Panoraula

Texto

ACTUALIDADE DA POLÍTICA EDUCATIVA

O inicio de curso. Xa estamos afeitos aos principios de curso con redución de profesorado, supresión de escolas ou de unidades, obras inacabadas…; este curso unha volta máis: non estaba publicado o novo currículo e aconsellaban manexar un borrador… Unha semana despois de comezado o curso publicouse o currículo no DOG. Ademais, as organizacións sindicais CIG, CCOO, STEG e UGT veñen denunciando outros desaxustes na política educativa e na política de persoal docente e ao servizo do ensino. Que non haxa entusiasmo no executivo galego coa nova lei non pode significar que se dificulte o seu cumprimento.

Outro incumprimento máis é o non desenvolvemento da figura de Coordinador ou Coordinadora de benestar e protección, que se crea no Artigo 35 da Lei Orgánica 8/2021, de 4 de xuño, de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia. A propia lei, para facilitar o seu cumprimento, establecía 6 meses de prazo para a súa entrada en vigor nese aspecto. Pasaron non seis senón dezaoito meses, e segue sen crearse en Galicia esta figura, que debería ser un elemento clave para abordar problemas tan complexos e graves como o acoso escolar, e todos os temas relacionados coa convivencia, así como os de alimentación e protección de datos nos centros educativos.

Para redondear un inicio triunfal, o equipo da Consellería quixo darse o gustazo dunha entrada de curso con autobombo utilizando trampulleiramente o profesorado en prácticas, que acababa de aprobar a oposición e estaba aterrando nos seus centros. Obrigaron os novos profesores de Secundaria -despois de ver que os de Primaria acudiron en moi escaso número na data na que os convocaron sen manifestarlles obrigatoriedade- a acudir a un acto protocolario de presentación en Santiago para a visibilización mediática dos cargos da Consellería. 

Outra novidade do curso, relacionada tamén coa nova lei, é a dos criterios de promoción e titulación. En Galicia establécense uns requisitos para a promoción que poden resultar máis estritos que os anteriores. Vexamos: a LOMLOE establece que con máis de dúas materias suspensas a decisión de non promocionar -polo tanto, de repetir curso- será tomada polo equipo docente, tendo en conta que as competencias do alumnado lle permitirán render no curso seguinte. O obxectivo explicitado na lei é que así converterase a repetición en algo realmente extraordinario, coa finalidade de rebaixar as porcentaxes anteriores dada a ineficacia da repetición para o éxito educativo. Pois ben, a Xunta establece para a evitar a repetición ao alumnado que teña máis de dous suspensos, dous requisitos:

  • Que a nota media de todas as materias sexa 5. Con esta norma, un alumno con 5 en todas as materias aprobadas xa non alcanza a media. Aínda sacando un 7 nunha materia tampouco alcanzaría a media aínda tendo 4 puntos nas tres materias que suspende e un 5 no resto. Co agravante de que este requisito incorpora ademais as cualificacións numéricas que a LOMLOE suprime, tal e como comentamos no anterior Panoraula.
  • Que o número de horas das materias suspensas non sexa superior a dez. Isto significa unha volta á xerarquización de materias, neste caso volvendo a sobrevalorar as Matemáticas, que é a única materia con 4 horas, e a minusvalorando as que teñen 2 (Ed. Física, Plástica, Música e L. Estranxeira; e en 3º Física e Química, e Bioloxía).

Vemos aquí unha forma sibilina de incumprir a lei e mesmo de empeorar aspectos que se quixeron corrixir da lei anterior. 

Segue o descenso no conxunto da matriculación escolar non universitaria por razón da caída demográfica galega. O curso presente incorpóranse un total de algo máis de 311.000 estudantes, case 150.000 menos que na fin dos anos oitenta do século XX. En todo caso, o descenso continuado observado na maior parte dos centros, convértese en incremento continuado nunha menor parte, como se puxo de relevo en distintos informes xornalísticos aparecidos nos primeiros días do pasado mes de setembro.

A Consellería pon en marcha 138 chamados polos creativos noutros tantos centros, na procura de desenvolver os ensinos STEM, unificando clubs de ciencia, espazos maker, actividades de creación videográfica e robótica, e tamén de creación de materiais mecánicos. Pretende, así, impulsar algúns cambios metodolóxicos, o que irá ligado a diversas transformacións arquitectónicas dos centros. En conexión, pretenden pór en marcha o Centro Galego de Innovación da FP e o Centro de Investigación Educativa e Dixital.

ARREDOR DA GALEGUIZACIÓN

Sen novidades maiores, apuntamos que non deberiamos perder de vista dúas recentes publicacións da Real Academia Galega:

  • Monteagudo Romero et alii (2021): Prácticas lingüísticas na infancia. A xestión lingüística nos primeiros contextos de socialización. A Coruña: RAG, e 
  • Monteagudo Romero et alii (2021): Ideas para un plurilingüismo desde o galego no concello de Ames. A Coruña: RAG.

Nin tampouco perder de vista: O portal da lingua galega da Xunta de Galicia (https://www.lingua.gal/portada), o portal A primavera das Letras da RAG (https://primaveradasletras.gal/), os recursos de Aulas Galegas (https://aulasgalegas.org/) e os que ofrece a Mesa pola Normalización (https://www.amesa.gal/), entre outros.

LIBROS RECURSOS E OUTROS MATERIAIS

  • Eixo Atlántico vén de publicar o cómic Das Orixes á Unión Europea, Historia da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, un álbum de 100 páxinas que percorre a historia dos dous países a través de cinco capítulos, dende os primeiros poboadores destas terras ata o momento actual e a propia constitución do Eixo Atlántico. O traballo foi dirixido e redactado polo historiador Víctor Rodríguez, que coordinou os catro debuxantes. Praza.gal ofrece a posibilidade de ler online e de descargar. https://praza.gal/cultura/o-comic-afonda-no-pasado-comun-de-galicia-e-portugal-pero-sobre-todo-na-idea-de-que-o-presente-e-futuro-tamen-o-son
  • González Ogando, P. ((2022) Bocados matemáticos. Vigo: Xerais. As matemáticas están presentes no día a día, aínda que ás veces non nos decatemos. Unha mirada adestrada consegue identificar elementos xeométricos, numéricos, lóxicos ou estatísticos ao seu arredor en multitude de situacións. Desde a forma do balón de fútbol ata o número que nos asignaron no noso DNI, nestas páxinas explícanse exemplos variados de aplicacións das matemáticas. Bocados matemáticos dá respostas, fomenta a curiosidade e persegue que se perda o medo a facer uso das matemáticas.
  • O Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego (www.xogostradicionais.gal) vén de editar (2022) co auxilio do Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo o libro Xogos tradicionais galegos para tempos de recollida, con fermosas ilustracións de Iván Mouronte.
  • Iglesia, de la, F. e Lobato, X. (2022). Feitizo no val. A Estrada: Fervenza.  Un libro de contos nados da colaboración dunha neta, Fátima de la Iglesia, e o seu avó. Un tecido de historias nas que a fantasía, lendas, paisaxes e vivencias compartidas nas conversas, manteñen vivo o amor á terra. Unha fusión de creatividade nos contos acompañados con debuxos a toda cor elaborados por cativos da Escola de Sarandón (CRA Boqueixón-Vedra “Neira Vilas”) e Amalia López Brea “Luchi”.
  • Carreiro, P. (2022). Os Bolechas van da escola á granxa. Santiago: Editorial Bolanda. Unha viaxe didáctica que fan os escolares para percorrer 24 granxas e explotacións agrarias da provincia de Lugo: de gandaría extensiva, granxas de leite, explotacións de produtos ecolóxicos e artesanais, de produción e envasado de podutos ecolóxicos. O libro servirá de acompañamento ao programa “Da escola á Granxa” que promove a Deputación de Lugo, que neste curso conta xa con 72 visitas programadas, e que tamén colabora na presente edición.

e desde a historia:

  • Gómez Álvarez, P. (2022): O ensino na terra de Lemos. Mapa de escolas e centros. Lugo: Deputación de Lugo, Concello de Lemos e Secretaría Xeral de Política Lingüística. Un denso, descritivo e completo estudo sobre a historia escolar dos seis concellos que compoñen a Terra de Lemos, desde as primeiras décadas do século XIX ata os momentos actuais, acompañado de numerosa documentación documental e gráfica.
  • VVAA (2022) (Costa Rico, e Manuela Rodríguez, coords.): Mulleres imprescindibles. Educadoras na vangarda do século XX. Pontevedra: Kalandraka. A presentación de nove historias de destacadas educadoras de diversos contornos culturais e lingüísticos do Estado español e de distintos momentos do século XX. Figuras notadas na historiografía educativa, aquí abordadas na súa resonancia para os tempo actual, a cargo doutras tantas especialistas, cunha introdución global e interpretativa.

INICIATIVAS E EXPERIENCIAS

  • As experiencias escolares transformadoras tamén existen. Recentemente aludía a elas en senllas reportaxes o xornal Faro de Vigo, que no 13 de setembro lles dedicaba unha páxina completa baixo o titular “Coles que cambian libros por gallinas”, e o mesmo medio aos poucos días atendía do mesmo modo á rica experiencia do IES Valadares, como un referente na comarca viguesa.
  • Tamén na contorna rural hai encontros de posta en común, como a V Asemblea “Interior Galego Vivo” celebrada en maio en Antas de Ulla, sinalando que ‘o rural ten partido’, ou o Encontro da rede do rural celebrado o 1 de outubro na casa-fundación Uxío Novoneira en Parada do Caurel.
  • Sen esquecer o Interxeracional. Educadoras e traballadoras sociais de Santiago, Cervo, Oleiros e Ferrol celebraron o “Primeiro Encontro Interxeracional da diversidade: fiando universos”, baixo a coordinación do Grupo de Traballo Fiar estrelas de Nova Escola Galega.
  • Un ano máis, a Asociación Galega de Solidariedade co Pobo Saharaui canalizou a presenza en Galicia durante o verán de 184 nenos e nenas procedentes do Sahara e dos campos de refuxiados do Tinduf; un exemplo magnífico de solidariedade e de loita polos dereitos da infancia alén de fronteiras políticas.
  • E un aturuxo para unha vedraña publicación: o Almanaque Agrícola ZZ, que cumpre 70 anos. Baixo o impulso de Laboratorio Zeltia do Porriño e do empresario Antón Fernández, a quen se debe tamén a Escola de Barreiros e o colexio Fingoi, desde 1952 e con periodicidade anual veu saíndo un folleto de algo máis de 100 pp. totalmente en galego, editado por milleiros de exemplares e sendo durante décadas case o único libro que entraba en lingua galega en moitas casas. Vén de recordalo Xosé González Martínez, presidente do Foro E. Peinador. Na actualidade, edítao a farmacéutica presente no Porriño, Syngenta.

RECOÑECEMENTOS

O Padroado da Fundación Lois Peña Novo recoñeceu neste ano de 2022 a traxectoria en prol da galeguización da educación desenvolvida ao longo de case catro décadas por Nova Escola Galega, xunto á actividade científica e de difusión da profesora Mª Luísa Castro, no campo da bioloxía, e de Rodrigo Romaní, no musical. O acto público celebrouse o 30 de xuño, recollendo o galardón Xosé Lastra Murais, en calidade de Presidente, quen nas súas palabras sinalou:

“…non podemos ser a xeración que permita a perda do noso sinal de identidade máis sobranceiro. Negámonos radicalmente a que iso suceda e de xeito igualmente radical manifestámo-la nosa firme decisión de loitar ata onde as forzas cheguen para que, se non podemos velo nós, as xeracións futuras, a infancia e a mocidade de hoxe, poidan ve-la nosa lingua como a normal de comunicación deste noso pobo. 

Por iso, pola ausencia de políticas públicas que nos protexan e deixen de dirixirse “cara a unha nova fase da eutanasia”, por iso son tanto de agradecer estas iniciativas civís en prol da lingua. E aínda que “o conto é triste”, non podemos deixarnos levar por un pesimismo que nos inmobilice. Por iso dispoñémonos emocionadas e dispostas como hai corenta anos, ou con máis azos aínda, a seguirmos facendo sementeira.

En nome de Nova Escola Galega, moitas grazas, de corazón”.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir