INVESTIGAR, RESISTIR, LOITAR!!

Texto

INVESTIGAR

“ […] Vimos practicando o que significa facer movemento. A posta en cuestión das nosas certezas é o modo como procedemos a situarnos en procesos de formación e de transformación. Facer movemento é alimentar as capacidades de asombro, é aceptar interrogar, é aceptar interrogarse, ser desestabilizado, de-constuírse… Para re-construírse de modo diferente. O reto consiste sobre todo nesta reconstrución […].

Imos encontrarnos aquí en Poitiers, debater e confrontar, poñendo a proba as nosas capacidades para atopar as vías de re-estabilización. Somos movementos militantes que constrúen e reexaminan o seu traballo educador, inscribíndonos nunha dinámica de investigación permanente. A educación nova non é un concepto! As nosas proposicións non son tampouco puras teorías, senón que se apoian sobre prácticas reais experimentadas e conceptualizadas, concibidas como instrumentos ao servizo dunha efectiva transformación do sistema educativo.

A educación nova son Freinet, Cousinet, Claparède, Decroly ou Korczak…, mais a educación nova tamén somos nós. Herdamos unha historia pedagóxica importante que aceptamos e da que debemos ser dignos. En tales referencias, que son as nosas, encontraremos sempre aspectos que nos servirán de orientación. Con todo, somos nós hoxe quen construímos a nova educación! E temos a responsabilidade de obrar de forma que os nosos movementos acollan novos e novas militantes, e que eles e elas se sintan parte lexítima deles […], e reivindicamos que todas as nosas prácticas se inscriben nunha investigación permanente sobre como facer unha mellor «educación nova». O que importa reside nas nosas capacidades para clarificar, escoitar e comprender.

RESISTIR

Fronte ao crecemento das ideoloxías da exclusión dos outros, fronte ás ameazas da mercantilización da educación, e loitando por promover a cultura e a educación para todos e os valores da laicidade, da democracia e da defensa dos dereitos humanos, os nosos movementos teñen unha mensaxe forte que comunicar, mais tamén teñen a necesidade de impulsar debates diante dos discursos pobres e demagóxicos existentes sobre estes asuntos […] e isto supón poñer a pedagoxía na cerna da reflexión sobre a educación […]. A educación, tal e como a pensamos, participa na transformación social […].

Resistir ás lóxicas das simples adaptacións, cando nós militamos pola transformación! Resistir á ideoloxía neoliberal e á mercantilización, para reafirmar a función dos servizos públicos de educación. Porque a orientación que promovemos é a dunha educación global, que intervén sobre as relacións entre os diferentes tempos sociais, entre a descontinuidade e a complementariedade dos espazos da educación formal e a non formal […].

ENTÓN, «LOITEMOS»

O proxecto pedagóxico da Educación Nova é en primeiro lugar un proxecto político que demostra cada día a súa pertinencia para xerar respostas adaptadas ás necesidades de sectores diversos, para dar sentido ás aprendizaxes formais e non formais. A transformación social mediante a Educación Nova é, pois, un proxecto ambicioso […].

No contexto actual de regresión das conquistas sociais, de liberalización crecente das economías, de contra-ofensiva conservadora e reaccionaria, tanto con referencia aos valores, como con respecto ás concepcións educativas, precisamos fortalecer alianzas […].

É mediante a Educación e grazas á nosa capacidade de invención e de innovación pedagóxica como lograremos facer fronte aos desafíos que presenta o mundo actual para as maiorías sociais e en particular para os mozos [..], porque educamos de modo interxeracional para e con esta mocidade, para que ela comprenda os problemas do noso tempo. Avancemos, pois [..]”.

Verbas pronunciadas por Jean-Luc Cazaillon, en nome do Comité Organizador da II Biennale Internationale de l ́Éducación Nouvelle, celebrada en Poitiers (Francia), entre o 28 e o 31 de Outubro, 2019. Extracto. A Biennale é un foro de debates educativos organizado por seis movementos de renovación pedagóxica franceses vencellados coa orientación da Educación nova e progresista.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir