O xogo da improvidación: ferramentas de escoita, autodefensa e creación de rede de coidados
Resumo
A improvisación e a oralidade forman parte da nosa identidade. Os xogos de improvisación axudan a desenvolver ferramentas como a escoita activa do contexto no que improvisamos, a horizontalidade e a non censura, outorgando a cada persoa a responsabilidade de que todo o mundo se divirta no xogo. Ademais, ofrecen un contexto seguro para practicar a resposta ás posibles agresións e explorar distintos enfoques para xestionar esa resposta.
La improvisacion y la oralidad forman parte de nuestra identidad. Los juegos de improvisación ayudan a desarrollar herramientas como la escucha activa del contexto en el que improvisamos, la horizontalidad y la no censura, otorgando a cada persona la responsabilidad de que todo el mundo se divierta en el juego. Además ofrecen un contexto seguro para practicar la respuesta a las posibles agresiones y explorar distintos enfoques para gestionar esa respuesta.
Improvisation and orality belong to our identity. Improvisation games help to develope tools such as an active listening-in to the context we are improvising in, horizontality and non censorship, giving each person the responsability to make everyone enjoy the game. These games offer a safe context to practice response to an attack and to explore different ways to approach that response.
Palabras Clave
Texto
O poder da improvisación oral
O pobo galego é un pobo improvisador (Sende, 2022). A música tradicional, mitoloxía e historias chegan a hoxe sostidas pola lingua oral. Esta está vencellada á nosa forma de estarmos no mundo, de facer e de ser; forma parte da nosa identidade. A improvisación é fundamental para a oralidade, xa que cando se conta unha historia ou se bota unha copla cabe a posibilidade de introducir variacións inspiradas polo que acontece no momento. E é precisamente este carácter reactivo o que fai da improvisación unha ferramenta moi interesante para a autodefensa, porque ao improvisar temos que atender e responder ao que acontece arredor de nós. Como sucede na regueifa e nas batallas de galos, quen cala perde, e polo tanto, quen responde xoga.
O desenvolvemento de obradoiros con adolescentes
O ritmo e a música axudan a desenvolver as partes do cerebro encargadas do procesamento emocional e dos vínculos de afecto (Perry, 2020). Nos últimos dous anos as persoas que escribimos este artigo estivemos movéndonos por institutos facendo un obradoiro no que aprendemos á rapazada a facer música hip hop con aparellos electrónicos, así como os fundamentos da improvisación e da resposta. Comezamos explicando conceptos básicos sobre a música e presentando o programa Ableton para facer unha base de hip hop de xeito sinxelo intercalando xogos de expresión musical: experimentar distintas combinacións de palmas nun ritmo, xogar coa colocación da voz para explorar as personaxes que podemos ser e fluír con elas sobre a base. Tamén fixemos mostras en directo, xogando nós a improvisar, cantar e rapear sobre o que ocorre arredor nosa. Na segunda metade do obradoiro enfocámonos na creación literaria. Introducimos un debate no que falamos sobre o insulto como forma de violencia, sobre o seu uso nos xogos de improvisación e sobre a forma en que nos relacionamos nos grupos de amizades. Xogamos a crear estrofas por grupos traballando aspectos básicos da improvisación, como a rima ou a métrica. Finalmente, abordamos a resposta á agresión propoñendo responder a estrofas ou coplas con prexuízos sociais (capacitismo, gordofobia, adultismo, homofobia, transfobia, etc.) e falamos sobre as diferentes formas en que reaccionamos ante as agresións: pasividade, pasivo-agresividade, humor, asertividade, colectivización…

No desenvolvemento destes obradoiros o bo trato foi tornando un tema central. Fomos aprendendo coa rapazada sobre a forma en que se mesturan o humor, a violencia e o afecto ao relacionármonos. Neste sentido a improvisación é unha das ferramentas máis potentes para xestionar a (non) censura e ao mesmo tempo dar espazo á responsabilización. Antes de comezar os obradoiros dicimos a alumnado e profesorado que durante a actividade todas as persoas temos a liberdade de dicir o que queiramos e a responsabilidade de garantir que toda a xente remate a actividade igual ou mellor do que comezou. Para facilitar isto, abrimos ao final un espazo de coidados no que todes podemos dicir como nos sentimos, e por suposto validar os sentires des outres. Deste xeito se algo nos incomodou podemos expresalo, abordalo e reparalo dicindo o que precisamos ou pedindo disculpas desculpas. Ao final do obradoiro damos un papel ás persoas asistentes para que, de xeito anónimo, expresen algo que lles gustou e algo que podemos mellorar. Grazas a isto fomos aprendendo e modificando a proposta.
Esta horizontalidade é fundamental, a igualdade de condicións das persoas que xogan alternando unha quenda de palabra. Pensamos que é condición poñer no centro coidados e horizontalidade para relacionarnos con adolescentes, porque a diferencia diferenza de idade pode levar a colocarnos como persoas adultas por riba das persoas máis novas. Facilitando a seguridade, a amabilidade e a diversión no xogo de improvisación, axudamos a xerar espazos de aprendizaxe da autoestima, autonomía e pensamento crítico.
As dúas formas máis coñecidas de improvisación oral en verso na Galiza son cantos de desafío: a regueifa tradicional e o freestyle (hip hop). Tanto na regueifa como no free hai unha competición na que se disputa a superioridade fronte ao resto de participantes. Para poder improvisar desde un lugar competitivo precisas ou ben unha autoestima moi forte, unha rede afectiva que te sosteña ou unha personaxe artística ben construída. De igual xeito que no deporte tes que te preparar fisicamente, a improvisación é un xogo coa palabra principalmente de retos psicolóxicos para os que hai que ter preparación. Isto presenta a oportunidade de empregala para acompañar o desenvolvemento psicolóxico e emocional na adolescencia.

Por outro lado, a ficción do enfrontamento permite abordar temas que adoitamos tratar após de que apareza o conflito e nos permite así previr situacións de violencia e ter axilidade para xestionalas cando aparecen. Xogamos ademais sen necesidade de gastar cartos, visibilizando esta cuestión, e de forma afastada do consumo de posibles estupefacientes habituais, poñendo énfase en que estes merman as habilidades necesarias para xogar.
Ademais, o xogo ofrece a posibilidade de observar os valores dun grupo, pois a reacción das persoas do público ten moita relevancia á hora de escoller por onde enfocar unha batalla ou unha regueifa. Cada público é diferente e o humor é contextual, polo que improvisando apréndense habilidades de observación e de escoita activa, necesarias para entreter e divertir ao o público.
Cando comezamos a facer este obradoiro queriamos dar ferramentas para traballar a autoestima e desenvolver habilidades sociais para tecer redes de apoio, divertíndonos para aprender e transmitindo o legado que nos chegou da oralidade a través da improvisación. Facémolo para crear espazos horizontais fóra das dinámicas de castigo, control, censura e abuso de poder habituais en espazos educativos. A horizontalidade é necesaria para que as persoas poidan responsabilizarse do que fan ou din. Facémolo para abordar a cuestión da violencia estrutural: nomeala, identificala e dar ferramentas para actuar ante a agresión. A improvisación e o xogo permítennos explorar de xeito seguro distintas personaxes para abordar os conflitos dende distintos puntos.
Referencias bibliográficas
- Iriarte Oyaga, Miren (2021). Reverso: testimonios de mujeres bertsolaris. Reikiavik Ediciones.
- Montessori, Maria María (2016). Educación para un mundo novo. Kalandraka.
- Perry, Bruce (2020). El Chico A Quien Criaron Como Perro: y otras historias del cuaderno de un psiquiatra infantil. Entrelíneas.
- Sende, Séchu (2022). O povo improvisador. Através.
- Tonucci, Francesco (2016). Cando os nenos din basta. Kalandraka.
- Tonucci, Francesco (2016). Con ojos de niño. Losada.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:


