Interxeracionalidade como recurso educativo

Resumo

As relacións interxeracionais son beneficiosas para calquera grupo etario, porque é un proceso de relación e de retroalimentación constantes xa que cruzan as barreiras idadistas, da xuvenofobia ou do adultocentrismo, facilitando a cohesión social e o desenvolvemento persoal e comunitario. É un recurso válido para desenvolver procesos de ensino-aprendizaxe, formais e non formais, centrados na educación e a aprendizaxe ao longo da vida, a innovación e o emprendemento se cremos nas súas posibilidades.

Las relaciones intergeneracionales son beneficiosas para cualquier grupo etario, porque es un proceso de relación y de retroalimentación constantes ya que cruzan las barreras edadistas, de la juvenofobia o del adultocentrismo, facilitando la cohesión social y el desarrollo personal y comunitario. Es un recurso válido para desarrollar procesos de enseñanza-aprendizaje, formales y no formales, centrados en la educación y el aprendizaje a lo largo de la vida, la innovación y el emprendimiento si creemos en sus posibilidades.

Intergenerational relationships are beneficial for any age group, because it is a process of constant relationship and feedback as they cross age barriers, youth-phobia or adult-centrism, facilitating social cohesion and personal and community development. It is a valid resource to develop teaching-learning processes, formal and non-formal, focused on education and lifelong learning, innovation and entrepreneurship if we believe in its possibilities.

Texto

Se miramos a pirámide poboacional vemos que España é un dos países máis envellecidos da Unión Europea, sendo Galicia a segunda comunidade autónoma máis avellentada en España. Ambas presentan unha pirámide investida e regresiva, cunha base máis estreita que a zona central, feito indicativo dun aumento significativo da porcentaxe de persoas maiores.

É esta proxección demográfica onde se esconde o segredo da lonxevidade? A resposta desde a Universidade de Murcia (2012) indicaba que, se logramos “manter en hora o noso reloxo biolóxico con hábitos fixos, garantirase unha vida moito máis lonxeva e de maior calidade” (benestar). O aumento da lonxevidade contribúe decisivamente á expansión do sobreenvellecemento poboacional e á feminización da vellez, porque presentan maior esperanza de vida (Pérez e Abellán, 2010). Esta sociedade ademais de lonxeva caracterízase segundo Barone (2021) por ser dixital, global, desigual e interconectada polo que a información e o coñecemento democratizáronse e as oportunidades de cambio e transformación multiplicáronse. As mudanzas xéstanse desde dous enfoques: a defensa dos deseños centrados na persoa e a interxeracionalidade, porque son as vías óptimas para aproveitar as sinerxías colectivas.

Neste sentido, a vellez (Gutiérrez, 2010) e o envellecemento activo, saudable e exitoso (Alvarado e Salazar, 2014 e Petrettoa et. al., 2016) experimentan unha metamorfose paradigmática ao estaren centrados nunha perspectiva do desenvolvemento humano e do ciclo vital para coñecer o individuo de forma holística, diversa e inclusiva xunto aos conceptos de educación e aprendizaxe ao longo da vida (Diz, 2021).

Gañamos anos á vida, pero a ciencia pregúntase como o envellecemento pode ser máis sostible para reorganizar as sociedades e os sistemas de convivencia entre xeracións? Desde que en 1923 Ortega y Gasset publicase a idea das xeracións, o concepto modificouse notablemente (Caballero e Baigorri, 2013) (Ver Táboa 1), polo que na actualidade fálase de «constelacións xeracionais cruzadas». Ao vivir nun mundo cosmopolita e globalizado, a experiencia/vivencia da xeración global segue marcada por profundos contrastes e liñas divisorias, pero tamén por unha visión máis positiva que nos fala da presenza da solidariedade interxeracional unida á creación de lazos afectivo-emotivos e comunitarios que axudarán a reequilibrar as disparidades e semellanzas desde a corresponsabilidade e a reciprocidade das súas accións (Díaz, López e Roncallo, 2017; Gutiérrez, 2021). Búscase que os seres humanos sexan considerados membros dunha comunidade onde os dereitos fundamentais se atribúan ás persoas sen distinción de nacionalidade, raza, sexo, etnia ou idade (Millán, 2013). Crearemos así unha «aldea cosmopolita e globalizada» onde a diversidade xeracional (Ver Táboa 2) convive nun mesmo tempo e lugar supoñendo un reto, posto que todas as persoas forman parte desta aldea e deberían representar o conxunto da sociedade (sociedade para todas as idades) para lograr que sexa máis xusta, libre e igualitaria (Santos Rego, 2013).

AcepciónsSignificado
Sentido demográficoTodos/as os/as nacidos nun mesmo ano ou intervalo de anos. Cohorte como variable estatística
Sentido históricoCohorte ou grupo social vinculado á estrutura e/ou estratificación social
Sentido sociolóxicoPosición de descendencia (fillos/as, pais e avós) familiar e outros graos de parentesco, sucesión biolóxica e vínculos socioculturais
Sentido relacionalUnión da posición de descendencia familiar-parental (fillos/as, pais e avós) xunto á posición na esfera social (nenos/as, mozos/as, adultos e persoas maiores)
Táboa 1: Acepcións do termo xeración
Fonte: Adaptado de Beltrán e Rivas (2013, p. 308) e Sáez (2009, p. 5).

Unha sociedade multixeracional crea un escenario para a convivencia, cooperación, colaboración e a transferencia de coñecementos e aprendizaxes ao permitir a eliminación de barreiras idadistas, de xuvenofobia ou de adultocentrismo. Todos viven o mesmo momento, pero de diferentes xeitos. Só creando espazos e tempos onde os grupos entren en contacto para aprender a convivir e a entenderse poderemos dar valor ao prefixo inter- pasando da simple interacción a unha relación construtiva para (re)facerse xuntos (Sáez, 2009). Esta coexistencia é chamada Pedagoxía da Alteridade (Ortega, 2012) xa que unha parte do eu se constrúe desde o nós/as ao crear proxectos formativos asentados en valores como democracia, solidariedade, xustiza ou equidade.

Grupo XeracionalMarco Temporal en EspañaiCaracterísticas
Nenos da posguerra Silent Generation1930-1948Superan os 70 años e creceron trala Guerra Civil. Son traballadores, austeros, sacrificados e realistas.
Baby Boomers1949-1968Naceron en plena ditadura franquista, viviron a loita polos valores sociais e beneficiáronse da entrada de España na Unión Europea. Son traballadores e posúen sólidos principios e valores.
Xeración X1969-1980Xeración esforzada e loitadora que protagonizou unha época de transición e de cambio á democracia. Viviron grandes avances tecnolóxicos e empregaron os primeiros videoxogos e ordenadores.
Millennials Xeración Nini Xeración Y1981-1993Sobradamente preparados académica e tecnoloxicamente, gústalles estar informados, ser exixentes e con alta fidelidade ás marcas, pero viviron en primeira persoa a gran crise económica do século XX.
Xeración Z Centennials1995-1997 e 2010-2012Xeración nada no novo milenio. Fortes relacións con Internet e as redes sociais. Son nativos dixitais e sempre están conectados. Caracterízanse por ser autodidactas, visuais, tolerantes e colaborativos.
Xeración Alpha2013-actualidadeNados na era dixital. Desfrutan consumindo e creando contidos en plataformas dixitais. Fascínaos a tecnoloxía interactiva. Son emprendedores, autosuficientes, educados/as, preparados e teñen menos contactos interpersoais cara a cara.
Xeración de Cristal2013-actualidadeXoves nados na tecnoloxía do século XXI. Presentan unha suposta fraxilidade e debilidade ao se enfrontaren aos problemas da vida adulta. Son sensibles, creativos, moi intuitivos, empáticos, espirituais e sensibles co medio ambiente.
Outras Xeracións
Xeración PerennialsMaiores de 55 anosA xeración sen idade. Son curiosos, creativos, flexibles e con gran adaptación aos cambios.
Xeración de FerroMaiores de 100 anosExperimentan en primeira persoa a resiliencia. Desafiaron as regras do que se esperaba e superaron adversidades para chegar a ter unha vida plena.
Táboa 2: Caracterización dos grupos xeracionais
Fonte: Elaboración propia a partir de https://www.enterat.com/actualidad/generaciones-anos-edad-nombres.php; Gascó (2022) e Gutiérrez y Gómez (2022).

Defender un enfoque interxeracional a través de accións/actividades, prácticas, programas e intercambios implica entender que o ser humano é interxeracional na medida en que: por unha parte, o desenvolvemento humano non ten fin e, por outra, o inter- implica, desde formulación pedagóxicas, o intercambio de recursos, ensinos e aprendizaxes para lograr beneficios individuais, grupais e sociocomunitarios.

Este traballo titúlase: Interxeracionalidade como recurso educativo. Entrando na área dos recursos educativos e materiais didácticos gústame a idea de Rodríguez et al. (2021, p. 15) cando afirman a necesidade de ampliar a mirada deste concepto cara a “obxectos, materiais, lugares e accións que teñen o potencial de sustentar procesos de desenvolvemento socioeducativo desde unha dimensión máis pedagóxica” dada a profundidade de tempos e escenarios formativos. Precisamente isto é o que ocorre cando planificamos o interxeracional, pois facilitamos a construción e intercambio de saberes (coñecementos, habilidades, destrezas, actitudes, valores e normas) de quen participa no proceso, os medios e instrumentos poden responder a múltiples formatos, os recursos están ao servizo dun programa ou unha programación e/ou poden non ter intencionalidade didáctica, pero adquírena desde o uso e a utilidade que os profesionais ou equipos multiprofesionais lles asignan (Rodríguez Rodríguez, 2010). Esta consideración final introdúcenos na Pedagoxía Mesoaxiológica, é dicir, xeramos coñecemento teórico, tecnolóxico e práctico da educación para valorar como educativo calquera medio/instrumento/recurso que empreguemos para crear procesos de intervención pedagóxica ou educar (Touriñán, 2016). Deste xeito, conformamos actuacións técnico-profesionais mediadas polos instrumentos-recursos cos que se intervén en cada acción. Educamos a partir de coñecementos e experiencias previas xunto á creación de métodos e metodoloxías de ensino-aprendizaxe adaptados desde o coñecemento da educación e das áreas culturais.

Para configurar a interxeracionalidade en si mesma e como recurso educativo, que pasos previos temos que dar a nivel socioeducativo? A resposta está nos que defende Fandiño (2023, p. 17), isto é, “adquirir unha cultura do envellecemento desde a máis tenra infancia […] para aprender a envellecer”.

Referencias bibliográficas

  • Alvarado García, A. M. e Salazar Maya, Á. M. (2014). Análisis del concepto de envejecimiento. Gerokomos, 25(2), 57-62.
  • Barone, E. (2021). Hacia una sociedad longeva sostenible: Instrumentalizando la intergeneracionalidad y el diseño centrado en la persona. Esic Market Economics and Business Journal, 52(2), 427-449.
  • Beltrán, A. J. e Rivas, A. (2013). Intergeneracionalidad y multigeneralidad en el envejecimiento y la vejez. Tabula Rasa, 18, 303-320.
  • Caballero Guisado, M. e Baigorri Agoiz, A. (2013). ¿Es operativo el concepto de generación? Aposta. Revista de Ciencias Sociales, 56, 1-45.
  • Centro Internacional sobre el Envejecimiento (CENIE, 2023). Guía para la Intergeneracionalidad: Convertir los retos de las sociedades longevas en oportunidades. Autor.
  • Díaz Sarmiento, C.; López Lambraño, M. e Roncallo Lafont, L. (2017). Entendiendo las generaciones. Una revisión del concepto, clasificación y características distintivas de los Baby Boomers, X y Millennials CLIO América, 11(22), 188-204.
  • Diz López, M. J. (2021). El aprendizaje a lo largo de la vida nexo entre las políticas sociales y de educación y formación en la Unión Europea. En J. M. Touriñán López e M. E. Olveira Olveira (Coords.), Pedagogía Mesoaxiológica y Construcción de Ámbitos de Educación: La Función de Educar (pp. 471-482). Red Internacional de Pedagogía Mesoaxiológica (RIPEME-2021).
  • Fandiño, X. (2023). Aprendiendo a envejecer sin manual de instrucciones. En J. Mª Faílde Garrido; M. D. Dapía Conde e M. Á. Vázquez Vázquez (Eds.) Libro de Actas del 32 Congreso Anual Internacional de Xeriatría e Xerontología da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX). Atención Xerontolóxicae Xeriátrica: Idadismo e Principios Éticos (pp. 17-21). Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX).
  • Gascó, D. (2022). Se está muriendo la generación de hierro, para darle paso a la generación de cristal. Texto online. https://es.linkedin.com/posts/david-gasc%C3%B3-76bb643b_se-est%C3%A1-muriendo-la-generaci%C3%B3n-de-hierro-activity-6934913962031374336-XUPc?trk=public_profile_like_view
  • Gutiérrez Moar, Mª. C. (2010). Vellez. En J. A. Caride Gómez e F. Trillo Alonso (Dirs.) Dicionario Galego de Pedagoxía. Guías A-Z (pp. 562-564). Xunta de Galicia e Editorial Galaxia.
  • Gutiérrez Moar, M. C. (2021). A interxeracionalidade no rural: Cabreiros a escena. En J. Rodríguez Rodríguez e X. M. Felpeto Carballeira (Coords). Cabreiros, 15 anos de dinamización comunitaria: Olladas e recursos interxeracionais no rural (pp. 23-30). Tórculo Comunicación Gráfica.
  • Gutiérrez, M. C. e Gómez, M. C. (2022). Alfabetización emocional para el talento senior: Olvidada pero emergente. En M. Valcarce Fernández; Mª del R. Castro González e Mª J. Diz López (Coords.) Poboación Produtiva Maior: A formación e a Orientación na Empregabilidade e Mobilización do Talento Senior fronte ao Idadismo no Emprego. Actas do 21 Congreso Internacional de Galicia e Norte de Portugal de Formación para o Traballo (pp. 360-373) Campus na Nube.
  • Millán Acevedo, N. (2013). Una doctrina cosmopolita para un mundo interdependiente. Revista Electrónica de Estudios Internacionales (REEI), 25, 1-24.
  • Ortega Valencia, P. (2012). Pedagogía y alteridad. Una Pedagogía del Nos-Otros Revista Virtual Universidad Católica del Norte, 35, 128-146.
  • Pérez Díaz, J. e Abellán García, A. (2010). Sociedades longevas un desafío para el siglo XXI. Lychnos, 2, 46-52.
  • Petrettoa, D. R.;Pili, R.; Gaviano, L.; Matos López, C. e Zuddas C. (2016). Envejecimiento activo y de éxito o saludable: Una breve historia de modelos conceptuales. Revista Española de Geriatría y Gerontología, 51(4), 229-241.
  • Rodríguez Rodríguez, J. (2010). La educación en los escenarios comunitarios. Implicaciones para los materiales didácticos. En M. Area; A. Parcerisa e J. Rodríguez (Coords.) Materiales y recursos didácticos en contextos comunitarios (pp. 31-47). Graó.
  • Rodríguez Rodríguez, J.; Braga García, T. M. F.; Muñoz Moreno J. L. e Álvarez Seoane, C. D. (2021). Recursos educativos y materiales didácticos en contextos sociocomunitarios. Pedagogía Social. Revista Interuniversitaria, 39, 15-17.
  • Sáez Carreras, J. (2009). La intergeneracionalidad o la potencialidad de un concepto inexplorado. Espai Social, 9, 4-7.
  • Sánchez Martínez, M. (2007) (Dir.) Programas Intergeneracionales. Hacia una sociedad para todas las edades. Colección Estudios Sociales, 23. Fundación “La Caixa”.
  • Sánchez Martínez, M. (2009). La necesidad de los programas intergeneracionales. Ayer, hoy, mañana. Espai Social, 9, 8-12.
  • Santos Rego, M. A. (2013) (Coord.) Cosmopolitismo y Educación. Aprender y trabajar en un mundo sin fronteras. Brief.
  • Touriñán, J. M. (2016). Pedagogía Mesoaxiológica y Concepto de Educación. Andavira Editora SL [2ª Edición].
  • Universidad de Murcia (2012). El secreto de la longevidad se esconde en la rutina. Autor. Texto online. https://edit.um.es/campusdigital/el-secreto-de-la-longevidad-se-esconde-en-la-rutina/

Notas ao pé

  • i O marco temporal dos grupos xeracionais pode variar en función das fontes consultadas.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir