O emperador de Portugalia

Texto

O nome da escritora sueca Selma Lagerlöf equivale a palabras maiores na historia da literatura infantil universal. Atreveríame a dicir que, de entre todos os autores recoñecidos co Premio Nobel de Literatura, é a única, se cadra a carón de Ruyard Kipling (como non lin nin a todos nin, moito menos!, todas as obras dos Premios Nobel, de aí o atrevemento), que ten acadado a súa excelencia literaria, alén do conseguido noutros eidos, na creación de obras dirixidas especificamente ao lectorado infantil. No seu caso, ademais, cunha obra concibida como un “libro de texto”, é dicir, para o seu uso como material didáctico escolar. Ese libro foi A marabillosa viaxe de Nils Holgersson cos gansos salvaxes (1906), escrito pola autora, que era mestra, en resposta a un encargo do ministerio de educación do seu país, Suecia, que pretendía renovar os obsoletos modelos de manuais de libros escolares. O resultado foi un singularísimo libro de xeografía que convida os nenos e nenas lectoras a acompañar a Nils, un neno traste que, en castigo á súa mala conduta, vese reducido a un tamaño minúsculo e, trocado nunha especie de gnomo, vai percorrer as terras escandinavas de a cabalo do ganso Martín, rebelde coma el, que se une ao voo dos gansos salvaxes. Un percorrido que non se limita ao descubrimento do espazo físico senón que se abre con toda naturalidade ao espazo cultural dos mitos e lendas tradicionais. O seu éxito foi instantáneo, e non só en Suecia. En castelán e en portugués contamos con varias edicións, non todas íntegras, porque, ao ser o libro moi extenso, desde ben cedo circularon edicións abreviadas, que eluden as partes máis didácticas (e máis vinculadas ao contexto escandinavo) para centrarse en exclusiva nas aventuras do pequeno Nils. A magnífica recepción do libro por parte dos pequenos lectores, á marxe da intervención dos mediadores escolares, demostra que a pretensión educadora non ten por que converterse necesariamente nun lastre á hora de comunicarse con eles. E, paralelamente, o recoñecemento literario que tamén obtivo axiña proba que o modelo que, de xeito simplificado (e sen dúbida non moi apropiado), chamarei “ludista”, que tiña (e ten aínda) nas Alicias de Lewis Carroll o seu paradigma, non é o único co que chegar á rapazada lectora. A conclusión: o educativo tamén pode ser divertido e esteticamente conseguido.

Polo momento non contamos con ningunha tradución á nosa lingua da obra máis coñecida da autora sueca. Se a traio a estas páxinas é porque a editorial Aira vén de publicar O emperador de Portugalia, en atenta tradución de David A. Álvarez Martínez, unha novela aparecida en 1914. Cómpre advertir que, sensu stricto, non se trata de un texto para a infancia, aínda que si creo que pode interesar a lectores consolidados a partir dos 12 anos. A novela presenta dúas partes ben diferenciadas. Na primeira asistimos ao nacemento, infancia e adolescencia de Klara Fina, filla dos pobres labregos Jan e Kattrina. Esta parte si pode asemellarse máis á concepción do libro infantil, polo protagonismo da filla, aínda que xa desde o inicio o auténtico protagonista é o pai, Jan, e é desde a percepción deste que imos descubrindo os cambios da intelixente e fermosa Klara Fina. Aínda que a voz narradora é unha terceira persoa omnisciente, o acerto da autora reside en situar esa voz sempre moi próxima do universo mental de Jan, que opera coma un filtro a partir do cal se observa e interpreta canto vai acontecendo, desde a inesperada transformación que sofre cando a parteira lle pon nos brazos a criatura que vén de nacer, ata que Klara Fina abandona a aldea para “saír ver o mundo”. É un filtro que transforma todo canto rodea á filla dunha especie de halo luminoso e embelecedor.

Na segunda parte (parte que non corresponde coa división en capítulos, senón coa marcha da filla, que se produce no inicio do segundo dos catro capítulos que compoñen o libro) cambia radicalmente a luz do relato, que se vai tornando máis e máis escuro ata adquirir ao remate un clímax melodramático extremo, debedor das fórmulas románticas máis desatadas, que quizais non sexa ben aceptado por parte do lectorado contemporáneo. Porén, de novo é a figura de Jan a que actúa como filtro que fai aceptable e verosímil o que doutro xeito sería visto coma inadmisible exceso. Pola contra, aínda cando o drama do pai, que enlouquece ao non poder aceptar tanto a ausencia como as novas que chegan da súa filla, acabe arrincando bágoas dos lectores e lectoras máis emocionais, eu considero que sería inxusto valorar O emperador de Portugalia como unha novela sentimentaloide. Ben ao contrario, paréceme unha moi defendible mostra de bo melodrama literario, na liña do mellor Dickens. Porque o drama do pai pobre e a filla “descarreirada” aparece enmarcado nun contexto social de inxustiza visto a través dun coidadoso retrato de figuras humanas que non se reducen a un simple esquema maniqueo. Hai, si, os personaxes ruíns característicos do melodrama (aquí, sobre todo, o xenro do cacique que o acaba substituíndo á morte deste), mais o que predomina é unha galería de personaxes vistos, non só desde a complexidade, senón mesmo cunha ollada comprensiva que acaba atopando un fondo de humanidade, entre xeneroso e, ás veces, ferido, na maior parte deles. Desde a perspectiva do lector actual galego, poida que sorprenda descubrir ese mundo rural sueco extremadamente pobre, aínda sometido a un réxime de dependencia caciquil con resonancias case feudais, mais isto tamén proporciona unha afinidade co noso propio pasado que seguramente reforce o interese da lectura. Afinidade salientada, en certo xeito, por esa sorprendente elección do reino de Portugalia como refuxio imaxinario da mente doente do pobre vello Jan.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir