Matevisión: un proxecto para traballar probabilidade e estatística
Resumo
Nas últimas décadas, a necesidade de coñecer conceptos básicos da probabilidade e a estatística cobrou notable importancia. Isto salienta a necesidade de mellorar os procesos de ensinanza e aprendizaxe das mesmas e que teñan en conta o sentido socioafectivo cara ás matemáticas. Neste artigo presentamos una proposta en liña da Aprendizaxe Baseada en Proxectos (ABP), a cal permite o traballo destes conceptos dunha forma efectiva e contextualizada.
En las últimas décadas, la necesidad por parte de la población de conocer conceptos básicos de la probabilidad y de la estadística cobró notable importancia. Esto enfatiza la necesidad de mejorar los procesos de enseñanzas y aprendizaje de las mismas y que tengan en cuenta el sentido socioafectivo hacia las matemáticas. En este artículo presentamos una propuesta en línea del Aprendizaje Basado en Proyectos (ABP), el cual permite el trabajo de estos conceptos de una forma efectiva y contextualizada.
In the last few decades, there has been a significant increase in the demand for the general population to understand basic concepts of probability and statistics. This highlights the need to improve the teaching and learning processes in these areas, while considering the socio-affective aspect of mathematics. In this article, we present a proposal using the Project-Based Learning (PBL) method to effectively and contextually teach these concepts.
Texto
Introdución

Na actualidade, co avance das tecnoloxías e o intercambio masivo de información, a importancia de dispoñer dunha competencia matemática sólida fíxose máis salientable (Gil et al., 2006). En concreto, a necesidade dunha correcta interpretación das inmensas cantidades de datos presentes no día a día das persoas deu pé a que a estatística e a probabilidade se postulen como parte fundamental da formación que todo individuo debe posuír. Porén, en moitas ocasións, os coñecementos estatísticos cos que contan as persoas resultan insuficientes.
Este feito pode atribuírse ao rexeitamento que ocasiona nos estudantes esta ciencia e que deriva no fracaso dos procesos de aprendizaxe (Gil et al., 2006). Á súa vez, Gómez-Chacón (2000) indica que o alto índice de fracaso do alumnado, de diferentes idades e niveis educativos, está ligado á súa actitude negativa cara ás matemáticas. No ámbito da estatística, León (2020) afirma que a afectividade dos estudantes se ve condicionada de maneira negativa se os coñecementos traballados carecen de significado e se a súa aplicación non vai máis alá da aula. Por iso, o emprego dunha boa metodoloxía que involucre o alumnado é crucial, sendo a Aprendizaxe Baseada en Proxectos (ABP) a máis axeitada para traballar os contidos probabilísticos e, sobre todo, os estatísticos (Batanero e Díaz, 2011).
Neste traballo recóllese unha experiencia levada a cabo con futuros/as mestres/as, que foi deseñada cunha triple intención: favorecer unha aprendizaxe significativa dos contidos básicos da estatística e da probabilidade, fomentar unha actitude positiva de cara a estas ramas da matemática e potenciar a súa utilidade a través dun proxecto contextualizado e ameno.

Descrición da actividade
O proxecto, titulado Matevisión, foi levado a cabo ao longo do curso académico 2022/2023 no seo da materia Ensino e aprendizaxe da medida, probabilidade e estatística, pertencente ás titulacións de Grao de Mestre/a de Educación Primaria e Dobre Grao de Mestre/a de Educación Primaria e Infantil. Matevisión pretendeu unir as matemáticas a través da recreación na aula do festival de Eurovisión. A posta en práctica desenvolveuse en dúas fases diferenciadas: a preparación do festival e a análise dos datos recadados.
Fase 1: preparación do Eurofestival

O alumnado dividiuse en grupos de 4 ou 5 persoas, ás que se lle asignou un país mediante sorteo. Para iso empregouse unha urna que contiña papeis cos nomes dos países participantes no coñecido festival da canción. O número total de papeletas era un dato coñecido polo alumnado, que debía de ir anotando os países que saían e a súa orde.
Unha vez asignado o país correspondente a cada grupo, o seguinte foi escoller unha canción, preparar unha actuación de entre 2 e 3 minutos e gravala en vídeo. Antes disto, o alumnado foi informado das catro categorías susceptibles de votación. Todos os vídeos foron proxectados no salón de actos da Facultade o día de Matevisión. Ao finalizar, cada grupo realizou as votacións oportunas (ver figura 2). Para facilitar esta tarefa, entregouse a cada grupo unha folla cos nomes dos países participantes (ver figura 3). Os resultados destas votacións foron amosados por pantalla, dando a coñecer así tanto os gañadores de cada categoría como o país gañador do festival (ver figura 4).
Fase 2 : análise de datos
Nesta fase cada grupo debía analizar, representar e interpretar os resultados que o seu país obtivo na votación. Para isto proporcionóuselles unha serie de cuestións relacionadas, como, por exemplo, “En que categoría obtivo o teu país os mellores resultados?”, “Pódese observar algunha opinión común entre os demais países da vosa candidatura ou foi máis ben variable?”. Para poder responder a estas preguntas adecuadamente, era necesario facer uso dos conceptos estatísticos traballados na aula: táboas de frecuencias, medidas de centralización, de posición e de dispersión e gráficas estatísticas.
Ademais, tamén se lles formularon preguntas en relación á extracción dos países que representaron; por exemplo, “No momento da extracción do teu país, cal era a probabilidade de que este che tocara?”. Estas cuestións requirían do cálculo de diferentes probabilidades.

Conclusións
A metodoloxía de ABP para o traballo da estatística permite un estudo contextualizado e efectivo dos contidos. A realización deste proxecto tivo efectos na afectividade dalgúns estudantes, o que se puido observar na aula grazas a comentarios como “así non está tan mal estudar matemáticas”. Isto pon de manifesto que o proxecto tivo un impacto positivo a nivel emocional no alumnado. Ademais, nesta experiencia observouse que este foi quen de entender e interpretar sen dificultade os datos recollidos e de asimilar de maneira satisfactoria os conceptos estatísticos traballados. A través do documento elaborado por cada un dos grupos, tamén se puido comprobar que, de forma xeneralizada, asimilaron coñecementos probabilísticos como suceso simple e composto, a regra de Laplace ou as probabilidades condicionadas. Un concepto no que se observaron algunhas dificultades foi o de espazo mostral. Neste contexto, este consistía no conxunto formado por todos os países incluídos na urna de cada grupo. E o feito de que non fosen eles/as os/as que metesen os nomes dos países dentro da urna correspondente supuxo un obstáculo.
Por último, cabe salientar que as características particulares deste proxecto permiten convertelo nunha actividade interdisciplinaria. Así, nel poderían ter cabida outras disciplinas como poderían ser a educación física (baile, coreografía, movementos, etc.), a xeografía e a historia (estudo dos países participantes, as súas características, tradicións, etc.) ou a lingua e literatura (análise das letras das canción participantes, expresión non verbal, etc.), entre outras. Polo tanto, o proxecto presentado, ademais de permitir un estudo contextualizado e motivador da probabilidade e da estatística, tamén mostra un gran potencial para poder estenderse a un traballo máis ambicioso.
Agradecementos:
Proxecto PID2021-122326OB-I00.
Referencias bibliográficas
- Batanero, C. e Díaz, C. (Eds.) (2011). Estadística con proyectos. ReproDigital. Facultad de Ciencias.
- Gil, N., Blanco, L. e Gerrero, E. (2006). El papel de la afectividad en la resolución de problemas matemáticos. Revista de Educación, 340, 551-569.
- Gómez-Chacón, I. M. (2000). Matemática emocional. Los afectos en el aprendizaje matemático. Narcea.
- León, N. (2020). Alcances de la enseñanza de la Estadística a través de la Investigación en la Educación Media en Venezuela. Revista Paradigma, 41, 657-684.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:
