Proxecto de mediación interxeracional

Resumo

Nos seguintes apartados inclúese unha descrición do proceso de deseño e execución dun proxecto de mediación interxeracional entre alumnado do Colexio Lar e persoas adultas maiores de Atendo, engarzado na programación do módulo de Mediación Comunitaria do CFGS de Integración Social.

En los siguientes apartados se incluye una descripción del proceso de diseño e implementación de un proyecto de mediación intergeneracional entre alumnado del Colegio Lar y personas adultas mayores de Atendo, integrado en la programación del módulo de Mediación Comunitaria del CFGS de Integración Social.

The following sections include a description of the design and implementation process of an intergenerational mediation project between students from Colegio Lar and older adults from Atendo, integrated into the didactive programming of the Community Mediation module of the CFGS for Social Integration.

Texto

Contexto do centro e da experiencia

O proxecto de Mediación Interxeracional xurdiu do encontro fortuíto nun congreso sobre interxeracionalidade de dúas profesionais inquedas que buscaban vías de colaboración para superar os límites tradicionais das actuacións conxuntas entre a escola e as entidades que traballan con persoas maiores de 65 anos, baseadas en encontros puntuais e intercambios de experiencias. Queriamos facer un proxecto que fose a máis lonxe e que permitise derrubar os muros que separan as escolas e os centros de día, ligando esta acción directamente co currículo educativo e, por tanto, xerando tamén un vínculo de colaboración habitual.

Dunha banda, o centro de día Atendo e o seu modelo que busca romper estereotipos sobre a idade e ofrecer un espazo para vivir plenamente a vida ata o final da mesma. Un modelo que fomenta que as persoas permanezan no seu entorno vivindo a vida como a queren vivir. Por outra parte, o Colexio Lar, un Centro Plurilingüe de educación privado situado no Camiño Eido de Santo Antonio, no concello de Mos. É por este último motivo, entre outros, polo que o alumnado chega ao centro educativo non só de Mos e Vigo, senón doutros puntos máis afastados xeograficamente.

O tipo de xestión do centro é concertada coa Xunta de Galicia e oferta formación para todas as etapas educativas, desde infantil ata ciclos formativos de grao medio e superior, sendo unicamente privada non concertada a etapa de bacharelato. Hoxe en día atópase en proceso de ampliación da oferta de ciclos formativos.

O proxecto desenvolvido

O proxecto desenvolveuse con alumnado de 2º curso de Ciclo Formativo de Integración Social, no cal a maioría de rapaces e rapazas teñen idades comprendidas entre os 20 e os 25 anos. A maioría das persoas do grupo clase son mulleres: 16 dun total de 19. Este grupo trasladouse durante todos os luns durante un mes e nas horas lectivas da materia de Mediación Comunitaria ás instalacións do centro de día de Atendo, onde formaron grupos de traballo coas persoas de Atendo e deseñaron de forma conxunta obradoiros temáticos dirixidos a nenos e nenas de idades comprendidas entre 3-4 anos.

Unha vez rematado o proceso de deseño de actividades e a elaboración de materiais, foron as persoas de Atendo as que se trasladaron ao Colexio Lar onde se executou a actividade. Para levala a cabo, o grupo de alumnado de 2º curso de Integración Social e as persoas de Atendo desenvolveron obradoiros de música, cociña, deporte, arte e xogos populares nos que participaron nenos e nenas do Colexio Lar. Os nenos e as nenas ás que foi dirixida a actividade cursaban o último ano do primeiro ciclo de educación infantil, polo que na súa maioría tiñan 3 anos ou atopábanse moi próximos/as a esta idade. O total de participantes foron 50 nenos e nenas, sendo levemente máis elevado o número de nenos que de nenas.

Obxectivos da experiencia

  • Contribuír á loita contra o idadismo, procurando crear un vínculo de influencia interpersoal entre os participantes de cada grupo que forme parte das distintas xeracións, a través do cal poidan deconstruír estereotipos existentes en relación á idade.
  • Achegar os participantes ao concepto de idadismo e tomar conciencia da existencia de estereotipos asociados á idade.
  • Crear un espazo propio para cada colectivo no que non interveñan profesionais e deixar que desenvolvan as súas competencias, potenciando a cada participante.
  • Crear un vínculo de influencia interpersoal entre os participantes de cada grupo que forme parte das distintas xeracións

Formulación e desenvolvemento

Este proxecto xorde tomando como base a “reivindicación da vellez como parte do continuum do ciclo vital e non como unha etapa illada, de perda ou fraxilidade” (Castells e Pérez, 1992, p. 105). Como unha das respostas, xorde o concepto de interxeracionalidade, como unha ferramenta para a creación de novas formas de cooperación entre as persoas de distintas idades nas esferas sociais e familiares dotadas de cohesión, equilibrio e solidariedade (Bazo, 2008).

É por isto polo que o noso proxecto foxe da separación dos colectivos por idades e fomenta un sentimento de unión mediante a creación de equipos de traballo heteroxéneos.

Descrición da experiencia

Os equipos estaban compostos por 3-4 alumnos e alumnas e 1 persoa adulta maior. O proxecto desenvolveuse durante seis luns. O alumnado acudía ao Centro de Día e alí desenvolvían os contidos curriculares relativos á xeración de proxectos comunitarios propios da materia de Mediación Comunitaria. Os obradoiros realizados foron os seguintes:

  • A NORA MUSICAL: Neste obradoiro realizáronse diferentes xogos relacionados coa música, nos que se traballou especialmente o desenvolvemento do sentido do ritmo e do equilibrio mediante distintas actividades.
  • OS DOCES DE PEPE: Este obradoiro consistiu no deseño e decoración de cupcakes doces para adultos e nenos. Nel fíxose fincapé na motricidade fina dos máis pequenos á hora de manipular coberturas de diferentes formas e tamaños.
  • RITA PINTA: Neste obradoiro realizouse unha serie de actividades relacionadas co debuxo e a expresión artística manual que axudan a traballar a coordinación manual ocular, a motricidade fina e o fomento da creatividade.
  • TUSA ARCOIRIS: Neste obradoiro realizouse unha serie de xogos populares, favorecendo así a interacción dos máis pequenos coas persoas maiores traballando diferentes habilidades.
  • CONO-SELLOS: Este obradoiro consistiu na superación dunha xincana con diferentes probas físicas na que se trataron diferentes aspectos, como a orientación visual-espacial, o fortalecemento da musculatura e, sobre todo, a promoción do deporte como alternativa de lecer saudable desde unha perspectiva lúdica

Avaliación e conclusións

O desenvolvemento deste proxecto supuxo a procura dunha implantación real dos contidos teóricos da materia de Mediación Comunitaria relativos ao deseño e aplicación de proxectos de prevención comunitaria, e por outro lado, unha experiencia de aprendizaxe mutua e de dignificación das persoas de todas as idades como membros útiles e activos para a sociedade.

Elementos como saír da aula, ter liberdade para deseñar actividades propias e saber que o que eles/as creasen ía ter unha aplicación real, foron sen dúbida elementos que motivaron unha ampla implicación do alumnado neste proxecto. Porén, a creación de vínculos de afecto e colaboración conxuntos coas persoas de Atendo, a escoita mutua e o descubrimento de novos puntos de vista por parte de ambos colectivos foron, na nosa opinión, as ferramentas chave deste proxecto, xa que redefiniron tanto no alumnado como nas persoas de Atendo as formulacións arraigadas de “xoves” ou mozos e “maiores”, transformándoas en “compañeiros/as de equipo”, revalorizando deste modo o papel de ambos grupos sociais.

Para avaliar o nivel de satisfacción do alumnado e das persoas participantes fixéronse unha serie de enquisas abertas aos tres colectivos. En todos os casos amosaron un alto nivel de satisfacción sobre o traballo realizado e afirmaron que o proxecto lles foi de utilidade á hora de conseguir romper con estereotipos anteriores sobre os distintos grupos de idade.

Os equipos de Atendo e do Colexio Lar teñen previsto renovar esta experiencia de cara ao vindeiro curso e ampliar as liñas de colaboración implicando máis estudantes e promovendo unha maior implicación entre as persoas da entidade de Atendo.

Referencias bibliográficas

  • Bazo, M.T (2008). El envejecimiento y la vejez desde una perspectiva global. El Valor de la palabra = Hitzaren balioa, (6), 65-81.
  • Castells, M. & Pérez, L. (1992) Análisis de las políticas de vejez en España en el contexto europeo. España: Instituto Nacional de Servicios Sociales

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir