O audiovisual galego como ferramenta de ensinanza aprendizaxe
Texto
A análise do uso do audiovisual galego como ferramenta de aprendizaxe no ensino da lingua galega na etapa da secundaria, constitúe a cerna da investigación dun Traballo de Fin de Mestrado. Partindo da premisa de que os denominados social media demandan moitas horas de atención á nosa mocidade, indagamos se poderían considerarse aliados do profesorado se mudase a súa percepción. Nun estudo de Hidalgo e Aliaga (2020) afírmase que “o estudante interésase moito máis pola Internet, a televisión e o cinema, entre outros, dedicando menos tempos aos labores académicos”. Segundo estes autores, a solución a este problema non é prohibilos, senón darlle a volta ao seu uso e aproveitalos para beneficio do proceso formativo.
O profesorado de lingua galega non emprega o audiovisual galego con esta finalidade no desenvolvemento das súas clases?
Trátase dunha circunstancia que xa se está dando nos IES en Galicia ou son precisas accións concretas para que o profesorado integre nas súas aulas esta poderosa ferramenta?
Para fundamentarmos a investigación, analizáronse informes estatísticos en relación aos usos da lingua e tamén publicacións sobre o tema, que inciden en que o emprego de materiais multimedia no ensino de linguas:
- Permite achegar o alumnado a contextos lingüísticos diversos.
- Favorece o coñecemento da variedade de rexistros ou pronuncias que existen nun mesmo idioma, xa que durante un discurso oral a persoa discente pode usar correctamente a gramática, pero errar na pronuncia.
O traballo indagatorio desenvolveuse desde un enfoque metodolóxico mixto, en oito IES e CPI das catro provincias galegas, seleccionados de modo que ofrecesen representatividade, malia seren casos únicos. Así, realizouse a escolla atendendo a criterios diversos: de ámbito máis urbano e outro máis rural de cada unha das provincias, cun número de habitantes semellante do respectivo concello, dimensión ou número de alumnado do centro educativo, predominio do galego ou do castelán na fala deste alumnado, e accesibilidade aos departamentos. A partir de aí deseñouse adhoce e aplicouse un cuestionario de cincuenta preguntas, dirixido a unha persoa de cadanseu departamento de lingua galega dos centros seleccionados, con atribución docente en ESO e Bacharelato. Ademais disto, estudáronse documentos como o Plan Lingüístico, outros senlleiros producidos nos centros en relación ao tema, e analizáronse os seus contextos, a lingua predominante entre o alumnado ou as actividades de fomento da lingua galega desenvolvidas. Mesmo se indagou sobre as relacións cos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, dos que non sempre forma parte o profesorado de lingua galega, nin a totalidade do que participou neste estudo.
Os resultados máis salientables
Á vista dos resultados obtidos no estudo, e inmersos como estamos na sociedade da tecnoloxía, da información e do coñecemento e cun auxe evidente do sector audiovisual galego, temos dous piares a favor para que os documentos audiovisuais acheguen contidos extralingüísticos no ensino de lingua galega en toda a ESO e Bacharelato cunha secuencia en tres pasos, como describimos na Figura 1. Adoita procederse deste xeito na ensinanza de linguas estranxeiras, tal e como se recomenda no Marco Común Europeo de Referencia para as linguas (Ministerio de Educación y Formación Profesional, 2021).
Entre os datos máis salientables obtidos na investigación desenvolvida, achamos que:
- A maioría do alumnado (62,5%) dos centros estudados, tanto de contextos urbanos como semiurbanos ou rurais, ten como lingua predominante o castelán.
- Só o 25% do profesorado usa o audiovisual galego como unha ferramenta didáctica máis, e non como un complemento. En calquera dos casos fai uso en:
- Formatos clásicos, como algunha película, capítulos do programa Historia de Galicia ou fragmentos de Os castros e a cultura castrexa.
- Outras formas máis recentes como pílulas do Dígocho eu e Ben falado! E mesmo incorporan as novas tendencias de influencers e youtubers.
- O 87% do alumnado acolle ben ou moi ben a visualización dun recurso multimedia como os citados, incluso usado dentro do propio currículo e non só para ludificar un tempo determinado.
- A maioría do profesorado participante emprega os materiais aos que dá acceso Internet e prevalece o seu uso sobre outros formatos clásicos. A inmediatez, a renovación de contidos e a proximidade co alumnado son as razóns polas que lles dá prioridade a plataformas como Youtube, Instagram ou Twitter para visualizar contidos. Concordan estes datos co referido á duración dos produtos, que se axusta entre os 8 e os 20 minutos para que a actividade sexa efectiva, tal e como se vén incidindo desde hai décadas (Pérez, 2017), aínda que nos últimos anos se fai fincapé na necesidade dunha duración incluso menor.
Para finalizarmos
Os informes do Instituto Galego de Estatística constatan, cada vez con maior contundencia, a diferenza entre a porcentaxe da poboación de 5 a 14 anos que aprende a falar en castelán e a que o fai en galego. Así, o informe de Coñecemento e uso do galego de 2018 reflicte que o 49’5% faino en castelán e apenas un 19% en lingua galega. Isto evidencia que o galego é a segunda lingua para practicamente a metade da poboación en idade escolar.
Non existen suficientes motivos polos que o galego como lingua nai, lingua ambiental ou segunda lingua precise de recursos audiovisuais para a potenciación da súa consideración ou a ampliación dos seus usos?
Os datos manexados no estudo reflicten que o profesorado pode escoller entre impartir Lingua Galega e Literatura como unha materia de libre configuración autonómica obrigatoria ou como o coñecemento teórico e práctico dun idioma do que se poden tirar moitas connotacións sen quedarse só no plano académico. Botar man do audiovisual feito en Galicia e en galego, e da súa variedade de formatos, como un recurso máis dentro da aula é ben acollido polo alumnado e pode contribuír en boa medida ao proceso educativo da lingua galega.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:
Referencias
- Hidalgo Navarrete, J. & Aliaga Zegarra, S. E. (2020). Análisis de las estrategias didácticas para el diseño, selección, producción, utilización y validación de recursos educativos audiovisuales interactivos en una institución educativa. estudio inicial. REID, 23, 79-98.doi: 10.17561/reid.n23.5.
- Instituto Galego de Estatística (2019). Informe de Coñecemento e uso do galego 2018. https://n9.cl/2gm58e
- Ministerio de Educación y Formación Profesional (2021). Marco Común Europeo de Referencia para las lenguas. Volumen complementario. https://n9.cl/fnffo
- Pérez Molina, E. (2017). Cine y documentales en el aula de FLE para educar en valores medioambientales (TFM). Tenerife: Universidad de la Laguna. https://riull.ull.es/xmlui/handle/915/7454