Non hai fronteiras… nin barreiras
Texto
Foi no ano 2011 cando saíu á luz en Galiza o Decreto de atención á diversidade. Tiveron que pasar 10 anos para que a Consellaría de Educación resolvese a redacción e publicación da Orde (do 8 de setembro de 2021) que desenvolve dito Decreto 229/2011. Probabelmente non fose unha tarefa doada, pois planificar unha resposta educativa aceptando que a diversidade é unha característica inherente a todas as persoas non é unha cuestión menor; máis aínda cando as normativas non deixan de ser unha declaración de intencións en relación cunha desexábel educación inclusiva que atopa múltiples incoherencias coas medidas recollidas, que seguen segregando o alumnado en función das súas capacidades, intereses e motivacións. En todo caso, o certo é que colectivos que traballan directamente no ámbito da atención á diversidade en Galiza levaban tempo agardando esta concreción normativa, co desexo de que resolvese moitas das dúbidas que na práctica limitan o desenvolvemento profesional daquelas educadoras e educadores para os que o presente e futuro do alumnado é a razón de ser da súas funcións.
Non é o propósito agora valorar se a nova normativa responde ás necesidades da realidade educativa galega, pois cómpre deixar madurar o documento e comprobar a súa aplicabilidade na práctica do día a día nas aulas; o que pretendemos aquí é facer unha chamada á comunidade educativa pois, por moi complexo que resulte redactar e aplicar unha norma, no ámbito da atención á diversidade o traballo máis complexo aínda está por facer.
A inclusión, alén dun principio pedagóxico e dun dereito educativo, é un sentimento, un nó que se coloca na gorxa cando se detecta que o sistema educativo non é quen de acoller a todas as persoas. Transcende as normativas, as planificacións e as dotacións de recursos (sendo todo isto fundamental) e vai un paso máis alá: supón unha chamada interna que obriga a que non resulte indiferente garantir o respecto á dignidade de todas as persoas, contribuíndo a suprimir todas as fronteiras e barreiras posíbeis. Abrimos este número 82 co desexo de que o conxunto da comunidade educativa camiñemos cara ao “non hai fronteiras” (nin barreiras, engadimos, polo significado que ten particularmente en relación á atención á diversidade) co que as Tanxugueiras veñen de poñer en valor as nosas músicas e cultura nos últimos tempos, contribuíndo a ampliar os horizontes a prol da normalización lingüística e do desenvolvemento da conciencia cultural nos que moitas artistas do panorama galego traballaron e traballan. Sumémonos, pois, ao aturuxo da inclusión.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats: