Invadir as aulas a golpe de rock and roll. Paga a pena o que facemos?

Resumo

Despois de case seis anos desenvolvendo o proxecto Músicas Galegas Ilustradas, a ilustradora Laura Romero vaise decantando por reforzar a compoñente didáctica nas súas accións coa intención de crear referentes femininos da música entre as novas xeracións.

Después de casi seis años desarrollando el proyecto Músicas Galegas Ilustradas, la ilustradora Laura Romero se va inclinando por reforzar el componente didáctico en sus acciones con la intención de crear referentes femeninos de la música entre las nuevas generaciones.

After almost six years developing the Músicas Galegas Ilustradas project, the illustrator Laura Romero is inclined to strengthen the didactic component in her actions with the intention of creating female referents of music among the new generations.

Palabras Clave

Texto

Músicas galegas ilustradas e Ferreñas & Rock and Roll

Adoito presentarme coloquialmente como ilustradora licenciada en Belas Artes que fala sobre música. A explicación longa é que me licenciei en Belas Artes pola especialidade de pintura, e que grazas ao meu pasatempo e ás casualidades inesperadas da vida acabei por formar parte dunha das bandas máis veteranas do noso rock (Zënzar). A ilustración chegou pouco tempo despois e, como evolución lóxica (supoño), xurdiu o meu proxecto máis extenso e amplo ata o momento: Músicas Galegas Ilustradas.

Músicas Galegas Ilustradas comeza sendo unha escusa para experimentar coa ilustración o que non tiña experimentado durante a carreira e acabou sendo o que é a día de hoxe: o eixo vertebrador da meirande parte do meu traballo. Abofé que desfrutaba da pintura pero houbo un momento no que deixei os pinceis. Daquela non sabía a razón pero entendín que a pintura, ou máis ben o seu lento proceso, non me achegaba a espontaneidade que me acabou achegando a ilustración. 

Gráfico dos festivais SonRías, Entrebateas e Noroeste.

En que consiste a proposta? O proxecto parte da miña experiencia persoal como baixista de Zënzar, pois, ao non atopar moitas compañeiras nos escenarios, decidín comezar a ilustralas e compartir os seus retratos co obxectivo de ter un gran cartafol de debuxos que me axudase a facerme unha idea do panorama musical galego actual desde o punto de vista das mulleres músicas. No 2018 comezo tamén a centrarme na historia e o papel das músicas que abriron camiño ás que estamos agora nos escenarios, tanto coñecidas e referentes indiscutibles coma todas aquelas ás que o tempo foi soterrando no esquecemento. Deste traballo, conxunto coa escritora, filóloga e amiga Iria Pedreira, sae á luz a publicación Ferreñas & Rock and Roll (Baía Edicións, 2019).

O obxectivo inicial estaba máis que alcanzado: realmente puiden facerme unha idea do estado do panorama musical galego, o cal está composto por moitas máis mulleres músicas do que parece a simple vista. Mais con este tipo de accións os datos podían parecer bastante inexactos, incluso subxectivos. Así que decidín parar a actividade artística e dedicar o verán de 2022 ás cifras, á análise cuantitativa: así, procedín á análise de máis dunha trintena de carteis de eventos musicais celebrados en Galicia, datos que acabaron tomando a forma de gráficos de porcentaxes onde se aprecia cantas músicas e cantos músicos vemos nos escenarios a primeiro golpe de vista. E que é o que vemos? Pois máis desigualdade a medida que a música vai sendo máis complexa ou máis “dura” e tamén en certos tipos de instrumentos, como a batería, o baixo, o contrabaixo ou a tuba. Tamén puiden apreciar como esa desigualdade entre músicos e músicas nos festivais máis masivos adoita materializarse nas bandas, e non tanto nos proxectos de solistas.

O proxecto nas aulas

Músicas Galegas Ilustradas é, de todos os que desenvolvo, o traballo máis demandado para levar ás aulas de Secundaria. Este interese vén case sempre por parte do profesorado dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros e por parte de profesoras e profesores xa activos no sistema cultural galego (músicos e músicas sobre todo). Non era a intención inicial, pero ao final esta compoñente didáctica que foi adquirindo Músicas Galegas Ilustradas ten cada vez máis peso no proxecto. Tanto, que aproveitando o IV Premio “Luísa Villalta” de proxectos pola igualdade que convoca cada ano a Deputación da Coruña, centro unha proposta en accións para seren realizadas en centros de ensino, e que perduren no tempo (a diferenza do desenvolvemento dunha charla ou dun obradoiro). A proposta foi aceptada e é o labor que me ocupa a maior parte do tempo de traballo: Unha música no insti!, que consiste na elaboración dunha serie de pequenas pinturas murais informativas e interactivas espalladas por diferentes centros de ensino da provincia, onde unha serie de músicas diferentes en cada lugar son as protagonistas de cada unha delas. 

Proceso duns dos murais do proxecto Unha música no insti!

Así, levo case seis anos falando de música a mozas e mozos en institutos das catro provincias. E nunca deixa de sorprenderme o descoñecemento xeneralizado que existe do sistema musical galego, non só entre a mocidade, senón tamén entre o profesorado. Ollo, que non se interpreten estas palabras como unha crítica nin como un reproche. Son consciente, ao igual que moitas compañeiras e compañeiros músicos, de que a rede de apoio cultural existente en Galicia nestes momentos non é suficiente para que a realidade da música galega chegue a máis xente. Non me gusta sinalar a ningún actor como culpable; de nada serviría que o fixese, ademais. Entendo o tecido cultural como iso mesmo: un tecido, unha rede, na que todos e todas temos obrigas e responsabilidades, desde a promotora máis potente do panorama ata o músico máis emerxente, pasando polos medios de comunicación e entretemento. Sen esquecer a ferramenta máis habitual entre as novas xeracións: a Internet. E a realidade é que é moi difícil competir cos mass media internacionais, coas grandes producións musicais e coa viralización da cultura. A música galega acaba por ficar aquí, e ademais acaba por ser coñecida só entre a xente do propio panorama. 

Estou segura de que as persoas funcionamos en boa medida por imitación, de aí a importancia de vernos reflectidas nuns referentes, de vernos representadas. Pouco efecto fai unha persoa que fale puntualmente de referentes musicais cando na vida cotiá non se ven esas figuras; é dicir, se na radio, se na televisión ou se nas redes sociais non están eses referentes, ou están de forma anecdótica. E aquí estou a referirme a mulleres músicas, pero tamén é o caso da música en galego. Hai pouco coñecemos a noticia de que a porcentaxe de galegofalantes entre as novas xeracións vai minguando cada ano. Hai vinte anos existía un espazo onde o galego e a música en galego estaba totalmente naturalizada (estoume a referir ao Xabarín Club); como crear un espazo equivalente hoxe en día? No momento en que volva a existir un esforzo colectivo (profesorado, artistas, medios de comunicación, etc.) para naturalizar a nosa música e o noso idioma estaremos creando a base para que a nosa cultura goce da saúde que merece. 

Proceso duns dos murais do proxecto Unha música no insti!

Estou segura de que as persoas funcionamos en boa medida por imitación, de aí a importancia de vernos reflectidas nuns referentes, de vernos representadas. Pouco efecto fai unha persoa que fale puntualmente de referentes musicais cando na vida cotiá non se ven esas figuras; é dicir, se na radio, se na televisión ou se nas redes sociais non están eses referentes, ou están de forma anecdótica. E aquí estou a referirme a mulleres músicas, pero tamén é o caso da música en galego. Hai pouco coñecemos a noticia de que a porcentaxe de galegofalantes entre as novas xeracións vai minguando cada ano. Hai vinte anos existía un espazo onde o galego e a música en galego estaba totalmente naturalizada (estoume a referir ao Xabarín Club); como crear un espazo equivalente hoxe en día? No momento en que volva a existir un esforzo colectivo (profesorado, artistas, medios de comunicación, etc.) para naturalizar a nosa música e o noso idioma estaremos creando a base para que a nosa cultura goce da saúde que merece. 

Referencias bibliográficas

  • Romero, Laura e Pedreira, Iria (2019). Ferreñas & Rock and Roll. Crónica ilustrada das nosas músicas máis senlleiras. Baía Edicións.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir