O rock infantil en lingua galega. Aproximación á evolución da música infantil en Galiza até a primeira década do século XXI
Resumo
Preténdese efectuar unha aproximación á evolución da música infantil en Galiza afondando, particularmente, na chegada do rock infantil en lingua galega, partindo dos seus inicios ata o escenario da primeira década do século XXI. Este percorrido posibilita o trazado dunha panorámica dalgúns dos materiais musicais cos que se pode contar a este respecto, poñendo en valor a multiplicidade de posibilidades didácticas que neles radican.
Texto
Introdución
Nas últimas décadas estamos a vivir en Galiza unha crecente evolución e incremento no que se refire ao número de artistas, grupos e compañías que desenvolven diversas iniciativas ligadas á música infantil en lingua galega, o que incide moi positivamente no aumento da produción e edición de diversos materiais musicais e didácticos que, facendo converxer música e literatura, poñen en valor o rico patrimonio cultural material e inmaterial galego.

Particularmente, se nos referimos á música rock, cómpre destacar o seu tardío desenvolvemento no caso galego con respecto a outras contornas, se ben o seu xermolo medrou cunha forza e intensidade que chega aos nosos días. Quizais os diversos estereotipos ligados á música rock, dunha banda, e á música infantil −tradicionalmente considerada, igual que ten acontecido coa literatura infantil, como un “xénero menor”−, doutra, tenderon a afastar as súas linguaxes, que afortunadamente converxeron en Galiza fundamentalmente a partir da década de 1990. É concretamente coa posta en antena do programa infantil e xuvenil da Televisión de Galicia (TVG) Xabarín Club, o 18 de abril de 1994, cando o rock en lingua galega e dirixido a un público infantil e xuvenil, adquire un pulo sen precedentes.
Dende entón, o sector da música infantil en galego, e particularmente se aludimos á música rock, experimentou un amplo crecemento e unha fonda transformación, chegando a unha actualidade esperanzadora na que xermolan multiplicidade de proxectos musicais especificamente creados e destinados ao público infantil.
Das primeiras creacións á primeira década do século XXI. Un percorrido pola música infantil en lingua galega
É no ano 1996 cando por vez primeira unha agrupación galega grava na nosa lingua un disco dirixido a público infantil e xuvenil (Lebedynski, 2010). Integrando diferentes estilos musicais (dende o canto de berce, ata o rap, o rock, a cumbia ou o folk) e incorporando multiplicidade de contidos aos seus retrousos, Canta connosco! –produción na que colaboraron músicos como Budiño, Paco Dicenta ou Suso Baamonde–, creado polo grupo musical que xorde no seo da compañía teatral homónima pontevedresa Migallas, foi un disco pioneiro a este respecto.

Logo deste traballo precursor no ámbito, foron xurdindo variadas iniciativas, como as encabezadas polos recoñecidos Xosé Luís Rivas Cruz, Mini, xunto con Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero, que, contando cunha ampla e destacábel traxectoria no panorama musical, publicaron no 1999 unha das primeiras edicións de compilación de músicas tradicionais do nadal, coordinando a recollida de cantos en diversas escolas galegas que tivo como froito o disco-libro A carón da escola.
É un ano despois, no 2000, cando nace o grupo de música infantil Mamá Cabra, cunha firme aposta pola música infantil en galego (tanto de creación propia, como adaptada a partir de poemas e pezas tradicionais) para nenas e nenos ata dez anos de idade. Nesta liña tamén destacou o grupo Na Virada que, tendo entre as súas finalidades a divulgación da poesía e dos ritmos luso-galaico-brasileiros, achega a través de discos como Rolada das cantigas ou Solaina (libro-disco), adaptacións de poemas de autores como Neira Vilas, Manuel María ou Uxío Novoneyra.
Na procura dunha maior confluencia entre cantigas, danzas e xogos tradicionais con estilos e contidos contemporáneos, xorden propostas como O Quiquiriquí. Cantos para o Nadal (2006) ou Pelo Gato 24 (2008) realizadas pola Asociación de Gaiteiros Galegos. Tamén, o libro-CD Para cantar e bailar (2008) de Luís Prego, que integra a didáctica da danza galega dun modo lúdico e entretido, ou a agrupación Servando e Contradança, que traslada músicas tradicionais de Galiza e Portugal ás máis cativas en discos como Som voltas. Aínda, seguindo as achegas de Lebedynski (2010), podemos destacar a presenza de propostas onde as músicas tradicionais apostan por incidir na súa potencialidade educativa. É o caso do CD Coplas de estrelas (2009), gravado polo conxunto Adonairare de Vilaboa a partir da compilación de cantigas populares con referencias aos astros de cara a esta edición en conmemoración do Ano da Astronomía feita polo Centro Superior de Investigacións Científicas e a Universidade de Vigo; ou Cancións para Antía (2009), do grupo Fol do vento e editada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
Tamén a partir do ano 2009, a editorial Kalandraka editou o libro-disco Tic Tac Toc, de Pablo Díaz, conxugando melodías tradicionais con cantigas de composición propia. A mesma editora pontevedresa apostou tamén pola publicación dunha colección de ópera en lingua galega (entre a que podemos atopar títulos como Aida, A frauta máxica, O barbeiro de Sevilla ou Porgy and Bess, entre outros) dirixida ao público infantil.
Xorden con forza, a partir do ano 2010, diversos traballos impulsados por Uxía Senlle e Magín Blanco que, tendo como interese a achega ás novas xeracións da música en galego, levan á posta en marcha do proxecto infantil María Fumaça, editando María Fumaça (2012), e Xiqui xoque, fiú fiú! (Galaxia, 2014). Igualmente, Uxía Senlle publica Rosalía pequeniña (2013, Galaxia, Sonárbore), adaptando a poesía de Rosalía de Castro aos máis novos, e Canta o cuco (2015, Galaxia), con Magín Blanco, musicando poemas de Manuel María.
Cómpre sinalar tamén os salientábeis traballos de Paco Nogueiras, como o seu destacado Brinca Vai! (2014), onde despuntan temas que mesturan bases electrónicas con ritmos tradicionais como Meu mundo é; así como os CD Unha viaxe polo mundo (2014) e Volta, revolta e reviravolta (2017, Galaxia, Sonárbore) do grupo de animación infantil fundado no 2011 polas nais de Mos Lucía Lago e Irene Álvarez: As Maimiñas.
Dende 2015 en adiante seguen medrando e diversificándose as iniciativas musicais no panorama galego e en lingua galega, entre as que non faltan as propostas para cativas de cero a tres anos de idade, como a que realiza Cé Orquestra Pantasma en Fíos do querer (2016), e outras múltiples e variadas como: Uxía Lambona e a Banda molona (2017), que nace como un proxecto lúdico, musical e educativo que pretende achegar os temas tradicionais galegos dun modo atractivo; a proposta Cantamos? (2018) de Luís Vallecillo; e incluso os compendios musicais, como o CD editado dende a Asociación Semente Trasancos, Músicas para a Semente.
Unha aproximación ao panorama do rock infantil ata a primeira década do século actual. Materiais musicais e posibilidades didácticas
Logo de que o Xabarín Club comezase a acompañar a súa programación de debuxos animados con intervalos de rock en lingua galega dirixido a un público infantil e xuvenil as merendas de boa parte da mocidade galega, comezaron a xurdir bandas que incorporaron entre o seu repertorio o denominado no mundo anglosaxón kindie rock, e incluso de autores que incorporaron múltiples temas musicais que se achegan a este estilo; tal é o caso de Uxía Senlle e Magín Blanco nos seus libros-discos de A Nena e o grilo (2010).

Unha das bandas pioneiras na creación de materiais musicais especificamente destinados a un público infantil, xuvenil ou, en xeral, familiar, e que incorporan entre os estilos musicais o rock (que se erixe como eixo central entre outros estilos contemporáneos como ska, reggae, punk ou pop) foi A Gramola Gominola, integrada por membros que contan cunha dilatada traxectoria en bandas como Zënzar, Nao, Di Elas, De Vacas ou Mamá Cabra. A banda ten publicado traballos que contan cunha grande acollida entre o público, como: A Gramola Gominola (2015) ou Cancións para desafinar (2017).
Tamén, o libro-disco Un conto ao revés (2015, incluído na colección Sonárbore da editorial Galaxia) ou o recente Monstros, con ou sen consentimento (2018) do grupo Chuches Amil, que xorde de man dun dos referentes do rock bravú, Fran Amil (que fora integrante de grupos como Ruxe-Ruxe, Os Papaqueixos ou Os Diplomáticos de Monte Alto e que actualmente forma parte dos Tres Trebóns e Ulträqäns).
É precisamente da agrupación A Gramola Gominola da que tamén forma parte o autor, compositor, músico e produtor Paco Cerdeira, máis coñecido entre as crianzas como Pakolas. Contando cunha ampla traxectoria no panorama musical infantil galego, o músico inicia o seu proxecto persoal en solitario, coa creación de letras e composicións propias; emerxe así o libro-CD Pakolas (2017, Galaxia). Esta publicación, que conta co respaldo do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia, presenta cancións “con mensaxe contadoras de historias que invitan sempre a unha reflexión posterior, sendo unha ferramenta fundamental, e en galego, para estes profesionais logopédicos no seu traballo con nenos e nenas, pero que ademais, serve para todos os públicos polo seu grao de entretemento e didáctica asociada” (Pakolas, 2017).
Conclusións
A través desta breve aproximación á xénese e evolución da música infantil ata a primeira década do século XXI en Galiza, particularmente centrada no desenvolvemento da música rock en lingua galega destinada ao público infantil, así como na achega aos materiais musicais existentes cando nos referimos ao rock infantil galego e ás súas posibilidades didácticas, podemos afirmar que o panorama resulta alentador, ao percibirse, sobre todo desde inicios de século, un notábel crecemento cuantitativo e cualitativo na súa edición. É por iso que a aposta e compromiso de agrupacións, músicas/os e editoras resulta chave neste sentido, ao permitiren a accesibilidade e difusión de variados materiais que, á súa vez, permiten ás crianzas acceder a músicas expresadas na súa lingua e dende os referentes culturais propios.
Valoramos, a partir do percorrido inicial que efectuamos neste traballo, a necesidade de efectuar unha análise pormenorizada dos diversos materiais musicais, que atenda as dimensións que Cores (2018) propón con respecto aos albumes musicais en lingua galega. Igualmente, consideramos de interese ampliar este percorrido incorporando as músicas da lusofonía, podendo establecer análises comparadas entre as diversas realidades e contribuíndo a achegar e ampliar o abano de materiais musicais dispoñíbeis para os seus usos didácticos.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:


