O Pobo Escola (CDR O Viso): A comunidade como potenciadora da interxeracionalidade

Resumo

O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso (A Limia) naceu para acompañar a xente do medio rural limiao en procesos de desenvolvemento que asumen o desafío de facer crecer a toda a persoa e a todos. Acolle distintas prácticas intexeracionais. Unha delas é o Pobo Escola (Lodoselo-Sarreaus), na que veciñas e veciños maiores e escolares aprenden a través das ensinanzas que se agochan na memoria do pobo.

El Centro de Desenvolvemento Rural O Viso (A Limia) nació para acompañar a la gente del medio rural limiao en procesos de desarrollo que asumen el desafío de hacer crecer a toda persona y a todos. Acoge distintas prácticas intergeneracionales. Una de ellas es el Pobo Escola (Lodoselo- Sarreaus) en el que vecinas y vecinos mayores y escolares aprenden a través de las enseñanzas que se esconden en la memoria del pueblo.

The Centro de Desenvolvemento Rural O Viso (A Limia) was created to accompany the population of rural Limiao in development processes that take on the challenge of making each person and all people. It embraces different intergenerational practices. One of them is the Pobo Escola (Lodoselo - Sarreaus) in which elderly residents and schoolchildren learn through the teachings that are hidden in the memory of the town.

Texto

Introdución

A comezos de 1990, o CDR O Viso, declarado de utilidade pública, atopou no Pobo Escola unha ferramenta para a activación comunitaria. Un aspecto que está na base da interxeracionalidade entendendo que “fai falla un pobo para educar unha crianza”, de que “un vello que morre é unha biblioteca que arde”, atendendo aos ditos africanos. O traballo do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso xira así arredor do eido da educación comunitaria, asentándose na premisa de que o futuro depende, en boa parte, da memoria.

Nesta estratexia de desenvolvemento integral dirixida á poboación máis vulnerable da comarca da Limia, e dentro das diversas accións que desde o CDR se impulsan, imos centrarnos neste artigo na área educativo-ambiental e de promoción das contornas rurais. Dentro desta, referímonos a experiencias con marcado carácter interxeracional como é o Pobo Escola de Lodoselo.

Obxectivos e metodoloxía

Nestas iniciativa o obxectivo fundamental é acompañar a xente do medio rural limiao en procesos de desenvolvemento que asumen o desafío de facer medrar a toda a persoa e a todas as persoas. Partindo desta base, a metodoloxía que o CDR O Viso aplica nos seus programas baséase no “coidarme, coidarte, coidarnos”, é dicir, traballar en comunidade e nos seguintes puntos:

  • Capacidade de adaptación e flexibilidade de todas e cada unha das accións para dar resposta ás necesidades das persoas e da comunidade en xeral.
  • Innovar facendo o que as comunidades fixeron desde todos os tempos: coidarse, axudarse, apoiarse e cooperar en practicamente todos os aspectos vitais.
  • Comprender cal é o noso lugar na Terra, porque o benestar da comunidade está conectado ao de todos os animais e ao medio.
  • Potenciar o modelo interxeracional de vida nas aldeas, nunha sociedade que cada vez tende máis a dividirnos en compartimentos estancos por idades; resulta importante compartir espazos, actividades e vidas.

Experiencias interxeracionais: da casa niño ao pobo escola

O CDR O Viso no seu labor de potenciar a comunidade acolle prácticas interxeracionais. Unha delas represéntaa o tándem Casa Niño Lodoselo – Centro de Inclusión, onde nenos e nenas conviven con persoas maiores coa naturalidade que se pode dar na familia entre avoas e avós e netas e netos. O fomento deste contexto interxeracional ten moitas arestas mais neste caso centrarémonos no Pobo Escola, espazo no que se dan a coñecer tarefas que se realizaban no pobo, como o coidado dos animais ou mesmo a elaboración do pan. Porén, as actividades van máis alá e acóllense xogos que afondan no coñecemento da cultura rural, arredor da natureza e a recuperación de lugares que, como o forno comunitario ou o lavadoiro, xa non tiñan un uso cotián. Deste xeito, nesta contorna de Lodoselo os traballos van orientados a xerar comunidade a través dos recursos propios, da posta en valor da tradición e da identidade.

Nesa divulgación participan de xeito activo as veciñas e veciños que transmiten os seus coñecemento aos escolares que visitan este lugar. Nesa tarefa agroma un beneficio mutuo, os visitantes adquiren coñecementos e intercambian a súa visión do mundo coas persoas que os reciben, que, nesta liña, séntense valoradas, aumentando a súa autoestima. Ganancias que “(…) adquiren cada vez máis importancia durante o avellentamento co fin de manter un equilibrio positivo entre as perdas e as novas adquisicións” (Pettreto et al., 2016, p. 233). Por tanto, esta acción ten tamén un impacto na área do avellentamento activo.

O Pobo Escola funciona á maneira das cidades educadoras (Trilla, 2005), bebendo na Grecia de Plutarco que xa dicía que “a cidade é o mellor instrutor” e mesmo denunciando as formas descontextualizadas de aprendizaxe e as institucións onde, máis que creala e aplicala, trafícase con ela. Aquí o axente educador e o contido de recursos é o pobo. Vén ser aprender no pobo, do pobo, o pobo. Valorizar a experiencia de maneira que as persoas sigan sendo alguén no seu medio. Falamos de interdependencia e, por tanto, de que a suma, de que o cotián nos fai mellores. Vínculos espaciais (“onde todo nos fala”) , vínculos interxeracionais (porque educar tamén é impregnar de sentido o que facemos a cada instante, dinos Paulo Freire). E as diferenzas estimulan o pracer de descubrir e mirar, de buscar o por que das cousas; aprendermos a apreciar o que temos diante como primeiro paso para comprendermos o mundo

Conclusión

O Centro de Desenvolvemento Rural do Viso é unha realidade radicalmente comunitaria e dende esta premisa acolle a interxeracionalidade. Non é só que os outros participen na miña constitución como persoa. É que sen eles non sería eu. Na nosa cultura tradicional “eu son nós” e temos clara a riqueza (tamén as dificultades) de atender a diversidade (fronte aos grupos da “mesma idade”). Neste sentido, Galicia foi algún día un país cheo de vellos e nenos segundo escribiu Xosé Neira Vilas a través de Balbino e as súas memorias dun neno labrego. Poida que ese feito, produto dramático da emigración, sexa causa da especial relación entre as persoas máis novas e as máis vellas. Ou poida que sexa consecuencia desa relación cómplice entre os extremos das idades. O caso é que a oportunidade de que as persoas sabias das tribos teñan relevancia no papel educativo das crianzas é un tesouro ameazado con restrinxirse a eventos, a momentos concretos. O pobo aínda non é así. O pobo aínda é de quen queira. O pobo é o espazo onde a idade non é un obstáculo nas relacións.

A interxeracionalidade convida a pensar na mestura de nenos e nenas coas persoas que xa non están en idade laboral pero a vida comunitaria é máis ca iso, é vivir todos e todas con todos e todas. Tamén é interxeracionalidade a relación entre persoas adolescentes e adultas. A interxeracionalidade é, por tanto, diversidade e heteroxeneidade. As persoas tenden a xuntarse co semellante ou co igual e cando non existe ese par idéntico xúntanse con outras persoas coas que se van enriquecer precisamente das diferenzas.

Referencias bibliográficas

  • Petretto, D., Pili, R., Gaviano, L., Matos, C. e Zuddas, C. (2016). Envejecimiento activo y de éxito o saludable. Revista española de geriatría gerontología, 51(4), 229-241.
  • Trilla, J. T. (2015). La idea de ciudad educadora y escuela. Educacion y Ciudad, 7, 73-106.
  • Neira Vilas, X. N. (1985). Memorias dun neno labrego. Ediciós do Castro.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir