O refrán no ensino

Resumo

Tratamos brevemente a conveniencia de coñecer os refráns e a necesidade actual de incorporalos ao sistema educativo, así como o seu valor didáctico. Rematamos cunha sucinta referencia a algúns tipos de actividades para o caso.

Texto

Actualmente, os refráns xa non forman parte da fala coa intensidade de antano. O proceso urbanizador e as novas tecnoloxías, entre outras causas, minoraron a súa transmisión xeracional nos ambientes familiar e local, tradicional sistema de aprendizaxe destas xoias que resumen leccións de vida, recollen a filosofía popular e reflicten dalgún xeito o que somos. O seu descoñecemento deixaría incompleta a formación das persoas, privándoas non só do pleno dominio da lingua, senón tamén de descubrir aspectos do medio onde se desenvolven.

Daquela, para non perdelos totalmente, cremos necesario incluílos no sistema educativo, non como unha materia máis do currículo escolar, senón como unha ferramenta de apoio en determinadas áreas xa establecidas, nas que cabería darlles un tratamento inmanente (en especial nas clases de Lingua) e outro máis amplo no que os refráns estarían ao servizo da transversalidade, xa fose como centro de interese de certos contidos ou como exemplificación de determinados aspectos de distintas materias.

O valor comunicativo dos refráns permítenos coñecer a lingua a través dunha das súas manifestacións máis enxebres non exentas de fermosura, e garántenos o uso certeiro dela. Pero, ademais, poden fornecernos datos sobre o modo de vivir e pensar dos nosos antepasados e achegarnos á natureza, á ética, á estética e mesmo á filosofía desde unha óptica nitidamente galega, polo que resultan singularmente atractivos como recurso docente. En definitiva,

Coñecer refráns e empregalos axeitadamente significa que se participa da cultura secular da comunidade e abre a porta a unha maior integración do individuo nela, o que non significa renunciar ao coñecemento doutros saberes de carácter máis amplo. Antes ao contrario, estes serán máis sólidos ao asentar sobre as bases firmes e fértiles da aprendizaxe concreta e próxima.

(Iglesias, 2019, 23)

Con todo, debemos considerar que algúns refráns, por xurdiren en afastados tempos, transmiten mensaxes hoxe inadmisibles (misóxinas, deterministas, pexorativas, materialistas etc.). Nestes casos debemos obvialos en especial nos niveis elementais. E de utilizalos, convén actuar cautela: analizalos como reflexo dunha mentalidade pasada, cuestionalos, reciclalos e rexeitalos sempre.

Na aprendizaxe de refráns e a súa utilización como soporte didáctico, son primordiais as actividades de comprensión para resolver dúbidas de vocabulario e entender o seu verdadeiro significado, así como as de aplicación dirixidas a lograr o seu correcto uso. Mais tamén procuraremos aquelas que contribúan a crear no alumnado unha actitude positiva cara ao refraneiro, identificadas polo seu carácter activo, lúdico e creativo (xogos, encrucillados, ilustracións etc.). As publicacións que se citan na bibliografía (dispoñibles de balde nas webs do CIRP e da Libraría Institucional da Xunta) ofrecen actividades útiles ás que se pode recorrer, sen esquecer que para aprender refráns non hai mellor manual de fraseoloxía e paremioloxía que a convivencia cos avós e coas avoas (VV. AA. 2016, 14), polo que debemos aproveitalos á hora de realizar certas actividades, sinaladamente as de recollida refráns.

Referencias bibliográficas

  • IGLESIAS, X. (2019). Coa palabra na boca. Secretaría Xeral de Política Lingüística / Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
  • VV. AA. (2016). Para dar trela. Secretaría Xeral de Política Lingüística / Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir