Mellorar a formación inicial dos e das docentes

Texto

Diversos informes oficiais ministeriais e da Conferencia de Decanos/as das Facultades de Ciencias da Educación, varios estudos de investigación e numerosas constatacións poñen de manifesto as deficiencias curriculares e organizativas das actuais Titulacións universitarias de Educación Infantil, de Educación Primaria e do actual Máster en Educación Secundaria. Son precisas medidas correctoras. O Ministerio de Educación asume esta necesidade no documento coñecido como o impreciso das «24 medidas».

As Facultades de Ciencias de Educación, pola súa parte e maioritariamente, reclaman certo control de acceso a estas titulacións (unha proba de aptitude persoal), dada a descompensación entre o número de matriculados, as posibilidades docentes de formación e as de ingreso no exercicio docente, mais tamén para favorecer a presenza de alumnado con máis alta motivación, xa que non sucede na medida desexábel, o que vén de ser descartado oficialmente. Recomendan, ademais, o enriquecemento do Prácticum e un inicio do exercicio docente efectivamente titorizado.

Doutra parte, a LOMLOE trae consigo medidas e indicacións que apelan á necesidade de revisar a formación inicial dos recursos humanos e técnicos ao servizo da educación infantil, básica e media en todo o Estado español. E, sen dúbida, estamos ante cambios sociais que afectan gravemente á socialización das novas xeracións e á vivencia dos dereitos humanos, mostrando complexidades que non percibiamos hai só un quinquenio. Todo isto afecta á concreción dos coñecementos, habilidades, actitudes e valores que deberán configurar no presente unha educación e un desenvolvemento cultural integral.

Neste cadro, non debemos descoñecer tampouco a actual complexidade das tarefas formativas. Moitas delas desbordan os relevantes e sempre necesarios planos didácticos de materias e áreas de aprendizaxe, para resituar os e as formadoras ante realidades de vida do alumnado, con frecuencia marcadas por dificultades de diverso tipo… sendo os centros unidades de vida, de convivencia comunitaria, de acollida emocional, ou mesmo en ocasións (case) comunidades terapéuticas. O que reclama a participación reflexiva e experta do profesorado —e mesmo a incorporación doutras profesións sociais— nun espazo colectivo —non sempre interpretado en clave comunitaria—, organizativo e de interrelación de saberes, de condutas e de valores.

A este respecto, a formación curricular que se dá é habitualmente precipitada: materias que quedan clausuradas logo de períodos fácticos docentes de só tres meses e medio, con relativa indistinción da diferenza dunhas a outras; materias fundamentantes que só se abordan nos dous primeiros cursos cando o alumnado chega con frecuencia ás Facultades case saíndo da adolescencia.

Procesos formativos excesivamente sostidos sobre breves e continuos traballos de clase de resolución rápida, con ausencia de lecturas e de tempos de maduración reflexiva, indicados por un profesorado que a miúdo non recibiu a formación precisa para este exercicio formador, ou que se ve collido entre numerosas trapelas burocráticas que falan, con falsidade, dunha ‘calidade controlada e acreditada’, ou que non dispón de tempos suficientes para o seguimento formativo do alumnado. Neste sentido, os chamados Sexenios de Investigación (acaban de aparecer os de ‘transferencia’), como único mecanismo público avaliador, de control experto e de acicate meritocrático, están mal concibidos na súa aplicación ao profesorado de Ciencias da Educación.

Os sexenios de investigación —que ademais inspiran en Galicia os modos e procesos de acreditación do profesorado que accede á docencia universitaria—, ‘conducen’ a todo o profesorado a realizar tarefas de investigación case sempre afastadas das súas responsabilidades formadoras inmediatas, caso de querer atender lexitimamente á promoción académica. Isto soe ocasionar unha escisión grave, co resultado de que nestes casos con frecuencia non se vive coa necesaria intensidade reflexiva a formación do alumnado, ao regatear atención que se dedica a tarefas de investigación, que son ‘remuneradas’, sobre todo no caso de publicar papers nas chamadas “revistas de impacto”, unha abusiva mercadotecnia internacional, que, ademais, introduce condutas perversas ao liberar horas de docencia a aqueles con mellor ‘eficiencia’ no eido da investigación.

É hora, logo, de revisar todos estes aspectos para reformar a formación inicial e os principios e as condutas nos centros universitarios de formación.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir