Lectura para a saúde
Resumo
Neste artigo falamos da capacidade que ten a lectura en relación con aspectos preventivos e saudables como son: paliar a soidade, evitar pensamentos negativos e xestionar mellor as emocións. Presentamos, asemade, o Centro Médico de Asistencia Lectora (CMAL) do CPI O Rosal e a iniciativa da Bibliosaúde, un proxecto promovido pola Axencia de Coñecemento en Saúde e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, que conta cun total de 142 libros recomendados por profesionais da saúde mental, expertos en literatura e pacientes. O obxectivo é reivindicar a lectura na escola como un recurso imprescindible para coidar e acompañar o benestar emocional do noso alumnado.
En este artículo hablamos de la capacidad que tiene la lectura en relación con aspectos preventivos y saludables como son: paliar la soledad, evitar pensamientos negativos y gestionar mejor las emociones. Presentamos, además, el Centro Médico de Asistencia Lectora (CMAL) del CPI O Rosal y la iniciativa de Biliosaúde, un proyecto promovido por la Agencia de Conocimiento en Salud y la Consejería de Sanidad de la Xunta de Galicia, que consta de un total de 142 libros recomendados por profesionales de la salud mental, expertos en literatura y pacientes. El objetivo es reivindicar la lectura en la escuela como un recurso imprescindible para cuidar y acompañar el bienestar emocional de nuestro alumnado.
In this article we talk about the capacity of reading in relation to preventive and healthy aspects such as: alleviating loneliness, avoiding negative thoughts and better managing emotions. We also present the Medical Center for Reading Assistance (CMAL) of the CPI O Rosal and the Biliosaúde initiative, a project promoted by the Health Knowledge Agency and the Ministry of Health of the Xunta de Galicia, which consists of a total of 142 books recommended by mental health professionals, literature experts and patients. The aim is to vindicate reading at school as an essential resource to care for and accompany the emotional well-being of our students.
Texto
Da lectura e os seus beneficios
Nunha ocasión, Manuel Armas, nunha charla con familias afirmou que a lectura era ao ensino o que a aspirina á sanidade. Concordo. Como prevención tentamos espertar no alumnado o pracer da lectura, ese gusto por ler, porque cada un e cada unha delas entre na Historia da humanidade, pois é coa lectura coa que esta comeza. Estimulamos a creación do hábito lector para convertela en costume, para que nos falte algo o día que non a temos á man. Sen dúbida, é na escola onde nos facemos responsables da competencia lectora, niso traballamos todo o profesorado, pois trátase dunha destreza que non acaba de conseguirse nunca dado que sempre estamos atopando textos de diferente dificultade.

Desta forma vemos a lectura como medicina preventiva e terapia a aplicar ante calquera dificultade que retarda a evolución do alumnado. Estamos seguras de que o mellor tratamento é sempre a comprensión lectora, a base instrumental de todas as materias. A LOE (Lei Orgánica de Educación), nunha aposta polo sentido común, apuntou a importancia da lectura e as bibliotecas escolares, eses espazos democráticos onde se facilitan os recursos a todo o alumnado e se posibilita a lectura. Lectura para mellorar os resultados académicos e lectura para un tempo de ocio cultural, para ocupar un tempo de calidade.
Ademais, a lectura, igual que a escritura, acostuman ter relación coa enfermidade. Lembremos todo o que axudaron os libros no confinamento cando nos levaron a viaxar a outros tempos e lugares, vivir outras vidas, evadirnos do devir diario e, incluso, enfrontar situacións que tiñan algún tipo de relación coa actualidade.
O profesorado, a través de Alonso-Arévalo, Fernández-Martín, Alonso-Vázquez e Mirón Canelo (2020) levou a cabo un estudo acerca dos beneficios da lectura sobre a saúde e o benestar das persoas, a través de máis de 1500 enquisas realizadas en varios países, especialmente España e países de Latinoamérica. Os resultados do mesmo “poñen de manifesto que, ademais de valorar a importancia da lectura en relación coas funcións tradicionais como son as actividades formativas e informativas, os enquisados tamén utilizan e valoran a capacidade que ten a lectura en relación con aspectos preventivos e saudables como son: paliar a soidade, evitar pensamentos negativos e xestionar mellor as emocións“ (p.5).
Podemos ver esa achega terapéutica ao facilitar a evasión ante os trastornos afectivos ou de ansiedade, pero tamén a posible aprendizaxe acerca de como outros e outras xestionan as súas emocións. Observamos a paz que nos achega a lectura, cando entramos nun centro educativo na chamada Hora de ler (un tempo de lectura libre, silenciosa e sostida), co silencio empapando o ambiente.
A modo de conclusión, podemos afirmar que a lectura, ademais de ser porta de entrada a novos coñecementos, distrae e divirte, reduce o estrés, mantén activas as funcións cognitivas a modo de adestramento, permite o dominio da linguaxe para apropiarse da realidade, activa a imaxinación e a creatividade, estimula a empatía e a flexibilidade, aumenta a autoestima e, polo tanto, tamén a felicidade.
Moitos autores e autoras confesan que o seu primeiro paso para o hábito lector foi unha enfermidade, ese momento no que tiveron que permanecer inmobilizados durante un tempo, e iso levounos aos libros. Cando recomendamos libros ao alumnado ou cando os comentamos nos clubs de lectura, facémonos conscientes da axuda que as historias poden prestar, para poder mirarse noutros espellos, para saber que non están sós con ese problema ou ese sentimento que os avergonza. O feito de que a rapazada necesite ler historias nas que se asiste á separación dos pais ou que na adolescencia precisen ver retratado o acoso, non responde a outro obxectivo: ver que o que lle está pasando pasoulles antes a outros, e o mundo non pode estar alleo a isto, ten que falalo, escribilo, lelo… que a vida sexa literatura para que a literatura axude a vivir. Cando lemos poesía, en moitas ocasións emociónanos atopar o que sentimos ou pensamos, que alguén saiba expresar aquilo que, sendo noso, non podemos explicar; recoñecernos neses versos é sanador.

Aínda que esta non é a finalidade da literatura, non imos negar que moitas veces buscamos e agasallamos os libros que lle poden vir ben a ese príncipe destronado ao que lle naceu un irmán, a esa nena que vai por primeira vez á escola e está medorenta, a ese que vai compartir a nova familia da parella do pai, ao que vai viaxar a outro lugar no que non coñece a ninguén, á que perde o avó ou ten a nai enferma, ao que lle ten medo aos monstros ou á que está estresada con tanta actividade extraescolar… Consideramos que verse reflectido nese relato lle vai axudar a superar o seu problema e, polo tanto, estimamos que todo mediador de lectura é un pouco sanitario que busca curar na medida das súas posibilidades.
Baseándose nesta experiencia pola que pasamos todos e todas as docentes, na biblioteca do CPI do Rosal crearon o CMAL (Centro Médico de Asistencia Lectora). Nos recreos, unha profesora faise cargo do servizo xunto cun equipo de alumnado voluntario. Coidan a indumentaria (batas e máscaras para a asepsia) e o instrumental (fonendoscopio para medir o ritmo cardíaco e respiratorio, un martelo para apreciar os reflexos, o termómetro para a febre…). Todo un teatriño para envolver en humor algo tan serio como a saúde e a lectura, porque o máis importante é a conversa ata dar co que lle sucede ao paciente e receitarlle o libro ou libros máis acaídos á súa doenza. Fan cola, igual que no centro médico, e hai pelexas pola cita, que tamén aí se debe pedir con antelación.

Bibliosaúde, biblioterapia, lecturas saudables, libros que curan…
De todas estas maneiras podemos atopar o programa ao que quero referirme. Os termos que lle dan nome son evidentes, sen necesidade de explicación. Un equipo de máis dun cento de persoas levan a cabo a iniciativa. A tipoloxía de profesionais vai dende os do Servizo Galego de Saúde (eido de saúde mental e atención primaria), ás persoas experimentadas en grupos de lectura de asociacións de pacientes ou o de clubs do ámbito educativo, da Biblioteca Virtual do Sistema Público de Saúde e da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
Tal como aparece na páxina web, Bibliosaúde, trátase dun proxecto promovido pola Axencia de Coñecemento en Saúde e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, coa colaboración da Rede Galega de Bibliotecas, colexios profesionais e sociedades científicas, asociacións de pacientes e expertos en saúde e literatura, e a colaboración e financiamento de Lundbeck. Está baseado na evidencia científica e creado en colaboración con pacientes e expertos, e consta dunha listaxe consensuada dende unha tripla perspectiva: clínica, literaria e lectora. 142 libros recomendados por profesionais da saúde mental, expertos en literatura e pacientes.
Desta maneira explicase, para continuar puntualizando, que a biblioterapia (da que aparecen as primeiras referencias nos anos 30 en USA) consiste no uso da lectura cun obxectivo terapéutico (libros de autoaxuda guiada ou psicoeducación prescritiva) e de desenvolvemento (ficción). Recórrese á biblioterapia, principalmente, para promover a saúde mental e apoiar o tratamento de trastornos mentais e problemas emocionais. Neste último grupo, recoméndase o comentario en grupo para fomentar a interacción.

Establécense dous tramos de idade: infantoxuvenil e adulta, e coméntase que van dirixidos a persoas que experimenten situacións de malestar emocional ou trastornos mentais en grao leve ou moderado, ou con problemas máis severos, sempre como un complemento dos tratamentos. Outro grupo lector pode ser o de familiares e achegados, coidadores e calquera outra persoa interesada nesta temática, coma o voluntariado das asociacións que traballan no ámbito da saúde mental, tal que FEAFES Galicia ou Itínera. A finalidade é promover o coñecemento sobre os problemas de saúde mental e favorecer o apoderamento e a autoxestión dos pacientes mellorando o seu benestar, así como aumentar a concienciación social sobre os problemas emocionais e os trastornos mentais, podendo contribuír a reducir o estigma ao que están asociados.
A páxina é intuitiva, presenta a información de forma clara para que sexa localizada doadamente. Organiza as lecturas de autoaxuda e ficción por temáticas ou ámbitos, tanto nun grupo de idade coma no outro.
Á luz da normalización lingüística resulta pouco favorable: dos recomendados de autoaxuda propostos polo equipo e pacientes 61 están en castelán e 0 en galego; e no de ficción 68 en castelán e 13 en galego. A porcentaxe é ridícula, e máis se pensamos que parte dos recomendados contan con tradución á nosa lingua. Semella que ás veces esquecemos que podemos traballar con varios obxectivos á vez, e que, nestes casos, sumar significa multiplicar os resultados.
Enlaces de interese:
- Bibliosaúde. Servizo Galego de Saúde https://bibliosaude.sergas.gal/Paxinas/web.aspx?tipo=paxtxt&idLista=4&idContido=928&migtab=928&idioma=ga
- CMAL na biblioteca A quinta dos libros do CPI O Rosal. http://aquintadoslibros.blogspot.com/search/label/CMAL
Referencias bibliográficas
- Alonso-Arévalo, J., Fernández- Martín, C.L., Alonso-Vázquez, A. ; Mirón-Canelo, J.A. (2020). Beneficios de la lectura sobre la salud y el bienestar de las personas. Estudio sobre aspectos preventivos de la lectura. Associação Portuguesa de Documentação e Informação de Saúde (APDIS ). ISBN 978-989-54663-0-6. DOI: https://comum.rcaap.pt/bitstream/10400.26/32634/1/Lectura_salu_bienestar.pdf.pdf
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:
