Os modelos PAI e Casa Niño de atención á infancia rural en Galicia

Resumo

Ofrécense os trazos máis destacados, tanto os virtuosos como aqueles mellorables, de dous modelos de atención á infancia 0-3 anos en concellos rurais, implantados pola Xunta de Galicia para dinamizar a demografía e favorecer a conciliación familiar: os Puntos de Atención á Infancia e as Casas Niño.

Texto

1. A demografía rural galega: achegamento e acción institucional

É ben sabido que Galicia vén padecendo unha preocupante situación demográfica caracterizada (entre outras referencias) por un persistente devalo da natalidade, que aproximadamente desde o ano 2009 aféctalles tamén ás sete grandes cidades, pero que se vén cebando no noso rural desde hai xa medio século, e cada vez cunha maior intensidade1. Esta circunstancia remata por repercutir en toda a realidade social, cultural e económica, e para un país coma o noso cun mínimo dun 70% de territorio rural, podería precipitar unha reacción en cadea que resultase fatal.

Coa intención de atallar esta situación, e cunha fortuna discutible, a Xunta de Galicia veu desenvolvendo nos últimos lustros diversas accións dentro do plan “Familia e Infancia”2, como o “Programa de Apoio á Natalidade”3, que integra medidas tales como a “tarxeta benvida”, o “bono concilia familia”, a “cesta benvida” ou a gratuidade para o curso 2022-23 (prorrogada tamén para o actual 2023-24) de todos os servizos de atención á infancia no tramo 0-3 anos (incluíndo por suposto as escolas infantís e outro tipo de entidades) tanto públicos como privados (neste último caso, cunha pertinencia cuestionable).

Cómpre lembrar ademais que a Educación Infantil é recoñecida no sistema educativo español como unha etapa con identidade propia e, malia ser de carácter voluntario, a “escolarización” no 1° ciclo non deixou de aumentar na última década (45,1% das crianzas de 1 ano, 63,6% das crianzas de 2 anos e 95,2% das crianzas de 3 anos, no curso 2021-22) e no 2º ciclo acada case a totalidade de crianzas (97,2%, fronte á media de 93,0% da Unión Europea, no curso 2019-20)4, cifras do conxunto español que son perfectamente extensibles a Galicia.

En referencia aos tópicos xa suxeridos (demografía, infancia, familia, educación infantil, conciliación, política autonómica…) e á súa estreita relación co progreso do medio rural, ten sentido que fixemos agora a nosa atención no abondoso repertorio normativo ao respecto que foi xerando a Xunta de Galicia. Citemos os referentes máis relevantes:

  • Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, na que se establecen os obxectivos do sistema galego de servizos sociais, incluíndo o de proporcionar oportunidades e recursos que aseguren a igualdade, posibiliten a conciliación e garantan apoio ás familias.
  • Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, na que se indica que un dos principios de responsabilidade pública é atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade.
  • Decreto 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, no que se sinala que a protección da maternidade é unha necesidade social e as cargas e coidados que supón o embarazo, o parto, a crianza e a socialización dos fillos e fillas deben recibir axuda directa das institucións públicas galegas.
  • Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, pola que se pretenden impulsar novas fórmulas de prestación de servizos que doten os concellos de menos de 5.000 habitantes de recursos para a atención das crianzas menores de 3 anos.
  • Programa de Apoio á Natalidade, antes citado, posto en marcha en 2015 co obxectivo de dar resposta ás necesidades das familias galegas con fillas/os pequenos, ás que pretende apoiar de forma integral e continua, a fin de garantirlles o seu benestar. A gratuidade dos Puntos de Atención á Infancia (PAI) e das Casas Niño (CN) é precisamente unha das accións que forman parte desa resposta.

2. PAI e CN como servizos de atención á primeira infancia no rural galego

Malia que ambos modelos son claramente distintos (en termos de normativa, instalacións, estrutura e organización, dinámica de traballo, persoal, didáctica, prazas ofertadas, ratio etc.), tamén comparten certas características, propias da finalidade que pretendía satisfacer a súa creación: servir de instrumentos de desenvolvemento para o rural galego, xa que se autorizan principalmente para concellos cuxa poboación non supera os 5.000 habitantes.

En efecto, tanto PAI como CN son equipamentos de servizo público que atenden directamente nenas e nenos de entre 3 meses e 3 anos naqueles municipios que, por baixa poboación infantil ou por outras circunstancias económico-sociais, precisan prazas para atender esa demanda pero non tantas como para xustificar a execución do modelo convencional de servizos de atención á primeira infancia (creación dunha escola infantil). Concretamente desenvolven a súa actividade con aquelas crianzas empadroadas no propio concello, ou nos concellos limítrofes onde non existan recursos de atención á infancia 0-3 ou que se atopen en lista de agarda.

En ambos casos están regulados e financiados pola Consellería de Política Social e Xuventude, foron pensados para ofrecer unha atención asistencial profesional, e son gratuítos para as familias (tamén os PAI actualmente). Considerados establecementos de carácter diúrno, adoitan compartir calendario (normalmente abren todo o ano, salvo agosto, fins de semana e festivos) e mesmo distribución horaria (un máximo de 8 horas diarias por cada crianza), mais isto último pode mudar en función das necesidades que presenten as familias usuarias.

Con todo, débese poñer de manifesto unha notable diferenza de partida entre ambos modelos: nos PAI o proxecto e a titularidade son municipais (encádranse dentro dos servizos sociais especializados dos concellos), mentres que a iniciativa das CN corre a cargo de profesionais autónomas ou cooperativas de traballo asociado.

3. Os Puntos de Atención á Infancia

Os PAI, modelo galego propio, dispoñen dunha estabilidade institucional e normativa suficiente: naceron lexislativamente en 2005 como un dos tipos de “centros de atención á infancia” (Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia), e irromperon nos orzamentos xerais de Galiza de 2008.

Os requisitos materiais, arquitectónicos e de persoal e funcionamento dos PAI recóllense no decreto antes mencionado, e poderían lembrarnos unha pequena escola infantil, mais entre ambos establecementos existen diferenzas importantes, xa que os PAI:

  • En principio están localizados exclusivamente en concellos rurais.
  • Son un modelo cunha marcada orientación asistencial, por encima da educativa.
  • A programación é optativa, non obrigatoria.
  • Os horarios de entrada e saída das/dos usuarios son a demanda, non pechados.
  • A aula do PAI é un espazo mixto con nenas e nenos entre 3 meses e 3 anos, que comparten o mesmo ambiente (os PAI contan normalmente con unha única unidade, aínda que poden ter máis).
  • En canto á ratio “persoas adultas coidadoras” versus “crianzas”, a norma dos PAI estipula unha persoa que atende o grupo máis unha persoa auxiliar, para un máximo de 20 nenas e nenos, persoal que resulta insuficiente a todas luces, sobre todo se temos en conta a diversidade de idades e necesidades que presentan as crianzas atendidas nestes equipamentos sociais.
  • Aínda que en numerosos concellos rurais na actualidade xa existe un servizo de atención temperá para a infancia, moitos pequenos con NEAE non son adecuadamente diagnosticados, polo que computan como unha praza nos centros de atención á infancia e non como dúas prazas, que é o que marca a lexislación para crianzas que si contan con diagnóstico. Esta situación aínda complica máis o esixente traballo das profesionais dos PAI, xa exposto no punto anterior.

4. As Casas Niño

Pasando por alto que a súa denominación induce a confusión na confluencia lingüística galego-castelán, o patrón das CN bota raíces no referencial programa Preescolar na Casa (que a Xunta de Galicia deixou de financiar en 2012, provocando así a súa desaparición), na “nai de día” (perfil máis frecuente noutras comunidades autónomas), ou mesmo en figuras doutras latitudes (como a “assistante maternelle” francesa e a “chilminder” inglesa).

Representan un modelo de atención á primeira infancia relativamente recente, o que só en parte podería xustificar a súa aínda non-plena regulamentación. Así, a súa primeira aparición lexislativa tivo lugar no 2013 dentro do Plan para a Dinamización Demográfica de Galicia 2013-2016, Horizonte 20205. O seguinte recoñecemento das CN tivo lugar no borrador do Plan galego de política familiar 2015-2018, Horizonte 2020, e a partir do ano 2016 comezan a regularse como proxecto piloto a través de ordes anuais de axudas. Non é ata a Orde do 15 de febreiro de 2022, pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha das casas niño durante os anos 2022, 2023, 2024 e 2025 e se procede á súa convocatoria6 , que se retira a cualificación de “piloto” e se comeza a recoñecer o modelo como un proxecto de seu.

En canto ás súas características principais7, destaca sobre todo o número de crianzas que se benefician de cada un destes equipamentos, que poden acoller ata un máximo de 5 ao mesmo tempo, ou 4 no caso de haber algunha crianza con NEAE (limitando a un caso por CN), a fin de crear un ambiente acolledor e familiar.

Alén disto, tamén debemos prestar atención a dous requisitos concretos que se establecen para a posta en marcha de CN. Por unha banda, é preciso que as persoas responsables do servizo “formalmente” residan e conten con vivenda nun núcleo rural onde non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata 3 anos de idade, ou que non existira con anterioridade á posta en marcha da CN. Por outra parte, deberán presentar unha documentación concreta para a súa tramitación, na que se recollerá unha memoria descritiva con aspectos como a localización xeográfica ou o número potencial de crianzas usuarias, unha proposta pedagóxica que trate a organización do período de adaptación, e a programación xeral dunha xornada, entre outros elementos.

Segundo a información que fai pública a web da Consellería8, as CN ofrecen unha atención integral, personalizada e organizada baixo criterios de flexibilidade, que combina os tempos destinados ás rutinas do sono, da comida e da hixiene propia “con outros destinados a actividades específicas segundo as características dos nenos e nenas, de maneira que ambos se complementen e sirvan para afianzar todas as aprendizaxes que fan posible o desenvolvemento integral dos nenos e nenas nos distintos planos físico, motor, emocional, afectivo, social e cognitivo, en estreita colaboración coas familias”.

Casa Niño Axóuxere (Santiso)

5. Reflexións finais

PAI e CN encarnan dúas tipoloxías diferentes, a priori con virtudes en ambos casos, que ofertan servizos (de asistencia e custodia da primeira infancia) adaptados ao medio rural galego, a cuxa dinamización demográfica pretenden contribuír (aínda que está por demostrar que o teñan conseguido). Así, por unha banda, posibilitan a conciliación familiar-laboral ao ofrecer unha prestación diúrna nun contorno próximo e, por outra, propician con carácter universal o acceso a un servizo público, formalmente “asistencial”9 pero que o persoal tanto de PAI como de CN esfórzase xenerosamente por elevar na práctica a “educativo”10… iso si, sempre que a ratio de alumnado (ás veces, ao límite) o permita.

En canto ás condicións contractuais, o persoal dos PAI (laboral da administración municipal) sofre certa inestabilidade derivada dos cambios da lexislación laboral, pero a situación das responsables das CN resulta ben máis delicada, basicamente polos seguintes motivos:

  • Na práctica exercen como “falsas autónomas”, xa que desempeñan unha ocupación estable e permanente, con xornada laboral completa, pero para un único pagador (a administración pública).
  • Dispoñen de menos días de descanso que o convenio laboral que lles correspondería se non fosen autónomas, convenio que si é de aplicación para as persoas que eventualmente as titulares contratasen para substituílas en momentos de baixa laboral, maternidade ou días libres (a propósito, as titulares teñen que sufragar esas nóminas do seu propio peto)11.
  • A súa actividade está supeditada a contar a inicio de curso cun número mínimo de crianzas que, ano tras ano, xustifique a apertura da CN.
  • A incompleta regulamentación normativa deste modelo podería someter ás responsables das CN, nun hipotético futuro, a un posible vaivén ou reorientación da política autonómica nesta materia.

Abondando nas CN, foron pensadas inicialmente sobre todo para que as responsables puideran exercer, directamente no propio fogar, o seu labor profesional (ao tempo que eventualmente exercían a súa propia maternidade), pero o certo é que a maioría de CN acabaron materializándose en locais solicitados aos concellos. É por isto que o espazo humano, familiar e doméstico que se buscaba para este recurso, frecuentemente acaba presentando na realidade un aspecto de (pequeniña) escola infantil (ou PAI), máis ou menos convencional.

No curso 2022-23 había 63 PAI distribuídos por todo o territorio rural galego, dos que 44 se localizaban nas provincias de Ourense e Lugo; en canto a CN, na altura xa existían 95, das que 46 se atopaban na provincia de Ourense e 26 na de Lugo. Con todo, quedan numerosas lagoas sen cubrir no interior galego, razón pola que diversas entidades en defensa da educación no medio rural e responsables de CN veñen demandando da administración unha política planificada e lóxica de prazas públicas de atención 0-3 en todo o país (cun mapa de necesidades)12, ata garantir o dereito de nenas e nenos a un acceso gratuíto a toda a educación infantil con independencia de onde vivan, e que contemple ademais a mellora das condicións laborais das responsables das CN.

Atender esta e outras demandas da poboación rural galega de seguro contribuiría positivamente a frear o devalo demográfico que presenta o territorio que aquela (aínda) habita, descenso que compromete e pon en tela de xuízo seriamente o futuro de toda Galicia.

Referencias bibliográficas

Notas ao pé

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir