LIXG: avoas e avós, o elo co pasado

Resumo

Neste artigo realízase un pequeno percorrido por obras da literatura infantil e xuvenil galega que presentan unha forte pegada da relación entre avós e avoas con netos/as. A través das historias observamos a presenza dos afectos, os coidados, a enfermidade (especialmente as relacionadas coa memoria) e a aparición da morte. Unha cata bibliográfica que demostra que esta é unha temática moi presente e que pode ser abordada dende diferentes puntos de vista.

En este artículo se realiza un pequeño recorrido por obras de literatura infantil y juvenil gallega que presentan la relación entre abuelos/as y nietas/os. A través de estos libros observamos la presencia de los afectos, los cuidados, la enfermedad (especialmente de las relacionadas con la memoria) y la aparición de la muerte. Una cata bibliográfica que demuestra la abundante presencia de esta temática, que puede ser abordada desde diferentes puntos de vista.

In this article we make a small tour through Galician children's and young people's literature works that present the relationship between grandparents and grandchildren. Through these books we observe the presence of affection, care, illness (especially those related to memory) and the appearance of death. A bibliographic tasting that demonstrates the abundant presence of this theme, which can be approached from different points of view.

Texto

A miña xeración sabíase máis comprendida polos avós, pois viviran antes de Franco, votaran libremente e podían entender que nós reclamaramos liberdades mentres os pais se dicían apolíticos, para non mostrar nunca enfrontamento co réxime ditatorial.

Recordamos os nosos avós e avoas cun cariño especial, a súa vellez non nos molestou, admirabamos as veas das súas mans, as canas e as engurras da súa pel.

Os avós e as avoas están moi presentes na literatura infantil. Ese vínculo interxeracional é forte porque os maiores non cargan a responsabilidade nesta crianza nin aparecen tan atafegados polo traballo profesional, de forma que lles poden dedicar un tempo de máis calidade aos pequenos, e estes agradéceno. As criaturas sábense queridas e aproveitan esa circunstancia para confiar nese adulto co que se atopan de forma intermitente e, sempre, favorable e consentida.

Que as distintas xeracións compartan espazos e momentos é moi conveniente. Separar por idades (garderías, residencias de maiores, parque infantil, parques da terceira idade, festas de remocicar, celebracións infantís…) non é a mellor maneira de crear convivencia. Tampouco o é explotar as persoas maiores cargándoas coa crianza das netas e netos, pois todo debe gardar a debida medida, xogando coa colaboración e a compañía, deixando que se complementen, que aprendan uns dos outros e non deixen de sorprenderse.

Os avós e avoas teñen o tempo que os pais non posúen, e están felices de compartilo con netos e netas. E todo isto se mostra na literatura infantil.

Con eles veñen os afectos, os coidados, a enfermidade (especialmente as relacionadas coa memoria) e a morte. Imos facer un pequeno percorrido seguindo as temáticas. Partimos da identidade:

Eu son eu, de Fina Casalderrey, é a maneira máis tenra de retratar a enfermidade porque a avoa esquece e confúndeo todo ata que “eu” se achega e a avoa se dá conta de que “eu son eu”. Para o mesmo tramo de idade, A miña avoa é un neno, coma min, de Alaine Agirre (presentado dentro do selo de lectura fácil), ou A avoa adormecida, de Roberto Parmeggiani. O relato de An Alfaya no conto “A muller prohibida” integrado no volume Historias para calquera lugar, describe a entrega das lembranzas do avó ao neto para que sexa a súa memoria, cando acabe de perdela. Algo semellante acontece en Chamádeme Simbad, de Francisco Castro, no que un e outro asumen o papel que se precisa nun xogo de comprensión. Nos textos relacionados coa memoria histórica é bastante normal que aparezan e que se relacionen coa perda de memoria (social e persoal) tal como sucedía no relato de An Alfaya ou en A árbore dos vagalumes, de Xulia Barros, que se presenta así: “Unha emotiva historia interxeracional sobre o valor dos afectos, o respecto aos maiores e, sobre todo, a importancia de conservar a memoria, é dicir, a capacidade de non esquecer de onde vimos”. Aí están os avós, como as raíces que xonguen a rapazada á terra, á estirpe, á historia do país.

A avoa pode vivir nunha residencia, Miña avoa ten 13 anos, e a neta vaina ver e contarlle historias, tal como ela fixo antes. As avoas son as narradoras, mais agora a neta dálle a volta, devolvendo o conto coas palabras que están aí dende o principio dos tempos, nunha cadea a coidar, como a tradición.

Eles representan os coidados e son o refuxio que protexe cando a enfermidade entra na casa como sucede en As cicatrices do caranguexo, pero tamén son a ensinanza da autonomía e outros saberes, tal como aparece en A viaxe de Ana.

Son superheroínas e superheroes que, ademais de contar e cantar, escoitar e entender, atenden coidados e ensinanzas e supéranse, tal como se demostra na vida diaria: Ei, Superavó, Superavoa e incluso en Bos días, avoa con esa muller que non para dende ese primeiro saúdo ata que queda durmida no sofá e ten que ser levada á cama polo pai das nenas, tal como ela fixera coas pequenas.

A morte, ese final do que os humanos somos conscientes ao longo da vida, é algo case incomprensible ao que as crianzas van entrando a través do “outro”: obxectos inanimados que deixan de funcionar, os animais que doen pero non tanto e, ao final, a meirande parte do tempo: os avós. O asubío do avó, A avoa do ceo, Avoa de arriba e avoa de abaixo, A avoa Encarna fai niño; Chora, corazón, pero endexamais raches… Botar de menos a avoa ou o avó é asumir a dor como pode lerse en Tres bichicomas, dúas illas e unha serea, Muriel… Pode notarse tanto a súa falta, que haxa ata que pedilos prestados, como sucede en O avó de Zuleimar.

As casas das avoas son os lugares aos que se volve cando a situación é precaria e o paro entra nos fogares como sucede en O xeito das froitas, pero tamén cando os pais se separan e toca volver ao niño orixinal para reporse, cando as avoas precisan axuda, ou sempre que volven á aldea de vacacións, ese locus do que queren fuxir os adolescentes ata que descobren toda a riqueza que hai detrás.

Son tan abundantes estes relatos que só temos que pasar pola obra de Agustín Fernández Paz (Dende unha estrela distante, Noite de voraces sombras, Que medo, mamá Raquel!…) ou Fina Casalderrey (O estanque dos parrulos pobres, O avó é sabio, A avoa ten unha menciña, A avoa non quere comer, O meu avó é unha gata, Quen me quere adoptar?, Un cabalo de lume, A Pomba e o Degolado, A lagoa das nenas mudas…) para facernos unha idea. Aínda que son máis abundantes os álbums ilustrados e os libros dirixidos a prelectoras e primeiras lectoras, atopámolos tamén para lectorado autónomo e experto.

Igual as avoas, ademais de ser a casa da nai e do pai, son a aldea e a lingua. Tal vez elas poidan seducir coa maxia das palabras antes de que estas se perdan no decorrer dos tempos.

Referencias bibliográficas

  • AGIRRE, A., AZPIAZU, A. (2019): A miña avoa é un neno, coma min, Edición de autor/a. (Primeiras Lecturas).
  • ALONSO G., IRENE (): As cicatrices do caraguexo, Vigo, Edicións Xerais de Galicia (Lecturas autónomas).
  • ANEIROS, ROSA (2020): Tres bichicomas, dúas illas e unha serea, Vigo, Edicións Xerais de Galicia (Lecturas autónomas)
  • BARROS, XULIA (2020): A árbore dos vagalumes, Vigo, Belagua Edicións.
  • CANOSA, MARÍA (2017): Muriel, Vigo, Edicións Xerais de Galicia (Lecturas autónomas).
  • CARBALLUDE, PEPE (2007): Miña avoa ten 13 anos, Vigo, Tambre Edelvives.
  • CASALDERREY, FINA (2004): Eu son eu. Vigo, Edicións Xerais de Galicia (Primeiras Lecturas).
  • CASALDERREY, FINA (1996): O estanque dos parrulos pobres, Edebé – Rodeira (Lectorado autónomo).
  • CASALDERREY, FINA (2002): O avó é sabio, Barcelona, Combel editora (Primeiras Lecturas).
  • CASALDERREY, FINA (2002): O avó sae de paseo, Barcelona, Combel editora (Primeiras Lecturas).
  • CASALDERREY, FINA (2002): A avoa ten unha menciña, Barcelona, Combel editora (Primeiras Lecturas).
  • CASALDERREY, FINA (2002): A avoa non quere comer, Barcelona, Combel editora (Primeiras Lecturas).
  • CASALDERREY, FINA (2005): O meu avó é unha gata, Vigo, Edicións Xerais de Galicia (Primeiras Lecturas).
  • CASALDERREY, FINA (2005): Quen me quere adoptar?, Vigo, Edicións Xerais de Galicia (Primeiras Lecturas).
  • CASALDERREY, FINA (2007): Un cabalo de lume, A Coruña, Baía edicións (Primeiras Lecturas).
  • CASALDERREY, FINA (2007): A Pomba e o Degolado, Vigo, Edicións Xerais de Galicia (Lecturas expertas).
  • CASTRO, FRANCISCO (2009): Chamádeme Simbad, Vigo, editorial Galaxia (Lecturas autónomas).
  • DEPAOLA, TOMIE (2022): Avoa de arriba e avoa de abaixo, Pontevedra, Kalandraka. (Primeiras lecturas).
  • FERNÁNDEZ PAZ, AGUSTÍN (2013): Desde unha estrela distante, Vigo, Edicións Xerais de Galicia (Lecturas autónomas).
  • FERNÁNDEZ PAZ, AGUSTÍN (2006): Noite de voraces sombras, Vigo, Edicións Xerais de Galicia (Lecturas expertas).
  • FERNÁNDEZ PAZ, AGUSTÍN (2005): Que medo, mamá Raquel!, Vigo, Edicións Xerais de Galicia (Primeiras Lecturas).
  • FERNÁNDEZ PAZ, AGUSTÍN (1993): Rapazas, Vigo, Edicións Xerais de Galicia (Lecturas expertas).
  • GOÁS, ÁNFELES (2021): O asubío do avó, Vigo, editorial Galaxia, (Primeiras Lecturas).
  • LAVATELLI, ANNA (2015): A avoa do ceo, Santiago, El Patito Editorial (Primeiras Lecturas).
  • MCCARTNEY, PAUL (2020): Ei, Superavó, Vigo, Edicións Xerais de Galicia (Primeiras Lecturas).
  • MÉNDEZ G., JUAN CARLOS (2021): O avó de Zuleimar, Pontevedra, OQO (Primeiras Lecturas).
  • MOMÁN, ALBERTE (2020): A viaxe de Ana, Vigo, editorial Galaxia (Primeiras Lecturas).
  • NEIRA CRUZ, XOSÉ A. (2009): A avoa Encarna fai niño, Madrid, Everest Galicia (Primeiras lecturas).
  • PARMEGGIANI, ROBERTO (2015): A avoa adormecida, Pontevedra, Kalandraka
  • (Primeiras Lecturas).
  • PERALTA, R. J. (2021): Bos días, avoa, A Coruña, Hércules de Ediciones (Primeiras Lecturas).
  • REIMÓNDEZ, MARÍA (2018): O xeito das froitas, Madrid, Oqueleo Obradoiro.
  • RINGTVED, GLENN (2021): Chora, corazón, pero endexamais raches, Vigo, editorial Galaxia, (Primeiras Lecturas).
  • RODRÍGUEZ, DAVID (2020): Superavoa, Vigo, Edicións Xerais de Galicia (Primeiras Lecturas).

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir