Males de época

Resumo

A saúde mental da xuventude entrou no social para interrogar sobre a angustia, o depresivo, o corpo e o suicida. O incremento do malestar na poboación infanto-xuvenil require cautela e rigor na valoración, tempo para o traballo interdisciplinar e un enfoque integrador. A escola non debe interpretar o sufrimento psíquico na mesma forma en que o fan as institucións sanitarias, sendo un lugar de encontro co outro e co saber e recolocando o vínculo e a linguaxe, como formas prioritarias de intervención.

La salud mental de la juventud ha entrado en lo social para interrogar sobre la angustia, lo depresivo, lo corporal y el suicidio. El incremento del malestar en la población infanto-juvenil requiere precaución y rigor en la valoración, tiempo para el trabajo interdisciplinar y un enfoque integrador. La escuela no debe interpretar el sufrimiento psíquico en la misma medida que lo hacen las instituciones sanitarias, siendo un lugar de encuentro con el otro y con el saber y recolocando el vinculo y el lenguaje, como formas prioritarias de intervención.

The mental health of adolescence has entered the social sphere to question anxiety, depression, the body, and suicide. The increase in psychopathology in the child and adolescent population requires caution and rigor in assessment, time for interdisciplinary work, and an integrative approach. The school should not interpret mental suffering to the same extent that health institutions do, being a meeting place with the other and with knowledge and repositioning the link and language, as priority forms of intervention.

Texto

Paradigmas

Se este é un tempo de crise, posúe algunhas particularidades. O coronavirus, os cambios no modelo familiar, as características do tecido social, as dificultades económicas, a sociedade de consumo, a ditadura da imaxe… son cuestións imprescindibles para un análise do malestar contemporáneo. Porén, esta sucesión de significantes parece funcionar por fóra da gramática, coma se se enunciase unha secuencia de problemas que se resisten a ser pensados globalmente. Talvez nos cegue o narcisismo da contemporaneidade que nos afasta da historia e nos converte en cidadáns cuxo embigo é a súa propia época.

A saúde mental da infancia e da adolescencia entrou no social para interrogar sobre a angustia, o depresivo, o corporal e o suicida. A primeira morfoloxía discursiva sempre é a alarma: o alto consumo de psicofármacos, as demandas de consulta psiquiátrica e psicolóxica, as asistencias aos servizos de urxencia e as enquisas de saúde. Todo se presenta baixo o formato da brevidade que caracteriza a información no noso tempo e, sen embargo, semella existir un devezo por un discurso máis comprensivo.

Tránsitos

Esta época nosa atende ao ditado da lóxica do mercado e o éxito persoal, nunha saturación de imaxes que deixa á deriva todo aquilo no que a súa esencia é o cambio e non o valor de cambio. Pola contra, os nenos e as nenas son seres en movemento que interactúan con diferentes forzas: a natureza e o entorno, os xenes e o ambiente, o instinto e a cultura.

Encontros

O itinerario dos nenos e das nenas non é simplemente un camiño xa trazado, senón un entorno persoal e social onde acontecen estabilizacións e desestabilizacións, adaptacións e desadaptacións, amparos e desamparos. A infancia é un tránsito construtivo con momentos de paso, situacións de crise e conflitos. Hai una dialéctica de maduración que sempre implica un certo grao de malestar (conflito é una pugna entre dous elementos psicolóxicos contrapostos) e unha visión histórico-narrativa do suxeito (as crises do presente teñen que ver coa forma na que se resolveron as crises do pasado e, ao tempo, terán que ver coas crises do futuro) 1.

A escola é, entre outras posibilidades, un lugar de encontro co Outro (da autoridade, da fraternidade, da rivalidade…) e co Saber (que pode espertar a curiosidade, rexeitarse, amarse, temerse, evitarse…). Parte da súa tarefa educativa pertence á orde do simbólico, é dicir, debe contribuír a que o alumnado elabore categorías subxectivas a través do contacto coa realidade. O educativo impulsa que os feitos poidan ser tamén o que representan, nun camiño dende o concreto até o abstracto, do circunstancial ao simbólico.

As realidades que conforman o cotián da escola son encontros onde se irán definindo os modos xerais de vinculación que presentará cada neno e cada nena. O cultivo do simbólico, necesario para a maduración e a entrada no ámbito do civilizatorio, sempre pon en marcha o xogo da transferencia e da contratransferencia, onde xorde a curiosidade ou, polo contrario, a fuxida do saber. E, en relación ao lazo social, a vontade de impoñerse ou o sometemento, a sensibilidade ante a ofensa ou o pracer por relacionarse cos demais.

Porvires

Os procesos de medicalización das sociedades occidentais superaron a significación do concepto de prevención até convertelo no sagrado, nunha fantasía de control e garantía da felicidade á que os seres humanos se encomendan. A nosa época construíu un imaxinario da infancia onde o previr borra o propio porvir que define, por esencia, un ser en construción. Confúndese a prevención primaria dunha enfermidade coa utopía do risco cero, detéctanse enfermidades definidas por conduta e norma a través de cuestionarios (prevención secundaria), convértense en cronicidades cuestións vinculadas aos ciclos e ás crises vitais (prevención terciaria).

Falar de porvir implicaría mirar os contornos dende a perspectiva do amparo e quizais recolocar a escola no vínculo e a linguaxe como formas prioritarias de intervención. A institución escolar non debería interpretar o sufrimento psíquico da mesma forma na que o fan as institucións sanitarias. Non hai multidisciplinariedade nesa colonización e renuncia ao saber propio da escola. Nin sequera hai colaboración. Trátase dunha política da deriva do malestar, da busca de certezas, da negación do suxeito e da infancia en nome do síntoma, a neurona e a conduta.

Síntomas

Ante o síntoma médico só cabe a erradicación ou a atenuación. O síntoma mental sempre contén outros matices ao ser tamén un intento do suxeito por restaurar o dano e defenderse da angustia. Abordar a clínica en saúde mental infantil supón ser cautos e rigorosos na valoración da expresión psíquica, da psicopatoloxía e os diagnósticos. Non deixarse levar polo furor sanandi etiquetador e normalizador, non centrarse unicamente no trastorno ou no déficit e o anormal, senón tamén no potencial e a capacidade. 2

O síntoma é unha expresión psíquica aínda que se valore en demasiadas ocasións como o que constitúe o trastorno. Confúndese así semioloxicamente síntoma con enfermidade, tómase a parte polo todo, as causas polos seus efectos. Tal reducionismo clínico obvia cuestións importantes acerca da conduta das persoas (nenas e nenos, neste caso), as funcións de maternaxe e paternaxe, a influencia do medio social, as condicións materiais da súa existencia, as novas formas culturais e técnicas. Este baleirado da clínica elude un coñecemento acerca de como confrontan o neno e a nena, en canto suxeitos activos, o seu desexo, o seu goce, a súa incerteza ou o seu malestar.

Tribulacións

Angustia, ideación suicida, síntomas situados no corpo ou clínica depresiva, pese á expresión en forma de epidemia masiva, poden ser a demostración dun malestar sen ningunha correspondencia exacta co modelo de enfermidade médica. Convén considerar outros referentes do síntoma tanto na orde social como na orde psicolóxica.

Un diagnóstico nunca é soamente un nome, senón tamén unha narración acerca da subxectividade da infancia e da adolescencia, que inclúa unha análise das súas circunstancias, unha hipótese sobre os seus conflitos, a maneira de expresalos e a forma pola que intenta estabilizarse.

Situar o malestar na orde psicolóxica e no feito social non supón simplificacións etiolóxicas nin unha desresponsabilización do alumnado. Que sufra por circunstancias prexudiciais non implica negarlle unha responsabilidade sobre os seus actos ou sobre os seus síntomas, iso sería convertelo en todo o contrario do humano e considerar a casualidade psíquica como algo unívoco, obrigatorio, físico. Tampouco se trata de situar a culpa no externo e aceptar, resignadamente, calquera posibilidade de mudanza interna se non se modifican as circunstancias.

Desde a escola, un diagnóstico narrativo sempre debe situarse no lonxitudinal para abarcar o pasado, presente e futuro dende unha preocupación por comprender e unha vontade de axuda. Coñecer como estaba, como era, que outras situacións complicadas atravesou e cales son as súas expectativas e a das súas familias acerca do futuro, nunca deben quedar por fóra do falado. Esta temporalidade do neno e da nena remite á cuestión da identidade, a ameazada, a desexada ou a perdida, como fonte de malestar máis alá da presentación dun síntoma ou dunha enfermidade concreta. O malestar psicolóxico, noutras palabras, sempre compromete o que é un, como o ven e que proxectos son posíbeis ou se torceron.

Unha biografía da subxectividade debe considerar a infancia como unha existencia en tránsito, cos seus fitos, as súas crises e as súas singulares formas de resolución. Parece preciso, cando menos, analizar a relación co Saber e co Outro, en canto a categorías do mental.

O incremento do malestar na poboación infanto-xuvenil require calma nas valoracións, tempo para o traballo interdisciplinario e un esforzo polas abordaxes integrais. As respostas inmediatas, centradas no síntoma e medicalizadas non son sempre as máis axeitadas malia que o sufrimento se presente como agudo e urxente. Escoitar o alumnado, pensar sobre o problema, abrir sentidos ao seu malestar e conter o sufrimento a través do vínculo, son intervencións inespecíficas, pero non por iso de menor rango, menos importantes ou menos eficaces. Outras terapéuticas, baixo a aparencia de maior efectividade, en ocasións son elixidas para calmar a nosa propia angustia profesional. Facer algo, facelo xa e facelo dende unha posición de experto pode ser necesario en determinadas ocasións. Sen embargo, non é menos certo que o malestar, a percepción do risco, a presión doutros axentes implicados e a inseguridade tenden a que as nosas decisións escollan unha determinada dirección.

As demandas masivas e a falta de tempo son feitos moi reais que contribúen a respostas inmediatas e xeralmente medicalizadas. Por desgraza, tales eleccións, en lugar doutras quizais máis adecuadas, non van diminuír a demanda, non van contribuír a que dispoñamos de máis tempo no futuro e poden converter os casos en tranquilidades cronificadas que atrancan o propio proceso de maduración.

As escolas e institutos, a pesar das reformas educativas, os currículos, as notas medias, os programas ou a definición estrita das súas funcións, sempre se encherán de nenos e de nenas. Ademais de aprender, estudar, obedecer ou terminar os seus estudos con maior ou menor éxito, levarán ás aulas as súas cousas da vida, moitas procedentes dos seus fogares. Outras, sen embargo, aparecerán na propia escola por ser un lugar no que se habita, onde se produce un encontro obrigatorio con eses asuntos da subxectividade e identidade. A propia e a de quen os rodea.

Notas ao pé

  • 1 Timimi denominou macdonalización da infancia as solución urxentes e inmediatas, por fóra desta noción de tránsito, conflito e malestar.
  • 2 Vygostki: “Ver as ricas áreas de vida que subxacen en todo proceso”.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir