O Eixo do Jazz: promoción en chave musical e pedagóxica

Resumo

O Eixo do Jazz constitúese como asociación para a promoción do jazz en chave musical e pedagóxica que desenvolve o seu labor entre Galiza e Portugal. Os seus obxectivos están encamiñados á difusión do jazz en zonas xeográficas con menor acceso a este xénero, así como á organización de actividades con finalidade didáctica e formativa.

O Eixo do Jazz se constituye como asociación para la promoción del jazz en clave musical y pedagógica que desarrolla su labor labor entre Galiza y Portugal. Sus objetivos están encaminados a la difusión del jazz en zonas geográficas con menor acceso a este género, así como a la organización de actividades con finalidad didáctica y formativa.

O Eixo do Jazz is constituted as an association for the promotion of jazz in a musical and pedagogical key that develops its work between Galicia and Portugal. Its objectives are aimed at spreading jazz in geographical areas with less access to this genre, as well as organizing activities for educational and educational purposes.

Palabras Clave

Texto

O Eixo do jazz: xurdimento, desenvolvemento e obxectivos

O Eixo do Jazz é unha asociación para a promoción do jazz en chave musical e pedagóxica que desenvolve a súa actividade entre Galiza e Portugal. A necesidade de constituír esta asociación xurdiu como resultado da entrevista entre a produtora portuguesa Cristina Marvão (que nese momento estaba a realizar un documental sobre o festival Guimarães Jazz) e o saxofonista galego Diego Alonso, que naquel tempo era estudante do Curso de Jazz da Escola Superior de Música e Artes Escénicas (ESMAE) da cidade do Porto. A partir desta conversa, fixéronse evidentes algunhas reflexións fundamentais que resultaron a semente da asociación, fundada oficialmente na cidade portuguesa de Famalicão (centro xeográfico do eixo que percorre Galiza e Portugal de norte a sur) o 27 de outubro de 2017, e que seguen a estar vixentes actualmente.

A primeira destas nocións é que tanto o público como o vínculo existente entre os músicos profesionais de jazz de Galiza e Portugal poderían aumentar e ser máis sólidos. Poucas músicas e músicos galegos son coñecidos en Portugal e viceversa. Aínda que nos últimos anos teñen crecido tanto o número de músicos de jazz en ambos lados da fronteira como as colaboracións entre eles, o seu traballo segue a ser bastante descoñecido entre as persoas afeccionadas e incluso entre as compañeiras de profesión. Ademais, sendo o Jazz un xénero de creación artística que abrangue distintos estilos de composición, improvisación e interpretación musical, mesmo partindo dunha linguaxe e tradicións comúns, é interesante fomentar a interacción entre os músicos das diferentes escenas, coas súas propias ideas estéticas, para a creación de novas e diversas propostas musicais.

A segunda das consideracións é que, a día de hoxe, a maior parte dos músicos de jazz teñen un traballo non relacionado coa música para poder sobrevivir, ou, no mellor dos casos,  traballan como docentes nunha escola de música, teñen que ser os seus propios axentes, produtores, community managers e desenvolver outros traballos relacionados indirectamente coa música para conseguir realizar os seus proxectos e que estes poidan lograr un mínimo de difusión. Todo isto resta tempo para o que realmente debería ser o centro do seu traballo musical: estudar o seu instrumento e teoría musical, tocar en concertos e gravacións e compor temas para os seus proxectos.

Estas reflexións de partida levaron a definir os obxectivos principais da asociación:

  • A difusión e promoción do Jazz feito en Galiza e Portugal como forma de creación musical e artística, preferentemente en zonas xeográficas con menor acceso a este xénero, a través do desenvolvemento de circuítos de concertos, gravacións discográficas e a colaboración con outras asociacións e festivais.
  • A organización de actividades complementarias con finalidade didáctica e de formación profesional para músicos a través de residencias artísticas, masterclass e proxectos coas comunidades locais. 

As achegas pedagóxicas do Eixo do Jazz

O Eixo do Jazz pretende contribuír ao desenvolvemento da formación e educación dos músicos e do público. Así, todo o traballo da Asociación realízase coa expectativa de crear un público amplo e informado sobre a cultura, unha maior acollida para as/os músicos e, aínda, visibilizar e proxectar, fundamentalmente, o jazz portugués e galego.

Un dos pratos fortes das actividades da Asociación resultan as residencias artísticas Jazz na Aldeia, nas que se ofrece ás novas xeracións de músicas/os a posibilidade de traballar durante unha semana, de maneira gratuíta e en completa inmersión, con músicos de traxectoria confirmada. O Jazz na Aldeia non só implica os músicos, senón tamén a comunidade na que se desenvolve, a través de concertos públicos que serven de peche para a realización da residencia e, igualmente, facendo pequenas visitas musicais ás escolas infantís da comunidade local onde se leva a cabo.

Do Jazz na Aldeia deriva un novo proxecto, o Eixo do Jazz Ensemble (EJE), formado fundamentalmente por antigos residentes do Jazz na Aldeia, que interpretan os diferentes repertorios de músicos galegos e portugueses de traxectoria consolidada. Como primeira mostra deste traballo, o Eixo do Jazz vén de publicar o disco EJE meets Mário Laginha. Nos próximos meses serán publicadas dúas novas gravacións, froito do traballo de residencia artística e dos concertos xunto ao baterista galego Iago Fernández e ao pianista portugués João Paulo Esteves da Silva. Tamén resultan destacables o concerto/gravación do EJE xunto ao pianista galego Abe Rábade e os nomes dos convidados para as próximas edicións do Jazz na Aldeia: o guitarrista galego Virxilio da Silva (en 2023) e o saxofonista portugués José Pedro Coelho (en 2024).

Outra das actividades destacadas da Asociación é o festival Jazz na Caixa, un ciclo de concertos itinerante, de preferencia en zonas menos urbanas, e de carácter máis íntimo onde se procura unha ampla interacción co público, animándoo a preguntar e a coñecer os músicos e o seu traballo dunha maneira máis directa. Un dos factores diferenciadores deste ciclo de concertos é que, aínda desenvolvéndose nun auditorio, o público asiste ao concerto non desde as butacas do mesmo, senón desde o propio palco, na caixa escénica, decorada como un salón dunha casa ou mesmo como un club de jazz, de preto, algo moi pouco común noutros xéneros de concertos. Ademais, como parte da programación do Jazz na Caixa, sempre que é posible, tamén se inclúen obradoiros musicais infantís como forma de iniciar as xeracións máis novas neste xénero.

Jazz na Caixa – Famalicão (Miguel Estima)

Neste momento, a Asociación focaliza a maior parte das súas accións en Portugal, pero xa ten iniciado as conversas con músicos e asociacións galegas, tales como Músicas ao Vivo, para constituír O Eixo do Jazz na Galiza, buscar novos socios na Galiza que queiran colaborar coa Asociación e comezar a producir concertos, residencias artísticas e mellorar as oportunidades de traballo e formación dos músicos de jazz, así como fortalecer as relacións entre as escenas musicais do jazz a ambas beiras do Miño.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir