Lecturas en galego para a colección dunha biblioteca inclusiva

Resumo

Neste momento, no que dende a Administración educativa está en marcha o programa Biblioteca inclusiva, cómpre realizar unha revisión acerca da accesibilidade á mesma e á súa colección. Para isto, e de cara á normalización lingüística, achégase unha serie de datos sobre materiais publicados en galego aos que acceder dende a diversidade de competencias e capacidades.

Cuando desde la administración educativa está en marcha el programa Biblioteca inclusiva, es necesario realizar una revisión acerca de la accesibilidad a la misma y a su colección. Para esto, y de cara a la normalización lingüística, se aportan una serie de datos sobre materiales publicados en gallego a los que acceder desde la diversidad de competencias e capacidades.

When the educational administration is implementing the Inclusive Library programme, it is necessary to carry out a review of the accessibility of the library and its collection. For this purpose, and with a view to linguistic standardisation, a series of data is provided on materials published in Galician which can be accessed from the diversity of competences and abilities.

Texto


Imaxe folleto Bibliotecas Escolares de Galicia, 2018

As bibliotecas escolares galegas levan tempo demostrando a súa capacidade de avance e actualización, de forma que poden dar resposta ás necesidades dos centros educativos. A súa deriva, en canto a modelo, liñas de actuación e dotación económica, é moi frutífera e esperanzadora. Certamente, non podemos esquecer que o peso desta grande iniciativa segue a recaer no profesorado comprometido, que leva tempo reclamando horario específico de atención á biblioteca. Esa é a materia pendente dun proxecto de referencia para o resto das comunidades autónomas, e ante o que debemos sentir respecto e orgullo.

Nos últimos anos, os chamados Plan LIA (Lectura, Información e Aprendizaxe) van centrando a mirada sobre os ámbitos de actuación prioritarios. No campo da inclusión pártese do concepto de biblioteca como compensadora de desigualdades, ao redor das publicacións de autores como Guillermo Castán. O programa denominado Biblioteca Inclusiva aparece dentro do Plan LÍA 2016-2020 de Bibliotecas Escolares, con continuidade no seguinte Plan LIA 2021-2025. Tal como recolle a súa formulación, a finalidade é que a biblioteca responda ás necesidades de absolutamente todo o alumnado do centro, e que enfronte os retos da diversidade e a desigualdade.

Para iso ha de eliminar as barreiras entre as persoas e os recursos culturais (que deben ser o máis axeitados e de calidade), promovendo unha sinalización que facilite a comprensión e realizando prácticas integradoras. Póñense en marcha iniciativas co enfoque de “lectura fácil”, de apoio á existencia de bibliotecas escolares activas nos centros de educación especial, de dotación de recursos económicos específicos para cubrir este obxectivo en todo tipo de centros… Ao tempo, realízanse xornadas formativas para o profesorado e elabórase o documento “Biblioteca Inclusiva”, que pretende ampliar a mirada sobre o modelo de biblioteca escolar. A lectura deste documento é imprescindible, pois están as bases da biblioteca como espazo de inclusión, tendo en conta, máis aló dos recursos, tamén as actitudes (sensibilizadoras e normalizadoras), e achégase a mirada coa que analizar a colección da biblioteca escolar para que responda a esta demanda: textos adaptados, recursos en diferentes soportes e formatos, xogos e material manipulativo e multisensorial.

Á vez, a asesoría de bibliotecas escolares pon en marcha as maletas viaxeiras “Por unha biblioteca inclusiva” con materiais relacionados coa aceptación das diferenzas, e “Lectura e diversidade” con libros para ler doutras maneiras e desenvolver a psicomotricidade. Podemos dicir que, a partir de aquí, é necesaria a revisión da colección da biblioteca e dos materiais que o mundo editorial galego nos achega. Neste último ámbito é no que nos imos centrar.

Cando nos referimos aos libros de “Lectura fácil” (nos que se adaptou o contido para eliminar barreiras e facilitar a comprensión lectora a persoas con diversidade intelectual e de aprendizaxe) podemos atopar un clásico como 20.000 leguas baixo os mares nunha colaboración entre a editorial Galaxia e a Asociación Xoán XXIII. La Mar de Fácil, Adapta e Almadraba (na colección Kalafate) preséntannos unha serie de títulos clásicos e outros máis actuais. Sete destes libros forman parte da oferta en dixital da plataforma GaliciaLe de bibliotecas públicas. Para primeiras idades temos o álbum A miña avoa é un neno, coma min,de Alaine Agirre Garmendia en La Topera.

Na biblioteca escolar hai materiais para todas as competencias lectoras e, polo tanto, temos doado tratar o alumnado que queda atrás ou o que adianta moito; sobredotación ou infradotación non son obstáculo cando contamos cunha boa biblioteca escolar. Sempre axuda que, se etiquetamos baldas atendendo a idades, se utilice o rótulo “A partir de…” de forma que todas e todos nos vexamos incluídos no primeiro dos estantes e en todos os demais. O álbum ilustrado non só está dirixido ás primeiras idades; polo tanto é un material moi axeitado xa que permite unha lectura áxil (pouco texto) e (se se quere) demorada, porque conta con boas ilustracións. A capacidade de comprensión aumenta conforme as obras se achegan máis aos seus intereses; polo tanto, nas lecturas para a inclusión debemos contar con esta tipoloxía de obras, comezando polos máis sinxelos que van servir para todas as idades. Neste grupo, animo a pasar polo catálogo de Kalandraka e comezar a revisar as coleccións Do berce á lúa, Acartonados, Libros interactivos (Balea, Verme, A nota) ou algún tan inclusivo como Quebracabezas, e continuar a revisar un fondo editorial no que a implicación coa educación é innegable.Para as primeiras idades recomendamos dar unha volta, tamén, polo catálogo de Engaiolarte (que tanto nos está a ofertar) ou polo de xogos de Brazolinda.

Os libros silenciosos están cada día máis presentes. A colección de Lampedusa, pensada para que a rapazada refuxiada tivese acceso a obras aínda que non comprendese a lingua do país, xa é moi coñecida, e ese tipo de obra moi demandada. Libros silentes que falan todas as linguas, porque cada un os le na propia, mentres observa as ilustracións. En galego (o título dá fe da lingua do libro) contamos cunha boa colección de álbums ilustrados con esta característica, maiormente na editorial Kalandraka, de novo, pero sen esquecer Morriña, en Hércules, ou Alter nativo, en Aira.

Hai libros que son o resultado da colaboración con determinadas asociacións como sucede con BATA (Asociación Autismo) e Kalandraka con catro títulos con pictogramas ao lado do texto. A editorial Galaxia coa APAMP (Asociación de familias de persoas con parálise cerebral ) editou Elisa no mundo das marabillas. Non abundan os libros con pictogramas, máis alá da colección “Ver e ler”, da Editorial Sálvora, e o publicado este ano con motivo das Letras Galegas, Florencio Delgado Gurriarán. Un legado infindo, un paso cualitativo polo que supón abrir unha nova fiestra.

Materiais en braille podemos conseguilos no Centro de Recursos Educativos da ONCE Pontevedra, así como en soporte audio. Neste soporte debemos lembrar a colección de Xerais “Vouche contar un conto”(libros ilustrados acompañados de casettes) nas voces dos seus autores. Unha experiencia que mantén a AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) a través da iniciativa audiovisual “A literatura galega nas súas voces”, na que participan autorías de adultos e infantil. En canto ao soporte audio lembramos a colección de Audiocontos de Galaxia, a publicada por Rinoceronte para o ano da Lectura (colección Narrativa) ou as audicións dirixidas a xoves e adultos dalgúns dos relatos de misterio e terror da colección Liñas Paralelas da SELIC (Feira do Libro de Compostela) na voz de Pepe Sendón. Algo diferente son os Musicontos de Galaxia, nos que o relato do conto tradicional se ve acompañado pola música da Real Filharmonía de Galicia. A Fundación Novoneyra tamén acaba de pór en marcha o proxecto “Os contos de Roxín Roxal”, con sete contos ilustrados e con acceso aos audios e vídeos a través dun código QR.

Próximos están os libros CD nos que contamos con libro de poesía (ilustrado) e os poemas musicados. Neste sentido a oferta é ampla, dende os de Kalandraka de Arte e música, os de firmas independentes ou produto de plataformas de colaboración, e a colección de Galaxia, Sonárbore (cunha moi extensa nómina e case na súa totalidade accesibles na plataforma GaliciaLe). Entre eles, quero destacar os da familia María Fumaça nos que todo xira ao redor de Ruí (un neno con parálise cerebral que vai medrando coas entregas).

Faltan títulos e pedimos desculpas. Algúns están descatalogados pero recollidos en agradecemento a quen avanzou e apostou dentro da nosa industria editorial e tamén como reclamo para traelos, de novo, á actualidade. Pero, sobre todo, faltan materiais; necesitamos que o noso sistema editorial poida diversificarse para ter en conta todas as necesidades. Porque, tal como se define “a biblioteca escolar, é o centro creativo de aprendizaxes e un espazo ao servizo da comunidade educativa onde teñen cabida todas e todos, cada un cos seus ritmos, intereses e necesidades.”

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir