Nada substitúe un bo profesor, unha boa profesora

Texto

A gravosa experiencia colectiva que vimos de vivir coa pandemia, con consecuencias negativas que en diversos casos mostran actualmente os seus efectos -como sucede co incremento dos factores de desigualdade na infancia e no sistema educativo-, fixo avanzar con rapidez no campo da educación, como en tantos outros sectores sociais, a información, o coñecemento e o uso das tecnoloxías dixitais.

Sen dúbida, con moitos aspectos positivos e cunha extraordinaria capilarización social. Ao seu abeiro véñense suscitando, por outra parte, diversas proclamas sobre as bondades da cuestión, que se refiren tanto á maior eficacia instrutiva que en moitos casos podería ter o maior uso de todo o relacionado coas tecnoloxías dixitais, como á redución dos custos representados polo factor humano en tantos aspectos das nosas vidas. Un revival das promesas da tecnoloxía condutista tan en voga hai sesenta anos, agora con novas manifestacións experimentais e empíricas, que non é do caso non apreciar.

Con todo, haberá que ter cautela. Unhas son as necesidades de información científica e cultural por parte de persoas adultas xa relativamente formadas en canto á súa personalidade e desenvolvemento psico-social, e outras son as necesidades de información, de formación e de coñecemento cando os seres humanos realizan o proceso de desenvolvemento persoal e social das súas capacidades, cosmovisión e valores; cando todos e todas ingresamos no corpo social e debemos facelo mediante un xogo dinámico de dereitos e de deberes, con autonomía, con capacidade e hábitos para a participación e a cooperación, conscientes da radical liberdade de todos e da necesaria adquisición dunha madura autonomía do xuízo moral, como tamén da necesidade de compartir e de vivir con valores colectivamente asumidos sobre o que é xusto.

É esta unha conquista difícil, que se prolonga no tempo e que non é posible realizar sen a interacción complexa e sempre problematizadora daquelas persoas que nos rodean, que deben ser máis e outras distintas das que o fan por consanguinidade ou por estrita proximidade vivencial, porque este mundo non é de compartimentos estancos, como tantas veces parece dar a entenderse. É unha aprendizaxe de vida do que falamos, que só se logra na interacción como ocasión de interrogante, de conflito a resolver, de reflexión, de xuízo, que precisa a ollada atenta e dialogante de persoas adultas con responsabilidade educadora. Falamos dos educadores e educadoras, dos profesores e profesoras; se estes e estas conciben o seu rol e o exercitan con esta orientación profesional e ética -esta é a condición para este oficio-, que debe ir unida á súa esperable dimensión formadora e instrutora nos diversos campos culturais.

Neste sentido, nada substitúe unha boa profesora: un oficio técnico e ético, delicado na súa máxima atención coas persoas que educamos, pero tamén firme, para poder auxiliar e guiar a quen ensaia para incorporarse autonomamente e de modo crítico a unha sociedade que sempre debemos querer máis humana e plena para todas e todos.

Por isto, facemos votos: que viva a presencialidade rica nas aulas dos centros escolares en estímulos cognitivos, emocionais, éticos e creativos!!!

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir