O impacto da migración de retorno en Galicia: Unha visión desde a pedagoxía social

Resumo

Desde finais dos 90 vénse dando un cambio nas tendencias do ciclo migratorio en Galicia, acusado polo aumento da chamada inmigración de retorno. Partindo desta realidade, o obxectivo deste traballo será propoñer un novo panorama de intervención socioeducativa que favoreza a acollida do colectivo retornado.

Desde finales de los 90 se produce un cambio de tendencias del ciclo migratorio en Galicia, acusado por el aumento de la llamada inmigración de retorno. Partiendo de esta realidad, el objetivo de este trabajo será proponer un nuevo panorama de intervención socioeducativa que favorezca la acogida del colectivo retornado.

Since the end of the 1990s there has been a change in the trends of the migratory cycle in Galicia, marked by the increase of the so-called return immigration. Therefore, the aim of this work will be to propose a new panorama of socio-educational intervention that favors the reception of the returned group.

Texto

O retorno en Galicia

O cambio de século puxo en evidencia a secuencia de cambios no ciclo migratorio en España coa redución da chegada de poboación inmigrante, e mesmo o regreso ao país de orixe deste colectivo (Santos Rego et al., 2012; Vázquez-Silva, 2018). Na particularidade do caso galego, pese a non acadar valores considerables respecto ao arribo da poboación migrante, si está a experimentar unha proliferación do fluxo migratorio da poboación retornada de grande envergadura. Para o desenvolvemento do presente traballo tomamos os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE, 2021), relativos á inmigración de retorno, acoutando o espazo temporal ao comezo do novo século ata 2020, último ano no que se recollen datos sobre este fenómeno.

A evolución da poboación retornada nas distintas provincias galegas sufriu múltiples flutuacións. A Coruña é a provincia que maior continxente de retornados/as recibe anualmente, seguida por Pontevedra, receptora á súa vez dun gran número de poboación retornada; Ourense recibe cotas inferiores. Con todo, Lugo é a que menos poboación retornada recibe xa que en ningún dos anos analizados chega aos 300 retornos anuais. Ante esta conxuntura parece evidente a urxencia da actuación por parte da administración pública nas provincias e comarcas que albergan unha maior representación deste colectivo.

Gráfico 1. Poboación retornada en Galicia por provincias (Elaboración propia a partir dos datos do IGE – 2021)

Con relación á procedencia deste continxente, os países que achegan maior cifra de poboación retornada son Suíza (35.608) e Venezuela (26.526), seguidos pola Arxentina (12.180) e Alemaña (9.327), xa que foron receptores de elevadas cotas de emigrantes galegos durante o s. XX. Ao mesmo tempo, hai que sinalar que, en termos totais, o continente americano foi do que máis poboación retornada se derivou (69.551), seguido de preto por Europa (64.930).

Gráfico 2. Países de procedencia da inmigración de retorno (Elaboración propia a partir dos datos do IGE – 2021)

Baixo este esquema, o retorno é unha idea historicamente arraigada no imaxinario social galego, especialmente na emigración intracontinental pola súa proximidade e viabilidade, aínda que naqueles que emigraron cara a América tamén perdura esta imaxe.

Unha análise desde a Pedagoxía Social

Co paso do tempo este fenómeno converteuse nun dos principais retos a xestionar pola administración local e o sistema educativo (Priegue, 2009). Desde os Concellos e as Deputacións, e tamén desde a administración autonómica, son múltiples as políticas que se están a implementar para impulsar o retorno dos/as nacionais que se atopan en terceiros países co obxectivo de aproveitar o seu capital humano e social.

Polo tanto, nalgúns casos a estrutura demográfica dos concellos está a verse modificada. Neste momento os/as emigrantes retornados/as son un grupo heteroxéneo, con predominancia da poboación nova con proxectos de permanencia en e para o ámbito familiar (Santos Rego e Lorenzo, 2009). Así, enténdese que deben formularse solucións políticas na esfera pública para a efectiva inclusión desde colectivo. Asemade, a chegada de menores e a súa incorporación nas institucións educativas galegas adquire unha especial importancia, dado que se trata dun colectivo cunhas características e necesidades particulares (educativas e sociais). En consecuencia, o sistema escolar debe brindar respostas coordinadas e efectivas para unha sociedade diversa e plural, ao tempo que urxe a formación dos profesionais en competencias interculturais e a súa capacitación para ofertar unha atención individualizada, integral e de calidade.

Pola súa banda, a situación da poboación retornada tamén se manifesta no asociacionismo, como se pode ver no Gráfico 3. Desde a constitución da primeira asociación de retornados en 1995, estase asistindo un incremento sen precedentes das mesmas. Para o ámbito da pedagoxía social, estas agrupacións teñen un carácter especialmente significativo por tratar de vehicular problemáticas sociais, culturais, políticas e económicas mediante diversas estratexias de intervención socioeducativa.


Gráfico 3: Número de asociacións de retornados/as en Galicia (Elaboración propia a partir dos datos do IGE – 2021)

No Gráfico 3 inclúense asociacións de ámbito provincial e autonómico. Hai que subliñar que, aínda que Ourense non conta cun gran número de retornados/as, parece que si existe un forte movemento de asociacionismo a este respecto.

Algúns autores como Egea et al. (2002) sinalan que a inclusión na esfera pública é un dos problemas máis graves deste colectivo. Polo tanto, unha das liñas de traballo que se deben reforzar desde a pedagoxía é a visión das asociacións de inmigrantes como unha vía efectiva para a participación sociopolítica, educativa e cultural da poboación estranxeira na sociedade receptora. Deste xeito, para favorecer a acollida dos/as retornados/as é fundamental a creación de políticas estatais, autonómicas e locais que faciliten devandito retorno. Así as cousas, as estratexias que atenden a xestión da inmigración constitúen un aspecto primordial para o benestar da cidadanía, con efectos determinantes a nivel persoal e colectivo, non só para este grupo, senón tamén para o conxunto da sociedade (Santos Rego et al., 2012). Por tanto, hai que recoñecer a oportunidade e o valor que teñen os factores derivados do auxe dos fluxos migratorios no eido local/provincial.

Concluíndo

Os fluxos migratorios dispoñen dunha dilatada traxectoria investigadora, porén, o fenómeno do retorno parece non ter o suficiente aval literario pese ao seu protagonismo e as consecuencias en diferentes niveis (Vilar et al., 2008). As repercusións sociais derivadas da chegada dos/as retornados/as maniféstanse no ámbito local, polo que é imprescindible a toma de decisións desde esta dimensión política. Ademais, a estrutura das institucións educativas está a mudar pola chegada de menores migrantes transnacionais que teñen necesidades específicas, polo que os/as profesionais deben estar correctamente formados para proporcionar unha atención de calidade aos infantes e ás súas familias. De igual modo, o asociacionismo da poboación estranxeira desempeña un papel de grande importancia na intervención pedagóxica para a resolución de problemáticas de carácter socioeducativo. Por conseguinte, o protagonismo das Ciencias da Educación neste proceso está claramente xustificado, e os diferentes perfís profesionais deste eido das Ciencias Sociais terá que dar respostas xustificadas, adaptadas e implementadas para lograr o benestar social a partir da casuística galega.

Referencias bibliográficas

  • Egea, C., Nieto, J. A. e Jiménez, F. (2002). El estudio del retorno: aproximación bibliográfica. Migraciones y Exilios: Cuadernos de la Asociación para el estudio de los exilios y migraciones ibéricos contemporáneos, 3, 141-168. https://www.aemic.org/ano-2002-numero-3-dossier-exilio-historia-literaria/
  • Instituto Galego de Estatística (IGE). (2021). Movementos migratorios. Xunta de Galicia. Recuperado de: http://www.ige.eu/web/mostrar_actividade_estatistica.jsp?codigo=0201003&idioma=es
  • Priegue, D. (2009). A convivencia intercultural na sociedade galega: O plan galego de cidadanía, convivencia e integración 2008-2011 como vector estratéxico. En N. Lagares y M. Lorenzo (Coords.), In-migración: Educación, cultura e políticas para a inclusión social en Galicia (pp. 205-235). Toxosoutos/ Unipro Editorial.
  • Santos Rego, M. A. e Lorenzo, M. (2009). La participación de las familias inmigrantes en la escuela. Un estudio centrado en la procedencia. Revista de educación, 350, 277-300. https://www.educacionyfp.gob.es/revista-de-educacion/numeros-revista-educacion/numeros-anteriores/2009/re350/re350-12.html
  • Santos Rego, M. A., Lorenzo, M. M., e Crespo, J. (2012). Gestión de la inmigración en el contexto local. En M. A. Santos Rego (Dir.), Inmigración y administración local. La gestión socioeducativa (pp. 11-16). Netbiblo.
  • Vázquez-Silva, I., Pérez-Caramés, A., e Mosquera, S. (2018). Nuevas culturas asociativas en un contexto de cambio social. Análisis de la evolución del tejido asociativo inmigrante en Galicia (2006-2016). Papers: revista de sociología, 103(4), 493-520. https://doi.org/10.5565/rev/papers.2504
  • Vilar, J. B., Gómez, J., Egea, P. M. y Vilar, M. J. (2008). Migración de retorno desde Europa. Su incidencia en la modernización de la Región de Murcia (1975-2005). Universidad de Murcia, Servicio de Publicaciones.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir