Música, emocións e redes sociais: tres experiencias persoais
Resumo
Neste artigo achégase unha ollada poliédrica á vinculación da música coas emocións e as redes sociais a través de tres textos diversos elaborados por diferentes autores. Neles destácanse as potencialidades, tamén didácticas, de ferramentas como Twitch e TikTok para o ámbito musical, así como o traballo de marketing que supoñen as redes sociais para os músicos, podendo incidir mesmo no plano da saúde mental.
En este artículo se ofrece una mirada poliédrica a la vinculación de la música con las emociones y las redes sociales a través de tres textos diversos elaborados por diferentes autores. En ellos se destacan las potencialidades, también didácticas, de herramientas como Twitch y TikTok para el ámbito musical, así como el trabajo de marketing que suponen las redes sociales para los músicos, pudiendo incidir incluso en el plano de la salud mental.
This article offers a multifaceted look at the link between music and emotions and social networks through three different texts written by different authors. They highlight the potential, also didactic, of tools such as Twitch and TikTok for the musical field, as well as the marketing work that social networks entail for musicians, and may even have an impact on mental health.
Palabras Clave
Texto
Neste artigo achégase unha ollada poliédrica á vinculación da música coas emocións e as redes sociais a través de tres textos diversos elaborados por diferentes autores. Neles destácanse as potencialidades, tamén didácticas, de ferramentas como Twitch e TikTok para o ámbito musical, así como o traballo de marketing que supoñen as redes sociais para os músicos, podendo incidir mesmo no plano da saúde mental.
Twitch: ferramenta de compaña e difusión musical
Alberto Busto
A radio e a música sempre foron dúas das miñas grandes paixóns, proba disto é que medrei escondendo baixo a almofada a radio coa que meu pai escoitaba o fútbol os domingos. Non importaba a temática, era a sensación de compaña e de familiaridade que me facía sentir a persoa que estaba do outro lado das ondas radiofónicas cada noite, a que me reconfortaba ata caer no sono.
Coa música saldei contas, dende ben novo tiven claro que eu quería crear e expresar por ese medio, e fíxeno sempre, con e sen coñecementos musicais. Dende a clandestinidade da miña habitación esperando a que todos marchasen da casa por sentir vergoña, ata as tardes de guitarras e amizades nas que descubrín que mentres a maioría eran atraídos por aprender cancións doutra xente o único que a min me atraía era crear primitivas composicións que só a min me gustaban.

Pero que había daquela paixón por comunicar como facían aquelas persoas que estaban dentro da radio do meu pai? Pois non había nada, sería demasiado bohemio ser músico e locutor porque, como nos inculcaron dende nenos: “de algo hai que comer”, esquecérao a cambio dun traballo dos “de verdade”.
Esquecérao ata que a pandemia nos pechou a todos na casa e, dun xeito case viral, todo o mundo comezou a facer conexións en directo dende redes como Instagram, Youtube ou Facebook e as videoconferencias apoderáronse do noso día a día. Naquel momento algo fixo “click” na miña cabeza.
Outra das miñas paixóns son os videoxogos e, como consecuencia disto, eu coñecía profundamente como consumidor Twitch, unha plataforma ata hai ben pouco relacionada case exclusivamente co mundo dos videoxogos. Pero ao igual que na radio que escondía debaixo da almofada con dez anos, non era a temática o realmente importante senón, unha vez máis, a sensación de compaña e de familiaridade que me achegaba; e nese momento vin a oportunidade.
Púxenme mans á obra, precisaba facer probas sen que ninguén me descubrise, como cando esperaba a que todos marchasen da casa para cantar, esta vez esperei a estar só cada mañá para comezar a facer directos en Twitch mentres xogaba a videoxogos, sen avisar ninguén. O único obxectivo era coñecer a plataforma como creador; a experiencia coa música estaba servíndome para ter paciencia e non facer nada público ata sentirme preparado.

E chegou o día, pasara meses falando ao baleiro, pero non importaba porque eu xa aprendera o xusto a nivel técnico e a nivel comunicativo como para atreverme a dar o paso: abrir unha canle de Twitch co meu nome e facelo público.
Aquí non houbo dúbidas, só me fixen un par de preguntas:
- De que sabes un mínimo como para falar publicamente? Baloncesto, videoxogos e música.
- En que podes achegar algo que non exista xa nesta plataforma? Falando de música galega, dende o punto de vista dun músico que durante anos viviu e coñeceu practicamente todas as fases dunha humilde carreira musical, dende tocar nun pub medio baleiro a un festival con 4000 persoas.
E aquí xa non había nada que perder, a vergoña deixeina atrás hai moito tempo con decenas, ou quen sabe sen centos, de concertos ao longo da miña vida. Xa sei o que significa que moita da xente que te rodea pense que es un inmaturo por dedicar as túas fins de semana a facer música en directo, como me ía afectar o que a xente pensase de min por facer directos en Twitch?
Os camiños feitos con erros e acertos no mundo da música serviron para darme de conta de que tiña moitas amigas e amigos dentro do circuíto dispostas a pasarse a falar comigo diante de quen quixese estar escoitándonos e, todo comezou a funcionar moi rápido. Cando fago entrevistas esquézome en moitas ocasións de que hai alguén véndonos e rematan por converterse en parolas entre amigos, pero non só entre os amigos que saen na cámara senón conversas coas decenas, ás veces centos, de persoas que a través dos seus móbiles, computadoras ou televisións se unen a falar de música con nós.
Esta é para min a maxia de Twitch, poder xuntar unha comunidade de persoas que quedan ciclicamente para gozar da súa paixón, como cando eramos nenos e nos xuntabamos ao redor dunha guitarra.
TikTok como oportunidade para visibilizar a música, a cultura e o idioma galego
Rodrigo Míguez Novoa
TikTok, a día de hoxe, é unha das aplicacións de moda. É esa rede social da que todo o mundo fala e na que todos os rapaces queren estar. É esa vía de escape que apareceu na pandemia para atrapar e abstraer a xente do que pasaba fóra dos seus pisos e casas. É esa rede social anatematizada pola súa forma de consumo rápido e banal. É tamén esa plataforma na que se espalla con facilidade calquera discurso, e na que pouco se precisa para viralizar pequenos fragmentos de vídeo. TikTok pode ser todos os cualificativos que queiran usar para referirse a el, sexan certos ou non, pero o que si sabemos é que, en definitiva, constitúe o altofalante que poden aproveitar as culturas minoradas para a difusión do seu contido e das súas mensaxes.
Acostumados a unhas redes sociais moi pechadas, nas que as reivindicacións e discursos apenas saen dos círculos de influencia que teñas nelas, a entrada nas vidas cotiás de TikTok provocou que culturas como a galega puidesen democratizarse e chegar moito máis lonxe do que non se puido facer ata agora noutras redes sociais.

Nunca se viron vídeos de humor en galego con millóns de reproducións, vídeos de divulgación sobre mulleres que cantaban en galego con centos de miles de reproducións ou vídeos descubrindo artistas musicais en galego con decenas de miles de reproducións. Nunca se viron canles que ensinan galego con centenares de milleiros de seguidores, rapazas que ensinan o seu día a día en galego con decenas de milleiros de seguidores ou divulgadores culturais en galego con milleiros de seguidores. TikTok é a única plataforma na que se obtiveron estes resultados, algo histórico para a normalización do noso idioma, da posta en valor da nosa cultura e da nosa música.
TikTok poderá ter moitas cousas malas (como calquera rede social) e nela poderemos atopar moito contido que non mereza a pena, pero é innegable que serviu para que o idioma, a cultura galega e as/os artistas galegas/os puidesen gañar un espazo e unha visibilidade que non se deu nunca na historia. Serviu para que xente nova crease a necesidade de consumir contido en galego porque se sentía identificada coa xente que o facía. Serviu para que rapaces e rapazas estivesen informados dos eventos culturais do noso país no seu idioma propio. Serviu para dar a coñecer xente moi talentosa que non contaba cunha plataforma para difundir a súa arte. Serviu, en definitiva, para ser un elemento normalizador entre os máis novos.
A través desta rede social o galego e a música en galego transcende fronteiras, e o poder de alcance é tan grande que un terzo dos seguidores dun creador de contido en galego coma min non son nin galegos.
A nosa cultura, o noso idioma e os nosos artistas importan, tanto dentro como fora das fronteiras da nosa terra, e TikTok é unha plataforma que axuda a dar voz e conectar con quen non tiña esa percepción. Conectar cos máis novos era unha tarefa pendente neste proceso de perda de falantes que está sufrindo a nosa lingua, sobre todo nos eidos urbanos, e que mellor maneira que introducindo contido atractivo para esa xente no noso idioma e na plataforma na que máis tempo pasan.

Nese bucle infinito de vídeos no que todo é inmediato residen pequenos gromos. Decenas de miles de persoas interésanse polos artistas galegos, infórmanse dos eventos musicais que hai no noso territorio e aprenden a historia dos precursores que abriron camiño para que os músicos en galego puidesen ter unha plataforma na que expoñer o que fan no seu idioma. Xa só por iso TikTok merece algo de recoñecemento, pois é un feito que non se dá noutra plataforma hoxe en día.
Cada vez que unha canción en galego chama a atención por un vídeo en TikTok é un éxito para a nosa cultura. Cada vez que un rapaz que non tiña interese na música en galego descobre un artista por TikTok e comeza a escoitalo é un éxito para o noso idioma. Cada vez que alguén se informa de que hai un concerto ou festival que lle interesa por TikTok é un éxito para a industria musical galega. En definitiva, TikTok é unha oportunidade como ferramenta educativa, de éxito para o galego, para a cultura galega e para a industria musical galega.
Amor e xenreira: saúde mental e música en primeira persoa
Carlos Barcia Trashorras
Dende pequeno quixen ser músico. Era algo que me enchía, que me saía natural. Na adolescencia estaba perdido nun sistema educativo que non estaba feito para min, no que nunca me sentín cómodo.
Todo cambiou no bacharelato artístico-musical. As miñas compañeiras e compañeiros eran músicas, bailaríns, actrices, etc. Compartiamos ilusión, soños e paixón. Chegar ao IES Salvador de Madariaga, na Coruña, cambiou a miña vida.
Por esa época comecei a estudar guitarra moderna, a tocar semi-profesionalmente en grupos e a expresarme musicalmente.
Pasei de estudar folk e metal a formarme como guitarrista de jazz, un estilo que chegou para romper todos os meus esquemas. Descubrín que existía a posibilidade de formarme no conservatorio, onde podería formalizar os meus coñecementos musicais. Nesta etapa compaxinei tocar en grupos, compoñer, formarme e traballar como profesor de guitarra en diferentes escolas de música e asociacións culturais. É aí onde comeza a aparecer esa vacilación, ese medo. As bandas coas que tocas non saen adiante, a nivel académico non entras no conservatorio, clases en B mal pagadas e vaste desanimando cada vez máis.
Isto comezou a xerar comportamentos tóxicos na miña persoa, dende crer que tomar algo cos meus amigos era perder tempo de estudo, ata deixar bandas nas que tocaba, porque todas as miñas enerxías estaban enfocadas nas probas de acceso. E, se non as aprobaba, isto creaba en min un gran sentimento de culpa.

Simultaneamente comezo a crear contido en redes (Instagram, Youtube, Facebook e Tik-Tok). A miña idea é amosar a miña faceta de músico ao mesmo tempo que creo unha marca persoal, onde a xente me poida coñecer un pouco máis. Isto axudoume a chegar a máis persoas, a conseguir traballos en diferentes bandas ou a crear relacións profesionais relacionadas coa música.
Como rapaz novo e músico sen renome, comezou a aparecer o dramático “cólleo todo”. Este fenómeno nace a raíz de dous factores: o primeiro factor sería o laboral, un bucle no que pensas que canto máis toques, e en cantas máis bandas esteas, maior será o teu crecemento profesional. Funciona así como unha formula matemática [a maior cantidade de bandas, maior será o publico que saiba da túa profesionalidade como músico]. En consecuencia, aumentas a posibilidade de que bandas máis grandes saiban da túa existencia e, con sorte, acaben contactando contigo. Non me malentendades, o foco non está na fama nin nos números, está no importante, os cartos. Basicamente, como músico profesional, a inseguridade laboral é tan forte que acabas crendo que se fichas por unha banda grande, vas ter estabilidade económica.
O segundo sería a romantización coa que se trata esta profesión en películas, libros ou historias de músicos de renome, onde sempre se che conta que o importante é tocar. Tocar no maior número de proxectos, o maior número de estilos, gravacións de discos, etc. Este último factor chega a ser tan tóxico, que cheguei a tocar en proxectos nos que non me sentía respectado, nos que non me atraía o estilo ou, simplemente, onde convivía con persoas coas que non compartía valores. Sitios nos que non quería estar, pero por demostrarme a min mesmo e ao meu entorno que podía ser un profesional, acababa aceptando.
Esta situación rematou ao darme o meu primeiro ataque de ansiedade o día antes dun concerto de moita presión, poucos ensaios e menos ganas. Fun un mercenario de libro.

Tamén podería falar do maltrato psicolóxico que vivimos centos e centos de músicas e músicos en todo o mundo da man de “mestres” que o único que che acaban ensinando é que non es válido para a profesión e que che crean máis inseguridades que gotas ten un chuvasco. Quédanseme curtas estas liñas para enumerar as frustracións e decepcións que vivín polo camiño, pero aquí estou. Entrei a formar parte dunha banda na que me sinto querido e coidado, estou realizando o meu primeiro curso no conservatorio superior e todo semella comezar a dar os seus froitos.
Iso si, paguei a moeda coa miña saúde mental, xa que dende hai tempo sufro de ansiedade. Unha ansiedade que se leva mellor co apoio do meu psicólogo, da miña familia, amigas, amigos e profesores que coidan de min cada día.
A vida dun músico non é sinxela. A falta de estabilidade fóra da docencia oficial, o rumbo que está collendo a industria musical…
Pero eu pelexo polo meu soño porque, para min, a música é a miña forma de vivir.
PD: Non todo vale para conseguir unha meta. Ás veces, por moito que pelexes, non chegas.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:


