios. O concello de Nigrán (Pontevedra), pola súa parte, pon en marcha unha ampla coordinación de comedores escolares nos centros públicos do concello. Desde a cociña dun deles e a través dunha empresa concesionaria gañadora do concurso público, organízase un sistema de elaboración e de distribución de comidas quentes, con produtos equilibrados e coidando a proximidade de recollida dos produtos a cociñar. Con isto evitan o cátering e a deficiente elaboración de xantares.

ARREDOR DA GALEGUIZACIÓN

  • Curso novo e nais e pais que levan os seus fillos/as ás paradas dos autobuses escolares ou á porta das escolas e en grande medida as conversas, como se pode escoitar, son en castelán. Un castelán que continua nos centros, de non ser nos casos de pleno convencemento na actuación docente e educadora en galego. Un castelán (‘a boca chea’ poderiamos dicir) que usan os máis poderosos medios de prensa escrita en Galicia tamén nas súas separatas ou caderniños monográficos sobre “Formación” (vid. La Voz de Galicia e Faro de Vigo do día 13 de setembro pasado). Así vai procesándose a perda patrimonial, con satisfacción dalgúns, dor de bastantes e indiferenza de moitos máis.
  • Arredor do asunto, o profesor Fernando Ramallo vén de editar o texto titulado: Que pasa co galego? 32 preguntas sobre a situación social da lingua (Xerais, 2023), coa vontade de axudar a avanzar no proceso de normalización.
  • As escolas Semente, seis en toda Galicia arestora, conscientes da problemática, están a ollar outras experiencias similares, como as escolas bretoas Diwan (‘semente’) das que se falou na RGE en 1993, presentadas no Festigal/2023 en Compostela. Neste outono diversos actos están a difundir o centenario de creación das Escolas do Insiño Galego, que Ánxel Casal impulsaba desde A Coruña, que darían lugar á Escola das Irmandades aberta na cidade desde 1924 e ata 1930. Esta difusión acompáñase dun fermoso documental: “Aprender na lingua propia. Das Escolas do Ensino Galego á Semente (1923-2023)”.
  • O proxecto Musigalízate, que acolle os variados estilos musicais que actualmente se poden escoitar e facer en galego, elaborado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CPI de Boqueixón (na área de Compostela) liderado polo mestre Santiago Quiroga, vén de ser premiado pola Consellería de Educación como acción innovadora no fomento do uso da lingua galega.

EXPERIENCIAS

  • É feliz a experiencia Son das Flores que leva adiante o profesorado de primaria do CEIP Vicente Risco do barrio vigués das Flores, en Teis. Con nenos e nenas de catorce nacionalidades chegaron a formar unha orquestra con instrumentos musicais de cartón e aramios, desde a que interpretan distintas pezas musicais, sendo un medio de inclusión e de enriquecemento cultural.
  • Mentres, os colexios de Mos e de Moraña, en distintos puntos da xeografía pontevedresa, participantes no programa Observa_Acción entre outros 36 centros educativos de toda Galicia, levan adiante prácticas de observación e de común recoñecemento e análise de prácticas educativas, que os leva a intercomunicarse entre si, tamén presencialmente.
  • É lindo ver as crianzas de Ponteareas participar na elaboración das alfombras floreadas, que alí é costume. Un modo de renovar un patrimonio local.

EXPOSICIÓNS

  • Tal como se indica nun dos artigos do presente número da RGE, desde o pasado mes de abril segue aberta a exposición “Educación, Xénero e Lectura”, que o Grupo de Investigación SEPA-interea da Facultade de Ciencias da Educación da USC impulsa coa colaboración do Museo Pedagóxico de Galicia.
  • Entre mediados de setembro e ata a fin de outubro o mesmo Grupo de Investigación promove no Colexio de Fonseca en Santiago a exposición “A Escola Nova… tamén entre nós (1921-2021)”, baixo o comisariado de Antón Costa Rico e a coordinación xeral da profesora Lucía Iglesias da Cunha. A exposición mostra a riqueza e diversidade de textos editados tamén en español durante as primeiras décadas do século XX e está acompañada por un coidado Libro-catálogo (texto e imaxes, ao que se pode acceder en www… ) sobre o itinerario internacional do movemento da Nova Educación, coa súa influencia sobre o presente educativo, con mencións particulares ás experiencias de Cataluña e de Galicia. A exposición acompáñase de varias actividades académicas e inclúe a presentación do libro de Codignola/ Visalberhi, As escolas novas e os seus problemas (Pontevedra: Kalandraka editora, “Biblioteca de Pedagoxía”, con tradución e edición anotada de ACR).
  • Estamos no ano do Centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos. Celébrao unha moi notable exposición aberta ao público na Cidade da Cultura, que vén acompañada por un magnífico libro Catálogo, SEG. A luz na aterra (dir. Ramón Villares), no que se abordan numerosos aspectos do que foi a vida do SEG e da súa transcendencia para a historia contemporánea de Galicia. Tamén a faceta educativa do SEG está presente nesta Exposición, que se acompaña doutras iniciativas, como as emprendidas polo Consello da Cultura Galega e polo xornal Nós, a través de ”Sermos”.

RECOÑECEMENTOS

  • A  escritora Paula Carballeira vén de recibir o Premio Nacional de Literatura Dramática por parte do Ministerio de Cultura en recoñecemento a súa obra teatral As alumnas (2022, Galaxia), onde se ficcionan percorridos de vida de varias ex-alumnas da grande María Barbeito que se reencontran coa ocasión da morte desta mestra en 1970. A mestra ensináralles o valor de amar a verdade, a solidariedade e a beleza. Parabéns.
  • O pasado 6 de xuño de 2023 o programa da TVG “A porta aberta” dedicaba o seu número 46 a recoñecer a historia, o presente e o significado de Nova Escola Galega, que neste ano ademais cumpre os seus 40 anos de vida. O programa construíuse sobre unha considerable base documental e acolleu, ademais, as intervencións de varios dos e das profesoras da Asociación: Xosé Lastra Muruais, naqueles momentos presidente, Mariló Candedo, Camino Pereiro e Uxía Bolaño. Pode visionarse en https://www.crtvg.es/tvg/a-carta/nova-escola-galega-6152744
  • O director do Servizo de Normalización Lingüística da USC e escritor de narrativa e de teatro, Manuel Núñez Singala, recibiu o recoñecemento como o autor galego máis lido nos clubs de lectura das bibliotecas escolares de Galicia durante o pasado curso académico, no marco dunha xornada de coordinadoras dos clubs de lectura, que reuniu máis de 400 profesoras e bibliotecarios/as.

EDUCACIÓN PARA A PAZ

Manuel Dios Diz, ex-presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz e un dos autores de referencia na abordaxe de educación en valores, ante a existencia da guerra en Ucraína (unha profunda agresión rusa e unha resposta occidental baseada na alimentación armamentista da guerra), vén de reunir unha importante nómina española, galega e internacional de educadores/as e líderes sociais destacados no pacifismo activo nun libro colectivo co título ¡Abajo las armas! ¿Dónde está el pacifismo? (Santiago: Alvarellos), con notables reflexións sobre o pacifismo como movemento e como dinámicas de construción social dun mundo máis humano na hora presente.

 DEIXARON DE ESTAR CON NÓS

  • Emilia Ferreiro, a  destacadísima investigadora e educadora arxentina, radicada moitos anos en México a causa da pasada ditadura militar e formada na metodoloxía clínica e no estudo da psicoloxía infantil con Piaget en Xenebra, vén de nos deixar a fins do pasado agosto. Tamén a profesora catalá Ana Teberosky, formada á beira da anterior, sendo con ela autora do importante libro Los sistemas de escritura en el desarrollo del niño (México, 1979), nos deixou na pasada primavera. As dúas, en primeiro lugar Emilia Ferreiro, abriron camiños novos en relación coa metodoloxía de aprendizaxe da escritura e da lectura; camiños coincidentes co método natural proposto por Freinet e seguido de cerca polos movementos de Pedagoxía Freinet, en particular polo Movimento de Cooperazione Educativa, ao promover  esta perspectiva para a construción do código escrito. A través dunha intensa investigación examinaron o proceso de adquisición da linguaxe escrita, subliñando a importancia de ter en conta os procesos de indagación infantil para comprender mellor as características, o valor e a función da escrita desde o punto de vista do neno que aprende.

  • E Dorothé Schubarth, a musicólogasuíza que en 1978 viaxou a Galicia como investigadora para estudar a nosa música popular, coa súa diversidade, adentrándose para iso, gravadora en man, nas diversas terras da Galicia rural, con anceio de ser aceptada polas persoas que a acolleron e lle trasladaron o seu acervo cultural, co acompañamento e bos oficios do profesor Antón Santamarina. Con ela, os anteriores cancioneiros galegos, como o de Casto Sampedro, podían verse enriquecidos ao compoñer agora un denso  patrimonio musical composto por 14.000 coplas, o Cancioneiro popular galego (Fundación Barrié, 1984) do que actualmente se alimenta a música popular e tradicional en Galicia. É do caso sinalar como, en particular, moitas mestras e algúns mestres actuaron de intermediarias no achegamento humano entre Dorothé e a xente. Este patrimonio é actualmente accesible dixitalmente a través tanto da Fundación Barrié, como mediante o arquivo APOI do Museo do Pobo Galego.

Na  súa homenaxe podemos recordar que na fin dos anos 20 o musicólogo lucense Bal y Gay e o asturiano Eduardo Martínez Torner case terminaran o Cancioneiro Musical Escolar, que había intención de que o editase o Seminario de Estudos Galegos. Compuxérono en boa medida contando cos mestres, como Bal deixou escrito nunha crónica de 1928 publicada en El Pueblo Gallego:

CANDO NENOS E NENAS CANTABAN EN GALEGO

Mucho tenemos que agradecer Eduardo Martínez Torner y yo al Magisterio gallego. En nuestra excursión de este verano, 1928 ‒y, con toda seguridad, en las próximas también‒ la única ayuda que, no movida por la amistad, hemos encontrado ha sido la de los maestros. Ante todo, ellos han sido los únicos que sin excepción comprendieron el objeto de nuestro viaje y el sentido de nuestra labor. Y cómo se daban cuenta de nuestros deseos se veía luego en la eficacia de las presentaciones que de nosotros hacían.

En las aldeas y pueblecitos donde no conocíamos a nadie, hemos optado siempre por visitar al maestro. Otras personas había con autoridad espiritual o temporal que podían habernos ayudado. Pero la experiencia nos demostró una y otra vez que la cultura estaba ausente de aquella fuerza. Hoy desengañado de muchos falsos prestigios y convencido de la buena voluntad de los jóvenes maestros, aconsejo a todo el que tenga que visitar una aldea en misión de cultura, acuda confiadamente al maestro, nada más que al maestro. 

Momento delicioso cada vez que entramos en una escuela, cuando comenzamos a oír la alegre polifonía de tanta voz infantil. Estupenda escena cuando los chicos nos ven entrar en el aula. ¡Qué interrogación de silencio nos echan al cuello! Ante tamaña curiosidad como se ve en aquellos ojos, ante el positivo placer de irla saciando, se envidia la deliciosa tarea del maestro! Y luego que conocen el objeto de nuestra visita, cuando se interrumpe la clase porque el maestro quiere que nos canten un maio o unos reises, ¡con cuanta simpatía nos rodean, con qué buenos pulmones ofrecen su melodía! Y ahora viene un cativo que os dice: “Fulano sabe un cantar, pero non se atreve”. Y luego otro que nos aconseja: “Mire, no es así”. Y más tarde llega a nuestro lado quien nos promete traernos escrito al día siguiente un cantar muy largo. Cuando, por fin, salimos de la escuela, dejamos en ella tantos buenos amigos como alumnos.

[…]

Jesús Bal y Gay, «Altos en un viaje. Visita de escuelas». El Pueblo Gallego, 25.IX.1928 (Recuperou ACR)

ATA XA

Servidor (ACR) remata aquí esta acción comunicativa, que é unha parte significativa do “Panoraula” de cada número da Revista Galega de Educación, acción esta que veño compartindo felizmente desde hai cerca de 20 anos co meu compañeiro e amigo Xosé Ramos Rodríguez, pero que eu viñen cultivando desde que en 1978 iniciamos a edición de As Roladas-2. Revista pedagóxica galega. Desde 1978 a revista durou ata a primavera do 81, mais seguiu esa acción comunicativa pola miña parte a través do Suplemento de Educación “A Pizarra” de Faro de Vigo, para reiniciarse en 1986 coa Revista Galega de Educación, con continuidade ata o presente. Ao estar fóra do día a día das aulas e ir ‘andando para diante’ quizais toque deixar paso. Outras actividades continúan no meu caso. Obrigado, entón, ás lectoras e lectores que tiveron en conta as achegas que aquí se foron dando: moitas e vizosas, con frecuencia, e así han seguir sendo. Ademais da escrita física, a dixital colle protagonismo crecente.

Saúde e que cante a merliña!!!

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir