Inventando o que desexamos

Texto

Son moitas as reflexións e experiencias que recollemos neste número 77 da RGE, dedicado – máis alá do habitual monográfico – practicamente na súa integridade á educación en igualdade entre nenas e nenos, homes e mulleres. Educación en igualdade entendida desde o enfoque radical das teorías educativas: medida nos resultados, non só no acceso aos recursos, para a que cómpre eliminar as barreiras estruturais que alicerzan a desigualdade.

A escola inclusiva, compensadora de desigualdades, é unha aspiración que está no cerne das sociedades democráticas. Porén, cando enumeramos as discriminacións que pretendemos compensar a través do sistema educativo, raramente aparece o sexo e o xénero nos primeiros postos. Sirva de exemplo extremo o “baile” no que a discriminación “por razón de sexo” entra e sae do marco lexislativo estatal para dar apoio económico – ou non – aos centros concertados que segregan a alumnas e alumnos. Atrevémonos a afirmar que isto é síntoma de que a naturalización da desigualdade entre homes e mulleres, xustificada implicitamente como corolario inevitable da diferenza biolóxica, tamén está presente no sistema educativo. Velaí o paradoxo: a institución que máis ten contribuído ao avance social das mulleres no século XX é, sen dúbida, unha ferramenta poderosa de reprodución da discriminación das mulleres do século XXI. A estrutura escolar é sexista, os currículos escolares son androcéntricos, os valores predominantes, patriarcais… A escola coeducadora que desexamos non existe, temos que inventala.

Xaora, nos últimos anos proliferan os exemplos de boas prácticas coeducadoras – e de prevención da LGTBfobia – en todas as etapas educativas, moi especialmente no ensino obrigatorio. Así, a escola faise eco e serve de amplificadora das demandas sociais desta cuarta vaga feminista que estamos a vivir. A forza da mesma fai que presenciemos unha época acelerada de cambios que desexaríamos servise para condenar este número 77 da RGE canto antes á obsolescencia. Porén, aínda que se avanza en medidas lexislativas como a esixencia de Plans de Igualdade nos centros educativos, a aposta pola coeducación é aínda unha loita voluntarista dun número nada desdeñable – pero insuficiente – de docentes que poñen en práctica a forma máis xenerosa de promover o avance social: dar o que non se tivo. Mesmo dar o que non se ten.

Se o feminismo é na sociedade actual o principal motor de cambio, coidamos que nas páxinas que tes entre as mans abundan os exemplos de como a coeducación pode e debe ser o principal motor do cambio educativo polo que pulamos desde o nacemento desta revista. Unha educación que dote a nenas e nenos da linguaxe emocional necesaria para entender o seu mundo interno e desenvolver a empatía, das ferramentas interpretativas para entender a socialización como un proceso do que deben ser axentes activos e decisivos, o pensamento crítico para cuestionar os vimbios que entrelazan saber e poder, que escriben a historia…

Unha educación, en definitiva, que faga innecesaria unha quinta vaga feminista.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir