«Neutralidade ideolóxica» ao servizo da censura e do control
Texto
Asistimos con preocupación a unha nova escalada na aplicación do principio de neutralidade ideolóxica, esgrimido para a denegación da homologación previa dunha actividade de formación permanente do profesorado, organizada por Nova Escola Galega. O XXXVI Encontro Galego-Portugués de Educadoras/es pola Paz.Palestina e máis alá. Educar na vida en tempos de xenocidio semella ter outras pexas, segundo declaracións da Consellería, ao “non estar aliñada coas liñas estratéxicas do Plan de Formación do Profesorado” e ademais ser “susceptible de confrontar co principio de neutralidade”.
As instrucións de 5 de xuño do ano pasado foron consideradas por moitas entidades da comunidade educativa como unha forma de censura para impoñerlles aos centros educativos uns marcos restritivos para as súas actividades complementarias e as relacións con entidades externas. Agora pretenden aplicarse por “extensión” a un ámbito non contemplado na norma, como é a formación permanente do profesorado.
Na súa longa traxectoria, estes Encontros estiveron sempre aliñados co mandato de educar nos dereitos humanos e para unha cidadanía global, que compromete o conxunto do sistema educativo, cun lugar propio no currículo vixente e na formación inicial e permanente do profesorado.
No propio Plan de Formación do Profesorado existe unha “área social que agrupa aquelas competencias que teñen incidencia na comunidade educativa e na sociedade en tanto que traballan ODS, saúde integral e benestar individual co gallo de participar no tecido social de xeito sostible e construíndo unha cidadanía global positiva”. Nela figura como“competencia inclusiva, social e cidadá: promover un clima de convivencia positiva no que se considera a diversidade como un activo de aprendizaxe, se desenvolve a conciencia intercultural e internacional, e se atende a prevención e resolución de conflitos, fomentando a xustiza social e o respecto.”
Semella que as explicacións técnico-xurídicas ofrecidas pola administración pretenden darlle carta de “obxectividade” a decisións que lesionan a autonomía docente, condicionando as escollas para a súa propia formación. Envíase unha mensaxe nítida ao profesorado e á comunidade educativa sobre o que é lexítimo ou non tratar nas aulas.
Para evitar confusións interesadas, cómpre sinalar como a idea de “neutralidade ideolóxica” contida na LODE (1985) para evitar inercias nun sistema educativo de longa tradición adoutrinadora, ten que ser compatible coa necesidade de educar en valores, no pluralismo e no compromiso cos dereitos humanos, como sustento axiolóxico para que as escolas sexan espazos democráticos de construción cidadá.
Exercer a censura apelando a este principio forma parte das posicións da dereita e da ultradereita, en contextos nacionais e internacionais. A campaña a favor da obxección de conciencia da materia “Educación para a cidadanía” ou o “veto parental”, ideados para introducir maior confrontación nos centros e para alimentar a auto-censura docente, son exemplos coñecidos.
O enfoque das actuais leis educativas na defensa dos dereitos da infancia limita estas pretensións; nin as súas propias familias teñen dereito a manter a infancia e a mocidade á marxe da oportunidade de educárense con sentido crítico, coñeceren os problemas do seu tempo e procuraren, a través do coñecemento, a reflexión e o debate, un achegamento plural a temas socialmente controvertidos.
A neutralidade educativa é unha falacia que a literatura pedagóxica vén desenmascarando desde hai tempo. Todo proxecto educativo ten implicacións políticas. O papel das administracións pode colocar o profesorado nunha arriscada posición fronte ás dificultades de ensinar-aprender arredor de problemas non asentados en consensos sociais, dos que existen “relatos controvertidos”. A fórmula proposta pola dereita conservadora pretende obviar a controversia: naturalizando o seu relato como o dominante, froito do sentido común, e afastando das aulas lecturas máis críticas, baixo acusación de presunto adoutrinamento, deslexitima e desanima a implicación do profesorado nestas temáticas recollidas no currículo.
Xaora, esa aparencia de “espazo neutral” non salvagarda a integridade académica das institucións educativas, nin as liberdades académicas do profesorado, senón que busca desarmalas. O xenocidio do pobo palestino, por exemplo, representa unha das maiores conculcacións dos dereitos humanos. Porén, o seu tratamento nas aulas é a causa principal que activa as alarmas da censura nalgunhas administracións educativas, contrarias a que a escola reflicta visións críticas, presentes na nosa sociedade.
Son moitas as interrogantes que suscita este proceder da administración.
Agochando a análise plural de cuestións controvertidas, axudamos a mocidade a afrontar os desafíos dun mundo crecentemente complexo? Temos o dereito de deixala espida, sen ferramentas para a comprensión das realidades que condicionan as súas vidas, alimentando a ignorancia e a indiferenza?
Podemos como sociedade descartar o potencial democrático da escola pública para estimular a indagación, a reflexión e o debate, a descuberta de feitos históricos, a súa pegada no momento actual e a capacidade para pensar e implicarse nun presente e nun futuro enraizado nos dereitos humanos e na plena cidadanía global?
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:
